A Estrada conmemora mañá o Día da Muller Traballadora coa lectura dun manifesto aprobado por todas as forzas políticas locais

                                                     Será ás 12.00 horas diante do Concello

 

 

 

O Concello da Estrada súmase mañá á conmemoración do Día da Muller Traballadora. Ás 12.00 horas, diante do Casa Consistorial, procederase á lectura dun manifesto aprobado por unanimidade por todas as forzas políticas locais. “Animamos á cidadanía a que se acerque para participar desta lectura, pedindo o máximo apoio de todos para intentar lograr a igualdade entre homes e mulleres”, sinala a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia Goldar.

 

Xa o venres, ás 21.00 horas, o Museo do Moble e da Madeira (MOME) acollerá a entrega do Premio Honorífico ao Labor da Muller que este ano recaeu nas irmáns Torres (Teresa, Carmela, Saly, Montse e Raquel Torres Nogueira). Este premio é convocado polo Centro da Información da Muller (CIM) do Concello da Estrada. O acto estará presentado pola comunicadora Marga Pazos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Quedan aínda prazas dispoñibles para asistir ao Espazo Concilia A Estrada

                          O servizo vai dirixido a menores de entre 3 e 12 nos

 

 

A concelleira de Benestar Social, Educación e Igualdade, Amalia Goldar, comunica que aínda hai prazas dispoñibles, das 45 que se ofertan, para beneficiarse dos servizos aportados polo Espazo Concilia A Estrada, dirixido a menores de entre 3 e 12 anos. Os interesados deberán facer unha pre-inscrición no Departamento de Servizos Sociais, sito na planta baixa do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou a través do teléfono 986 573 265.

 

Este servizo levarase a cabo nas instalacións do Novo Mercado. Durante o curso escolar funcionará de luns a venres en horario de 15.30 a 20.30 horas e os sábados de 08.30 a 13.30 horas. Mentres, os días non lectivos abrirá de luns a venres de 08.00 a 14.00 e os sábados no mesmo horario. Os prezos que deberán pagar oscilarán entre os 0 e os 100 euros ao mes, fixados en función dos ingresos e da situación familiar. Tamén haberá diversos descontos como os aplicables a familias numerosas, pola asistencia de máis dun fillo o para as familias monoparentais.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Unhas 500 persoas anotáronse ás actividades de Prevención de Dependencia da Estrada

                          Aínda quedan catro prazas para anotarse en Arteterapia

 

 

A concellería de Benestar Social do Concello da Estrada convocou un ano máis actividades de Prevención de Dependencia, que se impartirán tanto no rural como no casco urbano e están dirixidas a persoas maiores de 50 anos. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia Goldar, apuntou esta mañá que se anotaron ao redor dunhas 500 persoas que se dividirán en 35 grupos. Ofértanse: xerontoximnasia, aeróbic de mantemento, taller de memoria e pilates.

 

Mañá, mércores, comeza o prazo, ata o día 15 de marzo, para que as persoas admitidas poidan facer o pago das actividades. A carta de pago debe recollerse no departamento de Servizos Sociais, planta baixa do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. Aínda que se informará a cada admitido do prazo para poder facer o abono, quen o desexe xa pode recoller mañá a carta de pago para formalizar a inscrición. Aquí especificarase o número de conta e os horarios de cada actividade, que arrancarán o 19 deste mes.

 

Arteterapia

 

Por outra banda, mañá, mércores comezan as actividades de Arteterapia, dirixidas á persoas con discapacidade intelectual. As actividades levaranse a cabo desde mañá ata o 14 de decembro, agás no mes de agosto, durante tres días á semana con tres horas diarias de duración. “Anotáronse 11 persoas, habendo un límite de 15, polo que aínda quedan catro prazas libres, e quen o desexe poden anotarse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais”, sinala Goldar.

 

Estas actividades serán impartidas pola Asociación Galega das Artes e terán como escenario as instalacións deste colectivo, sitas na Avenida de Vigo, número 25, baixo da Estrada. A concelleira visitará mañá, ás 17.30 horas, estas instalacións para asistir a apertura das mesmas.

