MÁIS DE 140 PERSOAS PASAN POLAS AULAS DE FORMACIÓN DIXITAL NA ESTRADA E O CONCELLO LEVA A INICIATIVA ÁS PARROQUIAS

 O programa YoConecto, impulsado por Cibervoluntarios en
colaboración co Concello da Estrada, consolídase no municipio despois
de dúas fases formativas gratuítas.
 A maioría dos participantes teñen máis de 60 anos.
 A parroquia de Oca foi a primeira en acoller unha proba piloto que
traslada estas aulas tamén ao ámbito rural.

O programa YoConecto, impulsado pola Fundación
Cibervoluntarios en colaboración co Concello de A Estrada, suma xa dúas fases de
formación dixital gratuíta con máis de 140 participantes, a maioría deles maiores de 60
anos. A iniciativa deu un paso máis e leva agora a formación directamente ás
parroquias, cunha proba piloto en Oca e un novo ciclo de cursos en Codeseda para os
veciños de Ribela.
Na primeira fase do programa, o Concello de A Estrada organizou tres cursos cos que
pasaron polas aulas un total de 62 persoas. O elevado interese dalgunhas das
formacións obrigou a desdobrar dous deles, “Iniciación ao mundo dixital” e “Apps para
xestionar trámites a través de internet”. Fixéronse dúas sesións de cada un para poder
atender a todos os interesados.
A segunda fase, desenvolvida entre febreiro e maio, reuniu a 78 persoas en seis cursos
celebrados nas aulas emprazadas na Casa da Música. As formacións impartidas nesta
fase abarcaron contidos como o uso de WhatsApp e Telegram, banca dixital, compras
seguras en liña e redes sociais, entre outros.
O concelleiro estradense de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, explicou que,
continuando a aposta do Concello por integrar ao rural nesta oferta formativa, estes
contidos levaranse tamén de xeito directo ás parroquias. .»Cremos que as ferramentas
e o coñecemento sobre cuestións que son tan importantes hoxe no nodos día a día
teñen que chegar a todos os lugares do municipio», sinalou.
En Oca
Deste xeito, a parroquia de Oca foi a primeira escala desta proba. Para o curso de
“Iniciación ao mundo dixital” inscribíronse 14 persoas, e esta semana arrancou a

segunda formación, con 15 inscritos e baixo o título “Comunica con confianza:
WhatsApp e Telegram”, que terá continuidade os días 2 e 4 de xuño, en horario de 17.00
a 20.00 horas. Queda tamén programado un terceiro curso, “Crea contido con
intelixencia artificial”, os días 9, 11, 16 e 18 de xuño e no mesmo horario.
Estrea en Codeseda
Paralelamente, o municipio estrea un novo ciclo formativo en Codeseda, aínda que
dirixido especialmente aos veciños de Ribela. Este ciclo consta de tres cursos: o primeiro,
“Comunica con confianza: WhatsApp e Telegram”, comezou o 25 de maio e conta con
10 persoas inscritas. A continuación, seguirán “A túa banca dixital: compras seguras a
través de internet” (1 ao 4 de xuño) e “Apps para gozar coa intelixencia artificial” (do 8
ao 11 de xuño), ambos en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Cómpre sinalar que a posibilidade de impartir os cursos nos centros sociais das
parroquias foi posible grazas á conexión a internet proporcionada pola rede de
AEstradaDixital, que garantiu a conectividade necesaria nos locais de cada parroquia.
Aínda que todos os cursos están abertos á cidadanía en xeral, o Concello da Estrada
enfocou a convocatoria especialmente nas persoas de máis de 60 anos, cun deseño
adaptado ao seu ritmo de aprendizaxe e con énfase na autonomía dixital, a seguridade
en liña e o uso práctico de ferramentas para a vida cotiá.
Todos os cursos teñen un compoñente práctico no que os participantes aprenden
facendo, con contidos baseados en situacións reais. Ao remate de cada formación, os
participantes reciben un certificado oficial acreditativo. As formacións son
completamente gratuítas.
Novas formacións na vila
O programa de formación dixital continúa. O Concello ten previstas dúas novas
convocatorias na vila. A primeira arranca o luns e continuará ata xoves (de 10.00 a
13.00), estando centrada no coñecemento e manexo das redes sociais. O seguinte será
sobre creatividade con Intelixencia Artificial (9, 10, 11 e 12 de xuño). Dado o interese
xerado, está prevista a posibilidade de desdobrar este curso nun segundo grupo en
horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas, os mesmos días
Cibervoluntarios é unha ONG española de referencia internacional centrada en impulsar
unha transición dixital inclusiva. A iniciativa do programa YoConecto busca favorecer a
inclusión dixital, reducir a fenda dixital e xerar novas oportunidades persoais, sociais e
profesionais.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO ABRE O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN NO CAMPAMENTODE VERÁN QUE OFERTA O DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS

 Desenvolverase por quincenas nas instalacións deportivas dos colexios
de Vea, Codeseda, Oca, O Foxo e Figueiroa.
 Ofértanse 30 prazas por cada quenda e centro, a excepción de Figueiroa,
no que haberá 40.
 O prazo de inscrición remata o 12 de xuño e o prezo é de 35 euros por
quincena, con bonificacións se hai máis dun participante na unidade
familiar.
 En setembro haberá campamento ata o día 9.

O departamento municipal de Servizos Sociais abrirá o
luns, 1 de xuño, o prazo de inscrición para o seu campamento de verán, un servizo de
conciliación da vida laboral e familiar destinado a nenos e nenas con idades
comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
A actividade celebrarase os meses de xullo, agosto e ata o día 9 de setembro, de luns a
venres e en horario de 09.00 a 14.00 horas. Cabe a posibilidade de ampliación segundo
as necesidades das familias. O campamento desenvolverase nas instalacións deportivas
dos colexios Oca, O Foxo, Cabada Vázquez (Codeseda), Villar Paramá (Vea) e Figueiroa.
Para cada unha destas instalacións ofértanse 30 prazas por quincena, agás no caso do
CEIP Figueiroa, onde son 40 prazas por cada quenda de 15 días. O prazo de inscrición
rematará o 12 de xuño.
As solicitudes deberán presentarse no Departamento de Servizos Sociais (en horario de
09.00 a 12.00, de luns a venres) ou a través da sede electrónica do Concello da Estrada.
Será preciso presentar unha serie de documentación acompañando a solicitude: DNI do
pai, nai ou titor; libro de familia (só si solicita bonificación para outros irmáns
participantes); fotocopia do xustificante de ocupación laboral (dúas últimas nóminas,
certificado de vida laboral ou último recibo da cota da Seguridade Social no réxime
especial de traballadores por conta propia) e fotocopia da declaración do IRPF dos dous
proxenitores.

En canto ao prezo deste campamento, será de 35 euros por participante e quincena
(durante os meses de xullo e agosto) e de 25 durante os días do mes de setembro.
Ademais, no caso de que participe un segundo membro da unidade familiar terá un
desconto do 20% (pagará 28 nas quincenas de xullo e agosto e 20€ en setembro) e, a
partires do terceiro membro da mesma familia será gratuíto.
No caso que de o número de solicitudes supere a previsión de prazas, atenderanse as
matrículas establecendo a seguinte orde de prioridades: familias atendidas que conten
con ditame de bonificación por razóns de risco; empadroados no termo municipal
estradense; familias nas que pais, titores ou gardadores dos menores inscritos acrediten
atoparse traballando durante o período de inscrición das actividades; familias con
rendas máis baixas (IPREM); familia numerosa e orde de entrada das solicitudes.
Terán preferencia no momento da inscrición os menores empadroados no Concello da
Estrada. No caso de que haxa prazas vacantes en calquera das quedas poderán
formalizar a inscrición os non empadroados.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO LAMENTA A CONVOCATORIA DE FOLGA NA RECOLLIDADE LIXO E CHAMA AO DIÁLOGO ENTRE A EMPRESA E OS SEUSTRABALLADORES

 Lamenta que o conflito laboral entre a concesionaria do servizo e os seus
traballadores poida acabar repercutindo nos estradenses nun momento
tan sensible como as festas patronais.
 Dende o respecto absoluto ao dereito dos traballadores a exercer a folga,
sinálase que o Concello non forma parte nin pode intervir nas
condicións que se están negociando.
 O único papel que exerceu o goberno neste conflito foi escoitar ás partes
e tentar tender pontes para o diálogo

