Pero, a parte de facer un vídeo, que fai o alcalde da Estrada contra o cambio climático? Nada

López  non pode presumir de ser un goberno que loita contra o cambio climático, todo o contrario, e consideramos que a edición deste vídeo é unha mostra máis da política para a galería na que está instalado o goberno do Partido Popular da Estrada

 

 O alcalde da Estrada, José López, vén de unirse á campaña “A Hora do Planeta” da ONG WWF coa publicación dun vídeo e instando a outros concellos a que se unan á campaña.

Existe un evidente problema co cambio climático do planeta, analizado en diversos foros internacionais, que buscan a implicación do poder político para paliar as consecuencias que todas e todos percibimos e padecemos. 

Mais, aparte de facer un vídeo para unirse á campaña de WWF, que fai o alcalde da Estrada para loitar contra o cambio climático no planeta? A resposta é nada. 

Uns  exemplos. O BNG propuxo hai uns meses que o concello da Estrada se unira ao plan REVITALIZA de compostaxe de residuos orgánicos da Deputación de Pontevedra e o PP dixo non. A compostaxe evitaría que centos de toneladas de lixo que hoxe se envían a SOGAMA para queimar, coa conseguinte emisión de residuos tóxicos ao medio ambiente. Isto non é loitar contra o cambio climático, senón todo o contrario.

A Estrada tamén ten un problema coa depuración das augas. A EDAR de Aguións verte auga contaminada ao Ulla. Iso sen mencionar que o 80% das parroquias da Estrada non teñen ningún tipo de sistema de saneamento. Isto é loitar contra o cambio climático? Non. Mais o alcalde prefire investir tres millóns de euros na Alameda, que non aportará beneficio económico algún para o concello da Estrada, mais si para a transnacional Idom e a construtora que se encargue deste proxecto.

Mais o goberno do PP non ten políticas contra o cambio climático, tampouco para paliar as consecuencias do cambio climático. Desde o BNG da Estrada pedímoslle reiteradamente a mellora das canles de rega para que o agro teña auga nos períodos de seca como padecemos estes últimos anos. E tampouco ten un plan para mellorar a eficiencia da traída de auga da Estrada, que reiteradamente sofre roturas e perdas, cos conseguintes problemas que ocasiona a a veciños e veciñas.

En resumo, que o goberno de López non pode presumir de ser un goberno que loita contra o cambio climático, todo o contrario, e consideramos que a edición deste vídeo é unha mostra máis da política para a galería na que está instalado o goberno do Partido Popular da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

JOSÉ LÓPEZ GRAVA UN VÍDEO PARA CONCIENCIAR SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

Esta é unha iniciativa que están levando a cabo alcaldes a través da rede.

O alcalde da Estrada, José López, filmou esta mañá un vídeo de concienciación sobre o cambio climático, unha campaña (A hora del planeta) que leva anos lanzándose a nivel mundial.

Trátase dunha iniciativa no que os alcaldes dos Concellos retan aos seus homónimos a gravar un vídeo para concienciar á cidadanía, e tamén ás Administracións públicas, para que xuntos unan esforzos os 365 días do ano para combater esta problemática.

A Estrada foi ‘nominada’ polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e no seu caso, José López, convidou a seguir con esta campaña de concienciación ás alcaldesas de Marín, María Ramallo, e a de Forcarei, Belén Cachafeiro. Os vídeos publícanse nas distintas canles de cada Concello para tomar conciencia deste problema e para que xuntos poidan aportar solucións no día a día.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O MOME acolle o venres 23 a presentación do libro A volta e outros relatos do autor Mario Franco

O Museo do Moble e da Madeira da Estrada acollerá o vindeiro venres, día 23, a presentación do libro de edicións Fervenza A volta e outros relatos do autor Mario Franco. Será ás 20.00 horas. Ao evento asistirán os profesores e escritores Carlos Loureiro e Xosé Luna, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, o alcalde José López e o autor do libro.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A IV Xornada de Encontro e Convivencia de Maiores da Estrada será o 7 de abril no Coto Ferreiro

                     O prazo de inscrición en Servizos Sociais arranca o luns ata o día 3

 

A Estrada celebrará o sábado 7 de abril a súa IV Xornada do Encontro e Convivencia de Maiores que terá como escenario o pavillón municipal Manuel Coto Ferreiro. Esta iniciativa levada a cabo pola concellería de Benestar Social, dirixida por Amalia Goldar, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos maiores e mellorar as súas vías de relacións sociais de tal maneira, que esta xuntanza serva para que os asistentes poidan intercambiar experiencias e recordos e pasar unha xornada agradable. Polo tanto, é unha actividade que ten unha clara finalidade social e integradora.

 

“Esta actividade ten sempre moi boa acollida e é unha das demandas expresadas de maneira reiterada polas persoas maiores”, sinala Goldar. O menú estará composto a base de empanadas de bonito e bacallau, mexillóns ao vapor, carne ao caldeiro con patacas, sobremesa, pan e bebidas e terá un custe de 7 euros por comensal.

 

Para poder asistir as persoas deberán estar empadroadas no municipio estradense e ter 60 anos cumpridos, pero existe a excepción de que a parella, o cónxuxe, que acompañe a esa persoa pode acudir igual, aínda que sexa menor de esa idade.

