O Concello fomentará a práctica do deporte cunha
xornada formativa para escolares o día 27 de abril

o Participarán 300 alumnos e alumnas dos centros educativos do municipio e incluirá
unha charla sobre hábitos saudables e unha andaina

A Concellaría de Deportes, que dirixe Ismael Pena,
organizará o vindeiro mércores 27 de abril unha xornada para incentivar a práctica do
deporte e promocionar os hábitos saudables entre a mocidade estradense, en
colaboración co Centro de Saúde e os centros educativos da Estrada.
Esta iniciativa, que durará dúas horas e media, incluirá unha charla informativa para os
escolares no Teatro Principal que será impartida pola pediatra do Centro de Saúde da
Estrada, Eva García, na que abordará os beneficios dunha alimentación saudable e a
importancia do exercicio físico. Completarase a actividade cunha andaina de baixa
dificultade aproveitando as rutas saudables coas que conta o Concello da Estrada.
Os centros participantes estarán divididos en dous grupos. Por unha banda, o alumnado
de 5º e 6º de Primaria do CEIP Cabada Vázquez, do CEIP Plurilingüe de Oca, do CEIP
Manuel Villar Paramá, do CEIP do Foxo e do CEIP Pérez Viondi, e os de 5º, 6º e 1º da ESO
do Colexio Plurilingüe N.S. de Lourdes comezará a xornada coa charla informativa no
Teatro Principal ás 10.30 horas, para continuar coa andaina na ruta dende a Baiuca ata
Guimarei, regresando de novo ao Teatro Principal polo Camiño dos Arrieiros.
Por outra banda, os/as alumnos/as de 5º e 6º de primaria do CEIP de Figueiroa e o
alumnado de 1º da ESO do IES Nº1 da Estrada, do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez e
do IES Manuel García Barros sairán ás 10.30 horas da Avenida da Cultura, percorrendo a
zona deportiva e rematando no Teatro Principal, onde asistirán á charla sobre hábitos
saudables.
A actividade enmárcase dentro do proxecto “A Estrada Saudable”, froito da adhesión do
Concello da Estrada á Rede Española de Centros Saudables (RECS) e á Estratexia de
Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde que fomenta a
Organización Mundial da Saúde (OMS).

Publicado en Portada | Deja un comentario

«Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento»

A concelleira de Educación, Amalia Goldar, asistiu esta tarde á inauguración na Casa das Letras da exposición «Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento», e estivo acompañada polos comisarios da mostra, Carlos Loureiro e Xesús Dono; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a neta de García Barros, Temari García.

 A exposición conmemora o 50 aniversario do pasamento do escritor estradense a través de sete paneis que fan un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional.

 Poderá visitarse na Casa das Letras ata o vindeiro 6 de maio. Despois percorrerá os centros educativos da Estrada.
 
 
 
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

SOLPORES NO LAGOEIRO PRESENTA O CICLO DE CONCERTOS
CON 6 ARTISTAS NACIONAIS QUE MARCARÁN O RITMO DOS
ATARDECERES DO VERÁN NA ESTRADA

Mägo de Oz, Sidonie, Ana Mena, Efecto Pasillo, Los Secretos e La Habitación Roja serán os
encargados de marcar o ritmo no Lagoeiro (A Estrada) nun ciclo que se celebrará ao longo
de xuño, xullo e agosto

O ciclo de concertos «Solpores no Lagoeiro» acaba de presentar o cartel para este 2022. O alcalde da Estrada,
José Carlos López Campos, Roberto Conde Salgado, director do Lagoeiro e Miguel García Fernández, produtor
do evento, deron a coñecer os detalles desta terceira edición que conta coa actriz e cantante Eva Iglesias como
madriña do ciclo.
Así, deron a coñecer os artistas e grupos que farán vibrar ao público galego nos atardeceres dos venres, agás o do
18 de agosto que será en xoves, deste verán no Lagoeiro; un cartel que busca «chegar a todos os públicos e a todos
os gustos» como apuntou o produtor Miguel García quen augurou que os Solpores «será un dos ciclos de
referencia no calendario estival galego».
Agradecido tamén o alcalde, José Carlos López, que destacou un cartel de «primeiro nivel» que consolida un
evento que convertirá A Estrada «na gran capital cultural de Galicia».
O director do Lagoeiro, Roberto Conde, concretou que nesta edición do ciclo haberá «dúas modalidades de
asistencia. Por un lado a entrada unicamente para o espectáculo que será de 20€ por concerto, agás o de Ana
Mena que será de 25€; e como novidade un bono VIP de 30€ (35€ no caso de Ana Mena) co que os asistentes
gozarán de acceso desde as 16 horas ao recinto amenizada con dj, zona axardinada privada e diferente punto de
entrada ao concerto».

