Novos requirimentos polo Plan Concellos chegan á Estrada

Despois da análise por parte dos técnicos, catro novos requirimentos da Deputación referentes ao Plan Concellos chegaron hoxe á Casa Consistorial da Estrada, segundo informou o alcalde, José López Campos.

Polo visto, os técnicos analizaron en detalle os proxectos do Concello, advertiu López, que acto seguido asegurou que os requirimentos son minucias que só parecen pretender retrasar o inicio da execución do Plan Concellos na localidade.

As reclamacións da Deputación son tales como a falta de fotografías para o arranxo dunha fonte no rural; que se fai referencia en dous dos proxectos a unha lei antiga de accesibilidade, tanto para melloras de camiños rurais (un proxecto de 660.000 euros) como para a pavimentación de vías urbanas ademais dun requirimento nada esclarecedor a tenor do proxecto de mobiliario dos xardíns, que require documentación para obras de menos de 50.000 euros de inversión cando dito proxecto supera os 200.000.

O alcalde aseverou que a Deputación non debería estar para isto, para pór obstáculos no camiño, senón para facilitar os trámites aos concellos, e afirmou que se vai a preocupar de indagar se aos máis de 300 proxectos xa aprobados do Plan Concellos se lles puxeron tantas trabas e se analizaron de xeito tan pormenorizado por parte da administración provincial.

Ademais insistiu en que levan xa máis de dous meses e medio retrasando os proxectos da Estrada, xa que teñen fondos propios do concello invertidos en proxectos de asfaltado no rural inseridos no Plan Concellos dos que non poden dispor ao estar os proxectos paralizados.

Para rematar, pediu ao PSOE estradense que se sume á petición de que se resolva o Plan Concellos e deste xeito favorecer os intereses dos estradenses.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A concelleira de Educación examina as instalacións da Escola Infantil da Estrada

A concelleira de Educación, Amalia Goldar, reuniuse esta mañá coa coordinadora da Escola Infantil Municipal, Vanessa Loureiro García, nas instalacións da Escola Municipal para examinar o proceso de instalación do material. Está previsto que todo estea rematado ao longo desta semana.

Despois desta visita, na que se examinaron as instalacións, a chegada de todo o mobiliario e material, así como a súa colocación e o estado xeral da escola; a concelleira procederá a concertar a reunión solicitada polo partido socialista local, que terá lugar, previsiblemente, entre o xoves e o venres desta semana para atender todas as súas cuestións sobre o centro e o seu funcionamento.

O centro conta con cinco aulas: unha para nenos de 0 a 1 ano, dúas de 1 a 2 anos e dúas de 2 a 3 anos, catro das cales xa se atopan cubertas e existe a posibilidade de abrir a quinta. Tamén posúe servizo de cociña e zonas de soño, onde os nenos poidan durmir, e unha zona cambio, con bañeira incluída.

A escola ronda actualmente as 50 prazas ocupadas, segundo aparece recollido na páxina web do Consorcio Galego de Benestar, cuxa matrícula debe formalizarse dentro dos prazos establecidos, xa que non aceptan novas incorporacións fóra das datas previamente dispostas para os procesos de admisión.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O 2 de setembro haberá cortes no subministro eléctrico da Estrada por mantemento

                                                             AVISO IMPORTANTE

 

O vindeiro domingo 2 de setembro, das 7:00 ás 13:00 horas, está previsto un corte no subministro eléctrico en distintos puntos do municipio estradense por motivos de mantemento, segundo informou ao Concello a compañía Unión Fenosa.

No comunicado remitido ao Concello advirten de que procederán a deixar fóra de servizo unha serie de instalacións  que poderán provocar interrupcións no subministro de electricidade durante o intervalo de tempo indicado.

As instalacións sobre as que se vai traballar afectarán a diferentes lugares das parroquias de Curantes, Lamas, Olives, Pardemarín, Parada e Rubín. Os puntos máis concretos de cada parroquia serán Esmorís, Pousada, Abelleira, Fontecova, Riamonde, Sanlouzáns, Sequeiros, Brea, Golfariz, Mesadoiro, Piñeiro, Balseiros, Barro, Birbigueira, Pazos e Veiga de Braña.

A compañía eléctrica cerra o comunicado pedindo desculpas polas posibles molestias ocasionadas e facilita o número de teléfono 900 333 999, a través do que se encargarán de resolver calquera dúbida ao respecto desta intervención.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Alegar unha multa non pode supoñer perda de dereitos

O BNG contra a chantaxe da administración

 

ando un veciño ou veciña reclama a imposición dunha multa leva asociada a perda do dereito a redución da mesma, polo que se lle está impedindo exercer e seu lexítimo dereito á defensa cando se alegan incorreccións no feito impositivo. 

Esta situación leva a que os cidadáns consideren que se lle está a someter a unha “chantaxe” por parte da administración; se a esta circunstancia lle engadimos que o procedemento que se segue na tramitación das sancións de tráfico non obriga a entrega de copia da mesma no momento que se produce a sanción, se non que se lle remite pasando un espazo de tempo considerable (o que fai que moitas veces sexa difícil lembrar o feito que se sanciona), a situación de indefensión dos cidadáns con respecto a administración local é total.

Ante esta situación de indefensión dos veciños e veciñas, o BNG da Estrada presentou unha moción  para instar ao goberno municipal a que non se considere o escrito de alegacións como causa da perda do dereito a redución da multa. Tamén insta ao goberno a que se faga a notificación á persoa denunciada mediante entrega da copia do parte da policía local ou deixándoa no vehículo, no caso que o condutor estivese ausente.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Doce empresas pugnan por facerse co contrato de obra de Fernando Conde

Esta mañá procedeuse á apertura de plicas remitidas ao Concello da Estrada por aquelas empresas que formalizaron a súa candidatura para facerse co contrato de reforma da Avenida de Fernando Conde, segundo informou o alcalde da localidade, José López Campos, que indicou que foron doce as empresas que se presentaron ao proceso.

Unha delas quedou excluída do proceso ao non haber presentado a documentación requirida de conformidade aos pregos, mentres que a outras nove se lles pediu documentación que precise a cantidade mínima de persoal atribuído á obra. As compañías contan cun período de tres días para cumprir coa emenda antes de que o proceso de selección siga o seu transcurso cara as mans dos técnicos municipais, que se encargarán de avaliar e elaborar informes, nun período de sete días, sobre cada unha das ofertas presentadas.

Este proxecto, enmarcado dentro da Edusi, conta cun orzamento de 695.000 euros a sufragar ao 80 por cento con fondos europeos procedentes da Edusi e o 20 por cento mediante fondos propios do concello.

O rexedor local afirmou que se todo marcha segundo está planificado, a parte burocrática dos tres procesos (Avenida de Fernando Conde, Rúa do Cruceiro e xardíns da Alameda) podería estar finalizada para a semana do 21 de setembro para dar paso ao inicio das obras.

Sen embargo lembrou que a intervención en Rúa do Cruceiro é a que presenta máis urxencia ao depender dun prazo de execución de tan só dous meses para obter a subvención da Xunta, que sufraga o 30 por cento da obra.

López informou ademais de que hoxe tamén comezou a instalación de novo mobiliario, valorado en 90.000 euros procedentes da Consellería de Educación e licitados polo Consorcio Galego de Servizos social e Igualdade, na Escola Infantil, que estará preparada para abrir as súas portas ao longo da primeira quincena de setembro, da que se concretará a data exacta na que se comezará a dar servizo durante os próximos días.

É competencia do Concello dar á escola todos os servizos relacionados coas telecomunicacións, tales como internet e telefonía, subministro eléctrico, alarma e servizo de limpeza unha vez que estea instalado o mobiliario.

Publicado en Portada | Deja un comentario

AS FAMILIAS MANIFESTAN INQUEDANZAS POLO ESTADO DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE CARA AO INICIO DE CURSO

Os socialistas pediron unha reunión coa concelleira responsable para plantexar as dúbidas que lle trasladan algunhas familias.

 

É necesario analizar a nova situación derivada da convivencia de dúas escolas infantíns públicas, xestionadas por administracións distintas: Concello – Xunta. 

 

Os socialistas pediron unha reunión con Amalia Goldar, concelleira de Servizos Sociais e Educación, para aclarar as dúbidas que lles trasladan familias usuarias das escolas infantís do Concello.

 

“A unha semana do inicio do curso algunhas familias usuarias da nova escola infantil da Estrada téñennos manifestado as súas inquedanzas polo estado actual da nova gardería. A Concelleira responsable debe aclarar cales serán as datas que se manexan para o inicio do curso na nova escola infantil, en que estado se atopan as instalacións, se xa pasaron todos os controis de prevención de riscos e seguridade e se xa contan co mobiliario necesario para o  desenvolvemento do curso”

 

 

Ademais consideramos necesario analizar a nova situación derivada da convivencia de dúas escolas infantís públicas con xestión por entidades administrativas distintas. “As duplicidades vistas no proceso de matrícula, os diferentes horarios, as responsabilidades derivadas da aportación económica municipal á Xunta pola nova escola da rede Galiña Azul ou a licitación pendente na Escola Municipal son asuntos que deben ser aclarados e sobre os que o Concello debe tomar decisións ao respecto”.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O RURAL ESTRADENSE ABANDONADO POLO GOBERNO LOCAL DE JOSÉ LOPEZ

Os buracos nas pistas son o elemento máis destacado e común en tódalas parroquias da Estrada.

 

Os veciños e veciñas pagan impostos pero non reciben calidade nos servizos municipais.

 

O 60 % da poboación da Estrada vive nas parroquias do rural, parroquias que son o elemento que mellor define ao Concello da Estrada, sen embargo o goberno municipal mira para outro.

 

O descontento dos veciños e veciñas está plenamente xustificado ante o estado de abandono no que se atopan as infraestruturas das parroquias. Pistas cheas de buracos, maleza, contenedores rotos, vertedoiros de lixo incontrolados, sinais que non se ven, problemas de saneamento, necesidades de apoio no mantemento nas comunidades de auga, ausencia de novos servizos…. o día a día das parroquias non conta para o goberno municipal de José López.

 

“O alcalde José López e o concello de rural fan anuncios que non se cumpren. En 2016 a Deputación de Pontevedra financiou a compra de novos contenedores de lixo, dende o goberno prometeron a súas distribución no rural e a día de hoxe o rural segue sen ver os novos contenedores e tendo que depositar o lixo en contedores, rotos, sen tapa, sen rodas e soportando cheiros”.

 

“Día si, día tamén o alcalde fala de gastar millóns de euros en asfalto e o certo é que os veciños e veciñas todos os días teñen que circular por carreteras cheas de buratos. A Estrada ten centos de quilómetros de viais que necesitan mantemento continuo e non só en época electoral. Hai pistas que xa non poden agardar máis, que fai o Concello que non se ocupa das súas competencias? Dende o goberno atribúense constantemente boa xestión e fachendean de proxecto pero a realidade mírase doutro xeito en cada unha das 51 parroquias da Estrada”.

Publicado en Portada | Deja un comentario