 

O prazo para inscribirse abrirase o luns, día 19, ata o 3 de abril. As persoas interesadas deberán anotarse no departamento de Servizos Sociais do Concello, sito na planta baixa do Consistorio. Será alí onde aportarán os seus datos e despois terán que abonar ese custe de sete euros.

 

Servizo de transporte

A concelleira sinala que haberá transporte para quen así o desexe, pero deberán indicalo no momento da inscrición. “Despois xa avisaremos con antelación do horario e do lugar de recollida a cada interesado”, indica Goldar.

 

Ademais do xantar de confraternidade, a xornada estará animada por música. Ademais, durante o acto aproveitarase para homenaxear ao home a á muller de maior idade da festa aos cales se lles fará entrega dun agasallo.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Aprendendo a escoitar en O CEIP de O Foxo, “Orellas grandes e boca pequena”

 

Dentro da actividade “Escoito aos maiores…aprendo a pensar”da biblioteca Xosé Neira Vilas na que colaboran as familias do centro, hoxe visitaron o centro dous psicólogos da asociación “Medrando a par”, Jose C. Lorenzo e José Expósito (pai dunha alumna). A partires dun obradoiro lúdico titulado “Orellas grandes e boca pequena” fixeron experimentar aos nenos a importancia da participación en equipo, a valoración da diferencia e o importante que é escoitar e respectar así como saberse escoitado, respectado e acompañado.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Desde mañá ata o 23 estará aberto o prazo para anotarse na segunda quenda da actividade de piscina para maiores de 50 anos

               Tamén poden asistir persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%

 

 

A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Educación, Amalia Goldar, informa que mañá, xoves día 15, ábrese o prazo para anotarse na segunda quenda das actividades de piscina. Estas están dirixidas aos maiores de 50 anos ou para os menores desta idade que teñan unha minusvalía igual ou superior ao 33%.

 

O período de inscrición rematará o día 23 de marzo. A actividade terá un custo total de 20 euros e levarase a cabo entre o 2 de abril e o 29 de xuño.

 

Haberá un total de cinco grupos formados cada un por 12 persoas, polo que se ofertan un total de 60 prazas. Segundo apuntan desde Servizos Sociais é unha iniciativa que ten moi boa acollida e sempre se cobren todas as prazas, quedando incluso xente fóra. Cada persoa admitida asistirá un día á semana durante 45 minutos.

 

Os horarios serán:

  • Os luns de 09.45 a 10.30 horas.
  • Os mércores de 9.45 a 10.30 horas e de 20.00 a 20.45 horas.
  • Os venres de 09.00 a 09.45 horas a 09.45 a 10.30 horas.

 

Os interesados en anotarse deberán facelo no departamento de Servizos Sociais do Concello en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e tamén poderán descargar o formulario da solicitude na páxina web do Concello (www.aestrada.gal) e despois entregalo neste departamento. Para ser admitidos terán que estar empadroados no municipio estradense e non ter participado na anterior quenda. Terase, ademais, en conta a orde de inscrición.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O local social de Oca acollerá o sábado unha charla informativa sobre a avespa Velutina

A concellería de Medio Ambiente, dirixida por Juan Constenla, está levando a cabo unhas xornadas informativas sobre a avespa velutina. En días pasados estas tiveron lugar no casco urbano, pero agora tamén se trasladan ao rural. Así este sábado, día 17, ás 17.30 horas terá lugar unha charla no local social da parroquia de Oca. Estará impartida por José María Bello, delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) no Morrazo, en colaboración co Concello da Estrada. Esta iniciativa ten como obxectivo concienciar a veciños e asociacións sobre a importancia de colocar trampas para erradicar esta invasión, así como para aportar toda a información referente a esta especie.

 

Durante o acto, tratarase a problemática da avespa Velutina, máis coñecida como avespa asiática,  intentando concienciar á sociedade do perigo que supón está lacra e para que todos en conxunto consigamos  a súa erradicación.

 

A persoa encargada de impartir a charla aportará información sobre as características desta especie procedente de Asia e tamén explicará detalles que permitan diferenciala da especie autóctona. Ademais, indicará como detectar a presencia dun niño de Velutina, distinguindo entre un primario e un secundario. Tamén, abordará a importancia de eliminar estes niños e a maneira en como se pode facer. Concretamente, a eliminación do niño primario é sinxela e débese facer sempre de noite pulverizando con insecticida a través do orificio de entrada do niño, mentres que a do secundario é moito máis complexa, polo que terá que ser levada a cabo por persoas especializadas, polo que neste caso, hai que chamar ao 112.

 

Estas charlas son de gran importancia nestas datas tendo en conta que é o momento para capturar ás raíñas, que abarca desde febreiro a maio incluídos, xa que é a fase de construción e actividade do niño primario. O mellor lugar para colocar as trampas son as camelias porque teñen flor nestes meses e atraen moito ás raíñas de Velutina. Existen trampas comercias dispoñibles no mercado, aínda que se poden facer de maneira caseira e de forma sinxela, algo que tamén se explicará na charla.

 

Juan Constenla pide a colaboración da cidadanía para que en conxunto todos aportemos axuda para acabar con esta lacra, xa que provocan danos na apicultura, danos medioambientais, agrícolas e frutícolas e en xeral, son prexudiciais para a saúde e para a seguridade cidadá.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario