O problema da traída de auga da Estrada é o alcalde

Os veciños e veciñas da vila sofren o enésimo corte de auga, mais as prioridades do alcalde non son arranxar os problemas da traída

Toda a traída da Estrada é un desastre. Non é só Fernando Conde, que no día de onte sufriron o enésimo corte de auga, senón toda a vila como quedou demostrado nos últimos meses.
 
A traída de auga da Estrada ten un problema, e ese problema é o alcalde que é incapaz de atallalo e darlle unha solución definitiva mentres dilapida 6 millóns de euros do AESS 2020 en proxectos que só beneficiarán aos seus amigos, mais non á Estrada, que en 2020 seguirá cos mesmos problemas que hoxe. Entre eles o da traída.
 
E é precisamente este o motivo da nosa marcha do EDUSI, o de que o grupo de goberno do PP non atenda as prioridades do concello, que causan graves inconvenientes a veciños e veciñas, e de que todo sexa un paripé para enmascarar os proxectos ocultos do PP, mais o BNG non vai ser cómplice da dilapidación de seis millóns de euros.
 
Instamos ao alcalde, mais unha vez, a explicar con claridade aos veciños e veciñas que é o que pasa  coa traída da vila da Estrada, e instámolo a poñer enriba da mesa solucións realistas a curto prazo. Esa é a súa responsabilidade.
 
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Banda Municipal da Estrada estreará catro obras o sábado durante o Concerto de Santa Cecilia

A Banda Municipal da Estrada fundada no ano 1869, volve a afrontar un ano máis o tradicional concerto de Santa Cecilia, patroa dos músicos. Nesta ocasión presenta un repertorio de seis obras: dous pasodobres de concerto, unha obertura, variacións, unha suite e un poema sinfónico. Como é costume nesta actuación sempre se fan estreas de obras e nesta edición darán a luz: L’Amistat, pasodoble;  Festive Overture, Praise Jerusalem e Breogán de Brigantia, unha obra con carácter galego do propio director Javier Comesaña. O concerto será este sábado, día 25, ás 20.30 horas no Teatro Principal. A entrada será de balde.

O concerto seguirá a seguinte programación:

 

 

LA PRIMITIVA                          P.D. de Concerto                                             Jef Penders

Este Pasodoble está composto no ano 1987  polo  clarinetista e compositor Holandés Jef Penders. Está dedicado á Banda de Música Valenciana chamada «La Primitiva«. Foi un compositor moi prolífico, tendo no seu haber más dun centenar de obras. Escribiu para orquestras sinfónicas, para  voces e sobre todo para banda de música dende o ano 1954. Viviu unha larga tempada en Valencia, de aí a súa composición La Primitiva.

 

FESTIVE OVERTURE Op. 96   Obertura                                           Dmitri Shostakovtch

                                                                                               Transcripción: Tohru Takahashi

Esta obertura foi estreada no ano 1954 no Teatro Bolshoi de Moscú. Foi unha obra escrita a gran velocidade e completouna o compositor en tres días.

A obertura comenza cunha fanfarria de metal seguida dunha rápida melodía nos instrumentos de vento madeira, alcanzando o seu clímax cun motivo de catro notas, pasando a unha melodía máis lírica interpretado polas trompas e saxofóns, sempre co mesmo tempo de Presto. Shostakovitch desenvolve o material melódico no seu típico estilo, usando ambos temas de forma contrapuntística, antes de que a fanfarria regrese e nos conduza a unha coda inquietante.

A Banda Municipal fará estrea de esta nova transcrición do Maestro Tohru Takahashi.

 

PRAISE JERUSALEM      Variacións sobre un himno Armenio de Pascua     Alfred Reed

Alfred Reed foi un dos compositores estadounidenses con maior repertorio escrito, xa que conta con máis de duascentas obras publicadas para orquestra, banda de música, coros e orquestra de cámara ao seu nome.

Ao longo da súa vida profesional, Alfred Reed pasou por diversos postos musicais, así como  compositor, arreglista e asistente de dirección para o taller da Radio en Nova York, director asociado da 529ª Banda da Forza Aérea de EE.UU, director da Orquestra Sinfónica da Universidade de Baylor, etc.

Praise Jerusalem está estructurada en:  Maestoso con carácter litúrxico, Tema, Variación I, Variación II, Variación III, Variación IV con cadenza para clarinete e frauta, Variación V e coda final en sostenuto.

Esta obra será estrea pola Banda Municipal para este concerto

 

FIRST SUITE IN Eb                                  Suite                                  Gustav Holst

                        I CHACONNE

  1. INTERMEZZO

                        III. MARCHA

Gustav Holst compuxo dúas suites para banda de música militar. Esta primeira está escrita no ano 1909 con tres movementos.

Na Chacona, o compositor inglés sigue a tradición da música instrumental da época barroca construíndo todo o movemento cun so tema.

O segundo movemento, Intermezzo ten unha estrutura ternaria tipo ABA, que sigue as características do minuetto clásico, cunha menor densidade sonora e unha linguaxe completamente diatónico.

O terceiro e último movemento, Marcha, comenza cunha introdución da sección de metais e percusión, dando paso a unha gran melodía  popular  e finalmente a reexposición do tema do inicio.

 

BREAOGÁN DE BRIGANTIA                                                                       X. Comesanha

Seguindo a tradición Celta, Brigantia é unha cidade construída polo Rey Breogán, cunha alta torre desde a cal se podía divisar as costas de Irlanda. Co transcurrir do tempo crese que a cidade mítica de Brigantia pódese asociar coa cidade romana Brigantium, que estaría na actual cidade da Coruña e a mítica Torre de Breogán sería a actual Torre de Hércules. A presente Torre de Hércules, ata fai relativamente pouco, levaba o nome de Torre de Brigantium, que nas súas orixes signifca «Lugar alto»

Por este contexto mitolóxico, a obra está baseada no estudo de danzas tradicionais procedentes de fontes musicais de Irlanda e de Galicia contextualizadas no ambiente de pura conquista da época.

A finalidade de Breogán de Brigantia, no é outra que mostrar unha pequena homenaxe tanto á cidade da Coruña como á sua Torre co seu faro, que é o único faro romano e o máis antigo en funcionamento, destacando que foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 27 de xuó de 2009.

Breogán de Brigantia foi estreada pola Banda do Conservatorio Superior de Música de Vigo e nesta ocasión a Banda Municipal fará a estrea para este concerto.

 

L’AMISTAT                                          P.D.                                                              Ferrer Ferrán

 

Este pasodobre de concerto ten un carácter valenciano e español. O seu compositor Ferrer Ferrán é ademais pianista e director de orquestra, que conta con máis dun centenar de obras escritas para orquestra e banda de música como por ex. Tormenta del desierto, Consuelo Ciscar, Música i poble, etc

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os Minicines Central acollerán o venres o estreo de tres curtas realizadas por estradenses con motivo do Panic 2017

Os Minicines Central da Estrada acollerán este venres, día 24, a partir das 00.00 horas, a proxección de tres curtas realizadas e dirixidas por mozos estradenses con motivo da celebración do Panic. “Sorprendéronme todas pola súa gran calidade e orixinalidade”, apunta Pedro Pérez, de Producciones Trípode. Algunha delas está interpretada por coñecidos actores do panorama galego. As curtas que se estrearán son: Bajo llave, Chno e Alicia.

A curta Bajo llave é un teaser ficticio que versa sobre unha moza con problemas psicolóxicos cuxa historia desencadeará nun tráxico desenlace. Está protagonizada por Miriam Núñez, Andrea González e Natalia Pereira.  Contou coa dirección de Jacqueline Reimúndez e Marcos Puente.

O guión que serviu de base para esta historia foi realizado por Uxía Silva e contou coa colaboración de  Javier Parafita, Alba Bugallo e David Otero.

