O Concello esixe aos veciños que recollan os excrementos dos seus cans nas zonas públicas

                        En caso contrario, esta actitude pode sancionarse con ata 90 euros

 

O Concello da Estrada pide a colaboración veciñal para evitar as continuas queixas que se están producindo. A razón é a falta de civismo dalgúns cidadáns, que permiten aos seus cans, facer as súas deposicións na rúa, deixando lixado o espazo público. O alcalde, José López, alude que, ademais de ser desagradable, pode resultar perigoso para a cidadanía en xeral, pero; particularmente, para os nenos que, durante os seus xogos, entran en contacto cos pavimentos de rúas, prazas e parques, podendo contaxiarse de graves enfermidades.O rexedor apunta a que os que protagonizan estas condutas fan caso omiso das normas cívicas e da normativa municipal, polo que lembra que este Concello conta co denominado Regulamento de protección do medio ambiente, de limpeza pública e da recollida de lixo do Concello da Estrada (BOP número 194 do luns 9 de outubro de 2000) que no seu artigo número 11 recolle: “ As persoas que leven cans ou outros animais polas vías e espazos públicos, á parte de mantelos atados e de cumprir coa normativa sectorial vixente, deben impedir que lixen os xardíns e lugares destinados ao tránsito. De se dar o caso, deben de recoller de xeito inmediato os restos que deixen”.O incumprimento desta obriga constitúe unha infracción leve e sancionarase esta actitude cunha multa que pode chegar aos 90 euros.“Rogo, polo tanto, aos propietarios dos cans que ata agora non o estean a facer así, que cumpran as normas de convivencia citadas e, tamén, aos demais veciños, que axuden a crear unha opinión favorable entre os donos dos cans, para que comprendan que o seu comportamento prexudica a todos, porque todos debemos contribuír para que A Estrada se converta nunha localidade limpa, saudable e tranquila”, conclúe López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Xa están á venda as entradas para o espectáculo ‘Lo mejor de Yllana’

Lo mejor de Yllana xa prepara o seu desembarco na Estrada. Será o prato forte da programación cultural de outono,  previsto para o domingo 10 de decembro. Onte comezáronse a despachar as súas entradas.Teñen un prezo de 10,00€ e poden adquirirse, anticipadamente, no Departamento de Cultura do concello, en horario de oficina, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.Desta volta, Yllana celebra o seu 25 aniversario cunha obra que reúne os 25 mellores sketchs da súa exitosa traxectoria artística. Muuu, Star Trip, Brokers, 666 ou The Gagfather son algunhas das pezas revisitadas por esta compañía nun espectáculo desbordante de creatividade, imaxinación e talento. Un prodixio de expresión xestual que desata o delirio no patio de butacas desde o primeiro momento.Dirixida por David Ottone, a peza está interpretada por cinco emblemáticos actores da compañía: Jony Elías, Juanfran Dorado, Fidel Fernández, Juan Ramos e Luís Cao.Lo mejor de Yllana é, en opinión do público e da crítica especializada, un dos mellores espectáculos do ano nos circuítos nacionais e internacionais; unha oportunidade única para todos os estradenses de gozar en primeira persoa de unha das mellores compañías cómicas españolas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Servizo de Comunicación da Axenda de Ocio por whatsapp do Concello acada os 2.000 usuarios en pouco máis dun ano

O Servizo de Comunicación da Axenda de Ocio a través de whatsapp do Concello da Estrada acaba de alcanzar os 2.000 usuarios desde que se puxo en marcha en outubro de 2016. O obxectivo desta vía de comunicación é difundir coa maior brevidade posible todas as actividades de ocio e tempo de lecer que se levan a cabo no municipio. Desta maneira, os cidadáns poden ter información inmediata sobre novidades, ademais de material útil sobre diversos ámbitos; así como toda a información dos distintos eventos.Os interesados en gozar deste servizo só teñen que inscribirse.A maneira de facelo é moi sinxela:O interesado deberá engadir un contacto novo na súa axenda do móbil co número de teléfono: 630 262 386A continuación, deberá enviarlle a ese número un whatsapp poñendo a palabra ALTA.Ao cabo duns días recibirá unha mensaxe de confirmación e comezará a recibir todas as novas da axenda cultural e de tempo de lecer no seu móbil.Desta forma, o usuario ao enviarlle a primeira mensaxe ao novo contacto agregado, pasará a formar parte dunha lista de difusión á que se lle enviarán as noticias periodicamente.Porén, non se usará este mecanismo como medio de conversación ou de resolución de dúbidas (para iso existen outras vías de comunicación), de modo que así se asegure a efectividade do servizo.Ademais, se chegado un momento o cidadán así o desexa, pode deixar de recibir as novas comunicándoo a través do mesmo medio cunha mensaxe que poña BAIXA.IMPORTANTE: Mediante este servizo envíanse mensaxes a través dunha lista de difusión, pero nunca se engadirá o usuario a un grupo, polo que ningún usuario subscrito a este mesmo mecanismo terá acceso aos datos ou aos números dos demais.  Debido ao grande éxito deste servizo, desde o Concello decidiuse ampliar, desde o pasado mes de xuño, a transmisión de novas a través dunha nova vía, desta volta, a través de Telegram. Isto permite chegar a un meirande número de cidadáns e darlles así, a posibilidade de informarse, a unha maior cantidade deles, porque non todos usan actualmente whatsapp. A día de hoxe o número de persoas que usan este servizo está preto das 200.Neste caso, os usuarios que queiran dispoñer deste servizo teñen que engadirse á seguinte canle da aplicación: https://t.me/AxendaAEstrada  @AxendaAEstradaTelegram, a través das súas ‘canles’, permite enviar mensaxes de maneira masiva a través do móbil, ofrecendo aos usuarios a posibilidade de subscribirse de maneira aberta e ilimitada. Desta maneira, calquera pode subscribirse sen intermediarios. Cando se entra en Telegram, aparece unha lupa na parte superior dereita onde se debe introducir o nome da canle que queremos buscar, neste caso @AxendaAEstrada. Unha vez atopada, entramos no enlace e, na parte inferior, hai un botón que pon ‘Unirse’ (porque neste caso trátase dunha canle pública). E nas canles poden chegar mensaxes de distintas persoas porque pode ter varios administradores.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O vindeiro xoves apróbase no consello da Xunta a declaración BIC de Pontevea

A declaración BIC parteu dunha iniciativa do BNG de Teo e da Estrada

 

 O 28 de febreiro de 2015 o BNG de Teo e da Estrada poñían en marcha unha iniciativa para declarar a ponte de Pontevea como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta iniciativa materializada nunha moción do BNG que se debateu e aprobou por unanimidade nos dous concellos, tamén tivo a súa continuidade no Parlamento Galego cunha iniciativa defendida pola actual voceira da organización nacionalista, Ana Pontón, e que poñía en marcha a maquinaria da administración galega para facer realidade os mandato dos concellos de Teo e da Estrada. 
 
Con todo, e á marxe das iniciativas de carácter institucional o BNG de ambos os dous concellos tamén tamén mantivo o pulso a pé de ponte con actos de carácter reivindicativo para manter viva a demanda social existente en Teo e na Estrada para coidar e revitalizar este monumento que une ambos os dous concellos.
 
Desde o BNG de Teo e da Estrada saúdamos que, por fin, a Xunta tome medidas sobre este patrimonio que é de todas as galegas e galegos, xa que este xoves nove de novembro o Consello da Xunta declarará BIC a ponte medieval de Pontevea. Agardamos que esta declaración non quede só niso, -nunha declaración-, e vaia máis alá do papel para poñer en valor un monumento que foi testemuña de acontecementos históricos moi relevantes, non só para o noso pobo, senón tamén para a Historia. É un monumento que forma parte da nosa herdanza, e temos a obriga de coidala e preservala para as xeracións futuras, do mesmo xeito que os nosos antergos nola legaron a nós. Representa parte da nosa riqueza material e patrimonial e reforza a nosa autoestima cultural, polo tanto o seu deterioro é o noso empobrecemento e agardamos que a declaración BIC poñan fin ao deterioro e ao esquecemento da Ponte por parte da administración galega máis tamén dos concellos de Teo e da Estrada.
 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

PANÍC A Estrada en imaxes

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Almuiña presenta o proxecto de construción do novo centro de saúde da Estrada que conta cun investimento de 4,6 millóns de euros

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou esta mañá o proxecto de construción do novo centro de saúde da Estrada que conta cun orzamento de licitación de 4.667.638 euros. O prazo de execución da obra está previsto en 17 meses.

Almuiña visitou hoxe os terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto construír o centro de saúde da Estrada. Trátase dunha parcela de 4.262 metros cadrados cedida gratuitamente polo concello.

A construción deste novo centro de saúde permitirá tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello. Actualmente, no concello da Estrada aténdese a un total de 20.957 tarxetas sanitarias, das que 2.369 corresponden a poboación pediátrica.

Proxecto de construción

O edificio contará con tres andares ademais dun soto, o acceso principal realizarase a través dunha praza exterior e tamén haberá un lugar para o acceso das ambulancias baixo teito. No baixo andar ubícase a recepción e administración, cun gran vestíbulo que distribúe a área pediátrica cara un lado, con tres consultas de pediatría e dúas consultas de enfermaría pediátrica. Ao outro lado do vestíbulo está a área de apoio ao diagnóstico que conta con sala de toma de mostras, sala de radioloxía e sala de ecografía; e a continuación a área de urxencias (PAC) na que haberá dúas consultas de medicina e dúas de enfermería, ademais de dúas salas de reanimación e observación.

No primeiro andar ubícase a área de medicina con once consultas de medicina xeral e outras dez consultas de enfermería; ademais de consulta de farmacia, despacho do traballador social, salas polivalentes, e a zona de persoal.

No segundo andar estará situada a área da muller que terá dúas consultas de matrona. O centro terá así mesmo neste andar outras consultas como odontoloxía e hixienista dental, unha área de fisioterapia e rehabilitación con catro consultas, e unha área de saúde mental con dúas consultas de psiquiatría e dúas consultas de traballador social.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Esnaquizan parte da varanda exterior da gardería municipal

 

 

Esta mañá cando o persoal da Escola Infantil Municipal da Estrada chegaron ao seu posto de traballo atopáronse con parte da varanda exterior rota. Un cristal estaba directamente no chan e outro quedou estalado. Todo parece indicar que se trata dun acto vandálico e axentes da Policía Local trasladáronse ata o lugar para levantar o informe pertinente. Desde o Concello apuntan que se farán as investigacións precisas para dar co autor ou autores deste ataque gratuíto cara o patrimonio público.

Publicado en Portada | Deja un comentario