O CIM da Estrada celebra o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero con charlas, unha concentración de repulsa e un ciclo de curtas

O sábado, día 25, celebrarase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero e o Centro de Información á Muller do Concello da Estrada súmase a esta conmemoración coa organización de diversos actos. Estes teñen como obxectivo concienciar á sociedade para acabar con esta lacra, que no que levamos de ano rematou coa vida de 44 mulleres e 7 nenos, dous deles nos últimos días. A fachada da Casa Consistorial lucirá estes días un cartel de repulsa contra esta problemática.

O programa de actividades arrancará o xoves 23 cunha charla na Sala Abanca para explicar, tal e como comenta Margarita de la Calle, directora do CIM, os resultados extraídos dos obradoiros realizados nos dous últimos cursos académicos nos institutos da Estrada, feitos co obxectivo de concienciar aos adolescentes con este tema.

O venres, día 24, durante a mañá uns 300 alumnos dos institutos do municipio asistirán a unha charla no Salón de Actos da Academia Galega de Seguridade. “Nela falarase sobre tomar conciencia, da propia violencia de xénero, traballarase sobre estereotipos, abordaranse as posibles manifestacións de violencia que se dan xa entre os adolescentes e todo isto apoiado con vídeos”, apunta De la Calle.

Ás 20.00 horas na Praza do Concello haberá, coma todos os anos, unha concentración para recordar as vítimas desta lacra, na que se poñerá un cirio co nome de cada unha das que perderon a vida ao longo deste ano. Seguidamente, lerase o manifesto aprobado polas tres forzas políticas do Concello.

Xa pola noite, e tamén o sábado e o domingo, proxectaranse cinco curtas, cunha duración total duns 45 minutos, con entrada de balde ata cubrir o aforo, nos Minicines Central. O venres será as 22.00 horas e o fin de semana ás 17.30 horas.

 

Relación de cortos

 

  1. El orden de las cosas. Dirixido por José Esteban Alenda e César Esteban Alenda. Interpretado por Manuela Vellés, Javier Gutiérrez, Mariano Venancio, Biel Durán, Ana Gracia, José Luís Torrijo, Manuela Paso, Junio Valverde.

A vida de Xulia transcorre na bañeira. Gota a gota irá reunindo o valor necesario para cambiar a orde das cosas.

Duración: 19 minutos.

 

  1. No aguanto a tus padres. Dirixido por Javier Cano e interpretado por David Bendito e María Zabalza.

David dá explicacións á súa parella sobre por que non quere ir ao aniversario da súa sogra.

Duración: 4 minutos.

 

  1. Recursos humanos. Dirixido por Joan Álvarez Lladós. Interpretado por Xavier Pàmies, Rocío Manzano, David Arribas e Ivana Miño.

Un traballador de recursos humanos vai realizar unha entrevista a unha candidata, pero o que para el resulta unha tarefa cotiá, quizais non o sexa esta vez.

Duración: 4 minutos.

 

  1. Dirixido por Ana Lorenz e interpretado por Ramón Orozco, David Matarín, Nuria Herrero e Rebeca Dato.

Fran ten unha foto e un obxectivo: darlle unha malleira ao mozo que aparece nela.

Duración: 4 minutos.

 

  1. Libre directo. Dirixido por Bernabé Rico. Interpretado por Petra Martínez, Ramón Barea, José Antonio Izaguirre e Arantxa de Sarabia.

Un día, a vida dunha muller dá un inesperado xiro: daranlle a oportunidade de lanzar un tiro único desde o medio da cancha nun partido de liga.

Duración: 13 minutos.

 

Os interesados poderán obter máis información sobre estas curtas en www.cortoespana.es

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Pedro Pérez impartirá unha charla sobre os misterios de Galicia e o seu tratamento no cine o xoves na Casa das Letras

Como parte dos actos do Festival de Terror PANIC, A Casa das Letras acollerá este xoves, día 23, ás 20.00 horas unha charla sobre os misterios de Galicia e o tratamento que se dan sobre os mesmos no cine. Estará impartida por Pedro Pérez, de producciones Trípode.

Pérez abordará tres temas:

  1. O dos endemoñados do Corpiño no que proxectará algún fragmento da entrevista que o propio Pérez lle realizou a José Criado, reitor do Santuario do Corpiño (Lalín) e experto en exorcismos.
  2. A Santa Compaña, que, unhas das súas mostras máis presentes no cine, é a través dos zombis. Pérez dará conta dunha testemuña dunha persoa da Estrada que afirma que viu nunha ocasión á Santa Compaña.
  3. E abordará a figura de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o Lobishome de Allariz.

 

Toda a conferencia estará apoiada por imaxes de películas que tratan estas temáticas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

600 alumnos de nove centros educativos participarán o mércores no campionato Xogade-Campo a Través na Estrada

 

Preto de 600 alumnos de nove centros educativos da zona participarán no campionato Xogade- Campo a través. Esta proba de atletismo disputarase o mércores, día 22, na praia fluvial a partir das 10.00 horas. A competición está organizada pola Agrupación A Estrada de Deporte Escolar, colectivo no que se encontran integrados os colexios da zona, coa colaboración do Concello da Estrada e a Secretaría Xeral para o Deporte. Toño López, coordinador da Agrupación A Estrada de Deporte Escolar, Daniel Benavides, xefe de Servizo Provincial de Deportes e  José López, alcalde da Estrada, deron hoxe todos os detalles durante a presentación do acto.

A proba, que ten como principal obxectivo que sexa unha xornada de deporte e de diversión, contará coa presenza de estudantes dos centros de Figueroa, Pérez Viondi, Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes, Manuel  Villar Paramá, Cabada Vázquez, o de Oca, o instituto Nº1, o García Barros e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. Participarán nenos desde segundo curso de primaria ata terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria.

 

HORARIO E CATEGORÍAS

 

HORA CATEGORÍA PERCORRIDO DISTANCIA
10.30 Benxamín feminina 1 pequena 500 metros
10.40 Benxamín masculina 1 pequena 500 metros
10.45 Alevín feminina 1 grande 750 metros
11.00 Alevín masculina 1 pequena + 1 grande 1250 metros
11.15 Infantil feminina 1 pequena + 1 grande 1250 metros
11.30 Infantil masculina 2 grandes 1500 metros
11.45 Cadete feminina 2 grandes 1500 metros
12.00 Cadete masculina 1 pequena + 2 grande 2000 metros

 

“Un reto para nós importante e seguir coa Estrada como a capital do deporte, temos algunhas novas interesantes, de feito xa temos solicitudes de moitos equipos de seleccións galegas de distintas disciplinas deportivas que teñen como sede ou base dos seus adestramentos A Estrada, pero temos tamén algunha nova que vén da Xunta de Galicia que se está traballando para aproveitar o que son as instalacións da Academia Galega de Seguridade”, apunta o alcalde. “Unha das competicións propias das Administracións locais é o deporte e os Concellos deben facer todos os esforzos posibles para poñer os medios, tantos materiais como humanos, para seguir potenciando o deporte na idade escolar. É unha ferramenta fundamental na sociedade actual na que se están perdendo certos valores e que nos costa moita socializar cos nosos cativos”, engadiu o rexedor e ademais lembrou ese incremento substancial dos orzamentos deste ano nas partidas relacionadas co deporte.

Toño López aproveitou a ocasión para agradecer aos colexios e aos seus docentes por facer posible un ano máis esta actividade, así como as facilidades e as axudas aportadas polo Concello e a Xunta.

“É un pracer estar na Estrada e estar acompañado de persoas que entenden de deporte e que teñen unha sensibilidade especial, porque a escola e o deporte sempre foi unido, ao igual que a cultura e a educación. E así as cousas son máis doadas. Fai dous anos fixemos o campionato galego aquí na Estrada e tivo moi boas repercusións a nivel autonómico, xa que A Estrada é un lugar, que ademais da súa boas comunicacións, a recepción e a implicación do Concello é desde o minuto un”, comentou Benavides. Así mesmo, apunta que cada vez existe maior participación por parte dos centros escolares, xa que lle permite ao neno practicar deporte en lugares naturais próximos. O obxectivo é preparar tanto ao profesorado como ao alumnado na promoción do deporte a través da práctica. Nos nenos de quinto de primaria hai unha iniciación ao atletismo, en sexto están traballando en unidades didácticas para os xogos populares, como a chave ou a billarda e en secundaria o rugby, tal e como resalta Benavides. Ademais, hai un grupo de mestres que están incidindo na necesidade de potenciar o fútbol gaélico.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG abandona o EDUSI e acusa o PP de desprezar a participación social e de falta de transparencia

               O PP ignora as propostas dos colectivos e entidades mentres avanza 

                na dilapidación cinco millóns de euros en proxectos que neste intre 

               non son necesarios nin imprescindíbeis para o noso concello

 

Hai apenas un ano, cando se deu a coñecer o proxecto EDUSI, dotado con algo máis de cinco millóns de fondos europeos, dicíamos que a proposta preliminar que presentaba o grupo municipal do Partido Popular non era social, nin sostíbel e tampouco participativo. O EDUSI era e é un documento que só servía para enmascarar os proxectos que lle interesan ao alcalde e ao seu grupo de goberno.
 