Bajo llave é un novo proxecto da asociación xuvenil “Kukuru”.

A curta Chno está dirixida por Álex Mosteiro e Jorge Castro. O son directo e o deseño foi tarefa de Iván Graña e está protagonizado por Xosé Rodríguez.

Trata sobre un suxeito que, desorientado e aparentemente baixo os efectos das drogas, atópase perdido na escuridade. A dúbida de se alguén está ameazando a súa vida levarao a esconderse e a buscar axuda. A liña entre a realidade e a paranoia parece desvanecerse co paso dos acontecementos.

Por último, Alicia está dirixida por Lucas Terceiro. Versa sobre un pai que cada noite viaxa ao país das Maravillas coa súa filla Alicia, aínda que non sempre atopa a saída ao tobo do coello.

Está protagonizada por Fernando Tato, Susana Sampedro e a nena Paula Terceiro e conta coa colaboración de Lía Chacón e Adrián Castiñeiras.

 

Tras a proxección destas curtametraxes, os asistentes poderán ver a película Feliz día de tu muerte, tamén con entrada de balde, que poñerá fin ao ciclo de películas de terror proxectadas durante todos os venres de novembro.  

 

Charla Pedro Pérez

 

Lembrar que tamén como parte dos actos do Festival de Terror PANIC, A Casa das Letras acollerá mañá xoves, día 23, ás 20.00 horas unha charla sobre os misterios de Galicia e o tratamento que se dan sobre os mesmos no cine. Estará impartida por Pedro Pérez, de producciones Trípode.

Pérez abordará tres temas:

  1. O dos endemoñados do Corpiño no que proxectará algún fragmento da entrevista que o propio Pérez lle realizou a José Criado, reitor do Santuario do Corpiño (Lalín) e experto en exorcismos.
  2. A Santa Compaña, que, unhas das súas mostras máis presentes no cine, é a través dos zombis. Pérez dará conta dunha testemuña dunha persoa da Estrada que afirma que viu nunha ocasión á Santa Compaña.
  3. E abordará a figura de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o Lobishome de Allariz.

 

Toda a conferencia estará apoiada por imaxes de películas que tratan estas temáticas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A nosa responsabilidade política é presentar altenativas aos problemas da Estrada, mais non participamos nos paripés do PP

 A demostración palpábel de que no EDUSI da Estrada non se atende a participación social de entidades e organizacións é que a día de hoxe ninguén, agás o PP, sabe que proxectos ten presentado o noso concello a esta convocatoria de fondos europeos, exceptuando, claro está, aquelas referencias que cada certo tempo aparecen nos medios de comunicación como a ampliación da Alameda con cargo a estes fondos.
 
Mais non só iso, na web do proxecto AESS 2020 teñen un apartado de “participación”, no que, a parte de invitar aos veciños e veciñas a suxerir actuacións, afirma textualmente que se se publicará “un resumo das contribucións máis relevantes”. Sen embargo, a día de hoxe na web non hai nada. Os veciños e veciñas da Estrada, así como entidades e organizacións que presentaron proxectos, entre elas o BNG, non teñen información de cal é o estado das súas propostas. Non sabemos cales son as máis relevantes nin as que se descartaron, e o que é peor, non se sabe quen avalía a relevancia deses proxectos e con que criterios. Se realmente o EDUSI valorara a participación e a transparencia, o concello da Estrada tería un cero monumental, sería o farolillo vermello de “España” como lle gusta dicir ao alcalde. 
 
Por outra parte, desde o BNG non fuximos das nosas responsabilidades. O BNG presentou en tempo e forma as súas 45 propostas ao AESS 2020 e 11 meses despois non sabemos nada, mentres se anuncian algunha actuación a través dos medios, que desde logo non coincide co que nós consideramos prioritario para A Estrada nestes momentos. A participación social do AESS 2020 é un escuro paripé que lle permite ao goberno do PP meter pola porta de atrás as súas propostas que non se atreveu anunciar e publicar como fixo o BNG no seu momento e que hoxe están á vista na nosa web. O BNG, como xa dixemos na rolda de prensa do pasado luns, non fuxe das responsabilidades, pero tampouco participamos de paripés.
 