 

Esta iniciativa está dirixida ás persoas empadroadas no municipio estradense e que teñen unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33%. As sesións, de marzo a decembro, con descanso no mes de agosto, terán lugar os luns, mércores e xoves en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.

 

Os obxectivos deste programa son, entre outros, fortalecer a independencia e a autonomía persoal posibilitando que as persoas con discapacidade intelectual adquiran e manteñan habilidades instrumentais e funcionais para a vida diaria; favorecer o desfrute e a calidade de vida por medio da aprendizaxe de habilidades sociais e persoais, desenvolvendo actividades socioculturais, ocupacionais, artísticas e creativas; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promovela integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupais normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.

O apoio ás familias das persoas con discapacidade e o desenvolvemento de actuacións para a promoción de vida independente, tanto no ámbito persoal como social, son aspectos básicos para a planificación de actuacións dirixidas á persoas con discapacidade e organizadas dende o departamento de Servizos Sociais deste Concello.

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ruedae o alcalde Estradense acompañan ao presidente da Escola Nacional de Bombeiros de Portugal nunha visita ás instalacións da AGASP e do CIAE 112

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,alcalde Estradense acompañarón hoxe ao presidente da Escola Nacional de Bombeiros de Portugal, José Ferreira, e a outras autoridades de bombeiros do país veciño a unha visita polas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112).

En concreto, as autoridades portuguesas interesáronse pola oferta educativa e os programas da AGASP, especialmente por aqueles destinados a formar bombeiros, GES e voluntariado de protección civil, así como tamén abordaron posibles colaboracións a través de actividades conxuntas ou intercambio de experiencias formativas. No caso do CIAE 112, tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento da nova plataforma de atención ás chamadas de emerxencia, así como se lles explicaron tamén polo miúdo os distintos protocolos que se establecen en función da tipoloxía da emerxencia.
 

Publicado en Portada | Deja un comentario

SmartPeme imparte o mércores na Estrada un curso sobre a maneira de facturar electronicamente

 

A pasada semana comezou a operar o proxecto SmartPeme da Deputación de Pontevedra na Estrada. Ademais das súas funcións de asesoramento, a iniciativa ofrece diversos cursos. Este mércores no Viveiro de Empresas, sito no segundo andar do Novo Mercado, impartirase un sobre como facturar electronicamente, tanto para empresas como para administracións públicas. Será ás 19.00 horas e estará impartido por Ángel Garrido, técnico de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, especializado en deseño web, SEO, SEM, analítica, redes sociais e branding con máis de catro anos de experiencia en asesoramento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

 

Este taller, cunha duración de dúas horas, ten como obxectivo mostrar as comodidades e vantaxes da factura electrónica. Os contidos que se abordarán son:

  1. ¿Que é unha factura electrónica?
  2. Normativa da factura electrónica.
  3. Novidades 2015: Administración Pública e actividade privada.
  4. Obrigacións do emisor dunha factura electrónica.
  5. Obrigacións do receptor dunha factura electrónica.
  6. Vantaxes da facturación electrónica.
  7. ¿Que formato se debe usar para a factura electrónica?
  8. Xenerando unha factura electrónica.
  9. Preguntas frecuentes sobre a factura electrónica.

 

Os interesados en asistir deberán inscribirse previamente a través da páxina web http://www.smartpeme.depo.gal/es/que-es-smartpeme. Tamén poden obter máis información no teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es 

 

 

 

 O servizo de SmartPeme da Deputación de Pontevedra vai dirixido a emprendedores, autónomos, pequenas empresas, así como diversos colectivos. Poden acceder a este proxecto de maneira gratuíta e haberá asesoría presencial dous días ao mes no Viveiro de Empresas, sito nas instalacións do Novo Mercado. Concretamente, o horario para a atención na Estrada será o primeiro e último mércores de cada mes de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas, agás no mes de agosto que será de 09.00 a 14.30 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

El Mundo Lirondo, unha comedia xestual de carácter pedágoxico, chega o sábado á Estrada

                                                Será ás 20.30 h no Teatro Principal

 

 

A compañía Spasmo Teatro de Salamanca achega á Estrada a súa comedia xestual El mundo lirondo. Será ás 20.30 h no Teatro Principal. El Mundo Lirondo é un espectáculo que a través dunha viaxe levará ao espectador aos recunchos máis recónditos do mundo de Europa, África, Asia, América… Continente a continente, país a país, catro actores encarnados en multitude de personaxes irán dando forma aos nativos, aos animais e aos distintos referentes de cada civilización. Está dirixido ao público familiar, e é moi recomendado para rapaces de entre 6 e 12 anos, e ten unha duración de 50 minutos.