Pola súa parte, Eva Iglesias, que por un contratempo de última hora non puido asistir, si que nos fixo chegar a súa
ilusión por ser partícipe dun acontecemento onde «a música é a esencia» e que nas súas redes sociais «haberá
sorpresas».
As datas dos concertos serán as seguintes

Mägo de Oz o venres 10 de xuño
Sidonie o venres 1 de xullo
Ana Mena o venres 22 de xullo
Efecto Pasillo o venres 5 de agosto
Los Secretos o xoves 18 de agosto
La Habitación Roja o venres 26 de agosto

A venda das entradas será a través de Enterticket desde este mércores 20. 0 evento tamén ten unha
compoñente solidaria, xa que o 0,20€ de cada entrada irá destinada á Fundación Andrea, cuxa directora, Amaya
Castro, nos acompañou nesta presentación.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Escola Infantil Municipal de Figueiroa recibe 34
solicitudes de novo ingreso para o curso 2022-2023

A Escola Infantil Municipal (EIM) de Figueiroa recibiu 34
solicitudes de novo ingreso para o curso escolar 2022-23, do total de 45 prazas ofertadas.
Concretamente, das 16 prazas dispoñibles para nenos/as de 0 a 1 anos de idade
solicitáronse oito; para as sete prazas dispoñibles de 1 a 2 anos de idade recibíronse 20
solicitudes; e para as 22 prazas ofertadas de 2 a 3 anos de idade recibíronse seis.
A concelleira de Educación, Amalia Goldar, sinalou que, a pesares de que no tramo de 1
a 2 anos de idade rexistráronse 13 solicitudes máis que o número de prazas ofertadas, a
Xunta de Galicia permite redistribuir os/as cativos/as en máis grupos “sempre e cando o
número total de solicitudes non supere a capacidade do centro”, como é o caso. Ademais,
salientou que “ningunha familia quedou fóra nos últimos anos”.
Unha vez estudadas as solicitudes, elaboraranse as listaxes de admitidos utilizando o
baremo establecido conforme aos seguintes datos: o número de fillos da familia, a
presenza de irmáns no centro, os ingresos dos proxenitores e a súa situación laboral. As
listaxes coa puntuación obtida por cada unha das familias solicitantes serán expostas na
páxina web do Concello da Estrada e nos taboleiros de anuncios do consistorio e da
propia Escola Infantil Municipal de Figueiroa.
Unha vez que se publique a relación de admitidos/as, as familias interesadas terán un
prazo de 10 días para presentar alegacións e, rematado este período, poderán formalizar
a matrícula dos menores.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LÓPEZ BUENO ESÍXELLE AO PP “AVANCES” SOBRE O CENTRO DE
SAÚDE DA AVENIDA DE SANTIAGO

Luis López Bueno esíxelle ao PP avances sobre o centro de
saúde da Avenida de Santiago. O voceiro socialista afirma que o PP tivo
tempo “máis que suficiente” para aclarar cal é a situación xurídica do
edificio e “avanzar” na hipotética reversión ao patrimonio municipal.
O socialista ten claro que A Estrada ten que fixar como prioridade recuperar
o edificio do Centro de Saúde antigo para crear un Centro Integral de
Atención Social. Considera “fundamental para o futuro” dotar de
instalacións decentes aos Servizos Sociais que ofrece o Concello e poñerse
en posición de ampliar prazas e incorporar novos servizos. Ademais diso, ve
“urxente” mellorar a calidade da asistencia, que agora mesmo se dá en
espazos “pouco axeitados” como o piso cedido na Benito Vigo ou o Novo
Mercado.
López Bueno considera que a pouca capacidade de traballo dos concelleiros
do PP provoca que o edificio continúe deteriorándose, encarecendo así a
reforma que necesita para acoller servizos municipais. “É inadmisible que
ningún dos 12 concelleiros do PP se preocupe de verdade por este asunto”,
afirmou.
Recordou que o PP unicamente foi capaz de desinformar aos veciños e
veciñas sen que conste ningunha consulta cos órganos competentes para a
posible reversión, compra ou cesión do edificio ao Concello. A falta de
dilixencia do PP foi combatida polo Grupo Municipal Socialista, que si fixo os
deberes e desmentiu que a Adminsitración Xeral do Estado fora esixir
prezos de mercado pola cesión ou compra das instalacións.
Tamén ve “preocupante” que dentro da débeda de 8,5 millóns de euros coa
que rematará o Concello no exercicio 2022 non haxa “nin unha soa partida
para a reforma do centro de saúde antigo”. Na súa opinión, isto deixa claro
que o PP pretende “deixalo en ruínas” e valora que “o PP non ten ningunha
idea propia para darlle utilidade ao edificio e revitalizar esa zona da vila”.
López Bueno indicou tamén que a proposta socialista “é a mellor opción”
por varios motivos:
1.- As instalacións da Avenida de Santiago contan cunha superficie
construída superior aos 2.000 m2. Esa superficie permite acondicionar
espazos máis que suficientes para acoller no mesmo edificio os Servizos
Sociais que presta o Concello actualmente. É a mellor opción entre as
posibles xa que outros edificios contan cunha superficie construída moito
menor: Xulgado 1 (530m2), antigo edificio do INEM (291 m2) e Xulgado 2
(arredor de 200 m2).
2.- Ademais diso, permitiría aumentar o número de prazas en todos os
programas. Tamén poñería ao Concello en disposición de incorporar novos
servizos á carteira de Benestar Social.
3.- Axudaría a revitalizar unha área da vila que notou a nivel social e
económico o traslado do Centro de Saúde. É unha área con espazo
suficiente para a comodidade dos usuarios e familiares.
4.- Custo económico asumible polo Concello. A reversión do edificio
permitiría recuperar o edificio sen ningún custo. En calquera caso, a compra
ou cesión nunca estarían suxeitas a prezo de mercado e sería sinxelo de
encaixar a nivel económico. A titularidade ou cesión do inmoble permitiría
acceder a financiamento doutras administracións para enfrontar a reforma
do edificio.
5.- Oportunidade única. Existen exemplos de edificios desaproveitados no
corazón da vila. A Estrada non pode permitirse que unha instalación
superior aos 2.000 m2 quede en estado de ruína.
Deterioro e inquilinos
López Bueno tamén advirte de que o edificio “xa se atopaba nunha situación
preocupante hai un ano” e que a falta de uso diario ameaza con “deteriorar
elementos estruturais do edificio”, que podería chegar a facelo inservible.
Nese sentido, considera “moi grave” que o PP non tome ningunha iniciativa
para que a administración do Estado ou o propio Concello leven adiante
tarefas de conservación básica porque “dunha maneira ou doutra, ese
edificio rematará no patrimonio municipal”.
Ademais diso, veciños da zona advirten de que hai inquilinos no edificio e
que se está a converter nun punto onde varios menores adoitan reunirse
para facer botellón. Sobre ese asunto, López Bueno ve necesario reforzar a
vixilancia da instalación e disuadir aos rapaces e rapazas desas prácticas.
Investimento nas parroquias
López Bueno instou ao PP a abandonar a súa “realidade paralela” porque
“os veciños e veciñas saben que a situación das parroquias é de completo
abandono”. Indicou que “nos últimos 4 anos os protagonistas indiscutibles
do investimento no rural foron a Deputación de Pontevedra, con máis de 3,4
millóns de euros, e o IDAE co financiamento para a renovación de
luminarias.
O voceiro considera “pouco razoable” o triunfalismo do PP porque “os
veciños e veciñas padecen a nefasta xestión deste goberno”, e pon como
exemplos o nefasto funcionamento do servizo de recollida de lixo, o
escasísimo número de traídas e saneamentos municipais, e outras cuestións
como a lentitude do PP á hora de tramitar licenzas para construír vivenda
nas parroquias. López Bueno sentenciou que “as parroquias precisan moitas
máis cousas que asfaltados aínda que o PP non o entenda”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Aprazada a Feira das Letras ata os días 29 e 30 de
abril debido á previsión meteorolóxica adversa

A Concellaría de Cultura anuncia que a celebración da
Feira das Letras, inicialmente prevista para esta fin de semana na Praza do Concello,
queda aprazada ata os vindeiros días 29 e 30 de abril debido ás malas previsións
meteorolóxicas e co obxectivo de garantir a seguridade dos asistentes.
Dende a Concellería de Cultura séguese a traballar para tentar manter toda a
programación deste evento, que inclúe espectáculos musicais, representacións teatrais
e narracións orais, ademais de obradoiros gratuitos para os máis cativos. A pesares do
cambio de datas, o que non variará será a participación das librarías Marxe, Durán, Faro,
Lolimay e Pintaletras e da editorial Raposeiras, que ofrecerán descontos para a veciñanza
nos seus puntos de venda.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello inaugura este xoves na Casa das Letras
unha exposición sobre Manuel García Barros

A Concellaría de Cultura, que dirixe Juan Constenla,
inaugurará este xoves ás 20.15 horas na Casa das Letras a exposición “Manuel García
Barros. Vida, obra e pensamento”, unha mostra coa que se conmemorará o 50
aniversario do pasamento do escritor estradense. Neste acto está prevista a asistencia da
concelleira de Educación, Amalia Goldar; dos comisarios da exposición, Carlos Loureiro e
Xesús Dono; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A exposición ten un carácter informativo e didáctico para achegar de maneira sinxela a
vida do autor á veciñanza, especialmente aos cativos/as e mozos/as que se atopan en
idade escolar. A mostra “Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento” realiza un
percorrido cronolóxico polos momentos máis salientables da súa traxectoria persoal e
profesional a través de sete paneis.
Aqueles que o desexen poderán visitar a exposición dende a súa inauguración durante o
horario de apertura da Casa das Letras: de luns a venres, de 9.00 a 14.30 e de 16.00 a
21.30 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A partires do 6 de maio e ata comezos
do vindeiro ano, a mostra comezará a percorrer de xeito itinerante os distintos centros
educativos da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario