O DEPARTAMENTO DE EMPREGO DO CONCELLO DA ESTRADA ORGANIZA CURSO DE TÉCNICAS E PROCEDEMENTOS PARA TRABALLOS EN ALTURA

OBXECTIVOS

Adquirir os coñecementos básicos necesarios para a realización de traballos (tarefas de mantemento, reparación, construción, restauración de edificios ou obras de arte, montaxe de estruturas, limpezas especiais, etc.) en altura ou en profundidade (traballos en estadas, escaleiras, cubertas, postes, torretas, vehículos, plataformas elevadoras, escavacións, pozos, etc.).

 

A realización da formación correrá a cargo da Fundación Laboral da Construción, contará cun total de 8 horas presenciais (teórico-prácticas) e dará dereito á obtención do certificado de corte transversal que acredita para desempeñar estas funcións en empresas de construción, alumeado, montaxe de plataformas, traballos en fachadas, etc.

 

Esta formación englóbase dentro das actividades formativas máis demandadas actualmente polas empresas e axústase ao perfil maioritario de persoas en situación de desemprego do noso municipio, polo que se pretende que a mesma insira a quen realice o curso no mercado laboral de maneira inmediata.

 

Neste senso, o concello da Estrada ten un acordo de colaboración cunha gran empresa do sector con compromiso de contratación para algunhas das persoas que realicen a formación.

 

Esta primeira edición do curso está destinada a un máximo de 12 alumnos e ten un custo total por cada un de 134 € dos cales o departamento de emprego asume máis do 70% do custo por persoa, pasando a custar 50 €/alumno.

 

Os requisitos para poder participar no mesmo son estar empadroado no Concello da Estrada, estar en situación de desemprego ou ser traballador autónomo. En caso de vacantes, poderían aceptarse persoas en activo.

 

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do enderezo electrónico aedlconcelloestrada@gmail.com ou no teléfono 986 677 740. Dado que é unha formación moi demandada respetarase a orde rigorosa de inscrición.

Publicado en Portada | Deja un comentario

VOLTA AO COLE ACOE 2018

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Policía Local da Estrada publica as datas para a renovación do DNI nas súas dependencias

Os veciños da Estrada poderán renovar o DNI nas dependencias da Policía Local do concello concertando previamente unha cita nalgunha das datas estipuladas a tal efecto. As vindeiras datas nas que se prestará este servizo son o 10 de outubro (no que as reservas xa están completas), o 24 de outubro e o 7 e o 21 de novembro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O verán remata e A Estrada dí ata o ano os Saharauis

A Concelleira Amalia Goldar dí ata o ano a nena Saharaui que visitou este ano o noso Concello, con material escolar para o campamento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Feira do Moble lanza 4.500 exemplares dunha revista para promocionar aos 65 expositores

• O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca o apoio
da Xunta a esta publicación e «a aposta pola lingua galega como sinal da
denominación de orixe e da autenticidade do moble galego»
• O presidente da ACE, Fernando Martínez, invita aos expositores a «exhibir
mobles bos e novos» para aproveitar «as boas expectativas» dunha edición
que «marcará o inicio dunha nova etapa da feira»

 

 A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade
organizadora da 32ª Feira do Moble de Galicia, presentou hoxe unha revista
promocional sobre o certame e os 65 expositores que asistirán, da que se distribuirán
4.500 exemplares nas vindeiras semanas co obxectivo de atraer a milleiros de
visitantes ata o recinto feiral da Estrada entre o 19 e o 23 de setembro.
Xunto co xerente da fundación, Nemesio Rey, na rolda de prensa ofrecida esta mañá
no salón de actos participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García, e o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios, Fernando Martínez.
Cando faltan exactamente 12 días para que se inaugure a feira -o mércores 19, ás
12.30 horas-, Nemesio Rey agradeceu a implicación de tódolas persoas, entidades e
institucións que posibilitaron a edición desta revista, entre os que citou á Xunta de
Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e o GDR Terras de
Pontevedra Norte.
En relación cos preparativos da feira, o xerente lembrou os tres cambios substanciais
introducidos este ano co ánimo de relanzala: en primeiro lugar, a redución da duración
da feira, pasando de nove a cinco días, e a redistribución do espazo de exposición,
a través da retirada dos clásicos stands fixos e da ubicación da meirande parte das
empresas da Estrada no pavillón 3, que será o da entrada na feira; en segundo lugar,
a limitación de expositores de sectores complementarios e «de recheo» e unha maior
aposta polos expositores de mobiliario, interiorismo e decoración -confirmou que
asistirán 65 expositores en total, dos cales 15 son da contorna da Estrada-; e en
terceiro lugar, un reforzo do investimento en publicidade e comunicación para tratar de
captar novo público, a través de ferramentas como a revista presentada hoxe.

Pola súa parte, Valentín García, destacou «a relevancia da Feira do Moble para a
potenciación da zona da Estrada» e remarcou a implicación de distintos departamentos
da Xunta de Galicia para posibilitar a súa edición, entre os que citou á Consellería de
Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria e a Consellería do Medio Rural (a través de Agader), ademais da propia
Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O secretario xeral aplaudiu que a comunicación da Fundación de Exposicións e
Congresos da Estrada se realice en galego tanto na páxina web www.feiradomoble.gal
como nesta revista porque considera preciso «entender a aposta pola lingua galega
como sinal da denominación de orixe e da autenticidade do moble galego».

En canto ao presidente da ACE, Fernando Martínez aproveitou a súa intervención para
recoñecer que «a introdución de cambios importantes na feira» e para manifestar a súa
esperanza «en que dean bo resultado»: «agora o máis importante van ser os
expositores e por iso lles pido que veñan exhibir materiais e mobles bos e novos; é
certo que nos últimos anos había a tendencia de repetir deseños e estábase a perder
valor, pero penso que nesta edición vai haber grandes sorpresas e vaise marcar o
inicio dunha nova etapa da feira».

Publicado en Portada | Deja un comentario

A II Andaina Solidaria co Alzhéimer terá dous percorridos

O Concello da Estrada presentou hoxe a II Andaina Solidaria co Alzhéimer que terá lugar a partir das 19:00 horas do vindeiro 15 de setembro. Baixo o lema “os camiños da memoria”, contará con dous percorridos; un de catro e outro de nove quilómetros.

A camiñada tivo unha boa acollida o pasado ano, con preto de 200 persoas participantes, segundo indicou a alcaldesa en funcións, Amalia Goldar, que aproveitou a ocasión para sinalar que o percorrido segue camiños case descoñecidos e que non todo o mundo sabe que forman parte da Estrada e animou á veciñanza a inscribirse na andaina que partirá da Praza do Concello na data sinalada.

Para continuar, deulle paso á presidenta da Asociación Galega para Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA), Isabel Gey, que fixo fincapé dende o primeiro momento na necesidade de  dar visibilidade e apoiar tanto ás persoas que sofren a enfermidade, que están preto de chegar ás 100.000 persoas con demencia en Galicia, como aos seus coidadores.

Gey insistiu na importancia de emitir un diagnóstico precoz para poder actuar contra o avance da enfermidade a través de diversas terapias como a de estimulación cognitiva, que se poñen en práctica dende a asociación. Seguindo estas pautas traballan en labores de diagnóstico precoz no casco urbano, en Arnois e en Oca.

Tamén lembrou que a asociación imparte un curso gratuíto para coidadores validado pola Fundación Pascual Maragall distribuido en catorce sesións de hora e media cada unha e cunha periodicidade quincenal.Para finalizar a súa intervención, a presidenta de AGADEA sinalou a falla que fai a apertura do Centro de Día na localidade posto que, insistiu, “existe unha demanda moi grande dese servizo”.

A traballadora social de AGADEA, Sonia Castro, engadiu que con esta iniciativa se persegue conseguir unha marea verde que serva para visibilizar a enfermidade do alzhéimer e invitou aos veciños da comarca a participar na andaina, que estará amenizada coa colaboración do grupo folk Regatos e na que se sortearán lotes de produtos doados polos comerciantes locales.

Castro indicou ademais que a inscrición, aberta ata o día 12 de setembro, ten un custo de 2 euros en concepto de aportación solidaria e pódese facer nas dependencias da asociación, no primeiro andar do Novo Mercado; na páxina web da asociación, www.agadea.org e a través de whatsapp, no número de teléfono 647589725.

Para finalizar, o representante da empresa Senderruta, encargada de deseñar o trazado da andaina, Toni Ibáñez, explicou que se trata dun percorrido sinxelo, apto para calquera condición física, pero que unha parte se fará de noite, polo que é recomendable levar unha lanterna ademais de roupa cómoda e preferiblemente pantalóns largos para evitar rabuñaduras.

A duración estimada da ruta é aproximadamente de tres horas, con saída dende a Praza do Concello e pasando por Penerada, baixar polos muíños de Ouzande e pasar pola Torre de Guimarei no que será unha ruta de entre 8 ou 9 quilómetros, rematou Ibáñez.

Publicado en Portada | Deja un comentario

RECEPCIÓN A MOZOS ESTRADENSES EN VENECIA

O alcalde da Estrada, José López, e o tenente de alcalde Juan Constenla asistiron onte, en representación da vila e acompañados por unha decena de mozos estradenses, a sendas recepcións que o presidente da Municipalidade de Lido-Pellestrina e o dirixiente escolástico do Istituto Polo Técnico Profesionales Vendramin Corner lle ofreceron á comitiva de mozos galegos que esta semana visitan Venecia para participar nun intercambio cultural.

O programa de actividades incluíu distintas visitas de carácter cultural que desde este pasado luns levou á comitiva a visitar a Basílica, a praza de San Marcos, o museo Correr, o Palacio Ca´Rezzonico, así como as illas de Murano e Burano. Dende mañá e ata o sábado, a expedición visitará a Academia de Belas artes, a escola de San Rocco e os Museos Leonardo da Vinci e de Historia Natural.

Esta iniciativa, enmarcada dentro das relacións bilaterais que mantén Galicia con distintas entidades doutros países, trata de facilitarlles aos xoves estradenses a interacción con mozos doutras realidades culturais e lingüísticas, ademais de favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias que faciliten o seu desenvolvemento persoal.

 

Unha decena de mozos venecianos, cos que se realiza este intercambio, devolverán a visita nos próximos meses a Galicia combinando actividades de ocio educativo e a asistencia aos centros e monumentos máis representativos da nosa cultura.

Publicado en Portada | Deja un comentario