Últimas 100 entradas á venda para o musical de Os tres porquiños

Quedan á venda, a un prezo de 6 euros cada unha, as derradeiras 100 entradas para o musical infantil Os tres porquiños, que se representará o vindeiro sábado 6 de outubro, ás 17:00 horas, no Teatro Principal da Estrada a cargo da compañía Educa Teatro.

As entradas poden adquirirse no departamento de Cultura do Concello ata o venres ás 14:00 horas, ou na xoguetería Tiko Doco ata o sábado a mediodía ou, no caso de que queden entradas dispoñibles, na billeteira do teatro antes do comezo da obra.

Esta adaptación musical do conto infantil traslada a acción a un contorno contemporáneo e actual. Nela, un explorador afeccionado aos contos, percorre o bosque na procura dos tres porquiños, que á súa vez tentan construír as súas casiñas nunha zona segura, limpa e lonxe das grandes fábricas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os restos do “botellón” obrigan ao Concello a mobilizar a seis operarios de limpeza

O alcalde da Estrada, José López Campos, amosou hoxe a súa preocupación pola actividade nocturna que se desenvolveu o pasado sábado na zona dos xardíns da Alameda e que obrigou a mobilizar, o domingo pola mañá, a seis operarios de limpeza para desfacerse dos restos do “botellón”.

López lembrou que xa se realizaran campañas informativas nas que se lles pedía, aos mozos e mozas que beben na rúa, a recollida do lixo xerado e aclarou que se vai proceder a organizar unha nova campaña informativa por parte da Policía Local na que se lles lembre a importancia da convivencia e o civismo.

O alcalde apuntou que hai que desfrutar do ocio nocturno, pero dende un prisma de convivencia que actualmente non se está respectando. A raíz deste último fin de semana recibíronse queixas por parte de veciños da Rúa Iryda, nas que se denunciaba que algúns destes mozos chegaban incluso a facer as súas necesidades nos portais.

Ademais, os traballadores municipais recolleron cristais rotos no areeiro, de xeito que esta práctica de beber na rúa chega a supor un perigo para os nenos que xogan despois nesas mesmas instalacións.

Por outra banda, o rexedor local lembrou que co inicio da obra de reforma dos xardíns a zona vai estar limitada e tras ela, o mantemento e conservación do espazo será cousa de todos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada traballa para solucionar os problemas de abastecemento de auga

O Concello da Estrada está a traballar para solucionar os problemas de abastecemento de auga rexistrados en Lagartóns e Matalobos. A solución pasa por conectar as 25 vivendas afectadas á rede de abastecemento, explicou hoxe o alcalde, José López Campos.

Este é o mesmo problema que se viña rexistrando en Tabeirós e Nigoi, onde afecta a arredor de 200 usuarios e que ao longo deste mes debería quedar solucionado a través dun convenio firmado con Augas de Galicia, que sufragará os 450.000 euros de inversión necesaria para ramificar a traída do Umia ata as vivendas afectadas, indicou o alcalde.

Esta situación urxe sobre todo en Tabeirós, pero de manterse a situación actual, na que apenas se rexistran precipitacións e, cando se producen, son escasas, teremos problemas serios de abastecemento, alertou López. “O cambio climático está aí. O problema da auga, que era unha anécdota, agora é unha realidade”, sentenciou.

Con esas dúas actuacións estaríamos cubrindo os maiores problemas de abastecemento do municipio aos que podemos chegar, pero é certo que chove moito menos e a auga dura moito menos. É algo que nos debería preocupar, rematou López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O goberno do PP estreita perigosamente a vía de acceso a Torreboredo

Desde o BNG asistimos con estupor ao absurdo dos absurdos: supostas obras de mellora nunha vía de comunicación, convértense, por mor da desidia e irresponsabilidade dun goberno, en obras de empeoramento. 

Estámosmos a referir á vía que saíndo da estrada da deputación PO7025 que arranca en Nigoi, accede a Torreboredo na parroquia de Souto. Diante das queixas veciñais o BNG non saíu do asombro cando comprobou que como consecuencia das obras de renovación do firme desta vía e á limpeza das cunetas, agora a calzada útil estreitouse de tal xeito que se fai pouco menos que intransitable polo perigo que significa teren que cruzarse dous vehículos.

As razóns son máis ca evidentes : ancho da calzada 3.50 metros. Se se ten en conta que o ancho medio dun vehículo turismo mide ao redor de 1.65/1.70, nin sendo condutores ou condutoras moi experimentados se pode acometer tal manobra sen risco dalgunha incidencia. O perigo aumenta se   se lle fai caso á velocidade permitida, tendo en conta ademais a profundidade que teñen agora as cunetas e o feito de que non hai beiravías.

Por suposto que non é preciso imaxinar o que pasa se un dos vehículos é unha simple camioneta e non digamos un camión: manobra imposible, co agravante de que non hai onde cambiar de sentido.

O BNG quere poñer en evidencia que este total despropósito impídelle á veciñanza facer uso da vía, véndose obrigados a non circular por ela.

O BNG, no nome dos veciños e veciñas afectados, esíxelle ao goberno municipal do PP que lle poña sen dilación remedio a esta situación que os prexudica seriamente, e antes de que haxa que lamentar males maiores.

BNG A ESTRADA

Publicado en Portada | Deja un comentario

A estrea do documental Unha estrada ao futuro enche o Principal

O pasado sábado 29 de setembro do 2018 tivo lugar, no Teatro Principal da Estrada, a presentación do documental Unha estrada ao futuro, sobre a industria e a actividade económica que se desenvolve no concello. A produtora Xurdir amosou o seu agradecemento aos asistentes ao evento, que catalogaron coma “un total éxito”.

Numerosos estradenses (aproximadamente 350) acudiron á cita da estrea da peza audiovisual e tamén á mesa redonda na que participaron o secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García; o alcalde da Estrada, José López Campos; os presidentes da Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) e da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), Fernando Martínez e Alfredo González; e a profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Santiago de Compostela, María Bastida Domínguez, que interveu co seu relatorio que levaba por título “A Estrada: oportunidades e fortalezas para alcanzalas”.

Unha vez finalizada a mesa redonda procedeuse á visualización do documental Unha estrada ao futuro. Esta peza audiovisual é a quinta dunha serie de documentais que teñen como principal obxectivo por en valor a empresa do rural galego. O Concello da Estrada súmase a este proxecto audiovisual para mostrar por terra e por aire a infraestrutura económica do seu municipio.

No vídeo móstranse os sectores máis emblemáticos e con maior tradición da Estrada, como pode ser o sector da madeira, pero tamén outros emerxentes como o da sidra e a hostalaría. O documental fala do porvir pero tamén do presente e do pasado deste municipio, e faino a través da testemuña dos seus protagonistas. Ata catro xeracións de emprendedores están representados neste vídeo que recolle, ademais de entrevistas, os momentos tenros e íntimos, lembranzas e anécdotas tras case dúas semanas de gravación.

O documental está dispoñible na plataforma Youtube para que as persoas interesadas podan proceder á súa visualización. https://www.youtube.com/watch?v=zOjWMk76Dvk.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Covsa convértese na adxudicataria provisional para remodelar a Avenida de Fernando Conde

Trala renuncia a presentar a xustificación da oferta en baixa temeraria dunha das empresas presentadas ao proceso de selección, Covsa converteuse na na adxudicataria provisional para a remodelación da Avenida de Fernando Conde na Estrada, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

Esta intervención, unha das máis potentes de entre as postas en marcha polo concello, enmárcase na actuación “A Estrada Social Sostible 2020 (AESS2020) Proxecto cofinanciado nun 80 por cento mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020”.

Aínda que non hai mellora nos prazos, a empresa realizou a oferta máis vantaxosa para o proxecto, mellorando os aspectos técnicos e económicos dos seus competidores e ofrecendo un presuposto de 556.000 euros para acometer o proxecto.

Neste intre, a partir da proposta de adxudicación, ábrese un período de dez días para que a empresa presente a documentación pertinente e se proceda á adxudicación definitiva do proxecto, para que as obras poidan comezar despois das festas do Pilar, segundo anticipa o alcalde.

A vindeira semana o concello ten intención de reunirse, tanto cos representantes de Covsa, como cos de Copcisa, empresa adxudicataria da obra de remodelación dos xardíns da Alameda, e tratar de xeito pormenorizado a estratexia a seguir para cada actuación. No caso da Avenida de Fernando Conde haberá que falar sobre o plan de execución, os prazos cos que traballarán para cada unha das partes do proxecto, e como se plantexará para seguir mantendo a accesibilidade e os servizos para as vivendas, así como as prazas de aparcamento e a xestión do tráfico.

Con respecto a Copcisa, a intención é a mesma, quedar cos representantes a vindeira semana, despois de que teña lugar a comisión informativa á que se teñen que someter todas as obras que, como esta, superen o dez por cento do presuposto do Concello, e que se celebrará este xoves 4 de agosto. Na reunión coa empresa planificarase o inicio da obra proposta na memoria construtiva e analizarase o prantexamento da mesma con vistas a fixar o calendario de actuacións, segundo informou o rexedor local.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada alerta da falta de aparcadoiros no novo centro de saúde

“Teremos un novo centro de saúde, mais cos mesmos vellos problemas para aparcar que no antigo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “tanto  profesionais do centro como pacientes van ter moi complicado aparcar na Baiuca, un espazo onde tamén está ubicada a escola infantil”.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista “vistos os planos de construción do novo centro de saúde, só se poden apreciar unhas 20 prazas para aparcar, unha cifra ridícula que choca coa teimuda realidade que sofren todos os días traballadores/as e pacientes no antigo centro”.

Xosé Magariños acusa ao goberno municipal do PP “de improvisar, de falta de previsión e de planificación, e de cometer os mesmos erros de sempre, sen unha mínima vontade de rectificación: recibir instalacións públicas sen unha valoración das condicións que reúnen”. “Así, acabaremos vendo ringleiras de coches pola Avda. Benito Vigo e mesmo provisionalmente no aparcadoiro da urbanización do Lidl”, explicou o concelleiro do BNG, “mais ao cabo dun tempo os veciños e veciñas da Estrada terán os mesmos problemas para aparcar que no antigo centro, unha vez que os servizos previstos na zona estea en pleno funcionamento”.

“López estará moi contento cos seus zapatos novos que lle paga a Xunta”, indicou Magariños, “mais ao cabo dun tempo acabaranos apretando os pés a todos e todas”. “Temos un alcalde neglixente que non é quen enfrontarse aos gobernos amigos”, afirmou o concelleiro do BNG.

O novo centro de saúde ten un custe de 3.278.000 euros e será construído pola UTE Puentes y Calzadas nunha superficie cedida polo concello á Xunta de Galiza de 4.262 metros cadrados.

 

BNG A ESTRADA

Publicado en Portada | Deja un comentario