Cada día menos aparcadoiros públicos
Unha das 45 propostas do BNG ao AESS 2020 é a creación de aparcadoiros públicos gratuítos en superficie, algo moi necesario dada a actividade comercial que se desenvolve na vila e algo palpábel calquera día da semana, especialmente os mércores e sábados, días nos que a actividade comercial na vila é máis alta.
 
Ter máis prazas de aparcadoiro é unha necesidade, e temos que recordar, que esta mesma reclamación fixérona recentemente desde a ACE, o que demostra que non é un capricho dos do Bloque, é algo imprescindíbel para o desenvolvemento económico do concello.
 
Sen embargo, hoxe coñecemos polos medios de comunicación que o aparcadoiro da Avenida de América perderá parte da súa extensión por mor da licenza de construción que o goberno acaba de outorgar no solar onde está ubicado. É dicir, que en poucas semanas os veciños e veciñas atoparanse con menos prazas para aparcar gratuitamente, pero a prioridade do grupo municipal do PP é ampliar á Alameda, e o que é peor, non ten unha alternativa enriba da mesa para atallar o problema dos aparcadoiros que vai ser palpábel en poucas semanas.
 
Mais non só temos problemas cos aparcadoiros públicos, reiteradamente os veciños e veciñas da vila sofren cortes de auga, e o peor é que non hai perspectivas de que este problema se arranxe definitivamente. Un problema que encaixa perfectamente dentro da propaganda do EDUSI de concellos sociais e sustentábeis, mais a día de hoxe isto para o goberno municipal do PP tampouco é unha prioridade. É dicir, que dilapidaremos cinco ou seis millóns de euros e non se sabe que proxectos e actuacións que só coñece o alcalde, pero en 2020 teremos menos prazas de aparcadoiro público e seguiremos cos cortes de auga.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Alumnos dos sete centros educativos asistiron hoxe ao Teatro Principal para conmemorar o Día do Neno

O Día Internacional do Neno conmemorouse onte, como cada 20 de novembro, co obxectivo de reivindicar os dereitos dos menores. A Estrada sumouse esta mañá aos actos de celebración a través da representación da  obra Manawee de Matrioshka Teatro. Ata o Teatro Principal acercáronse alumnos dos sete colexios estradenses: CEIP Cabada Vázquez, CEIP de Figueiroa, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, CEIP Manuel Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi e CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes.

Nesta función intervén a actriz estradense Chelo do Rejo, ademais de Anabell Gago e Lorena Conde. O espectáculo versa sobre as emocións e vai dirixida ao público familiar e xuvenil. A obra amosa eses momentos da infancia no que as cousas están a piques de cambiar para sempre. Eses estados de desconcerto, de temor e de excitación que se dan por primeira vez na vida de todas as persoas de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos. É un espectáculo que pretende ser unha guía para traballar a intelixencia emocional na infancia e que tamén vai dirixida aos adultos acompañantes, de xeito que a obra poida ser unha ferramenta útil para establecer esta comunicación cos cativos que inician o seu cambio cara a adultez.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CIM da Estrada celebra o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero con charlas, unha concentración de repulsa e un ciclo de curtas

O sábado, día 25, celebrarase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero e o Centro de Información á Muller do Concello da Estrada súmase a esta conmemoración coa organización de diversos actos. Estes teñen como obxectivo concienciar á sociedade para acabar con esta lacra, que no que levamos de ano rematou coa vida de 44 mulleres e 7 nenos, dous deles nos últimos días. A fachada da Casa Consistorial lucirá estes días un cartel de repulsa contra esta problemática.

O programa de actividades arrancará o xoves 23 cunha charla na Sala Abanca para explicar, tal e como comenta Margarita de la Calle, directora do CIM, os resultados extraídos dos obradoiros realizados nos dous últimos cursos académicos nos institutos da Estrada, feitos co obxectivo de concienciar aos adolescentes con este tema.

O venres, día 24, durante a mañá uns 300 alumnos dos institutos do municipio asistirán a unha charla no Salón de Actos da Academia Galega de Seguridade. “Nela falarase sobre tomar conciencia, da propia violencia de xénero, traballarase sobre estereotipos, abordaranse as posibles manifestacións de violencia que se dan xa entre os adolescentes e todo isto apoiado con vídeos”, apunta De la Calle.

Ás 20.00 horas na Praza do Concello haberá, coma todos os anos, unha concentración para recordar as vítimas desta lacra, na que se poñerá un cirio co nome de cada unha das que perderon a vida ao longo deste ano. Seguidamente, lerase o manifesto aprobado polas tres forzas políticas do Concello.

Xa pola noite, e tamén o sábado e o domingo, proxectaranse cinco curtas, cunha duración total duns 45 minutos, con entrada de balde ata cubrir o aforo, nos Minicines Central. O venres será as 22.00 horas e o fin de semana ás 17.30 horas.

 

Relación de cortos

 

  1. El orden de las cosas. Dirixido por José Esteban Alenda e César Esteban Alenda. Interpretado por Manuela Vellés, Javier Gutiérrez, Mariano Venancio, Biel Durán, Ana Gracia, José Luís Torrijo, Manuela Paso, Junio Valverde.

A vida de Xulia transcorre na bañeira. Gota a gota irá reunindo o valor necesario para cambiar a orde das cosas.

Duración: 19 minutos.

 

  1. No aguanto a tus padres. Dirixido por Javier Cano e interpretado por David Bendito e María Zabalza.

David dá explicacións á súa parella sobre por que non quere ir ao aniversario da súa sogra.

Duración: 4 minutos.

 

  1. Recursos humanos. Dirixido por Joan Álvarez Lladós. Interpretado por Xavier Pàmies, Rocío Manzano, David Arribas e Ivana Miño.

Un traballador de recursos humanos vai realizar unha entrevista a unha candidata, pero o que para el resulta unha tarefa cotiá, quizais non o sexa esta vez.

Duración: 4 minutos.

 

  1. Dirixido por Ana Lorenz e interpretado por Ramón Orozco, David Matarín, Nuria Herrero e Rebeca Dato.

Fran ten unha foto e un obxectivo: darlle unha malleira ao mozo que aparece nela.

Duración: 4 minutos.

 

  1. Libre directo. Dirixido por Bernabé Rico. Interpretado por Petra Martínez, Ramón Barea, José Antonio Izaguirre e Arantxa de Sarabia.

Un día, a vida dunha muller dá un inesperado xiro: daranlle a oportunidade de lanzar un tiro único desde o medio da cancha nun partido de liga.

Duración: 13 minutos.

 

Os interesados poderán obter máis información sobre estas curtas en www.cortoespana.es

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Pedro Pérez impartirá unha charla sobre os misterios de Galicia e o seu tratamento no cine o xoves na Casa das Letras

Como parte dos actos do Festival de Terror PANIC, A Casa das Letras acollerá este xoves, día 23, ás 20.00 horas unha charla sobre os misterios de Galicia e o tratamento que se dan sobre os mesmos no cine. Estará impartida por Pedro Pérez, de producciones Trípode.

Pérez abordará tres temas:

  1. O dos endemoñados do Corpiño no que proxectará algún fragmento da entrevista que o propio Pérez lle realizou a José Criado, reitor do Santuario do Corpiño (Lalín) e experto en exorcismos.
  2. A Santa Compaña, que, unhas das súas mostras máis presentes no cine, é a través dos zombis. Pérez dará conta dunha testemuña dunha persoa da Estrada que afirma que viu nunha ocasión á Santa Compaña.
  3. E abordará a figura de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o Lobishome de Allariz.

 

Toda a conferencia estará apoiada por imaxes de películas que tratan estas temáticas.

Publicado en Portada | Deja un comentario