Tequexetéldere visita Alcudia

No día de onte a agrupación Tequexetéldere foi recibida no Concello de Alcudia, na fachada do seu Concello acompañados polo Alcalde e 1º Tenente de Alcalde e algún concelleiro, así como algún membro da Agrupación Sarau Alcudienc.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Feira do Moble duplica a presenza local do sector e alcanza xa o medio cento de expositores

  • A organización prepara unha campaña publicitaria coa participación de
    Xoque Carbajal, Saly Torres, Isi, Cristóbal Dios e Álex Marque, entre outros
    estradenses

 

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada informa
que as reservas de superficie para participar como expositor na trixésimo segunda
edición da Feira do Moble de Galicia, que se celebrará do 19 ao 23 de setembro,
avanzan «a moi bo ritmo», xa que nesta semana alcanzouse o medio cento de firmas
confirmadas.
O xerente da fundación, Nemesio Rey, destaca que entre as 50 empresas figuran 13
firmas da Estrada e da contorna pertencentes aos sectores do mobiliario, o
interiorismo e a decoración, o que supón que, «en comparación coa edición de 2017,
nesta Feira do Moble duplicarase a presenza de empresas locais deses sectores».
Entre eses expositores da zona atópanse Suyma Plus Madera, Muebles Pose Mato,
Lani Estrada, Corral y Couto, Mucarce, Fervenza Mobiliario, Artest, Carpintería Rivas,
Osso, Artesanía Ferradáns, Gilcolor, Industrias J. Cerviño e Irmáns Picaño.
Segundo Nemesio Rey, «o sector está a percibir que estamos a incorporar cambios na
organización e na promoción para tentar que a feira sexa máis rendible para os
expositores e, ao mesmo tempo, máis atractiva para os visitantes».

Neste senso,  adianta que ademais da elaboración dunha publicación promocional que sairá á rúa a
comezos de setembro cunha tirada de máis de 4.000 exemplares, a fundación tamén
comezou a traballar na preparación dunha campaña específica para as redes sociais.
Empregando o hastag #EsteanoEuvou, a campaña publicitaria contará coa
participación desinteresada de estradenses moi coñecidos e con gran visibilidade
mediática nas súas respectivas áreas de actividade, como o humorista Isi, o triatleta
Contacto: 673 156 204 (Alberto J. Rey) – alberto.rey@somoswecom.com
Cristóbal Dios, o actor Xoque Carbajal, a polifacética humorista Saly Torres e o ciclista
Álex Marque, entre outros.
«Estámoslle moi agradecidos a todos eles por brindarse a colaborar nesta campaña de
forma totalmente altruista e pensamos que coa súa axuda imos reforzar a repercusión
da feira para facerlle ver aos potenciais visitantes que este ano paga a pena pasar
polo recinto feiral da Estrada do 19 ao 23 de setembro porque vai haber máis
expositores, moita máis oferta e variedade de mobiliario e tamén incluso máis
actividades adicionais», explicou o xerente da fundación.
Cómpre lembrar que o prezo das entradas será dun euro e que cunha soa entrada
poderá accederse ao recinto feiral durante os cinco días da feira. Ademais, os
visitantes participarán en diferentes sorteos que está a ultimar a organización.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP converte o rural nun vertedoiros

A ausencia de políticas medio ambientais e de concienciación por parte do goberno municipal fai proliferar os vertedoiros incontrolados no rural

 

O BNG alerta da proliferación no rural de vertedoiros incontrolados, en moitos casos, segundo apunta o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “con pleno coñecemento do goberno municipal do PP que non fai nada por poñerlle remedio a pesar dos reiterados avisos que lle facemos nos plenos”.

Veciños e veciñas de Moreira, Arnois ou mesmo Vea puxeron en coñecemento do BNG vertedoiros incontrolados nas parroquias, que demostra que “o goberno non está facendo os deberes en materia de medio ambiente”, apunta o concelleiro nacionalista.

“O goberno municipal do PP”, explica Xosé Magariños, “ten que facer unha ampla campaña informativa sobre os problemas medio ambientais que xeran os vertedoiros incontrolados, mais tamén dos seus perigos que teñen para as persoas”. “Así”, engadiu o concelleiro do BNG, “non hai moitos meses veciños e veciñas de Santo André alertaban da existencia dun porco morto a escasos metros da estrada que vai de Portela a Souto de Vea”.

“Mais esta campaña informativa”, indica Magariños, “ten que abarcar tamén ao punto limpo, o concello ten que informar máis e mellor sobre os horarios de atendemento ao público, e se é necesario ampliar o horario para que facilitar que os veciños e veciñas poidan deixar alí o lixo”.

O BNG insiste que non son casos illados, “temos un verdadeiro problema e o concello está de brazos cruzados a pesar das advertencias e avisos”. “Instamos ao alcalde”, engade Magariños, “a tomar en serio a política medio ambiental, a loita contra as emisións de CO2 non consiste en facer un vídeo para unha ONG, senón tamén en recoller e lixo e limpar os vertedoiros incontrolados”.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada acondiciona os colexios de cara ao novo curso escolar

O Concello da Estrada leva a cabo unha serie de obras enfocadas en acondicionar os colexios públicos de cara ao novo curso escolar para recibir aos estudantes.

Xa se remataron obras importantes de reparación e remodelación dos aseos, comezadas antes do remate do pasado curso, nos colexios do Foxo e Figueroa, así como a obra acometida para o acondicionamento da aula multidisciplinar do colexio Cabada Vázquez de Codesela, no que aínda se está a traballar na construción dunha rampla de acceso e así como en traballos de mantemento e pintura. Estas obras están sufragadas pola Consellería de Educación, mentres que o concello aporta a man de obra e materiais de distinta índole.

Por outra banda, lévanse a cabo obras de acondicionamento, reparación e mantemento, sufragadas exclusivamente polo Concello nos colexios Villar Paramá, de Vea, onde se procederá a eliminar o antigo laboratorio, xa obsoleto, para acondicionar a aula ás necesidades do centro; no Pérez Viondi, no que se reparará o muro exterior, actualmente nun estado deteriorado e visiblemente inclinado, o que supón un perigo para os alumnos do centro; e no colexio de Oca cambiáronse en xullo o mobiliario e diferentes compoñentes do comedor que estaban deteriorados, para continuar na actualidade con traballos de pintura e reparacións do valado.

Paralelamente, aproveitarase o peche por vacacións da Escola Infantil Municipal durante o mes de agosto para realizar tamén alí as distintas tarefas de mantemento e pintura que precise o centro. Para rematar, está previsto o desbroce das áreas próximas a todos os centros citados nunhas datas o máis preto posible ao inicio do novo curso, para que dese xeito, as zonas estean o máis despexadas posibles para a chegada dos estudantes.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Constenla aclará a Movete que 40.500 Euros foi o custo da Festa do Salmón 2018

A Festa de salmón do pasado mes de maio custou ao Concello da Estrada 40.500 euros, segundo aclarou esta mañá o concelleiro de cultura, Juan Constenla, para refutar a información ofrecida polo Grupo Móvete e publicada polos medios de comunicación na que se afirmaba que a cantidade ascendía a 70.000 euros.

Constenla explicou que o Concello aprobara nos presupostos un gasto que estimara en 40.000 euros destinados para a festa e engadiu que a forma de conseguir eses fondos, grazas á “boa xestión” do goberno local, non recaeu só neles, senón que recibiron a axuda doutras administracións.

Así, con este proceder, a Deputación de Pontevedra concedeu unha axuda de 30.093 euros, e a Xunta de Galicia aportou unha axuda de outros 3.000 euros, como corresponde a todas as festas de interese turístico autonómico.

Isto, en ningún caso significa que se gastasen 40.000 euros por un lado máis 30.000 por outro, recalcou o concelleiro, que inquiriu que a día de hoxe a festa custou 40.500 euros, aínda que recoñece que pode quedar algunha factura en trámite ou que ata este día non emitira algún provedor.

Aproveitando a ocasión, Constenla recordou que a Festa do salmón non é cousa dun día, senón que engloba máis actividades e serve como pretexto para que o pobo teña máis vida dende unha quincena antes de que chegue o día propio da celebración. Salientou ademais que, tanto o concurso de pesca internacional como a degustación dos pratos elaborados con salmón durante a festa serven como reclamo turístico atraendo a xente doutros lugares; feito que ten un grande impacto no comercio e na economía local. Esta imaxe da Estrada vinculada ao salmón confire fama á localidade en toda Galicia e fortalece a influencia de cara ao público, expuxo o concelleiro.

Para rematar, Constenla quixo comparar a Festa do salmón coa Festa da sidra, da que afirmou que foi este goberno a que comezou a organizala como “apoio a un sector local emerxente”, e ao que “se lle tendeu a man” para facelo máis visible e dotalo dun valor engadido vinculado a un produto e que esa imaxe pertenza tamén ao concello da Estrada.

Dende que se comezou a axudar a este sector observouse como se asentaba a explotación e a industria vencelladas a el e como, pouco a pouco, vai crecendo en afluencia e difusión a Festa da sidra, do mesmo xeito que acontece coa do salmón, reflexionou finalmente o concelleiro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada pide un GES propio

Na reunión mantida hoxe na Fegamp, o alcalde da Estrada, José López pediu un GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) propio para o concello. Actualmente este servicio é compartido con Lalín, que conta con seis efectivos, mentres que a Estrada conta con nove.

