O Festival de Cine de Terror Panic incluirá 8 películas que arrancarán o día 3 cunha maratón nocturna

O desfile da Santa Compaña que o día 3 de novembro percorrerá todas as rúas da vila será antesala da quinta edición do Festival de Cine de Terror da Estrada PANIC, un evento organizado polo Departamento de Cultura do Concello e co que colabora tamén o Departamento de Sanidade do Concello, a través do servizo de loita contra a drogodependencia, e outros colectivos da vila, entre os que se encontran Pedro Pérez, de Producciones Trípode, e Luis Rivadulla, xerente de Minicines Central. Constenla e Pérez foron os encargados de presentar esta mañá o festival.

A maratón de cine de terror comezará o día 3 nos Minicines Central a media noite ata cerca das 08.00 horas do día 4. “Haberá unha  relación de películas que todos os estradenses poderán visionar de forma gratuíta. A nosa intención é  a de superar en número aos corenta valentes que o ano pasado aguantaron en pé ata a última película. Todos os que consigan facelo, serán convidados a almorzar pola organización”, apuntou Constenla.

Como novidade, este ano volverase programar algunha película para os máis cativos e volveranse proxectar algunha curtametraxe realizada por mozos estradenses. “Posiblemente o 17 e o 24, antes da película, será cando proxectemos as curtametraxes dalgúns dos creadores estradenses, que xa o ano pasado nos demostraron que saben manexar os recursos do cine de terror”, apuntou Pérez.

A proxección de películas estenderase ata o venres día 24 cun total de 8 películas e a entrada será de balde ata cubrir o aforo das salas. Como xa se fixo en anos anteriores, e no que ten que ver coa vertente cultural do certame, faranse distintas charlas polos IES do municipio que as impartirá Pedro Pérez. “Irei polos institutos dando unha charla que se titula Misterios de Galicia e o seu tratamento no cine. O que vou intentar é transmitirlles que hai unha serie de mitos en Galicia, como o da Santa Compaña, como o dos endemoñados, por exemplo do Corpiño, ou o de Manuel Blanco Romasanta, que foron tratados no cine e que foron contados de maneira moi dispar, algúns con certo realismo e outros con total falsidade”, indica Pérez. As charlas incluirán entrevistas interesantes a persoas relacionadas co misterio en Galicia.

 Ademais o  día 10 de novembro volverá á Estrada  Paula Carballeira para que no Teatro Principal faga unha contada de medo. “Foi tal o éxito do ano pasado, que decidimos programar este segundo contacontos”, confesou Constenla.

 

 

Cursos

Como novidade, nesta quinta edición o Concello organizará, en colaboración coa Escola Municipal de Artes Escénicas, un curso de guionismo impartido polo guionista Víctor Sierra que terá lugar durante os tres últimos sábados do mes de novembro e un obradoiro de escritura de contos de medo dirixido pola responsable do Club de Lectura da Estrada Neves Soutelo, que tamén terá lugar durante o mes de novembro e que dará remate cunha lectura pública final.

Relación de películas

Día 3 de novembro:

  • 00 a 01.40 horas: La autopsia de Jane Doe
  • 45 a 3.15 horas: Tucker & Dale Contra el Mal

DESCANSO PARA TOMAR UN CAFÉ OU CHOCOLATE

  • 45 a 05.20 horas: Alta Tensión
  • 30 a 07.00 horas: Slither

DÍA 10 de novembro

  • 00 horas: Los Boxtrolls
  • 00 horas: Cooties (Dulces Criaturas)

Día 17 de novembro

  • 00 horas: Raw (Crudo)

Día 24 de novembro

  • 00 horas: El muñeco de nieve
Publicado en Portada | Deja un comentario

Unha trintena de músicos actuarán mañá no Teatro Principal en homenaxe a Álex Cabal

O Teatro Principal acollerá mañá, venres, ás 21.00 horas un concerto homenaxe a Álex Cabal, que foi todo un referente no panorama musical da Estrada. O evento foi presentado esta mañá por Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Carlos Barruso, un dos organizadores, e por Álex Cabal, fillo do homenaxeado. “Os eventos e as campañas que nacen da xenerosidade da xente e do recoñecemento son as que máis merecen a pena e esta homenaxe é un claro exemplo. É unha homenaxe cara alguén que contribuíu co seu traballo e coa súa bondade. O gran cariño que esperta a lembranza de Álex podémolo comprobar coa resposta dos veciños e veciñas da Estrada”, apunta Juan Constenla.

Na homenaxe actuarán catro agrupacións coas que Cabal compartiu notas e ritmos. Cada formación tocará dous temas e ao final interpretarán dúas cancións en conxunto e haberá tamén un tema sorpresa. A entrada é gratuíta, pero é necesario recoller as invitacións que a día de hoxe xa están esgotadas no departamento de Cultura do Concello. Porén, hoxe pola mañá quedaba algunha dispoñible en Calzados A Esquina e no bar Boliche. “Eu quero agradecer a toda a xente que quere participar nisto asistindo ao evento e que esta ocasión serve ademais para escoitar boa música e tamén para ver á xente estradense que sei que hai xente de boa calidade que toca instrumentos de todo tipo”, resaltou Álex Cabal, fillo do homenaxeado.

O evento estará presentado por Xosé Lueiro e entre cada agrupación proxectaranse diapositivas para facer un recordo do paso das distintas agrupacións.

“A idea deste concerto é facer unha actuación na que interveñan ao redor dunha trintena de músicos das catro agrupacións máis representativas das que formou parte Álex Cabal desde que chegou a Galicia no 1984”, apuntou Barruso.  Desta forma, os grupos que estarán presentes serán a orquestra Canadá, Carlos Barruso Quinteto, Dear Mr e a Escola Acome (Asociación Cultural Obradoiro de Música de A Estrada). “Cada formación tocará os temas máis representativos, por exemplo Canadá dos 80 interpretará temas de rock and roll tipo Deep Purple, Zeppelin… nos 90 era outro tipo de repertorio como Gloria Gaynor. Co quinteto xa pasamos a unha cuestión máis de jazz, de funky. Dear aposta máis por blues e por jazz e Acome é unha escola que se creou para facer todo tipo de música, que faltaba un pouco na Estrada. Na Estrada hai rock and roll, hip- hop, bandas de música clásica, pero falta cubrir o espazo do jazz, do funky, do blues e por iso se creou esta escola na que participou Álex activamente”, resalta Barruso.

Durante o día do concerto no Teatro Principal haberá un posto para que quen o desexe poida facer un donativo a favor da Asociación Española Contra el Cáncer. Os organizadores teñen previsto gravar o evento en CD e DVD e subilo a algunha plataforma en Internet.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Esixímoslle ao alcalde que deixe de bailar a danza da choiva e acometa dunha vez a limpeza dos contedores do lixo

 
 
 O PP da Estrada, ao igual que fai o PP de Feijóo, agarda que a choiva solucione todos os problemas. Sen embargo, a choiva pode apagar os incendios, pero non soluciona os problemas estruturais da política forestal do PP ,que é un auténtico suicido.
 
O PP da Estrada tamén agarda a choiva como auga de maio para tapar os cheiros do contedores do lixo. Mais é tal o mal estado destes, con lixo amoreado durante días, que nin a auga logra suavizar o que todos os veciños e veciñas perciben ao ir a depositar o lixo. 
 
Desde o BNG da Estrada esixímoslle ao alcalde que deixe de bailar a danza da choiva e acometa dunha vez a limpeza dos contedores do lixo, que ademais do malestar que producen polo cheiro que desprenden, é un problema de saúde pública.
 
Por outra parte, queremos reiterar unha vez máis o pésimo servizo de recollida do lixo no rural, un tema recorrente que manifesta que estamos ante un goberno municipal inútil e incapaz de solucionar os problema dos veciños e veciñas.
 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Un estudo realizado ó alumnado de Secundaria da Estrada revela un maior consumo de alcohol entre as mulleres e os mozos de 14 a 16 anos O xogo online e contacto con descoñecidos a través da Internet é cada vez máis común entre os adolescentes

 

 

O Concello da Estrada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela levou a cabo durante o curso académico 2016/2017, concretamente no primeiro trimestre do ano presente, un estudo sobre o consumo de drogas e o uso problemático entre os adolescentes no municipio. Foi levado a cabo pola responsable do Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello da Estrada, Isabel Sanmartín, e pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC, liderado por Antonio Rial e coordinado pola investigadora Sandra Golpe. Este estudo forma parte dun proxecto de investigación financiado polo Plan Nacional sobre Drogas. Os datos foron presentados hoxe por parte de Rial e durante o acto tamén estivo presente Sanmartín, Golpe e Óscar Rancaño, concelleiro de Sanidade.

O obxectivo deste estudo é coñecer os niveis de consumo de alcohol e outras drogas entre os adolescentes, estimando á súa vez o posible consumo problemático ou risco. Así como analizar o uso da Internet e das novas tecnoloxías, a incidencia do uso problemático (o que sería a adición aínda que non estea aínda definido como tal), as condutas de ciberacoso e determinadas prácticas como o sexting, o contacto con descoñecidos, o xogo en liña ou as apostas na rede.

O estudo analizou as condutas dun total de 649 adolescentes, de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, pertencentes a catro centros do concello da Estrada: IES Nº 1 A Estrada, IES Antón Losada Diéguez, IES Manuel García Barros e o CPR Plurilingüe Nuestra Señora de Lourdes. Do número en total de alumnos dos catro cursos da Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) o 51,1% foron homes o o 48,9% mulleres.

O estudo realizado mostra que o 81,3 % do alumnado afirma ter xogado a videoxogos na rede no último ano, sendo os máis populares o Clash Royal/Clash of Clans (56,3%), Pokémon (45,2%) e o GTA (44,3%). Con respecto ao ciberbullying os datos mostran unha prevalencia de 13,1% vítimas e o 9,5% de agresores. Ademais, detectouse un 3,5% de mozos cun perfil de vítimas/agresoras.

No referente ao consumo de drogas e de alcohol, no último ano, 1 de cada 3 (33%) dos adolescentes beberon alcohol, chegando a emborracharse o 11,7%, e o 11,6% fumaron tabaco. No último mes estas cifras sitúanse no 11,7% para o consumo de alcohol, 3,5% para emborracharse e o 4,5% para o tabaco.

Por outra banda, o 2,2% consumiu marihuana ou hachís no último ano e o 0,5% no último mes. En canto aos consumos de risco de alcohol, cánnabis e drogas en xeral, as taxas atopadas sitúanse no 10%, no 0,8% e no 10,9%.

Con estes datos sobre o papel, o estudo mostra que os niveis de consumo de alcohol son menores que os atopados no conxunto de Galicia, pero aínda así débense manter o esforzo neste eido, especialmente no tocante ás mulleres e aos alumnos de segundo ciclo (14-16 anos). Tamén o uso problemático de Internet e o posible risco de ciberdependencia presenta niveis lixeiramente menores que no conxunto da comunidade e de novo maior entre as mozas, o que xustifica a necesidade de introducir a perspectiva de xénero na labor de prevención.

Os datos son preocupantes no referente ao xogo online ou ao contacto con descoñecidos, o que evidencia a necesidade de esforzos específicos a este nivel. En canto ao cyberbullying, máis do 13% confesan ter sido vítimas de acoso na rede, cifra inferior ao número de agresores (9,5%). Hai que destacar que 1 de cada 4 vítimas son tamén agresoras e de novo as mulleres son as que presentan maiores porcentaxes de ciberacoso, sobre todo en vitimización, aínda que case o 1 de cada 10 recoñece tamén ter acosado a outros nas rede.

Outro dos aspectos no que é necesario incidir, trala realización desta análise, é o papel dos pais no uso responsable da Internet que segue a ser unha materia pendente: só o 38,5% controlan ou limitan o uso que os fillos fan de Internet ou do móbil, o que concorda coas altas porcentaxes de uso a partires das 12 da noite ou incluso nos centros e mesmo nas aulas. Hai que destacar que o 93,5% do alumnado ten móbil con datos.

Isabel Sanmartín anunciou que dentro de 15 días convocarase unha reunión cos membros da directiva dos centros educativos e con representantes das ANPAS para comunicarlles os resultados deste estudo. Tanto Sanmartín como Rial inciden na necesidade de traballar conxuntamente, Administracións, pais e docentes, sendo moi importante a prevención familiar e insisten en que nunca se debe caer na autocomplacencia. Resaltan tamén a importancia de fomentar alternativas de lecer, actividades que sexa do interese dos mozos, para evitar que caían nesas prácticas daniñas.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada colaborou con medios humanos e materiais nos incendios de Forcarei e Silleda

 

 

O alcalde incide en perseguir as prácticas incendiarias que están poñendo en risco a vida das persoas


Estes últimos días Galicia viviu unha situación crítica a causa dos múltiples incendios. No municipio da Estrada houbo algún lume pequeno, como o que se declarou onte en Oca e tal e como comentou o alcalde da Estrada, José López. “Centrámonos basicamente estes días no apoio ao resto de operativos de incendios que estaban no entorno do noso concello, como foron os dos municipios de Forcarei e de Silleda”, sinala López. “O que fixemos foi previamente coñecer a situación a través dos coordinadores da Xefatura Territorial de Medio Rural, poñer a disposición os nosos medios, tanto o que son as brigadas de incendios como o propio grupo do GES e o grupo municipal de emerxencias. E coordinouse para poñernos a disposición daqueles operativos que o necesitaron. Fomos mobilizados durante todo o día e toda a noite e hoxe pola mañá a situación xa era algo máis tranquilizadora porque onte en Forcarei e en Silleda había núcleos que estaban directamente afectados polas lapas, e nestes casos o primeiro eran as persoas, despois as propiedades e finalmente intentar sufocar os incendios”, apunta o alcalde.
O Concello puxo a disposición os medios humanos e materias, como os vehículos e todos os medios que teñen no servizo de Protección Civil e de Emerxencias. “Tristemente neste tipo de casos todos os medios que poñemos á disposición sempre son insuficientes. Manter a seguridade das persoas era o fundamental e agardo a que a climatoloxía nos permita traballar con algo máis de calma, porque onte foi un día bastante complexo, sobre todo polo tema do vento que dificultou moito as labores de extinción”.
O alcalde incidiu en que “non nos podemos esquecer das responsabilidades que poden haber detrás de todo isto. Como todo parece indicar, ou presuntamente se ve, foron maioritariamente lumes intencionados, polo que eu creo que hai que perseguir estas prácticas incendiarias porque isto é unha lacra, porque xa no son só os danos medioambientais que producen que son devastadores, senón é poñer en risco a vida das persoas e os bens”.
López agradece a todos os que están aportando a súa axuda. “Quero agradecer o seu traballo, porque onte remataban os convenios dos brigadistas, que rematan o 15 de outubro, e todas as brigadas estiveron funcionando todo o día e toda a noite o que é digno de agradecer. Non só colaborou o noso persoal de Emerxencias e de Protección Civil que estaba en garda, senón que houbo xente que se incorporou ao servizo para colaborar o cal hai que poñelo en valor”.
O rexedor ten previsto poñerse en contacto con responsables de Medio Rural. “Agora temos que ver cal é a situación a partir de hoxe, poñéndonos en contacto con Medio Rural, e pola nosa parte como Concello, evidentemente, poñeremos todos os medios que sexan precisos para colaborar. Non tivemos ningunha incidencia grave aínda que si varios conatos de incendios, pero unha da filosofía das emerxencias é a solidariedade. Neste caso, A Estrada, por suposto, e como non pode ser doutra maneira, onte estivo presente en todos aqueles sitios onde se nos pediu axuda. Neses casos hai que seguir colaborando e seguir traballando para que isto non volva acontecer”.
López incide na importancia de cumprir a Lei de Incendios que evitarían situacións como as que se están vivindo estes días. “Creo que tamén é importante sensibilizarnos cun tema que as veces non somos o suficientemente sensibles que é o cumprimento da Lei de Incendios, sobre todo o relativo ó mantemento das fincas que están máis próximas aos núcleos”, insiste o alcalde e engade: “Nós este ano aprobamos unha ordenanza na que se establecen os perímetros ou liñas de limpeza de maleza no entorno dos núcleos. Sei que as veces non é popular facer estas cousas pero si é necesario, porque un non se dá conta do perigo que existe ata que realmente o padece. Neste caso debemos aproveitar este tipo de desgrazas para sensibilizarnos con este tema e debemos esixir aos propietarios de fincas que están no entorno dos núcleos o seu coidado e mantemento, dentro do que marcan a Lei de Incendios, como a limpeza de maleza ou a corta daquelas especies arbustivas que non están plantadas nas distancias que establece a lei dentro dos núcleos. E no caso de que os propietarios non o fagan son os Concellos os que debemos facer un especial esforzo por indicarlles que deben facelo ou senón, no último extremo aplicar as accións coarcitivas necesarias. Xa vimos onte o importante papel dos cortalumes e ter o entorno dos núcleos limpos xa que hai determinados núcleos, que se algún día pasa a desgraza dalgún incendio, en condicións coma as de onte, sería practicamente imposible salvalos. Os veciños deben saber das súas obrigas e o Concello facer cumprilas”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

En plena vaga de seca e calor o PP rescinde os contratos do servizo de extinción

O BNG insta ao PP a reflexionar sobre as consecuencias desastrosas das súa política forestal que se asenta en dúas patas: a negocio do lume e ENCE

 

A vila da Estrada amaneceu hoxe inundada inundada de muxicas e cheirando a fume, síntomas inequívocos de que perto do casco, no noso concello, está ardendo. Non arde de casualiade; arde porque hai unha persoa sen escrúpulos que prende lume sen ter en conta as consecuencias para o medio ambiente e para a seguranza das persoas. Mais tamén arde porque temos os xestores públicos do PP, tanto no concello como na Xunta, son uns auténticos irresponsábeis.
 
O tempo seco que estamos experimentando nos últimos meses, algo que é recurrente nos últimos anos, debería facer reflexionar ao PP para manter intacto a estas alturas o servizo de extinción de incendios. Non é así. A estas alturas os condutores das motobombas do concello hai días que expirou o seu contrato, un servizo que se ten que suplir co GES. E nos vindeiros días tamén remata o contrato das brigadas. E mentres tanto, os incendios avanzan sen control pola irresponsabilidade do Partido Popular.
 
O PP aplica unha política forestal aséntase en dúas patas, o negocio do lume e ENCE, obviando as múltiples posibilidades que ten o monte galego. Un exemplo vémolo na Estarda onde contamos cunha importante industria de transformación pero que non pode nutrirse da materia prima que precisa nos montes próximos aínda que teñen unas condicións moi boas para producir madeira de calidade en pouco tempo. O que falta é unha política forestal que prime o monte como xerador de riqueza através dos seus productos e non como xerador de negocio para o lume e para ENCE, que está  converter Galiza nunha enorme eucalipteira, que como todos sabemos ten un alto potencial pirófito.
 
Por todo isto, desde o BNG da Estrada instamos ao Partido Popular a reflexionar seriamente sobre a política forestal que está a executar desde a Xunta de Galiza, unha política que nos empobrece e que nos leva ao desastre medio ambiental.
 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Comezo escolas de Tequexetéldere en A Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario