PONTÓN DEMANDA A FEIXÓO INVESTIGAR NO PARLAMENTO O SUCEDIDO NO PAC DA ESTRADA E AS CONSECUENCIAS DOS RECORTES NA SANIDADE PÚBLICA

Propón un plan de mellora da atención primaria que garanta dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería en todos os centros de urxencia do país e pide o cese do conselleiro de Sanidade

 

“Ten a sindicatos, colexios médicos e traballadores e traballadoras da sanidade pública en pé de guerra polos recortes”, salientou

 

O BNG volveu levar ao Parlamento o deterioro da sanidade pública pola “cruel política” de recortes e privatizacións do PP que pon en risco a saúde das persoas, como demostrou o tráxico incidente do PAC da Estrada do 4 de agosto onde faleceu unha persoa sen recibir atención sanitaria porque non había ningún médico no centro de urxencias.

 

Uns feitos que a portavoz nacional, Ana Pontón, considera de extrema gravidade e polos que propuxo ao presidente da Xunta abrir unha investigación no Parlamento para esclarecer o sucedido nese caso e, ademais, analizar as consecuencias dos recortes na sanidade pública.

 

A dirixente do Bloque tamén fixo ao xefe do Executivo unha dobre proposta de aplicación inmediata. Por un lado a posta en marcha dun plan de mellora da atención primaria co obxectivo de garantir que todos os PACs do país, cando menos, dispoñan de dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería e, en segundo lugar, o cese do conselleiro de Sanidade “como primeiro paso dun cambio de rumbo na política sanitaria no que a saúde das persoas sexa o primeiro”.

 

Feixóo eludiu pronunciarse sobre ningunha destas propostas limitándose a defender a xestión sanitaria do seu Goberno, criticada con contundencia pola líder do BNG.

 

“Que tipo de política sanitaria está facendo cando na Galiza de 2018 morre unha persoa nun servizo de urxencias porque non hai ningún médico para atendela? Que tipo de política sanitaria fai cando a xerente desta área, a súa curmá Isolina Núñez,  considera que pode seguir de vacacións como se isto fóra normal? Onde teñen o listón para que, ante unha situación tan grave, o seu conselleiro de sanidade considere que nin ten que comparecer ante este Parlamento?”, interpelou Pontón.

 

Tras trasladar o afecto e a solidariedade do BNG á familia do falecido e ao seu representante que escoitaba o debate desde a tribuna de convidados, a portavoz nacionalista criticou que o presidente da Xunta tente agochar “con propaganda e autobombo” a situación de deterioro da sanidade pública, como denuncian os propios profesionais.

 

Consecuencias dos recortes

“Ten aos sindicatos, aos catro colexios profesionais médicos de Galiza e aos traballadores e traballadoras da sanidade en pé de guerra polos recortes”, salientou, “mentres que os e as galegas consideran que teñen a terceira peor sanidade de todo o Estado”. Pontón recriminoulle a Feixóo que a falta de persoal médico no PAC da Estrada non é un caso illado, “senón unha situación común a moitos servizos de urxencia consecuencia desa política que racanea no importante e ten consecuencias”.

 

Cun recorte acumulado de 2.000 millóns de euros só na atención primaria desde 2009, a dirixente nacionalista acusou ao presidente da Xunta de mentir “cando se vangloria de facer máis con menos”. Por contra, denuncia que os recortes e as privatizacións do PP teñen gravísimas consecuencias.

 

Masificación de consultas, redución de profesionais sanitarios, precariedade laboral, aumento das listas de espera mesmo para ir ao médic@ de cabeceira, -“por máis que se empeñe en torturar as estatísticas”-, ou os 100.000 galegos e galegas que deixan de tomar tratamentos porque non poden pagalos. “Precisamos menos propaganda e manipulación e máis defensa da sanidade pública”, concluíu.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os nenos do Espazo Concilia despiden o verán na praia fluvial

O Concello da Estrada organizou hoxe unha festa de despedida do verán nas instalacións da praia fluvial para os nenos do Espazo Concilia que rematan as vacacións e mañá incorporaranse á escola para comezar o novo curso escolar. O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presidiu a cerimonia coa que se da por finalizado o verán e recordou que a partires de mañá, o horario do Espazo Concilia tamén se adaptará a esta nova realidade.

Durante a época estival, o centro viña traballando en horario de 9:00 a 14:00 horas; un horario que recuperará para as vacacións de Nadal, pero dende mañá e ao longo do curso lectivo atenderá aos nenos entre as 15:30 e as 20:30 horas.

Este verán o Espazo Concilia prestou servizo de forma regular a arredor de 80 nenos, dos cales, 35 acudiron a esta festa para despedir as vacacións. Entre as actividades da festa houbo diferentes xogos, globoflexia, pintura corporal, baño e unha merendola para os rapaces e rapazas asistentes.

O centro presta servizo a cativos de entre 3 e 12 anos e organiza actividades de forma regular tales como manualidades, obradoiros, visitas, excursións, xogos e saídas á piscina e a parques, entre outras, nas que os nenos poden desfrutar mentres os seus pais se atopan no traballo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

No BNG apostamos por un concello próspero e con futuro, por iso apostamos pola Cidade do Moble

Logo da última nota de prensa emitida pola organización política Móvete a respecto do proxecto Cidade do Moble queremos facer unha serie de precisións:

1. A Cidade do Moble nace da demanda do sector do moble e da madeira, apoiada por todo o tecido produtivo, e até o momento, de todos os partidos políticos con representación no concello. A construción da Cidade do Moble permitirá acadar os obxectivos de incrementar a profesionalización do sector do moble e da madeira, incrementar o emprego no noso concello e a cooperación empresarial. Tamén fará posíbel crear un produto competitivo a nivel global, reducir os custes de produción, agrupar o know-how do sector e aproveitar as sinerxías.

2. A Cidade do Moble non foi impulsada por Ramón Campos, como apunta Móvete, ao contrario, o único que fixo este alcalde do PP foi permitir a instalación de empresas en Lagartóns sen ningún tipo de control urbanístico; unha desfeita medioambiental que a Cidade do Moble solucionaría.

3. O proxecto da Cidade do Moble foi impulsada en 2006 polo Bipartito desde a Xunta de Galiza, a través da Consellería de Vivenda e Solo, dirixida naquela altura pola nacionalista Teresa Táboas. Este proxecto non só é respectuoso co medio ambiente, xa que conta entre outros elementos cunha depuradora que agora non hai, senón que vén a solucionar unha desfeita urbanística e unha “alegalidade” impulsada polo PP hai xa bastantes anos.

Polo tanto, a Cidade do Moble non é un proxecto municipal, como apunta tamén Móvete. O concello da Estrada non gastou nin un só euro neste proxecto. O custe do proxecto da Cidade do Moble corre a cargo da Xunta de Galiza, que aprobou o proxecto en 2011, mais lamentablemente desde que goberna o PP dorme nun caixón en San Caetano, xa que carece de orzamento para executalo.

4. A industria da madeira vive hoxe un dos seus mellores momentos cun crecemento sen precedentes. Cónstanos que hai empresas do sector da madeira que están a un paso de levar a súa produción fóra da Estrada, porque non hai solo público asequíbel que permita o seu crecemento. Tanto é así, que unha das empresas do sector emblemáticas do noso concello tivo que ampliar no aparcadoiro para poder incrementar a súa produción. Todo un síntoma de que non o estamos a facer as cousas ben.

5. Como vemos, estamos nun momento decisivo. Podemos apostar polo emprego e polo sector do moble e da madeira instando á Xunta de Galiza a executar xa a Cidade do Moble, como pedimos na moción que se discutirá no pleno do vindeiro xoves, cuxa posta en marcha terá unha repercusión positiva en todos os sectores económicos do concello, en especial no comercio, que vive agora mesmo un dos momentos máis críticos da nosa historia, un feito que denunciamos hai poucas semanas, poñendo como exemplo as varias ducias de baixos en aluguer e sen perspectiva de ser ocupados proximamente. Neste sentido, é curioso que, sen propoñer outra alternativa, Móvete aposte pola chegada á Estrada da AG-59, que, tal e como está a situación económica no concello, só servirá para facer máis doado o desprazamento a Santiago de Compostela, afogando definitivamente o comercio local.

Mais tamén podemos deixar pasar o tren e seguir de costas á realidade, vendo como un concello con enormes potencialidades vive paralizado política e economicamente por un goberno do PP, cuxa únicas aspiracións é ampliar unha Alameda que non necesitamos e deixar en mans privadas o desenvolvemento urbanístico do concello. 

 
No BNG non apostamos por resignarnos, apostamos por un concello próspero e con futuro, por iso apostamos pola Cidade do Moble.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada solicitará hoxe o persoal docente para o obradoiro

O Concello da Estrada solicitará hoxe o persoal docente á Xunta para por en funcionamento un novo obradoiro centrado en traballos de construción e xardinería. O obradoiro conta con 20 prazas ás que poderán optar os veciños.

Na solicitude remitida á Xunta pediranse un director para o obradoiro, un profesor de xardinaría, un de carpintería e un administrativo, segundo informou o alcalde da Estrada, José López Campos.

Para poder optar ao traballo e formación no obradoiro de emprego “A Estrada 2018” é preciso apuntarse no INEM, que se encargará de facer a selección de persoal previa á entrevista no Concello ante unha comisión mixta, formada por dous representantes do Concello e outros dous da Xunta, que determinará a listaxe de persoas seleccionadas.

O obradoiro ten por obxectivo a mellora da empregabilidade, para o que disporá cun orzamento por parte da Xunta de 288.807 euros, e como novidade contará cunha modalidade dual, dividido nun período de 9 meses de formación e un de 3 meses de contrato laboral en empresas.

Os participantes no obradoiro realizarán diversos traballos de construción de aseos, canalóns, peches, pintado e instalación de tellados e paredes, entre outras obras previstas nas diferentes escolas do rural, como son as de San Pedro de Ancorados, Santo Tomás de Ancorados, San Miguel de Castro, San Miguel de Moreira, Curantes, Ribeira, Olives, Vinseiro, Lamas e A Somoza, para garantir un estado óptimo das instalacións.

Ademais, os integrantes procederán ao axardinamento da parcela da escola da Baiuca, na N-640, e ao arranxo e mellora dos xardíns da Casa das Letras, das rotondas e das xardineiras do casco urbano. Levaranse deste xeito a cabo obras de interese social, tal como ocorreu nas edicións anteriores, nas que se levaron a cabo obras importantes na Casa das Letras ou no Conservatorio.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada colocará 30 novas marquesiñas nas paradas de transporte público

O Concello da Estrada comunicoulle hoxe á terceira empresa adxudicataria que ten dez días para presentar a documentación que lle abriría as portas a un contrato por valor de 83.000 euros, destinados á colocación de 30 novas marquesiñas que se instalarán nos puntos de parada do transporte público en distintos puntos da localidade.

Así o indicou hoxe o alcalde, José López Campos, que explicou que este proxecto, iniciado a principios de ano se está alargando debido a que a primeira adxudicataria non cumpría os requisitos de solvencia a xuízo dos técnicos e a segunda delas non presentou a documentación dentro do prazo.

Esta terceira, Mobiliario Urbano Marlo, conta a partir de agora con dez días para presentar a documentación. Dende o Concello se lle pediu que intentase mellorar algúns aspectos da oferta, como son o prezo unitario, a redución do prazo de execución e a garantía das marquesiñas.

Para satisfacer esta petición, a empresa baixou o prezo por marquesiña de 2.783 a 2.692 euros, reduciu o prazo de instalación de dous meses en vinte días e engadiu doce meses á garantía das mesmas.

A previsión, avanzou López, é telas instaladas en outubro e, aínda que a maioría se instalarán no rural, nas estradas máis transitadas e nas zonas con máis tráfico de viaxeiros, tamén sinalou que están estudando, xunto coa policía, a posibilidade de instalar dúas no casco urbano; unha na Rúa Benito Vigo á altura do Novo Mercado e outra na Praza do Concello, lugares onde acostuma a haber moito movemento de xente que colle o autobús.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Vanse realizar labores de mantemento na N-640 ao seu paso pola Estrada

Están a piques de comezar os labores de mantemento na N-640 ao seu paso pola Estrada, segundo informou o alcalde da localidade, José López Campos, despois de terse reunido esta mañá cos responsables da empresa Extraco Misturas, encargada do mantemento da calzada.

López sinalou que o tramo de actuación abarcará 1,2 quilómetros e irá dende A Baiuca ata a curva onde se enclava a empresa Martínez Otero, e indicou que era unha actuación que levaban tempo solicitando dende o Concello porque estaba “bastante deteriorado”.

Estas obras de mellora do firme vanse iniciar de urxencia e consistirán en traballos de fresado, aglomerado e posterior pintado nos dous carrís da estrada, polo que se xerarán cortes intermitentes nun ou noutro sentido da marcha, o que dará lugar a dificultades á hora de circular.

Non obstante, a previsión, advertiu López, é rematar os traballos de fresado e aglomerado entre o luns e o martes da semana que ven.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada acolleu esta mañá a I Feira do Bo Producto

Está mañá O Bo Producto Ecolóxico foi o protagonista no noso  Concello, expoñendo os seús productos No Novo Mercado Estradense.

Entre eles destacamos a froita, queixo, verdura, sidra, carne,peixe,marisco, pranton e mel entre outras cousas.

Unha mañá na que tamén os Estradenses e non Estradenses desfrutaron dunhas Xornadas de Obradoiros de cociña e charlas varias.

Publicado en Portada | Deja un comentario