O Concello da Estrada contará con 326 novos contedores para o lixo

O Concello da Estrada adxudicou hoxe a concesión mediante a cal, a empresa Contenur se encargará da subministración e instalación de 326 novos contedores de carga traseira previstos para a instalación nas zonas rurais da localidade, mentres que Plastic Omnium será a encargada de subministrar e instalar os contedores de carga lateral no casco urbano.

As empresas adxudicatarias terán un prazo de dezaseis días para dende que se produza a firma do contrato para subministrar e instalar os contedores nos lugares que correspondan, segundo explicou o alcalde, José López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada reforza a tempada de verán con dúas brigadas municipais

O Concello da Estrada contará a partir de mañá con dúas brigadas municipais para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais na tempada de verán.

Cada unha das novas unidades estará composta por un xefe de brigada, un condutor e tres peóns. Ademais destes, contarase con catro condutores de motobombas, o que suma un total de catorce traballadores ás filas do concello á hora de previr e loitar contra os incendios forestais, xa que estes non só levan a cabo labores de extinción, senón que tamén se ocupan das labores de desbroce e prevención, como aclarou o concelleiro de Obras e Servizos, Cultura, Medio Rural e Medio Ambiente, Juan Manuel Constenla.

As brigadas actuarán ao longo das diferentes parroquias da localidade e está previsto que cada brigada realice as súas labores nunha extensión de dez hectáreas, co que a superficie que cubrirían estas novas brigadas ascende a vinte hectáreas no período de tres meses por o que foron  contratadas.

As brigadas terán a súa base operativa no posto de emerxencias e operarán nas diferentes parroquias, así como no concello e nas áreas recreativas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada aproba a licitación para a reforma dos xardíns

A Xunta de Goberno do Concello da Estrada aprobou hoxe a licitación da obra para a reforma dos xardíns que rodean o Consistorio. Os plans de obras públicas marchan de acordo aos plans do concello, segundo afirma o alcalde da localidade, José López.

Tras a licitación, o proxecto rexistrarase mañá mesmo na plataforma de contratación estatal, e abrirase un período de vinte días para que as diferentes empresas poidan presentar as súas ofertas e optar, dese xeito, a facerse co contrato sobre o proxecto.

Paralelamente, na Xunta de Goberno tamén se pecharon os pregos para a declaración da expresión de interese das rúas Fernando Conde e Cruceiro, das que se prevé ter a licitación para a derradeira semana de xullo, aclarou López.

Nestes termos, o conxunto das iniciativas quedaría licitado no mes de xullo para proceder á adxudicación das obras ao longo do mes de agosto e seguir así co calendario previsto nas fases previas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada planifica mellorar a estrada entre San Miguel de Barcala e Cesures

O Concello da Estrada planifica realizar unha obra de mellora dun tramo de tres kilómetros da estrada que discorre entre a escola de San Miguel de Barcala e Cesures. Coa obra persegue o obxectivo de elaborar unha variante do tramo final da estrada para facela desembocar na rotonda das Colonias.

Deste xeito poderíase eliminar o último tramo de estrada e facilitaríanse as conexións aos veciños da zona. O único obstáculo do proxecto é que o novo trazado da variante atravesaría os terreos de dous propietarios, polo que, dende o Concello haberá que negociar cos veciños as condicións da cesión deses terreos e intentar chegar a acordos, recoñeceu o alcalde, José López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A unidade móbil para a doazón de sangue estará na Praza do Concello da Estrada o 27 e 28 de xullo

O SERGAS desprazará unha das súas unidades móbiles ata a Praza do Concello da Estrada para os vindeiros 27 e 28 de xullo. Dende o organismo solicitase a colaboración cidadá para axudar a acadar a cifra de doazóns necesaria para axudar aos enfermos.

A unidade móbil atenderá na praza fronte ao Consistorio a todos os veciños da Estrada que dispoñan acercarse a doar en horario de 10:00 ás 14:00 horas e de 16:30 ás 21: horas, durante o venres 27 e de 10:00 ás 15:00 horas durante o sábado 28.

Diariamente, o Servizo Galego de Saúde establece con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e lles envía os compoñentes que precisan, tanto para a súa actividade asistencial como para facer fronte ás urxencias. Por ende, o organismo recorda que cada día é importante acadar a cifra de 500 doazóns de sangue que se precisa para axudar a centos de enfermos.

Ademais, hai que sinalar que se precisa da especial implicación das persoas que posúan como grupo sanguíneo o A Negativo e o O Negativo, xa que actualmente existen baixas reservas de ambos grupos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A presión política do BNG obriga ao alcalde a reunirse coa Deputación

Agardamos que o impulso dado non decaia e faga as xestións oportunas co Ministerio de Fomento e a Xunta para que a Variante e a Cidade do Moble sexan unha realidade

 

 Desde o BNG da Estrada saudamos o cambio de actitude do alcalde a respecto da Deputación de Pontevedra, mais temos que lamentar que chega tres anos tarde. Se o alcalde non amosara unha actitude tan sectaria e irresponsábel coa institución provincial, e en concreto coas áreas xestionadas polo BNG, os veciños e veciñas de Barcala e Berres que podían ter resolto hai moito tempo os problemas dos viais das súas respectivas parroquias.

Tamén saudamos que a que a Deputación acometa a mellora da intersección da EP-7016 na saída da Estrada, que dá servizo ás parroquias de Guimarei, Cereixo e Vinseiro, unha mellora solicitada polo BNG hai poucas semanas a través dunha moción aprobada por unanimidade. Esta iniciativa instaba ao goberno municipal do PP a facer as xestións oportunas coa Deputación, mais tamén con Fomento para arranxar este perigoso enlace vial.

Por outra parte tamén queremos poñer de manifesto que este cambio de actitude do goberno municipal do PP é froito da presión política da nosa organización e en concreto de Xosé Magariños, concelleiro do BNG, a través de diversas mocións nos que trasladaba problemas dos veciños e veciñas, así como notas de prensa nos que poñíamos de manifesto a pasividade do alcalde e da súa equipa de goberno.

Con todo agardamos que este impulso que lle demos ao alcalde non decaia e sexa quen de trasladar as necesidades do noso concello tamén a outras administracións. En concreto, desde o BNG consideramos que o alcalde xa está tardando en pedir cita no Ministerio de Fomento para concretar dunha vez por todas unha data para a construción da Variante da Estrada, imprescindíbel para o desenvolvemento económico e social do concello. Xa que cambiou a cor política do goberno central, ao mellor o alcalde atopa unha maior receptividade por parte do ministerio, que non atopaba antes co PP. Mais o tempo demostra que iso é indiferente, a débeda histórica de Madrid coa Estrada aí está, goberne quen goberne. Mai a responsabilidade do alcalde é insistir.

Tamén instamos ao alcalde a solicitar cita en San Caetano para ver se é quen de cambiar a actitude dos seus compañeiros de partido, que non hai moitos días votaban contra unha iniciativa do BNG para impulsar a Cidade do Moble, aprobada polo Consello da Xunta, mais sen orzamento que faga realidade o parque industrial sectorial da madeira que dea impulso ao sector.
 
 
 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Escola Infantil Municipal da Estrada aproba con nota simulacro de incendio

 

A Escola Infantil Municipal da Estrada efectuou esta mañá un simulacro de incendio no que acadou uns resultados moi satisfactorios. Os 56 cativos acompañados polos seus mestres foron desaloxados das instalacións da escola en pouco máis de catro minutos e medio.

Nesta ocasión, o procedemento para dar inicio ao simulacro realizouse a través dunha chamada ao centro no que se daba aviso dun incendio na cociña. Dende o mesmo intre do comezo da chamada xa corría o tempo para proceder á evacuación, que marcou 4:33 minutos no momento exacto no que o derradeiro neno saía pola porta. Esta trátase dunha boa marca, xa que o obxectivo para unha escola municipal é “situarse por debaixo dos seis minutos”, segundo aclarou o técnico de prevención Alfonso Álvarez.

O procedemento seguido para o desaloxo foi o de formar pequenos grupos de nenos, uns agarrados aos outros que saían do centro, dirixidos cada un deles por un dos seis profesores, dúas cociñeiras e dúas persoas pertencentes ao Persoal de Servizos Xerais (PSX) da escola. Todos os cativos que participaron no simulacro teñen idades comprendidas entre un e tres anos.

Non obstante, aínda que o simulacro foi un éxito, hai cuestións que mellorar. O emprego da porta traseira do centro, con saída á Avenida de Santiago, para o desaloxo ten o problema de que necesita unha chave para a súa apertura, o que supón un obstáculo no caso dunha emerxencia real. O ideal sería evacuar aos nenos pola porta principal, que conta cunha ruta dotada de portas antipánico que se abren simplemente empurrando, pero ten o problema do tráfico que transita pola estrada PO-841 que vai cara Santiago e pasa xusto por diante da porta principal.

De todos os xeitos, estudarase a posibilidade de desaloxar por esa porta e empregar a beirarrúa cara unha explanada próxima ao centro como punto de reunión. A saída pola porta principal podería acortar o período de evacuación ata nun minuto, e en caso de emerxencia un minuto pode ser crucial, recordou Álvarez.

Publicado en Portada | Deja un comentario