A campaña do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama arranca na Estrada o 3 de novembro

A Campaña do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama, promovido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, arrancará na Estrada este venres, 3 de novembro. Todas as señoras do municipio, con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos, recibirán unha carta na que se lles indicará o día, a hora e o lugar ao que deberán acudir. No caso de non recibir dita comunicación, as interesadas poden chamar ao 981 141 414 para solicitar unha cita.

Responsables do programa informan de que as cartas iranse recibindo ata finais de xaneiro debido a que son 3.000 as mulleres que se atopan neste grupo de idade. Por este motivo, as persoas que, chegando ese mes, non reciban ningún aviso deberán poñerse en contacto no número de teléfono mencionado antes.

Desde que se puxo en marcha o programa na Estrada, no ano 1996, ata o 2016 foron 19.518 as mulleres exploradas e avaliadas do municipio.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Póñense á venda as entradas de Cenicienta, o musical

Despois da grande aceptación do musical de Carapuchiña Vermella do domingo, que encheu o teatro, hoxe, luns, comezáronse a vender as entradas do musical de Cenicienta previsto para o 24 de novembro ás 20.30 horas. Este musical, da produtora valenciana Eventime, chega a Galicia de xira despois de facer tempada en Madrid e de abarrotar os teatros de toda España. As entradas teñen un prezo de 10 euros.É un espectáculo cunha duración de 70 minutos e está pensado para o goce de toda a familia. Inclúe temas musicais orixinais con sete actores en escena que cantarán en directo. Haberá dez cambios de escenografía e diversos efectos visuais; os personaxes usarán máis de 35 traxes. É un musical didáctico no que haberá interactuacións co público e xogos de participación cos nenos.Tamén están á venda as entradas do espectáculo Cranio privilexiado no que vai supoñer a volta  aos escenarios do dúo cómico Mofa e Befa, prevista para este venres, día 3, ás 21.00 horas. Ten un custe de cinco euros. Ademais, poden mercarse, por tres euros, as do espectáculo Novas Tolemaxias do Mago Teto que será este sábado, día 4, ás 12.30 horas, dentro do ciclo Colorín Colorado.Todas as entradas poden adquirise no departamento de Cultura do Concello, no segundo andar, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. As de Cenicienta tamén se poden mercar na tenda Tiko Doco, situada no número 8 da rúa San Antón da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Codeseda Viva, Carme Pérez Vaqueiro e Mario Franco gañan os Premios San Martiño de Normalización

               A entrega dos premios será o 15 de novembro no Teatro Principal

 

A Asociación Cultural O Brado da Estrada fallou onte no Concello da Estrada os gañadores da súa 27 edición dos Premios San Martiño de Normalización que recoñecen a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da lingua galega.  Na modalidade A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes o premiado nesta ocasión é a Asociación Codeseda Viva. Na categoría Galicia Enteira a agraciada é Carme Pérez Vaqueiro e o premio a toda unha vida de defensa do idioma é para Mario Franco Rodríguez. A entrega de premios será o 15 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal da Estrada.  Asociación Codeseda Viva comeza a súa andadura no ano 2.000, cunha páxina web, denominada Codeseda.com.  Este colectivo adícase a recoller fotos antigas, documentos, datos históricos, etc. Legalízase  como Asociación Codeseda Viva no 2011. A súas principais actividades son a Ruta de Senderismo PRG-197 que se atopa na derradeira fase de homologación. O colectivo céntrase na actualidade en documentar o camiño da Geira Miñoto Arrieiro que partindo de Braga-Portugal, remata en Santiago de Compostela, para que sexa recoñecido polas Autoridades como Camiño Cultural Preferente e logo como Camiño Xacobeo.Carme Pérez Vaquero é, sen dúbida, unha muller única no movemento da normalización lingüística. É xurista e leva máis de 25 anos facendo unha transcendental labor na promoción e fomento da cultura galega. Con persoas como ela foron xurdindo colectivos que contribuíron con esta causa, entre eles a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística creada en 1982. As devanditas entidades forman parte do colectivo Galeguizar Galicia. Grazas ao labor desas asociacións a mensaxe da normalización lingüística ten vida propia fóra das fórmulas tradicionais da cultura galega, prestixiando a lingua galega onde había indiferenza. Ese inmenso colectivo ten moitos protagonistas,entre eles está estamuller.Mario Franco Rodríguez. Naceu en Santiago de Compostela no ano 1934. Comezou a escribir no 2004, xa xubilado, e publicou a súa primeira novela Terranova – Memorias dun mariñeiro baseada nas súas vivencias e experiencias como tripulante dun buque bacallaeiro. No ano 2007 presentou ao VI Certame Avilés de Taramancos de Relatos de Aventura A derradeira campaña do Capitán Samuel, tamén baseada no mesmo tema mariñeiro e conseguiu o premio por maioría. No ano 2008 volveu presentar ao mesmo certame na súa VII edición A Capela Maldita baseado nunha temática completamente distinta e volveu obter o premio por unanimidade. Foi o único escritor que acadou dito galardón dous anos consecutivos. Todas publicadas en galego, idioma que emprega en todos os seus escritos.O xurado encargado de fallar os premios desta nova edición foron Lourdes Dono, Mónica Arca, Juan Constenla, Iván Sanmartín, Luis Ferro, Carlos Andújar e Kike Vázquez.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Esgotadas as entradas para o domingo de Carapuchiña Vermella de Educa Teatro

 

O luns poñeranse á  venda as de Cranio Privilexiado de Mofa e Befa, as do espectáculo do Mago Teto e as do musical de Cenicienta

 

A programación de Outono no Principal continúa a bo ritmo, e mostra disto é a gran afluencia de xente que está asistindo aos espectáculos, pensados para distintos públicos. O domingo será a quenda de Carapuchiña Vermella de Educa Teatro que a día de hoxe xa esgotou tódalas entradas, 382, tanto as que había a disposición no departamento de Cultura do Concello como na tenda Tiko Doco. Será ás 18.00 horas.O venres ás 21.30 horas actuará Teo Cardalda. Será un concerto en acústico interpretado a piano e dentro do seu repertorio incluirá temas míticos dos grupos Cómplices e Golpes Bajos, dos que formou parte. As entradas poden mercarse no departamento de Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e teñen un prezo de cinco euros.  O departamento de Cultura informa de que o luns poñeranse á venda as entradas de tres novos espectáculos: as de Cranio Privilexiado de Mofa e Befa que será o día 3 de novembro ás 21.00 horas e teñen un prezo de cinco euros; as de Novas Tolemaxias do Mago Teto, polo prezo de tres euros, e será o día 4 ás 12.30 horas e as de Cenicienta, o musical de Tempus Producciones que será o día 24 ás 20.30 horas e terá un custe de 10 euros. Tódalas entradas poden adquirirse no departamento de Cultura do Concello e as de Cenicienta, o musical tamén se poden mercar na tenda Tiko Doco, situada no número 8 da rúa San Antón da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP deixa esmorecer o antigo matadoiro

 Desde o BNG da Estrada denunciamos o estado de completo abandono no que se atopa o antigo matadoiro, un inmoble de titularidade municipal que o goberno municipal do PP deixa esmorecer entre as silvas, e que logo de anos de inactividade, o deterioro do edificio é público e notorio para calquera persoa que pase á súa beira.
 
Non é de recibo que os veciños e veciñas da Estrada que atravesan tempos de limitacións e precariedade vexan como se deixa que se arruíne unha instalación que logo esixirá un tremendo gasto se se quixer dedicar a algún uso público o día de mañá.
 
Temos que recordar que o grupo de goberno rexeitou hai uns meses unha moción do BNG para a posta en funcionamento do matadoiro, unha das patas na que se asentaría toda unha serie de iniciativas políticas que servisen para relanzar o sector gandeiro e revitalizar o rural. 
 
A pesar de que o PP votou en contra da moción do BNG, o que é incomprensíbel é que se deixe esmorecer un edificio municipal destas características, que no seu tempo supuxo un forte investimento para as arcas públicas e que agora, pechado o matadoiro desde hai anos, o edificio fica en completo abandono.
 
Instamos ao goberno municipal do PP a botar man deste edificio municipal antes de que o deterioro vaia máis e que quede inservíbel calquera que sexa o seu uso futuro.
 
Por outra parte, temos que recordar que o matadoiro non é o único inmoble público que esmorece entre as silvas. O centro ictioxénico de Couso corre idéntica sorte, a pesar das iniciativas e mocións presentadas polo BNG, tanto no Concello como no Parlamento Galego.
 
BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Agadea xa ten en funcionamento o servizo de transporte para os seus usuarios que viven no rural

 

A Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzhéimer (Agadea) puxo en marcha hoxe un servizo de transporte adaptado para os usuarios do centro de Alzhéimer da Estrada. Para levar a cabo este servizo Agadea adquiriu recentemente unha furgoneta mediante unha subvención do 89% do Grupo de Desarrollo Rural (GDR). O vehículo ten unha capacidade para un total 11  persoas e o obxectivo é facilitar o desprazamento ás actividades daqueles usuarios que viven no rural e que carezan de medios propios.Tal e como comunicaron desde Agadea a día de hoxe hai cinco demandas de usuarios. “Dous en Parada, unha usuaria de Cereixo e dous en Frades”.

A furgoneta ten unha capacidade para 11 persoas: 9 para usuarios, sendo dúas adaptadas para persoas que usen cadeiras de rodas, outra praza para a condutora e outra para unha acompañante. “Porque sempre irá un persoa que os acompañen”, indica unha responsable do colectivo.

Agadea ten programado actividades de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas. Desta maneira, hai persoas que acoden tódolos días e outras que prefiren só asistir dous ou tres. “Por este motivo, non sempre viaxarán tódolos usuarios o mesmo día e á mesma hora”, informan desde Agadea.

 En principio a hora de recollida será entre as 15.00 e ás 16.00 horas e o horario de volta entre as 19.30 e as 20.00 horas. Unha vez que haxa máis demanda xa se adaptarán os horarios e as rutas e é importante resaltar que se trata dun servizo exclusivamente para o rural, xa que é onde existen maiores dificultades para o desprazamento, e polo tanto, non se atenderán a demandas que poidan orixinarse de persoas que vivan no casco urbano.Cada usuario deberá aportar unha taxa para cofinanciar este servizo, que en principio será unha contía igual para todos, aínda que non se descarta que máis adiante se establezan unhas taxas segundo a distancia do percorrido e a renda de cada persoa.

Hoxe en día Agadea conta con arredor duns 40 usuarios na Estrada.“Este é un paso máis que se fai desde Agadea. Evidentemente isto está motivado porque hai unha aposta importante polo Concello neste servizo levando, penso, dunha maneira moi satisfactoria por parte de Agadea, a quen fai menos dun ano se lle fixo a cesión deses locais o cal lle permite a esta asociaciónprestar e a comprometerse a facilitar e investir na mellora do servizo no concello da Estrada”, indica Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación ao que engade:  “este é un paso máis na mellora do servizo e estamos pendentes da visita dos técnicos da Consellería de Política Social para a posta en marcha do centro de día”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Musa de Sabucedo incluirá fotografía, rutas, gastronomía, música, obradoiros e a celebración do Samaín e do Magosto Será o vindeiro fin de semana

Unha nova edición da festa da Musa chega o 28 e 29 de outubro a Sabucedo, mesturando Muiñada, Magosto e Samaín. O evento está organizado pola Asociación de Veciños e Rapa das Bestas de Sabucedo en colaboración co Concello da Estrada, da Diputación, de Rías Baixas e de Estrella Galicia. Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Iván Sanmartín, Manuel Cabada e Henrique Bazal, membros do colectivo organizador,  así como Manuel Agrelo, do restaurante Samaná, deron todos os detalles esta mañá durante unha rolda de prensa.

A xornada festiva arrancará o sábado 28 coa I Maratón Fotográfico MUSA 2017, que é unha das grandes novidades desta edición. A temática será por suposto a festa da Musa. Haberá premios para as tres mellores imaxes e os interesados en participar poden consultar as bases do concurso en www.rapadasbestas.gal A idea é facer despois unha exposición de todas as fotos presentadas. “Consideramos que nós como asociación cultural que somos temos unha obriga de recuperar os nosos costumes e o noso Patrimonio na súa forma de sendeiros, de camiños, dos muíños… Este ano é a terceira edición e estamos moi contentos porque cada ano vén máis xente e temos máis actividades”, apunta Bazal. De feito, agardan a asistencia dun grupo de persoas da Asociación Amigos do Camiño Portugués, que decidiron repetir o bo sabor de boca da anterior edición á que tamén asistiron.

Ás 10.30 horas, desde o curro novo, haberá unha marcha comentada da Ruta de Sabucedo que inclúe un percorrido de 10 quilómetros a través de carballeiras, sendeiros do río, muíños pasando polo curro vello e pola igrexa, polo pobo… Ademais, haberá un percorrido máis corto, duns tres quilómetros, que só abarcará o pobo e os muíños.

O programa continuará coa apertura do Mercado de Outono ás 12.00 horas e a unha do mediodía está previsto unha xuntanza no muíño do Mestre. Alí terá lugar a presentación do libro Os fillos do vento de Ariadna Silva Fernández. “É un libro de fotografías con edición limitada e que leva crins de cabalo cosidas”,  adianta Bazal. 

Haberá un aperitivo musical amenizado polo grupo Airiños de Caldelas. Seguidamente, os asistentes poderán gozar dunha visita guiada podendo ver a serra, o muíño e o forno funcionando. Despois, comenzarán os obradoiros de elaboración de pan e filloas. “É significativo como persoas de 70 ou 80 anos lles amosan aos rapaces de entre 4 e 12 anos como amasar o pan, facer as filloas… porque hai que salientar a colaboración que hai por parte de tódolos veciños para recuperar tradicións case esquecidas”, resalta Manuel Cabada.

De seguido celebrarase un xantar con produtos da Terra de Montes. Haberá un showcooking a cargo da cociñeira do restaurante Samaná ao que poden asistir as persoas que se anoten ese mesmo día, xa que hai un límite de prazas, ao redor de 25. “Vamos usar xabaril, castañas, salmón e setas, pero non vamos dar máis detalles porque queremos que sexa unha sorpresa”, apuntou Manuel Agrelo, responsable de eventos de Samaná. Tamén, haberá servizo de polbeiro e os interesados en reservar o xantar deberán chamar ao 659 908 745. A música estará moi presente durante a sobremesa.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas continuarase cos obradoiros de pan, filloas e ademais de setas recollidas durante a ruta. Ás 17.00 horas comenzará o obradoiro do Samaín pensado para os máis cativos con calacús, vestimentas, maquillaxe…

Como novidade este ano haberá sobre seis postos de produtos locais da tempada, como queixos, mel, sidra…, e posiblemente tamén haxa stands de artesanía, tanto de obxectos do municipio como da bisbarra.

Ás 18.00 horas terá lugar unha mostra e degustación da cociña de outono. Haberá conxuro e degustación de queimada, serán musical co grupo Muiñeiros do Sarela e os veciños cantarán o himno de Sabucedo. Ao redor das 19.30 horas arrancará a procesión da Santa Compaña, na que no ano pasado participaron unhas 200 persoas,  e unha hora despois comenzará a ‘noite de Samaín’, na que non faltará a celebración do magosto xunto ao Teleclube.

A programación concluirá o sábado ás 22.00 horas cun concerto amenizado por Raúl e Cía e por os Gins-Tonics.

Este ano a festa amplíase ao domingo. Está previsto que ás 09.30 horas teña lugar, desde o curro novo, a Deporuta BTT-Sabucedo con chegada e entrega de recoñecementos fronte ao Teleclube ao redor das 12.30 horas. “Hai 150 prazas e en seis, sete horas xa se cubriron todas”, apuntou Cabada. Os deportistas serán recibidos cunha degustación de callos que se elaboraran nos distintos fogares de Sabucedo. A xornada acompañarase con música.

Publicado en Portada | Deja un comentario