Medio Rural convocará as organizacións agrarias para enriquecer o texto do decreto de primeiros compradores de leite

A Consellería do Medio Rural buscará ir da man das organizacións profesionais agrarias para enriquecer o texto do decreto de primeiros compradores de leite que impulsa o Ministerio de Agricultura e que se atopa actualmente en fase de alegacións. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez vén de convocar a estas entidades a unha xuntanza, co fin de buscar o máximo consenso posible nestas materias e poder defender así co máximo rigor e eficacia os intereses dos agricultores e gandeiros da nosa comunidade.

En relación co decreto de primeiros compradores, as propostas da Xunta van na liña de mellorar a transparencia da cadea de valor do leite, darlles seguridade aos gandeiros e reforzar as súas garantías e a súa protección nas relacións contractuais que manteñen con esta figura. Ademais, proponse mellorar os requisitos mínimos dos contratos e enriquecer a normativa no que atinxe aos avais obrigatorios que os primeiros compradores non transformadores teñen que depositar para poder exercer a súa actividade. O Ministerio pretende aprobar o texto definitivo do decreto neste primeiro semestre do ano.

Nesta xuntanza tamén está previsto abordar coas organizacións profesionais agrarias as melloras que promove a Consellería do Medio Rural para facilitar aos agricultores e gandeiros galegos a renovación e adecuación de maquinaria en relación coa aplicación de xurros.

Estabilidade no lácteo

A conselleira Ángeles Vázquez fixo estas consideracións este mediodía nunha xuntanza con gandeiros da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, onde se premiaron as 10 mellores ganderías dos concellos da Estrada e Forcarei. A titular de Medio Rural falou tamén da estabilidade que se vive no sector lácteo, favorecida pola marcha de diferentes indicadores e pola consolidación dos contratos a un ano entre os gandeiros e a industria.

Destacou, así mesmo, a evolución dos ingresos recibidos polos produtores, que no mes de xaneiro acadaron os 73,3 millóns de euros, o que representa un incremento de sete millóns respecto a 2017 (case un 11% máis) e de 9,5 millóns máis ca no 2016, o que supón un aumento do 15%. Ademais, a conselleira indicou que a produción láctea galega increméntase un 5,67% respecto a xaneiro de 2017 ata as 231.331,4 toneladas, é dicir, 12.422,7 toneladas máis.

Por último, Ángeles Vázquez referiuse ao decreto sobre identificación da orixe do leite, que está ultimando o Ministerio. A Xunta e o Goberno Central coinciden na necesidade de axilizar ao máximo a tramitación normativa que permita a identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos, unha medida imprescindible para fortalecer o sector a través da transparencia dos mercados e a información do consumidor, dixo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

El pequeño conejo blanco e Rosalía Trío chegan mañá ao Principal

Mañá, sábado día 3, o Teatro Principal acolle dous dos seus eventos da programación cultural de primavera. Pola mañá, será a quenda do musical El pequeño conejo blanco, ás 12.30 horas, que está baseado nunha fábula portuguesa. E ás 20.30 horas actuará Rosalía Trío, un concerto que homenaxea á poetisa galega máis universal.

El pequeño conejo blanco é un espectáculo teatral e musical, baseado nunha fábula portuguesa, que vai dirixido a nenos de entre 2 e 8 anos. Relata as aventuras dun pequeno coello que quere recuperar a súa casa. Na historia aparecen máis personaxes como unha cabra, un boi, un can, un galo e unha pequena formiga. Todos eles, demostrarán, a través dunha linguaxe chea de sonoridade e rima, que un minúsculo animal pode gañar a partida, incluso ao más grandullón. Na narración trátanse temas tan importantes para os cativos como son a amizade, as aparencias, a perseveranza, o egoísmo e a valentía. A valentía non só para enfrontarse a calquera situación, senón tamén a necesaria para pedir axuda. O prezo da entrada é de cinco euros.

E xa para rematar ás 20.30 horas terá lugar o concerto de Rosalía Trío, que poñerá tamén punto e final aos actos estradenses en conmemoración de Rosalía de Castro. A agrupación está formada pola pianista Margarita Viso, o óboe de Juan Pérez Berná e a mezzosoprano María José Ladra. Será un concerto no que a música clásica e tradicional se fusiona cos versos de Rosalía. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Inspección técnica de turismos e ciclomotores en abril na Estrada

Xa hai datas para a levar a cabo as inspeccións técnicas de turismos e ciclomotores na Estrada. Ambas serán no mes de abril. Para solicitar cita previa os interesados deberán chamar ao 902 309 000 ou a través  da páxina web www.sycitv.com

 

Por unha banda, unha unidade móbil 6 de inspección técnica de turismos desprazarase á Estrada os días 11, 12, 13, 16, 17 e 22 de abril. Situarase na explanada da estación de autobuses e o horario de atención será de 09.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas, agás o día 17 que será só en horario de mañá, de 09.00 a 13.30 horas.