O concelleiro de Servizos Sociais, Óscar Durán,
reaccionou hoxe ao anuncio da folga no servizo de recollida de residuos que afecta ao
municipio estradense. Aínda que o Concello da Estrada non adoita realizar valoracións
públicas sobre negociacións laborais que corresponden exclusivamente ás partes
implicadas, a convocatoria de folga anunciada entre o 25 e o 28 de xuño, así como as
consecuencias que esta situación podería ter para a veciñanza e para o
desenvolvemento das festas patronais, animaron ao edil a trasladar á cidadanía varias
consideracións.
En primeiro lugar, dende o Concello quíxose expresar o absoluto respecto ao dereito
dos traballadores a exercer a folga e a defender as súas reivindicacións laborais, un
dereito fundamental. Ao mesmo tempo, o goberno local lamenta profundamente que
este conflito poida acabar repercutindo sobre os veciños e veciñas da Estrada e sobre a
prestación dun servizo esencial, especialmente nunhas datas tan sinaladas como as das
festas patronais.
En todo caso, cómpre lembrar que se trata dunha negociación laboral entre a empresa
concesionaria do servizo e os seus traballadores, na que o Concello non forma parte nin
ten capacidade para intervir no contido das condicións laborais que se están
negociando. Non obstante, consciente da importancia deste servizo, o Concello
promoveu e participou en diferentes reunións e contactos con ambas partes ao longo
dos últimos meses, coa única finalidade de favorecer o diálogo e contribuír a achegar
posturas.

Neste contexto, Óscar Durán defendeu hoxe que a vía do entendemento segue sendo o
mellor camiño para alcanzar unha solución satisfactoria e fai un chamamento á
responsabilidade e ao esforzo negociador de todas as partes para evitar unha situación
que prexudicaría principalmente á cidadanía.
Respecto das referencias realizadas en relación coa futura licitación do servizo, Durán
deixou fóra de toda dúbida que os pregos aos que aludiron os representantes sindicais
están listos e reiterou que a postura de non facilitar unha copia se adoptou seguindo os
criterios técnicos e xurídicos establecidos polos servizos municipais, garantindo en todo
momento a legalidade do procedemento, a libre concorrencia entre empresas e a
defensa do interese público.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES ESCÉNICAS RENDE HOMENAXE AVIRXINIA PEREIRA, A PROTAGONISTA DO ANO CULTURAL 2026

 Abre mañá venres unha mostra con catro pezas, unha por cada grupo
deste centro, que xiran ao redor do universo de Castelao e da figura da
súa muller estradense.
 Leva por título “A muller que debuxou a Castelao” e servirá de broche
para o curso 2025-2026.
 O alumnado empregará técnicas como a da máscara ou a da luz negra.

A Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) dedicará
o seu final de curso 2025-2026 a homenaxear a figura de Virxinia Pereira, á que o
Concello da Estrada dedica o Ano Cultural 2026, coa estrea dunha mostra titulada “A
muller que debuxou a Castelao”. Este ciclo tan especial consta de catro pezas que xiran
ao redor do universo de Castelao e da figura da súa muller, Virxinia Pereira.
As pezas son as que seguen:
• Venres 29 de maio (20.30): Estrearase no Teatro Principal a peza Lela, Leliña,
Lela inspirada en Os vellos non deben de namorarse que racha cos estereotipos
do amor romántico. Unha peza que estará interpretada polo Grupo Xuvenil da
EMAE dirixido por Fran Campos.
• Domingo 31 de maio (20.00). O pano subirá para a obra A voz de Virxinia, que
recolle distintos momentos da vida desta estradense. A peza, interpretada coa
técnica da máscara, correrá a cargo do Grupo de Adultos da EMAE e está dirxida
por Anabell Gago.
• Venres 5 de xuño (19.30): tamén no Teatro Principal, tomará o relevo o Grupo
Infantil da EMAE que porá en escena a coñecida obra de Castelao Un ollo de vidro
coa técnica de luz negra. A peza está dirixida por Arturo Cobas, Paula Quintas e
Antía Vidal.
• Domingo 7 de xuño (19.30). Pechará esta mostra a peza Cousillas que fará unha
relectura da obra Cousas de Castelao en clave danza-teatro. A obra estará

interpretada polo grupo de Danza +40 da EMAE e con dirección de Paula Quintas,
Antía Vidal e Arturo Cobas
A entrada aos espectáculos será libre ata completar a capacidade da sala.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CULTURA ABRE O LUNS A VENDA DE ENTRADAS PARA O ESPECTÁCULODO CÓMICO GOYO JIMÉNEZ, “AMERICAN FOREVER”

 

O Departamento de Cultura da Estrada anunciou hoxe
o inicio da venda de entradas para un dos espectáculos máis especiais da programación
cultural deste 2026. Trátase da actuación, o vindeiro 10 de decembro, de Goyo Jiménez,
considerando un dos cómicos máis importantes do panorama da stand up comedy
nacional. Chegará ao Teatro Principal co seu monólogo American forever.
Despois dunha primeira e fructífera etapa no teatro profesional, Goyo Jiménez deu o
salto á grella televisiva da man de El club de la comedia e de programas como La hora
de José Mota, onde exerce de guionista, xunto con outros espazos como Zapeando,
Órbita Laika ou Un país para reírlo.
Algún dos seus monólogos máis destacados como cómico son: Canis Los americanos ou
Ligar en EE.UU. De feito, el mesmo se define como un “especialista en asuntos
americanos”. Goyo regresa aos escenarios co monólogo American Forever, un traballo
que o converte nun ‘embaixador’ non oficial dos Estados Unidos
As entradas poderán mercarse presencialmente no Departamento de Cultura do
Concello da Estrada a partir do luns, 1 de xuño, ou na web Ataquilla.com. O seu prezo, a
partires de 22 euros. O pase será o xoves 10 de decembro ás 20.30 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta prevé desenvolver case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata 2030

A Xunta de Galicia impulsará preto de 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial en toda a comunidade ata o ano 2030, cun investimento previsto superior aos 440 millóns de euros. O obxectivo é ampliar a oferta de chan empresarial, favorecer a implantación de novas empresas e reforzar a capacidade de Galicia para atraer proxectos industriais estratéxicos.

Segundo o informe analizado no Consello da Xunta, a nova planificación contempla unha trintena de actuacións en distintos puntos de Galicia e aposta por unha política de solo empresarial máis dinámica, orientada á creación de actividade económica real e á xeración de emprego.

Unha nova estratexia para o desenvolvemento industrial

A Consellería de Economía e Industria considera o solo empresarial unha “infraestrutura estratéxica” para o desenvolvemento económico de Galicia. A nova estratexia prioriza as zonas con demanda real, potencial de crecemento e capacidade para acoller proxectos tractores vinculados á política industrial galega.

Na actualidade, Galicia conta con máis de 4.000 parcelas públicas de solo industrial, aínda que só arredor de 350 están dispoñibles. Por este motivo, a Xunta aposta tanto pola creación de novo solo como pola dinamización da comercialización das parcelas xa existentes.

Actuacións previstas nas catro provincias

Do total previsto a provincia da Coruña contará con 4,2 millóns de metros cadrados e un investimento estimado de 111,6 millóns de euros. En Lugo desenvolveranse 1,6 millóns de metros cadrados cun investimento de 68 millóns.
Pola súa banda, Ourense sumará máis de 2,7 millóns de metros cadrados cun orzamento de 126,1 millóns.
No caso de Pontevedra, contará con arredor de 3,2 millóns de metros cadrados e 138,6 millóns de investimento.

Ao longo deste ano prevese a posta á disposición de novo solo industrial nos parques empresariais de Morás (Arteixo), As Gándaras (Lugo) e Xinzo de Limia.

Ademais, entre 2026 e 2029 está previsto o inicio de novas actuacións en ámbitos como Lalín, San Cibrao das Viñas, Carballo, A Estrada, Palas de Rei, Xove, Pereiro de Aguiar ou Poio-Fragamoreira, entre outros.

Novas fórmulas para facilitar o acceso ao solo empresarial

Dentro desta nova política industrial, a Xunta tamén introduciu cambios nos sistemas de comercialización do solo empresarial. O pasado mes de abril púxose á disposición das empresas un total de 357 parcelas, que suman preto de 790.000 metros cadrados distribuídos polas catro provincias.

A convocatoria inclúe bonificacións de entre o 30 % e o 50 % no prezo das parcelas e establece novas modalidades como a “oferta pública permanente”, que permitirá manter dispoñibles durante todo o ano as parcelas que non se vendan inicialmente.

Outra das novidades é a posibilidade de adxudicación directa en determinados casos vinculados a proxectos industriais estratéxicos ou necesidades de ampliación empresarial.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA ANALIZA AS CLAVES PARA CONVERTER A SÚAACTIVIDADE ECONÓMICA EN MAIOR COMPETITIVIDADE LOCAL

 O Club Financeiro de Santiago presenta no municipio o seu Informe de
Conxuntura Económica.
 En síntese, sinalan que A Estrada ten actividade, tecido empresarial e
potencial; a clave está en pasar da actividade dispersa á competitividade
organizada.

Os profesores da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) María Bastida eJavier Turienzo visitaron esta mañá o Concello da
Estrada para presentar o Informe de Conxuntura Económica (ICE) de Galicia 2025,
confeccionado polo Club Financeiro de Santiago (CFS). A presentación, que contou coa
asistencia do presidente da entidade, Roberto Pereira, e do alcalde estradense, Gonzalo
Louzao Dono, permitiu a este equipo de expertos ofrecer unha lectura estratéxica sobre
empresa, territorio e contorno institucional, centrada en como transformar unha base
empresarial ampla pero dispersa nunha axenda organizada de crecemento.
Primeiramente, cómpre sinalar que o ICE 2025 supón un salto cualitativo respecto a
edicións anteriores, ao ofrecer por primeira vez un diagnóstico estratéxico do conxunto
de Galicia e non só da provincia da Coruña. O informe analiza a realidade económica
galega a través de cinco planos de decisión -empresa, mercado, territorio, institucións e
ecosistema- e identifica os principais vectores que condicionan a capacidade de
crecemento do tecido produtivo galego.
Neste contexto, o Club Financeiro de Santiago presenta unha reflexión estratéxica sobre
a competitividade local da Estrada no marco da análise dos factores estruturais que
condicionan o crecemento empresarial e territorial en Galicia.
A intervención parte da idea central de que o esforzo empresarial non sempre se
converte por si só en vantaxe competitiva estrutural. Para que ese esforzo xere máis
produtividade, máis valor e maior capacidade de crecemento, é necesario analizar non
só a empresa, senón tamén o mercado, o territorio, as institucións e o ecosistema de
cooperación no que opera.
Con base

No caso da Estrada, destácase que o municipio non parte de cero. Conta cunha base
empresarial extensa, cultura de iniciativa, presenza de comercio e servizos comarcais,
peso relevante da construción, tradición na madeira e moble, manufactura lixeira e un
espazo industrial de referencia como o polígono de Toedo. En consecuencia, o principal
reto non está en crear actividade desde cero, senón en organizar mellor unha economía
real, pero moi dispersa.
Dispersión
Na presentación sublíñase que A Estrada combina unha posición de centralidade interior
cunha forte dispersión territorial. Esta estrutura condiciona a mobilidade, a prestación
de servizos, a conectividade, os custos empresariais e a capacidade para xerar
economías de escala. Neste sentido, sinalan que o territorio non é un simple soporte
físico, senón unha peza central da competitividade local.
Adicionalmente, identifícanse varios desafíos estruturais para o municipio: a
atomización empresarial, a dificultade para gañar escala, a cooperación aínda limitada,
a baixa densidade tecnolóxica avanzada e o risco de consolidarse como unha economía
comarcal funcional, pero con menor capacidade para capturar valor, atraer talento e
transformar sectores.
Fronte a esta lectura, proponse avanzar cara a unha axenda local de crecemento
organizada, orientada a reforzar capacidades compartidas, mellorar a posición das
empresas na cadea de valor, activar mellor o polígono de Toedo, impulsar a substitución
xeracional e o talento e aproveitar a conexión funcional con Santiago de Compostela,
Silleda, Lalín e Cuntis.
Sen necesidade de reinventarse
Unha das mensaxes centrais é que A Estrada non necesita reinventarse, senón organizar
mellor o que xa ten. Noutras palabras, entende o ICE que o reto é que a actividade
económica e empresarial dea o salto suficiente de escala, valor e futuro.
A presentación conclúe coa proposta de avanzar cara un diagnóstico operativo de
competitividade local, concibido como unha ferramenta de decisión municipal. Este
traballo permitiría identificar as capacidades empresariais reais do municipio, os
sectores con maior potencial de subida en valor, o papel estratéxico de Toedo, as
necesidades de talento e substitución xeracional, os proxectos de cooperación
empresarial que poderían activarse e a axenda concreta que podería asumir o concello
nos próximos anos.
En síntese, sinalan que A Estrada ten actividade, tecido empresarial e potencial; a clave
está en pasar da actividade dispersa á competitividade organizada.

Despois de agradecer ao Club Financeiro de Santiago que escollera o municipio para esta
presentación, o alcalde da Estrada puxo o acento en que esta exposición permite
reflexionar, “con rigor e visión externa”, sobre o presente e o futuro económico do
municipio.
“Este informe constata que o gran desafío que temos sobre a mesa non é crear máis
actividade dende cero, senón organizar mellor todo o gran potencial que xa temos.
Dende o Concello queremos tirar proveito desta reflexión, e manter a aposta por
cuestións tan importantes como a cooperación ou a conexión”, apuntou Gonzalo
Louzao.
De seguido, o mandatario puntualizou que o informe recolle “algo que vimos
defendendo dende o goberno local”. “Resulta clave para o noso despegue económico o
papel estratéxico do polígono de Toedo o aproveitar a conexión funcional con Santiago
o con concellos da nosa contorna. Coido que apostas como a ampliación pública do noso
principal parque empresarial ou a mellora da conexión con Compostela a través da
autovía AG-59, que comunicará o polígono de Toedo coa capital galega en só 10 minutos
avanzan por ese camiño”, concluíu o rexedor
O acto contou tamén coa asistencia dunha representación do tecido económico
municipal.

Publicado en Portada | Deja un comentario