Tamén dicíamos que a proposta preliminar que nos presentaba do PP non contemplaba ningunha das necesidades urxentes que ten o concello, que son arranxar os continuos problemas que ten a rede de abastecemento de auga, a dotación de aparcadoiros públicos en superficie, abrir novas rúas, mellorar a rede de sumidoiros e o saneamento do rural, os problemas dos nosos sectores produtivos principais, o sector gandeiro e o móbel, e por suposto, o esmorecemento do noso rural; uns problemas, que curiosamente encaixaban á perfección dentro dos obxectivos fixados para estes fondos europeos que responde ao nome de EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbanos Sostíbel Integrado), pero que o PP obviaba completamente na proposta preliminar que nos presentaba hai apenas un ano.
 
O PP despreza a participación social
O proxecto non é participativo como nos anunciaba o alcalde e adoece dunha total falta de transparencia no deseño dos proxectos que se nos publicitan nos medios, uns proxectos que coinciden co programa do PP, mais non coas propostas que fixeron colectivos e entidades sociais.
 
Así por exemplo, desde o BNG presentamos 45 propostas no mes de xaneiro deste ano e nunca se chegaron a debater ao longo destes meses en ningún foro. Unhas propostas que van desde a creación de aparcadoiros públicos gratuítos en superficie en distintos puntos da vila como demanda tamén o colectivo de comerciantes, ou a apertura de novas rúas, até potenciación da praza de abastos, recuperar os sistemas de regadío existentes actualmente inutilizados para que sirvan para afrontar as secas dos últimos veráns ou a posta en marcha do matadoiro municipal. En definitiva, unhas propostas que pretenden aproveitar as potencialidades comerciais da vila, así como a posta en valor do rural e dos atractivos turísticos que ten o concello.
 
Nin social nin sustentábel
E mentres se ignoran e desprezan as propostas dos colectivos e entidades, entre elas as do BNG, desde o goberno municipal anuncian por exemplo, a ampliación da Alameda con cargo a eses fondos, un proxecto que non é o que necesita o noso concello nestes intres, e tampouco é social e moito menos sustentábel. O concello da Estrada ten prioridades máis importantes que afrontar agora mesmo, como as citadas anteriormente, mais o PP aposta polas obras faraónicas e innecesarias neste intre, fronte ás necesidades perentorias que teñen os veciños e veciñas da Estrada, e moitas delas non necesitan un gran desembolso de cartos públicos.
 
Un ano máis tarde da presentación do proxecto EDUSI as previsións do BNG cumpríronse: hai participación social, pero desprézase e ignórase; non hai transparencia na xestión deste proxecto dotado con cinco millóns de euros; e por riba as propostas que se publicitan desde o goberno municipal, que emanan de non se sabe onde nin se sabe con que escuros intereses, non responden ás necesidades acuciantes que o concello ten agora mesmo.
 
O PP da Estrada xa ten experiencia na dilapidación de cartos públicos. En 2004 o goberno municipal de Chito Campos, do que formaba parte o actual alcalde, vendía o proxecto da Estrada Dixital como se fose “El Dorado”. Disipado o fume de millóns de euros, hoxe non queda practicamente nada en pé, e A Estrada Dixital é unha cáscara valeira. Queremos repetir a historia? No BNG non estamos pola labor.
 
Ante esta situación o BNG abandona as mesas e foros de xestión do EDUSI. En primeiro lugar porque hai meses que non se convocan, a pesar de ser un proxecto que ten na participación social a súa razón de ser. E en segundo lugar porque se ignoran propostas que presentaron colectivos e entidades diversas, mentres se anuncian proxectos que non se debaten nin se discuten en ningún sitio. E neste sentido agardamos que outros colectivos e entidades que participaron de boa fe nesta iniciativa presentando as súas propostas sigan tamén o exemplo do BNG de non ser cómplices coa xestión do EDUSI que fai o PP. 
Publicado en Portada | Deja un comentario

O IV Campus Deportivo de Nadal será desde o 22 de decembro ao 5 de xaneiro

                                        O prazo de inscrición abrirase o 4 de decembro

 

O Departamento de Deportes oferta para as vacacións de Nadal a cuarta edición do Campus Deportivo de Nadal do Concello da Estrada. A actividade está dirixida a nenos de 5 a 12 anos e terá lugar na zona deportiva do concello en horario de 10.00 a 14.00 horas. O prezo será de 25 euros por participante e variará segundo os membros da unidade familiar que participen. Así, para o segundo membro da mesma unidade familiar o prezo será de 15 euros, para o terceiro membro da mesma unidade familiar será de 10 euros e a partir do cuarto membro o servizo será gratuíto. O campus está aberto para todos os nenos, estean ou non empadroados no municipio estradense.

As actividades que oferta o Campus Deportivo de Nadal son, entre outras: fútbol, baloncesto, atletismo, bádminton, tenis, ciclismo, obradoiros e xogos de iniciación para os máis pequenos. Non hai límite de prazas para a inscrición, pero para que se leve a cabo o campus terá que haber como mínimo 10 persoas anotadas.

A duración do Campus Deportivo de Nadal é dende o venres día 22 de decembro ata o venres día 5 de xaneiro. Os nove días que haberá actividade serán o 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.

O prazo de inscrición estará aberto desde o día 4 de decembro ata o 16 de decembro. Os interesados en formalizar a inscrición -sen realizar pago de ningún tipo- deberán facelo de forma presencial no Departamento de Estatística do Concello (planta baixa). A inscrición debe ser realizada polo pai/nai ou titor legal. Non se poderán facer inscricións no nome de terceiras persoas. O pago farase ao principio da actividade.

 

Resultados XXIII Torneo de Tenis Individual Concello da Estrada

 

Esta pasada fin de semana xogáronse as finais do XXIII Torneo de Tenis Individual Concello da Estrada, cos seguintes resultados:

  • Categoría Sub16 mixto: Pablo López a Fátima Sánchez 6/4-6/3.
  • Categoría absoluta mixta: Roberto Constenla a Fátima Sánchez 6/4-6/2
  • Categoría absoluta feminina: Xiana García a Marta Pérez 6/3-4/6-10/8.
  • Categoría absoluta masculina: Alberto López a Víctor Vila 6/3-6/2.

Nas catro categorías participaron un total de 56 xogadores do noso concello e concellos limítrofes.

Publicado en Portada | Deja un comentario

57 fogares da Estrada xa solicitaron axudas para evitar os cortes de subministro eléctrico

                                    O prazo para demandalas rematará o 15 de decembro

 

O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, dirixido por Amalia Goldar, informa que ata o 15 de decembro, todos aqueles interesados poderán solicitar as axudas urxentes de tipo social, dirixidas ás persoas economicamente vulnerables, con obxecto de evitar os cortes de subministración eléctrica e de gas.

 

Os requisitos para ser beneficiario son:

 

1.- Que a unidade de convivencia non supere en ingresos o IPREM ( 6.390,13 €/ano) e teñan facturas de electricidade ou gas natural pendentes de aboar despois da data límite de pagamento.

 

2.- Ser titular do contrato de subministración eléctrica.

 

Poderán tramitarse por esta vía un total de dúas facturas por importe máximo de 200 euros.

 

 

O Concello da Estrada pon á disposición de todas as persoas, que reúnan estes requisitos, todos os medios posibles a fin de que poidan beneficiarse desta axuda. Así, aquelas persoas que o desexen poden obter máis información chamando ao 986 570 030 ( extensión 4226) ou dirixíndose a dependencias municipais no primeiro andar.

 

No que vai de ano, dende o Concello da Estrada, tramitouse esta axuda para un total de 57 fogares.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Teatro Principal acolle o día 21 a obra Manawee para conmemorar o Día Internacional do Neno

O Teatro Principal da Estrada acollerá o vindeiro martes, día 21, unha obra teatral para conmemorar o Día Internacional do neno.  A representación será ás 12.00 horas e asistirán os alumnos de quinto e sexto de primaria dos sete colexios estradenses: CEIP Cabada Vázquez, CEIP de Figueiroa, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, CEIP Manuel Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi e CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes. Tamén poderá acudir o público en xeral, cun prezo por entrada de tres euros.

O alumnado gozará da obra Manawee de Matrioshka Teatro. Nela interveñen a actriz estradense Chelo do Rejo, ademais de Anabell Gago e Lorena Conde. O espectáculo versa sobre as emocións e vai dirixida ao público familiar e xuvenil. A obra amosa eses momentos da infancia no que as cousas están a piques de cambiar para sempre. Eses estados de desconcerto, de temor e de excitación que se dan por primeira vez na vida de todas as persoas de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos. É un espectáculo que pretende ser unha guía para traballar a intelixencia emocional na infancia e que tamén vai dirixida aos adultos acompañantes, de xeito que a obra poida ser unha ferramenta útil para establecer esta comunicación cos cativos que inician o seu cambio cara a adultez.

Todos aqueles que queiran asistir ao espectáculo, poderán recoller a súa entrada no Departamento de Cultura do Concello da Estrada en horario de oficina.

Publicado en Portada | Deja un comentario