O dirixente local entende que para acadar un GES completo, que consta de 12 persoas, só habería que incorporar a tres membros máis ao equipo. O custo de financiación dun GES supón unha inversión de 300.000 euros, entre persoal e mantemento, asumidos no convenio actual ao 60 por cento pola Xunta, o 20 por cento pola Deputación de Pontevedra e o 20 por cento restante por fondos propios do concello.

Dado que este convenio vence o 31 de decembro de 2018, habería que establecer un novo acordo de financiación con vistas ao convenio que abranga dende o 2019 ao 2021, explicou López.

Todos os representantes dos concellos que asistiron á reunión mostraron o seu interese en manter o modelo de emerxencias actual, dado o seu bo funcionamento e que resulta un recurso moi útil, sinalou o alcalde, que fixo énfase na implicación da Estrada  co servizo de emerxencias, recordando que é o emprazamento do 112 de Galicia e posúe o único ciclo medio de emerxencias de Galicia , cuxa ocupación é total e non chega a cubrir a demanda.

A aposta polas emerxencias por parte da Estrada é clara, afirmou López, quen sinala que seguirá optando por esta fórmula e recorda que en setembro ou outubro ten que estar redactada a proposta definitiva do convenio.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ana Cabaleiro álzase co Premio de novela Manuel García Barros na súa trixésima edición

A xornalista e autora Ana Cabaleiro erixiuse como a nova gañadora da trixésima edición do Premio de novela Manuel García Barros da Estrada. Así o emitiu esta mañá na Sala de Xuntas do Concello o xurado que fallou a súa decisión en prol da novela As Ramonas.

O conselleiro de Cultura, Juan Manuel Constenla, foi o encargado de dar a coñecer á gañadora deste premio literario no que os xuíces deron por gañadora a Cabaleiro. O xurado, formado por un grupo de recoñecidos profesionais vinculados ao mundo da cultura tales coma a filóloga e ensaísta María Eulalia Agrelo Costas, o poeta e editor Carlos González de Lema Malvar, o escritor e crítico literario Armando Requeixo Cuba, a poeta e xornalista Olalla Cociña Lozano e, actuando como secretario, o mestre e escritor Carlos Loureiro Rodríguez, recalcou que a novela galardoada foi escollida sen discusión e por unanimidade.

Ana Cabaleiro estudou xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e actualmente forma parte do Gabinete de prensa da Deputación de Pontevedra. Publicou a súa ópera prima o ano pasado baixo o título de “De sapos e sereas”. Segundo explica Requeixo, a autora reivindica, a través dos seus traballos, o papel da muller no mundo actual e a través dos mesmos, pódese observar a querenza desta para os veciños da zona, xa que o espazo da obra xira en torno a Saídes, lugar natal da galardoada.

A obra premiada conta a historia dunha fotógrafa de vodas que ansía transcender e alcanzar a liberdade a través da arte, segundo apuntou González de Lema, que engadiu que resultou ser unha obra que consegue contactar doadamente co lector, na que a acción se sitúa nos contornos da comarca, entre Silleda e Santiago, e na que de fondo figura un tema universal, que non é outro que o intento dunha persoa da aldea cun traballo normal mediante o cal pretende transcender a súa realidade.

González de Lema apuntou tamén que nun primeiro momento chama a atención que toda a acción ao longo do escrito transcorra en interiores de coches e que estes se convertan no espazo social polo que discorre a historia, e engadiu que isto non se trata dun “falso efectismo”, senón que serve como canle para o transcurso da novela.

Pola súa banda, Carlos Loureiro quixo recalcar a forma na que a historia chega ao lector grazas ao emprego dun espazo novelesco que resulta coñecido, como é o da zona de Silleda e Bandeira, e amosou emoción polo feito de que a gañadora deste ano fose unha muller, convertendo a Cabaleiro na terceira autora que gaña este premio nos seus trinta anos de historia.

De feito, as mulleres teñen un “papel protagónico fundamental”, tal como sinalou Agrelo, que tamén aclarou que o título da obra responde a que todas as mulleres do relato responden ao nome de Ramona nunha novela que se desenvolve nun ámbito rural en clave feminina; unha novela moderna, atractiva, sedutora, concluíu.

Olalla Cociña admitiu que o que máis lle chamou a atención da historia foi a construción do personaxe, da que dixo que é como unha especie de antiheroína; unha perdedora que vai crecendo ao longo da novela, de forma que pasa de ser unha perdedora a unha gañadora na vida.

Para concluír, Requeixo sinalou que As Ramonas conta cunhas personaxes femininas “fascinantes” e que representa a vitoria do mundo da arte fronte as continxencias cotiás, e predixo tamén que será unha obra que conseguirá cativar ás persoas que se aproximen a ela.

Publicado en Portada | Deja un comentario