 

  El Mundo Lirondo  ten un marcado carácter pedagóxico, xa que unha narradora, a modo de «profe» virtual vai guiando aos cativos polos distintos bloques didácticos. A cultura flamenca, O discóbolo de Mirón, París e a torre Eiffel, Buckingham Palace, o Coliseo de Roma, o deserto africano, a tribo dos Masai na África oriental, a cultura mística da antiga India, o folclore asociado aos dragóns xaponeses, as especies animais de Australia, a diversidade cultural das tres Américas (dende as frías terras de Alaska, ata as rúas neoiorquinas, pasando polos corridos mexicanos, o tango arxentino ou as praias de Copacabana)… Toda esta secuencia está apoiada por proxeccións de mapas virtuais e comentarios en off que vai acompañando o traballo xestual dos actores.

SPASMO TEATRO ESTRENA EL MUNDO LIRONDO EN EL TEATRO LICEO¶

 

As entradas, que teñen un prezo de cinco euros, poden adquirise de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, ou en billeteira o día do espectáculo.

 

Spasmo Teatro

 

 É unha compañía salmantina de teatro que fai do humor xestual o seu sinal de identidade. Os seus 25 años sobre as táboas avalan a súa experiencia. As súas producións de sala e rúa visitaron un gran número de cidades a nivel nacional, e colleitaron grande éxito en países como Grecia, Arxentina, Chipre e Portugal. Os seus catro membros, Vicente Martín, Álvaro Sánchez, José G. Sánchez e Isaac Tapia, compaxinan con grande mestría os seus espectáculos coas súas intervencións en programas de TV de Cuarto, Canal Sur, Telecinco, TVE, Aragón Televisión, TVG e Telemadrid.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada insta a mellorar as instalacións e os horarios de apertura da biblioteca municipal

 A limpeza é escasa e o ruído habitual nun espazo que se utiliza maioritariamente ao estudo

As usuarias e usuarios da  biblioteca municipal non están contentas coa nin coas instalacións nin cos horarios de apertura. Segundo nos manifestaron as instalacións non poden utilizarse para todo: ou son para estudar e ler, para o cal se necesita silencio e tranquilidade, ou son para manter reunións. Mais, coincidindo coas usuarias e usuarios da biblioteca este “todo en un” non é útil para as estudantes, que en moitos casos desprázanse desde o rural, xa que as reunións habituais que hai nas instalacións, molestan e interrompen o estudo, dado o seu aforo reducido e mal aproveitado.

Por outra parte, as usuarias e usuarios, segundo no teñen manifestado ao BNG, tamén se queixan da limpeza do servizos. Un problema que non é único da biblioteca, tal e como temos manifestado en días anteriores polo mal estado do espazo que o concello pensa dedicar á ludoteca. O que está claro é que o goberno municipal ten un problema coa hixiene máis elemental no espazos públicos.

Outra das queixas que manifestan as usuarias e usuarios son os horarios de apertura (de 9:00 a 14:30h e de 16:00 até as 21:30h de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados). O feito de que se interrompa a apertura da biblioteca de 14.30 a 16 horas é cando incomprensíbel, xa que o lóxico sería que un espazo de estudo como é este abrira ininterrompidamente. Tendo en conta que a biblioteca está atendida por tres persoas, unha mellor organización do traballo en quendas permitiría proporcionar un mellor servizo para as estudantes, que, como dixemos, en moitos casos desprázanse desde o rural, especialmente en datas de exames, onde todas as horas de estudo son poucas. Evidentemente, este reorganización tería que respectar os dereitos das traballadoras e traballadores da biblioteca.

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal reorganizar e mellorar as instalacións da biblioteca municipal, a empezar, e con urxencia, pola hixiene, algo tan elemental e tan básico que debería sacar as cores aos grupo de goberno do PP.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario