Na mañá de hoxe o tenente alcalde Juán Constenla fai a recepción no Concello de A Estrada dos Amigos de Venecia, facendo entrega duns agasallos.
Recepción no Concello de A Estrada dos Amigos de Venecia.
Sucédense as propostas nas mesas de participación da Edusi
Dende as 9:30 horas da mañá e ata as 20:00 horas tarde de hoxe, 5 de novembro, desenvólvense no MOME da Estrada as mesas de participación pública dentro do marco da estratexia Edusi, nas que se suceden as propostas achegadas por diversas asociacións e veciños da localidade.
A Edusi (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) enmarcase dentro de “A Estrada Social Sostible 2020 (AESS2020) Proxecto cofinanciado nun 80 por cento mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020”.
Coa presentación da primeira das mesas, o alcalde da Estrada, José López Campos, apuntou que o concello foi elixido como exemplo de boas prácticas en torno á estratexia, polo que unha representante local acudirá a unha reunión en Madrid o vindeiro 8 de novembro, onde lles explicará aos demais participantes a maneira na que se está a desenvolver o plan Edusi na Estrada.
Deste xeito e despois dunha breve presentación, deu comezo a mesa de participación para a atención a colectivos desfavorecidos e a igualdade de oportunidades, a máis numerosa de cantas estaban previstas e na que se propuxeron iniciativas como a creación espazos de asesoramento, amparo e asistencia a inmigrantes, plans de mobilidade orientados ao rural, estratexias de amparo para mulleres en situación de vulnerabilidade, preparar aos integrantes de colectivos desfavorecidos en competencias clave a través de cursos orientados á inserción laboral, entre outras.
Tamén se propuxeron a creación dun estudio orientado ás persoas maiores de 65 anos, que permita saber cales son as necesidades e demandas deste colectivo, ou a posta en marcha de medidas que fagan fronte aos problemas dos máis novos, como problemas de convivencia, ciberacoso ou adiccións.
Debateuse sobre a necesidade de que os maiores teñan unha interacción coa xuventude, de crear un protocolo de actuación no caso das agresións sexuais, de educar en canto a identidade LGTBI e diversidade sexual, da necesidade de crear unha casa para a xuventude e outros moitos temas. Non obstante, ante a disparidade e a cantidade de ideas aportadas, a concelleira de Asuntos Sociais, Amalia Goldar, lembrou que esta estratexia trata de beneficiar ao maior número de persoas posible, polo que os proxectos dirixidos a un colectivo moi específico non teñen tanta cabida.
Goldar explicou os proxectos teñen que ser realistas, os cales se podan manter; xa que os proxectos vinculados á Edusi teñen que ter unha garantía de funcionamento de 5 anos despois da súa posta en marcha e para finalizar apuntou que as propostas que inclúen exercicio físico ou actividades son factibles e realizan unha labor social paralela ao congregar xente nun mesmo espazo no que interactuar.
Na segunda mesa, para a revitalización socioeconómica do rural, proliferaron as ideas en torno a cursos e formación, que tamén tiveron protagonismo na primeira das mesas, pero que desta volta se fixo recorrente. Propúxose a creación de cursos de formación orientados á organización e capacitación no rural, para crear peóns profesionais en materia do agro, de transformación de materias primas en produtos elaborados ou como mero punto de encontro para os habitantes das parroquias.
Denunciouse a falta de autoxestión e de estrutura entre os máis novos e púxose a mira no problema da dispersión da poboación e na necesidade de formar unha rede de dinamizadores sociais coa que xuntar a eses xóvenes.
A derradeira proposta desta mesa expuña a idea de construír unha planta de procesado común, a modo de cooperativa, na que os pequenos produtores puidesen elaborar os seus produtos baixo unha mesma marca, suxeitos aos mesmos estándares de calidade como un proxecto que perviva no tempo.
O BNG insta a PSOE e Móvete a abandonar o EDUSI para non ser cómplices do engano do PP
No EDUSI a única participación que hai é a dunha consultora que fai o agosto na Estrada presentando uns proxectos que no se adaptan ás nosas necesidades e prioridades.
Vai facer un ano que desde o BNG anunciabamos o abandono das mesas e foros de xestión do EDUSI por falta de transparencia e por ser un proxecto que o PP e a consultora Idom manexan ao seu antollo, ignorando a participación social, que en teoría ten que basearse este proxecto.
No seu día presentamos unha longa lista de propostas para mellorar o noso concello. Todas elas, non só foron ignoradas, senón que non chegaron a discutirse en ningún dos foros dos que até novembro de 2017 participamos activamente. Por outra parte, tamén se presentaron outras propostas que en ningún caso puidemos discutir ou poñer en cuestión no seo do EDUSI, como é a conveniencia de gastar unha parte importe dos máis de 5 millóns de euros na reforma da Alameda, proxecto estrela deste goberno, que xa criticamos en reiteradas ocasións.
O concello da Estrada ten prioridades máis importantes que afrontar agora mesmo, como as citadas anteriormente, mais o PP aposta polas obras faraónicas e innecesarias neste intre, fronte ás necesidades perentorias que teñen os veciños e veciñas da Estrada, e moitas delas non necesitan un gran desembolso de cartos públicos.
Doce meses máis tarde vemos como a nosa análise foi acertada. O PSOE, que até día de hoxe, xunto con Móvete, aínda teñen presenza nos foros de xestión do EDUSI, tamén se suma ás críticas que fixemos no seu día. Desde o BNG instamos a ambas forzas políticas a non ser cómplices deste engano do PP e desta tomadura de pelo a todos os veciños e veciñas, así como a colectivos sociais de todo tipo. No EDUSI a única participación que hai é a dunha consultora que fai o agosto na Estrada presentando uns proxectos que no se adaptan ás nosas necesidades e prioridades.
—
BNG da Estrada
Carmen Pomar salienta a implicación dos centros do rural no desenvolvemento de programas educativos innovadores
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe de Oca acompañada polo AlcaldEstradense José López Campos, onde destacou a implicación dos centros do rural galego no desenvolvemento de programas educativos innovadores. A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu o traballo do profesorado e equipos directivos dos colexios pequenos, como é o caso do de Oca, que conta con 66 alumnos. Neste sentido, valorou especialmente o seu esforzo por implicarse e participar nas iniciativas que cada ano poñen en marcha tanto a Consellería como outras institucións para impulsar as novas prácticas educativas e fomentar o éxito escolar.
No caso concreto do CEIP de Oca cómpre salientar que forma parte da Rede Galega de Centros Plurilingües, polo que conta cun auxiliar de conversa nativo como apoio. Ademais o centro participa desde hai anos no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e desenvolveu programas do Plan Proxecta.
En materia de mellora da convivencia, o CEIP participa no programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo – organizado pola Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia dirixido a promover o uso seguro da Rede, evitando o ciberacoso e outros riscos de Internet– así como en obradoiros de habilidades sociais, educación emocional ou prevención de situacións violentas organizados por outras entidades.
No referido ao fomento dun estilo de vida saudable o colexio estradense participa en diferentes actividades deportivas, como o campionato Campo a Través, organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, e ten en funcionamento un plan de merendas saudables para todos os cursos.
Confort e aforro enerxético
Por outra parte, a conselleira aproveitou a súa estancia no centro para comprobar o resultado das obras realizadas este ano para a reforma da carpintería exterior de fiestras, que supuxo un investimento de preto de 65.000 euros. A obra consistiu na substitución das ventás antigas por outras de PVC con rotura de ponte térmico e caixón de persiana incorporado. O obxectivo da actuación foi o de procurar un maior confort térmico, ao tempo que un aforro enerxético.
A de hoxe enmárcase na rolda de visitas que está a realizar a conselleira a centros de ensino de toda Galicia para coñecer de primeira man as realidades das diferentes comunidades educativas e as súas necesidades, así como para comprobar o desenvolvemento dos programas educativos que se impulsan desde o seu departamento.
Carmen Pomar estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez e polo alcalde da Estrada, José López.
Os premiados durante a campaña de doazón xa poden recoller as súas entradas
As persoas premiadas, tras ter participado na campaña de doazón de sangue xa poden pasar a recoller as súas entradas para o monólogo de Luis Piedrahita do vindeiro venres día 9 no Departamento de Cultura do Concello da Estrada en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Os números premiados correspondentes ás papeletas obtidas durante os días das campañas de doazón son os seguintes:
A data límite para a recollida das invitacións serán as 13:00 horas do vindeiro xoves día 8 de novembro. As entradas non retiradas polos premiados poranse á venda na billeteira do teatro o día da función.
O musical Monster Rock anima a celebrar Halloween este sábado no Principal
O musical Monster Rock, producido pola compañía madrileña Telón Corto, anima ás familias a comezar a celebración de Halloween mediante a asistencia, este sábado, á obra que se representará este sábado no Teatro Principal da Estrada. Dende a organización do evento invitan tanto aos cativos como aos seus acompañantes a acudir disfrazados á función, que contará cun único pase este sábado, 3 de novembro, ás 18:00 horas.
Ao longo do espectáculo os espectadores poderán participar do desenvolvemento da obra, xa que os seus protagonistas, o Home Invisible, Frank, Lobo, Vampi, o Profesor Hyde, Momy e Ghost, precisarán da axuda dos cativos para resolver un gran problema: “Os monstros teñen medo”. Gracias a esta colaboración, monstros e pequenos xuntos buscarán a clave para vencer o medo a escuridade.
Monster Rock. Unha historia musical terrorífica promete ser unha función familiar, divertida e cargada de sorpresas para a que as persoas interesadas poden adquirir as entradas na xoguetería Tiko Doco, no Departamento de Cultura do Concello da Estrada ou na páxina web Ticketea.com a un prezo de oito euros.
Aberta a inscrición para un Taller de Bonsai
Xa está aberto o período de inscrición para o Taller de Bonsai que terá lugar o vindeiro 17 de novembro na Sala Abanca da Estrada. Este curso gratuíto só conta con 15 prazas dispoñibles, que se asignarán por estrito por orde de inscrición.
Óscar Expósito e Andrés Bicocca, membros da Asociación de Bonsai Española (ABE), serán os encargados de impartir os contidos e dirixir as actividades da xornada, que se desenvolverá en dúas partes; unha teórica pola mañá, das 10:00 ás 13:00 horas e unha parte práctica pola tarde, das 16:00 ás 20:00 horas.
Durante a mañá ensinaranse o método a seguir para formar unha árbore de viveiro, os tipos e clasificación das árbores atendendo ao nome e tamaño, técnicas de substrato e abonado e o procedemento para un correcto aramado e pinzado.
Pola tarde farase entrega dunha árbore de viveiro a cada participante para que estes poñan en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da mañá e os convirtan en bonsais a través do emprego das distintas técnicas mencionadas e ademais, estes poderán levar árbores da súa posesión para tentar melloralos ou consultarlles dúbidas aos expertos.
As persoas interesadas en participar no taller poden apuntarse a partir deste momento a través do número de teléfono 628 318 256.



































