O PROGRAMA “NOITES NOVAS” REGRESA COMO ALTERNATIVA DEOCIO NOCTURNO PARA A MOCIDADE NOS SÁBADOS DE OUTUBRO

 O departamento municipal de Xuventude ofrece, a través de firma
Anacos Educativos, unha batería de propostas de xogos e obradoiros que
arrancan este sábado no segundo andar do Novo Mercado.
 Cada sesión terá dúas horas de duración, entre as 21.00 e as 23.00 horas,
con acceso gratuíto para mozos a partires dos 12 anos.
 Xogos de enxeño, un cluedo polas rúas máis céntricas e un obradoiro de
fotografía con teléfono móbil, as suxestións para esta segunda edición.
 Nos obradoiros da primeira convocatoria participaron máis de 200
xoves, revelando un baleiro de espazos de lecer específicos para a
mocidade de entre 12 e 16 anos.

Despois do éxito acadado na primeira convocatoria, o
departamento municipal de Xuventude do Concello da Estrada e a firma Anacos
Educativos presentaron esta mañá unha nova edición do programa “Noites Novas”,
unha alternativa de ocio para a mocidade estradense coa que se busca configurar un
espazo saudable, seguro e diverso.
A concelleira de Cultura, Lingua e Xuventude, Lucía Seoane, e a responsable de Anacos
Educativos, Andrea Piñeiro, explicaron que o programa retorna xa dende este sábado,
de xeito que os días 11, 18 e 25 de outubro serán “Noites Novas”. Cada unha das
actividades propostas, pensadas para rapaces a partir de 12 anos, terá unha duración de
dúas horas, de 21.00 a 23.00.
Cómpre lembrar que unha das principais premisas das que se partiu á hora de configurar
este programa de actividades, que se estreou a pasada primavera, foi a de procurar que
a xuventude poida ocupar tempos de ocio en horario nocturno, libres de calquera
promoción de hábitos tóxicos e consumistas. Ademais, o público ao que se dirixen estas
propostas busca incluír a eses mozos que, probablemente, aínda non atoparon un
espazo de ocio propio e axeitado ás súas circunstancias, a eses anos que xa se afastan da
infancia pero que aínda non se emprazan na idade adulta.

As propostas volven apostar por temáticas que buscan unha participación activa e un
intercambio de experiencias. Todas elas inclúen monitores especializados, os materiais
precisos e os seguros necesarios, sen custe algún para os participantes.
Actividades
Este sábado, 11 de outubro, proponse unha velada de enxeño, un xogo no que as
persoas participantes porán a proba a súa capacidade, intuición e creatividade para
resolver retos en equipo. A través de probas de lóxica, dedución e cooperación
crearanse un ambiente divertido e participativo no que o enxeño será clave para gañar.
Tras xuntarse no Novo Mercado, a actividade será na rúa.
O sábado 18 de outubro será noite de Cluedo. Neste caso, a actividade propón un xogo
de investigación no que as persoas participantes deberán resolver un misterio mediante
pistas, deducións e traballo en equipo. Cada grupo terá que percorrer a zona de xogo
(rúas céntricas da Estrada) e atopar os diferente cartaces con personaxes. Terán que
analizar a información dispoñible e formar hipóteses ata descubrir quen foi a persoa
responsable, como actuou e cal foi o móbil do suceso.
Para o sábado 25, “Noites Novas” reserva un obradoiro de fotografía con teléfono móbil
e dende unha perspectiva de xénero. A través de actividades prácticas, explorarase
como a mirada con que facemos as fotos está influída por roles e estereotipos e como se
poden crear imaxes máis conscientes e igualitarias. Os participantes aprenderán nocións
básicas de composición e encadre, ao tempo que se fomentará a creatividade e a
reflexión.
Recomendan inscribirse
Coma na edición anterior, Andrea Piñeiro sinalou que a inscrición non é obrigatoria, pero
si recomendable por cuestións de organización. “Como na vez anterior, a nosa proposta
é: se sabes que vas vir, avisa; se non te anotaches, pode vir igual”, dixo.
Na primeira edición deste programa foron máis de 200 os mozos que participaron, con
varias convocatorias que tiveron o aforo completo. A iniciativa permitiu observar un
baleiro de espazos de lecer específicos para a mocidade de entre 12 e 16 anos, un oco
que dende o departamento municipal de Xuventude se buscará encher con novas
propostas como as presentadas esta mañá.

Publicado en Portada | Deja un comentario

ESTREA DA ZARZUELA «A LENDA DE MONTELONGO»

Conservatorio Profesional de Música da Estrada, Coral Polifónica Estradense, Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) e Tequexetéldere estiveron esta mañá representadas no acto de presentación da zarzuela “A lenda de Montelongo”.
Estrearase no Teatro Principal da Estrada os días 25 e 26 de outubro, no marco da programación cultural de outono.
“Estamos aquí para presentarvos unha zarzuela con ADN galego e en galego, das poucas zarzuelas que existen na nosa lingua», dixo a concelleira de Cultura, Lucía Seoane. Puxo tamén en valor que a peza permite continuar “a senda das sinerxías entre as distintas agrupacións que se acubillan baixo o paraugas da Fundación Cultural da Estrada”.
A parte musical desta zarzuela correrá por conta da orquestra que conforma o profesorado do Conservatorio Profesional de Música da Estrada e das voces da Coral Polifónica, dúas entidades baixo a batuta de Xabier Comesanha.
Actores da Escola Municipal de Artes Escénicas subirán ao escenario, nunha peza que tamén ten na dirección teatral a outro alumno da EMAE, Julio Cores. Xunto a eles estarán os solistas Indra Sesti e Jacobo Rubianes.
A función do sábado 25 será ás 20.00 horas e a do domingo 26, ás 19.00. As entradas estarán á venta dende mañá mércores no departamento municipal de Cultura, ao prezo de 5 euros.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO REITERA A PROHIBICIÓN DE DEPOSITAR RESIDUOSLIGADOS Á ACTIVIDADE INDUSTRIAL NOS CONTEDORES DO POLÍGONO

 Óscar Durán advirte de que estes colectores están destinados a lixo
asimilable ao uso doméstico, sendo obrigatorio que cada empresa teña
contratado un reciclador autorizado.
 “Non o dicimos por capricho do Concello, senón porque as empresas
recolledoras nos están trasladando esta situación e non queren recollelo,
xa que tamén para elas supón un problema”, sinala o concelleiro.
 Avanza que, se a situación persiste, haberá que realizar un seguimento
aos depósitos.

O sucesivo depósito de residuos procedentes da
actividade industrial nos contedores de lixo do parque empresarial de Toedo levou hoxe
ao concelleiro delegado de Servizos Municipais, Óscar Durán, a lembrar publicamente
que os colectores instalados no polígono están destinados a residuos asimilables ao uso
doméstico, sendo obrigatorio que cada empresa teña contratado un reciclador
autorizado para o refugallo que xera no seu funcionamento.
Deste xeito -só por poñer un exemplo-, os plásticos ou cartóns industriais, xunto con
outros elementos empregados para a embalaxe, non poden ser desbotados nos
colectores instalados ao pé das vías interiores do polígono, senón que teñen que ser
incorporados na xestión de residuos que cada empresa debe ter prevista e organizada.
“Non o dicimos por capricho do Concello, senón porque as empresas recolledoras están
trasladando esta situación e non queren recollelo, porque tamén para elas supón un
problema”, explica Durán.
O concelleiro puxo o acento en que, se a situación continúa repetíndose, as diferentes
firmas recolledoras están advertindo da necesidade de comenzar a identificar a orixe
destes depósitos, rastrexando a súa procedencia a través de elementos como os códigos
de barras, ao obxecto de propiciar que os seus responsables reciban as sancións
correspondentes.
“Queremos lanzar un aviso”, sinalou Durán, que insistiu en que a recollida de lixo do
polígono industrial de Toedo non se realiza xunto coa urbana. “Nestes colectores pódese
depositar o lixo que xeraría calquera cidadán, pero o derivado da actividade de cada
empresa ten que ser xestionado cunha empresa de recollida autorizada”, subliñou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A XUNTA DE GOBERNO APROBA AS OBRAS DO PLAN CAMIÑA RURAL,CON ACTUACIÓNS EN CODESEDA E RIBELA POR CASE 160.000 EUROS

 O programa, financiado por Agader, contempla obras de pavimentación
en tres vías de titularidade municipal que contectan estas dúas
parroquias da Estrada.
 Unha das infraestruturas avanza en paralelo ao curso do Umia e xa foi
obxecto de sucesivos bacheos.

A Xunta de Goberno Local da Estrada aprobou na súa
sesión deste luns o inicio do expediente de contratación das obras do Plan Camiña Rural
2025, financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Desta volta o
executivo apostou por introducir neste plan a pavimentación de vías que son de
titularidade municipal e que conectan as parroquias de Ribela e Codeseda. O montante
das actuacións programadas é de preto de 160.000 euros (159.641).
As vías incorporadas ao Plan Camiña Rural presentan un pavimento con fochas e unha
alta fisuración, que afecta impermeabilidade do mesmo, permitindo a entrada de auga
nas explanadas, o que desencadea un colapso estrutural importante. A actual capa de
rodadura non cumpre coas esixencias de regularidade, macrotextura e rozamento, o
que conleva un problema de seguridade, comodidade na condución e ruídos provocados
polo tránsito.
Así, o alcalde, Gonzalo Louzao, explicou que se apostou por incluír neste plan o camiño
que conecta o lugar da Igrexa (en Ribela) co do Arnado (Codeseda), unha infraestrutura
que avanza a carón do curso do río Umia, nunha zona sombría na que, segundo detallou
o rexedor, se practicaron bacheos en distintas ocasións. Asumiu o mandatario que este
deterioro sucesivo esixe agora unha actuación de maior envergadura, de xeito que se
practicará un aglomerado en quente, logo dunha limpeza dos foxos e un varrido da
superficie.
Outra das vías nas que se actuará con arranxo a este plan será nun ramal da anterior que
atravesa Trabadela, tamén na parroquia de Ribela, de novo mediante limpeza de foxos,
varrido superficial e firme a base de aglomerado en quente, con rega de adherencia. A
mesma actuación resérvase para A Portela, na parroquia de Codeseda.

Para a realización do pavimentado será preciso o corte ó tráfico durante unha xornada.
Indicaranse itinerarios alternativos co obxecto de causar os menores prexuízos ós
residentes e usuarios destas vías.
En todo caso, tras a aprobación hoxe do importe, as actuacións e o inicio do
procedemento, continúa agora o trámite para a contratación das obras.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Non é de recibo tardar máis de cinco anos en arranxar un vial, cuxo deterioro era moi evidente

 Foi en xaneiro de 2020 a primeira vez que o BNG reclamou ao concello a mellora do vial que cruza o Souto de Vea, pedindo non só unha nova capa de rodadura, dado o pésimo estado na que se atopaba, con continuas filtracións de agua e fochancas, senón tamén o pitando dos carrís e as zonas de aparcadoiro público do vial.

A pesar das reclamacións que lle chegaban ao concello por parte do BNG e dos veciños e veciñas, o goberno do PP limitouse desde entón a parchear as fochancas, que, como denunciamos en diversas ocasións, aos 6 meses xa estaban de novo destapadas, quedando outra vez un vial intransitábel.

Pois ben, máis de cinco anos despois desa primeira reclamación do BNG, o goberno municipal do PP vén de rematar unha obra necesaria e moi demandada polos veciños e veciñas do lugar do Souto de Vea, máis non só, xa que ese vial é tránsito habitual de moitos outros condutores e condutoras doutros concellos, que se dirixen a Santiago de Compostela.

Está claro que a cousa non era tan complicada, só facía falta escoitar á veciñanza, que o goberno despachou sempre con displicencia, até que a desfeita fíxose tan insoportábel que ao PP non lle quedou outra que arranxar o vial. Iso si, primeiro colocaron o cartel anunciando a obra e varios meses despois executaron o arranxo. O lóxico sería facelo ao revés.

Lamentamos a lentitude do goberno do PP á hora de responder ás demandas veciñais, así como da nosa propia organización. Non é de recibo tardar máis de cinco anos en atender unha demanda tan evidente e necesaria. Nestas cousas é onde se demostra que hai un goberno que funciona, fronte a outro que vai de sobrado e traballa rotineiramente.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A CORAL POLIFÓNICA DE BERRES HOMENAXE A XOSÉ LUNA SANMARTÍN DURANTE O CONCERTO DE OUTONO DE BERRES

A Coral Polifónica de Berres ofreceu hoxe tributo a este mestre e escritor no marco do concerto organizado na igrexa parroquial, coa asistencia do conselleiro de Cultura, José López Campos, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, e as concelleiras Amalia Goldar e Carmen Durán, entre outros.

No Concerto de Outono participaron a Coral San Telmo de Tui, a Coral La Moraña de Arévalo, o Coro Urepel Abesbatza de Sopelana e a anfitrioa, a Coral Polifónica de Berres.

GALERÍA 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Charla-concerto sobre a requinta na parroquia de Berres e homenaxe a Xaquín García veciño de Riobó

Publicado en Portada | Deja un comentario