Á venda as entradas de Piedrahita non recollidas polos premiados na campaña de doazón

39 entradas para o monólogo de Luis Piedrahita Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas  atópanse actualmente á venda despois de que os agraciados no sorteo que tivo lugar a raíz da campaña de doazón de sangue non pasasen a recollelas.

Poderán adquirirse no Departamento de Cultura do Concello da Estrada en horario de 9:00 a 14:00 horas ou na billeteira do Teatro Principal antes da función, que comezará as 21:00 horas. Trátase de entradas de palco cun prezo de 12 euros cada unha.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada recibe unha concesión para mellora de instalacións na Escola Infantil

O Concello da Estrada recibiu a concesión de 22.607 euros por parte da Consellería de Política Social para investimento en melloras das infraestruturas e equipación na Escola Infantil da localidade, segundo informou hoxe a concelleira de Educación, Amalia Goldar.

A primeira partida das dúas nas que se divide a axuda, e que conta cun orzamento de 19.857 euros, destinada a acometer obras de mellora da infraestrutura e climatización dentro do edificio, xa que en meses do pasado verán experimentáronse días de moito calor, nos que a temperatura dentro das aulas resultaba moi elevada para os docentes, persoal e os alumnos de entre 0 e 3 anos que ocupan as instalacións.

A segunda partida destinará 2.749 euros para novas tecnoloxías, coa adquisición e instalación dun taboleiro dixital que se emprazará na aula de 2 a 3 anos, que é a aula que quedou pendente despois de que fai dous anos se instalaran estes compoñentes no resto das estancias onde eran precisos e co que se completará a equipación.

Coa chegada da axuda púxose en marcha un período de contratación que se está a tramitar coa máxima dilixencia por parte do Concello, pero que depende da nova lei de contratos, que esixe unha tramitación máis dilatada. Sen embargo a administración local está facendo esforzos para que as obras se executen e finalicen o máis brevemente posible.

Goldar afirmou que dende o Concello están moi contentos por esta concesión que permitirá mellorar totalmente a habitabilidade da escola nos días de calor, xa que este sistema de aire acondicionado alcanzará tanto as aulas como as zonas comúns, mellorando considerablemente as condicións actuais.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Entrega dos premios San Martiño de normalización lingüística o vindeiro martes

O Concello da Estrada celebrará a entrega dos premios San Martiño de normalización lingüística o vindeiro martes ás 20:30 horas no Teatro Principal. A lectura da acta antecederá á entrega dos premios e para clausurar o acto, a agrupación musical Texequetéldere actuará ante os asistentes.

Os galardóns entréganse en recoñecemento a tres categorías: A Estrada e comarca de Terra de Montes, Galicia enteira e Toda unha vida. A primeira destas, que premia a difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes recoñecerá o labor do poeta estradense Manuel Pereira Valcárcel, que recibe o galardón pola súa extensa traxectoria literaria e  expresión poética en lingua galega.

O premio á normalización lingüística no ámbito galego outorgarase a Uxía, unha cantante  renovadora da música tradicional galega, con máis de 30 anos de experiencia e comprometida coa realidade social e cultural do país.

Xosé Manuel Lema Suárez, catedrático de Xeografía e Historia e etnógrafo recibirá o recoñecemento á normalización durante toda unha vida, na que xa foi galardoado en diversas ocasións. Recibiu como investigador os premios Pedrón de Ouro de Etnografía en 1976 e o Antón Losada Diéguez de Investigación en 1994, o premio xornalístico Reimóndez Portela en 2010 e o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Santiago 1990-1991.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Último día para recoller as entradas da campaña de doazón de sangue para Piedrahita

Mañá, xoves, será o último día do que dispoñen as persoas premiadas por participar nas campañas
de doazón de sangue para pasar a recoller as súas entradas para o monólogo de Luis Piedrahita. Para
retirar as entradas é preciso entregar a papeleta correspondente a un dos números premiados no
Departamento de Cultura do Concello da Estrada en horario de 9:00 a 13:00 horas.
Os números premiados correspondentes ás papeletas obtidas durante os días das campañas de
doazón son os seguintes:

1 39 74 181 346
4 40 83 182 349
5 41 89 189 355
6 46 97 306 363
13 48 126 325 367
15 49 136 327 381
16 50 138 328
17 51 150 329
33 64 176 331
38 72 178 338
Chegadas as 14:00 horas de mañá, as entradas non retiradas polos premiados poranse á venda no
departamento antes nomeado e, se sobran, na billeteira do teatro o día da función.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A comitiva de estudantes venecianos de intercambio na Estrada visita hoxe Santiago

A comitiva de estudantes venecianos de intercambio na Estrada visitou hoxe Santiago de Compostela acompañados polo tenente de alcalde Juan Constenla. Entre o itinerario da saída visitaron o Parlamento de Galicia, a Dirección Xeral de Xuventude e un percorrido guiado polo casco vello da cidade do apóstolo. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Xa están dispoñibles as invitacións para as actuacións de Leilía e Roi Casal

As invitacións para as actuacións de Leilía, que terá lugar o vindeiro 17 de novembro, e Roi Casal, que actuará o 1 de decembro, ambos no Teatro Principal da Estrada, xa se poden recoller no Departamento de Cultura do Concello da localidade. O número máximo de invitacións estará limitado a catro por persoa encargada de recollelas.

Estes son dous dos espectáculos referentes en galego dentro do programa Musigal 2018 da Deputación de Pontevedra, segundo explicou o alcalde da Estrada, José López Campos, na presentación dos eventos celebrada hoxe na Sala de Xuntas do Concello, na que lembrou que para manter unha axenda cultural de primeiro nivel na Estrada é importante a colaboración coa Deputación.

O deputado provincial, Xosé Leal, conveu que o obxectivo das diferentes administracións é complementarse, e neste caso facelo para crear programacións culturais que estean á altura e vaian en beneficio dos galegos e galegas e afirmou que é importante apostar pola música en galego dentro da programación cultural de tódolos concellos.

Ademais engadiu que esta primeira edición do Musigal está sendo un éxito, polo que xa está preparando unha segunda e loou a elección dos artistas. Por unha banda Leilía, unha agrupación de mulleres cunha gran traxectoria como creadoras e protagonistas históricas da nosa cultura, con case 30 anos de carreira musical, e por outro Roi Casal, cun espectáculo conmemorativo á década que que cumpre a súa música tradicional.

Estes non son concertos esporádicos, senón que forman parte dun programa que fai un labor importante de dignificación da lingua, rematou Leal antes de dar a palabra a unha das fundadoras e compoñentes de Leilía, Felisa Segade, que corroborou que a agrupación cumprirá 30 anos dentro duns meses e afirmou que esta será un dos derradeiros concertos no que o público vaia a escoitar Consentimento, xa que están a traballar nun novo disco.

Roi Casal comezou a súa intervención asegurando que a música en galego avanza a bo ritmo gracias, entre outras cousas, aos pioneiros que recorreron ese camiño tempo atrás, polo que agora a produción xa conta cun recoñecemento previo, aclarou, e lembrou que debido á emigración e aos camiños recorridos por outros artistas que crearon un ecosistema cultural, puido crear Son galego Son cubano, e que esas conexións entre Neira Vilas e Cuba poderanse ver no escenario. Para rematar sinalou que neste concerto no Principal gravaranse algunhas cancións que formarán parte dun disco de directo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Concello e Inserta Empleo firman un convenio en favor das persoas con discapacidade

O alcalde da Estrada, José López Campos, e a directora rexional en Galicia da entidade da Fundación ONCE, Inserta Empleo, Menchu Iglesias, firmaron esta mañá un convenio para fomentar a integración laboral das persoas con discapacidade.

A través deste acto establécese unha colaboración entre ambos entes dirixida á procura e oferta de oportunidades laborais dirixidas ás persoas pertencentes a este colectivo. Para acadar este obxectivo porase un espazo a disposición da entidade na planta baixa da Casa Consistorial, no que un técnico da fundación atenderá ás persoas con discapacidade que o precisen, todos os martes a partires da vindeira semana en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O alcalde sinalou que a inserción laboral é unha das grandes metas que se perseguen dende a administración local da Estrada, onde se acadaron cotas que chegaron aos 2350 desempregados e onde iso se traducía en preocupación entre a veciñanza, pero pouco a pouco, coa posta en marcha de diferentes iniciativas, como coworking, obradoiros de emprego, gracias a proxectos de emprendemento e a elaboración de plans específicos para para actuar sobre os colectivos con problemas de inserción conseguiuse ir rebaixando esa cifra.

Sen embargo, aínda era necesario incluír nestas estratexias de inserción ás persoas con discapacidade; algo que se fai realidade hoxe mediante a firma deste convenio, apuntou López, que confía en que isto supoña un paso máis á hora de concienciar da existencia desta xente e o seu xusto acceso a un posto de traballo.

Pola súa parte, Iglesias argumentou que a igualdade de oportunidades todavía é unha utopía na que a lexislación vai por diante da realidade e explicou que a fundación se encarga en exclusiva do traballo de inserir xente no mercado laboral, para o que empregan diversos métodos de formación e capacitación, sempre de cara ao emprego, e afirmou que contan con arredor 95 persoas da Estrada e 255 da comarca de Deza-Tabeirós inscritas na súa bolsa de traballo.

Coa posta en marcha deste servizo, o primeiro paso será o de coñecer as persoas que precisan del e, despois de detectalas súas necesidades, pór en marcha os seguintes pasos, xa que hai perfís moi variados que abarcan todos os niveles formativos. Ademais é preciso casar eses perfís da bolsa de emprego coas necesidades do tecido empresarial do concello.

López apuntou sobre ese punto que a intermediación coas empresas e a formación específica é algo que dende o goberno local xa se comprobou que funciona, a través dos Programas de Inserción de Emprego (PIE), á hora de insertar profesionais no mercado laboral.

Publicado en Portada | Deja un comentario