 

E por outra banda, tamén no mesmo lugar, se situará o día 20 unha unidade móbil 9 de inspección técnica de ciclomotores en horario de atención de 09.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

II Rally Cross Colexío O Foxo

 

Está mañá José Manuel Barreiro «Bamarti», visitou os escolares do CEIP de O Foxo para explicarlles en que consinte ser piloto de Rally e tamen facerlle unha pequena demostración.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Alumnado do cuarto curso de primaria do CEIP de Figueiroa asisten ao consistorio a un pleno liderado polo alcalde

A Casa Consistorial recibiu esta mañá a visita de 44 alumnos do cuarto curso de primaria do CEIP de Figueiroa, que acompañados por tres mestras, visitaron as instalacións do Concello. Os cativos foron recibidos no Salón de Plenos polo alcalde, José López, e despois celebraron un pleno tras realizar diferentes suxestións para mellorar o municipio e tras facer un breve recorrido pola historia da Estrada.

Os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento dun pleno e as funcións dun alcalde. Por quendas, os nenos, todos ilusionados, ocuparon os asentos dos concelleiros. O alcalde primeiramente explicoulles o funcionamento dun pleno e fixo un breve recorrido pola historia da Estrada, falando da súa orixe e constitución como Concello e tamén mencionou o número de parroquias que o conforman. Seguidamente, o rexedor lanzoulles unha pregunta: Que servizos ofrece o Concello? Os rapaces, respectando en todo o momento as súas quendas, deixaron ver que son moi conscientes da maneira en como funciona  a Administración local. Falaron do servizo de limpeza, da Policía Local, de Protección Civil…. O alcalde e os pequenos concelleiros tamén abordaron outros temas como o novo centro de saúde, a ampliación da Alameda e a súa futura zona adicada aos xogos, o temas dos incendiarios, dos vertedoiros incontrolados onde o alcalde lles explicou a existencia do punto limpo e houbo quen preguntou tamén pola posta en marcha, de novo, do reloxo do Consistorio. Incluso López lles tivo que contar da súa traxectoria estudantil e profesional e dos seus desexos para o futuro.

Tras este primeiro apartado de preguntas, que na maioría dos casos o alumnado xa traía pensadas, pasaron a celebrar o pleno. Na orde do día, que se lle entregou a cada cativo ó principio, figuraban os seguintes asuntos: suxestións para a zona de xogos da Alameda, de obras infantís para traer ao Teatro Principal, de libros destinados ao fondo da biblioteca do seu colexio, así como posibles melloras e material para o seu pavillón escolar.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG insta ao goberno municipal a facer cambios para revitalizar a feira dos mércores

A feira dos mércores da Estrada, o evento comercial máis importante de nosa vila, languidece e precisa de cambios para revitalizala. É un feito palpábel que cada mércores costa máis completar os postos e constátase tamén a simple vista unha menor afluencia de persoas, independentemente das condicións climatolóxicas. 

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal a elaborar un plan para revitalizar o mercado dos mércores antes de que sexa demasiado tarde. O noso concello, e en concreto a vila, non pode permitirse o luxo de perder a feira dos mércores, que é un dos motores económicos do comercio e da hostalaría locais.

Neste sentido, desde o BNG da Estrada propoñemos que se flexibilice a instalación dos postos permitindo que os vehículos dos feirantes formen parte do posto de venda, o que non só facilitaría o traballo de carga e descarga dos comerciantes ambulantes, senón que permitiría que estes prestaran outros servizos e facilidades para a compra por parte dos clientes. Este extremo xa está contemplado na ordenanza municipal correspondente, mais comerciantes ambulantes trasladáronnos as dificultades que teñen para instalar os seus vehículos dentro do recinto do Campo da Feira.

Por outra parte, unha maior rotación dos postos permitiría completar aforo, sen deixar espazos baleiros no caso de que determinado comerciante ambulante non instalara o seu posto. Hai que ter en conta que os feirantes pagan por todo o ano o dereito a instalar o seu posto por unha ubicación determinada, se algún falla, queda baleiro dando unha pobre imaxe.

En todo caso, estas son as nosas propostas, contrastadas cos propios comerciantes ambulantes. O ideal é que o goberno municipal se sente a falar co sector e dialoguen para impulsar a feira dos mércores, algo que sen dúbida redundará en beneficio de todas e todos.

A Estrada non é Sada

E xa por último, instamos ao goberno municipal do PP a modificar a ordenanza municipal de venda ambulante, xa que que no artigo 8 fai referencia ao concello de Sada, no canto de ao concello da Estrada. Estas son as consecuencias de copiar e pegar, e demostra ademais, o escaso interese que tiña o PP en 2004, data na que foi aprobada esta ordenanza, pola feira da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

“UN DÍA PARA O RECORDO”

Curtametraxe “Un día para o recordo” feita polas nenas e nenos de Educación Infantildo cole O Fox0 polo 181 aniversario de Rosalía de Castro.

Publicado en Portada | Deja un comentario