José López destaca que oito de cada dez recén
nacidos estradenses benefícianse das “Baby Box”

o O rexedor garante a continuidade desta iniciativa e salienta que no que vai de 2022
xa foron solicitadas 10 “caixas de benvida para bebés” máis que na mesma data
do exercicio pasado
o O goberno local impulsará nos vindeiros meses unha nova campaña de
empadroamento para garantir o mantemento da categoría como concello de máis
de 20.000 habitantes

O alcalde da Estrada, José López, fixo hoxe balance da
iniciativa de entrega das “caixas de benvida para bebés” ou “Baby Box” destacando que
desde a súa posta en marcha en 2019 oito de cada 10 familias con recén nacidos que
foron empadroados na Estrada beneficiáronse deste “agasallo” que pretende ser “un
detalle simbólico e un incentivo máis para favorecer o empadroamento”.
O rexedor local explicou que desde 2019 lévanse entregadas un total de 276 “Baby Box”,
o que significa que o 85% das familias dos 324 bebés que tiñan dereito a ela acabárona
solicitando. Concretamente, no exercicio de 2019 entregáronse 50 “Baby Box” ás familias
de recén nacidos desde o 1 de xullo dese ano; ao longo do 2020 entregáronse 101; en
2021, 89; e no que vai de ano lévanse entregadas 36 caixas, dez máis que na mesma data
do ano anterior.
Cómpre lembrar que, tras experimentar algunha modificación desde o formato inicial,
actualmente a “Baby Box” consiste nun cesto de vimes cuberto cunha tea personalizada
que inclúe o estudo da Estrada. No seu interior achéganse produtos para o coidado dos
bebés durante os seus primeiros meses de vida por un valor total de 250 euros.
Procedemento de solicitude moi sinxelo
Para poder solicitala, o requisito esixido é que que polo menos un dos proxenitores e o/a
recén nacido/a estean empadroados na Estrada. Unha vez que o bebé estea inscrito no
censo, os familiares dispoñen dun prazo de tres meses para solicitar a “Baby Box”,
acompañando a petición do certificado de empadroamento.

Tras expoñer este “balance satisfactorio” desta iniciativa, o alcalde estradense confirmou
a súa continuidade e avanzou que o goberno local presentará na Comisión Especial de
Reto Demográfico que se celebrará nas vindeiras semanas unha nova campaña de
empadroamento para garantir o mantemento da categoría como concello de máis de
20.000 habitantes.
“Estamos a traballar para que esa campaña poña en valor todas as vantaxes que supón
estar empadroado na Estrada porque temos constancia de que hai xente que traballa e
reside no noso municipio e segue empadroado noutros lugares, ben por deixadez ou ben
porque ata agora non conseguimos explicarlles ben os beneficios que lles pode reportar
estar empadroado aquí”, sinalou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O goberno local completa asfaltados en 14 parroquias cun investimento de máis dun millón de euros

 

O goberno local acaba de rematar os traballos de mellora
da pavimentación de viais en 14 das 51 parroquias estradenses cun investimento
superior ao millón de euros. Concretamente, no que vai de ano xa foron asfaltadas
estradas en Ribeira, Berres, Riobó, Loimil, Remesar, Moreira, Santo André de Vea,
Frades, San Miguel de Barcala, Cora, Santa Cristina de Vea, Toedo, Barbude e Agar.
Ademais, na actualidade estase a traballar nos viais doutras 21 parroquias estradenses,
para o que se están a destinar outros 1,2 millóns de euros, na súa meirande parte de
fondos propios do Concello.
Para o alcalde, José López, estes traballos reflicten “unha clara aposta polo
desenvolvemento do rural estradense e a mellora da calidade de vida nas parroquias”,
xa que, sumados a outros proxectos como a modernización do alumeado coa instalación
de luminarias LED ou a nova sinalización no rural alcanzan a «cifra histórica” de 12
millóns de euros de investimento nas parroquias estradenses.
O proxecto de renovación do alumeado estase a executar ao mesmo tempo ca o
asfaltado das estradas rurais. Con esta actuación, practicamente rematada en Ouzande,
A Somoza, Tabeirós, Nigoi e Arca, e iniciada xa en Souto e Codeseda, o Concello está a
investir 8,5 millóns de euros para cambiar 14.000 puntos de luz e 540 cuadros eléctricos
co obxectivo de mellorar a súa eficiencia e aumentar tamén a cantidade de puntos de
luz públicos.A estas dúas actuacións o goberno local sumará un plan para mellorar a sinalización das
parroquias, un proxecto que “nace das demandas da propia veciñanza do rural” e
comezará a executarse ao longo deste ano 2022.
Concretamente, o Concello investirá 814.084 euros para mudar os sinais de dirección,
parroquia e lugar de cada unha das 51 parroquias e na totalidade de lugares da Estrada.
Para iso, instalarase de xeito íntegro nova sinalización e engadiranse a maiores 61 paneis
informativos cos datos de cada unha delas, facilitando deste xeito a vida de
transportistas e visitantes.

Publicado en Portada | Deja un comentario

As rúas Estradense enchense coa procesión da Pasión de Cristo

 

As rúas de A Estrada encheronse onte dun numeroso número de persoas para ver e participar na procesión de Venres Santo, na que se conmemora a Pasión de Xesús.
Tratase da procesión máis longa que se celebra na vila durante a Semana Santa e nela puderon verse distintas estacións representando a Pasión de Cristo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Xoves Santa volveu a procesións de Semana Santa en A Estrada

Despois de 2 anos sen poder realizar as procesións de Semana Santa por causa da pandemia, onte a Cofradía da Santa Cruz de A Estrada retomou a tradicional procesión do Xoves Santo coa imaxe do Cristo atado á columna.As obras que se están a realizar na vila obrigaron a variar o recorrido habitual da procesión, que acompañou un numeroso grupo de feligreses, unha vez rematados os actos litúrxicos en conmemoración da Última Cea de Xesús.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Volta con forza as Santa Tapas 2022 A Estrada

 


                                                                                                            SANTATAPA 2022 ANANÁS

 

Comezá o concurso gastronomico 
“Santas Tapas” 2022, que se volverá celebrar no municipio dende a tarde do mércores 13 ata
o mediodía do domingo 17 de abril despois de dous anos de parón pola pandemia.
Nesta novena edición do certame, participarán 25 establecementos estradenses con
cadansúa tapa, que terá un prezo de 2,50 euros. Os locais estarán divididos en catro rutas
que levarán o nome de escritoras da Estrada, e en cada unha delas incluiranse aqueles
establecementos que se atopen na mesma zona.
Na primeira ruta, co nome de “Andrea, Lara e Marcela Porto Mato”, estarán: Os Peares,
Cervexería Eureka, O Café de Xulia, Bar Oasis, O Mesón e Parrillada A Brasa. Na segunda,
que recibe o nome de “Susana Sanches Aríns”, haberá un local máis ca no resto e contará
cos seguintes: Cafetería Scala, O Candil de Silvia, Velis Nolis Bistró, Bar Enredo, Taberna
Navegación, 20 Berzas e O Bodegón. A terceira ruta, “Antía Otero”, contará coas tapas
de: A Bodeguiña, Ananás, Malo Será, Andalucía, O Paseo e As Tres Portiñas. A cuarta ruta,
baixo o nome de “Neves Soutelo”, incluirá os seguintes locais: Tapería O Lar, Samaná,
Amadeus, A Taberna da Feira, Hamburguesería Florida e Restaurante Brasería Regatos.
Aquelas persoas que proben as tapas dos 25 locais parcicipantes entrarán en dous
sorteos de 1.000 euros. Ademáis, entre os/as que completen algunha das catro rutas do
concurso sortearanse comidas e ceas nalgún dos establecementos participantes, viños,
rutas por bodegas e lotes con produtos da zona.
Para poder votar, aqueles que proben algunha das tapas participantes recibirán un papel
que deberá ser cuñado por cada establecemento, no que poderán outorgar unha
puntuación do 1 ao 5 á tapa de cada local que visiten.

Ademáis, durante os días nos que se celebren as Santas Tapas haberá animación infantil
e musical pola rúa coas actuacións da banda de gaitas estradense Milgrandeira e as
charangas TNT e BB+.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Constenla avanza que o Concello alegará contra
a instalación do parque eólico Outeiro Grande

o Os cinco aeroxeradores previstos, que terían unha altura entre 82 e 105 metros,
afectan a lugares das parroquias de Pardemarín e Olives

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla,
avanzou hoxe que o Concello da Estrada encargou a técnicos especializados o estudo do
proxecto do parque eólico Outeiro Grande para presentar alegacións contra a súa
instalación en terreos que afectan ás parroquias de Pardemarín e Olives e, en menor
medida, ao municipio forcaricense.
Os cinco aeroxeradores que se pretenden instalar terían unha altura entre 82 e 105
metros, e Constenla anunciou que nas vindeiras semanas o goberno local convocará unha
reunión cos veciños/as que se consideran afectados/as para explicarlles as razóns
técnicas que esgrimirá o goberno local para oporse a este parque eólico e tamén para
escoitar as súas aportacións, por se poideran incorporarse e reforzar dita alegación. Ao
respecto, lembrou que tanto o alcalde como el mesmo xa mantiveran un primeiro
encontro coa veciñanza da zona para informar da situación do proxecto.
O edil de Medio Ambiente precisou que o prazo de presentación de alegacións comezou
o pasado día 7 e permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de maio.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Louzao aclara que á solicitude para o musical
“El Libro de la Selva” faltáballe documentación

o O concelleiro de Urbanismo lamenta que o voceiro socialista critique “sen
informarse previamente ou, o que sería máis grave, que reclame autorizacións
para eventos que non cumpren a normativa”
o “Durante a pandemia demostramos que fomos un exemplo organizando
actividades e o que non imos facer é programalas mal”, remarca

O concelleiro de Urbanismo, Gonzalo Louzao, aclarou hoxe
que a denegación de autorización para a celebración do musical “El Libro de la Selva” no
recinto da Fundación de Exposicións e Congresos debeuse a que os solicitantes non
chegaron a presentar toda a documentación requerida e que era preceptiva para poder
autorizar dita actividade cultural.
Gonzalo Louzao lamenta que o voceiro socialista critique dita denegación “só para atizar
ao goberno local e sen informarse previamente ou, o que sería máis grave, que reclame
autorizacións para eventos que non cumpren a normativa”.
O edil de Urbanismo explicou que a compañía “El Circo de los Niños”, responsable do
espectáculo “El libro de la Selva. El Musical”, unicamente se dirixira ao Concello o pasado
26 de xaneiro para solicitar a cesión do Pavillón Polideportivo Manuel Coto Ferreiro ou o
Teatro Principal. Como ambos espazos estaban reservados para esa data, a compañía
contactou coa Fundación de Exposicións e Congresos, que non depende do Concello da
Estrada, para tentar celebrar o espectáculo nas súas instalacións e negociou as condicións
coa propia fundación, ata que o pasado día 5 remitiron ao Concello o contrato do
espectáculo.
Foi nese momento cando, ao tratarse dun espectáculo privado nun recinto público, e
cumprindo coa misión de velar pola seguridade neste tipo de eventos, desde o Concello
antes de proceder á sinatura do contrato requeríuselle a documentación pertinente,
como por exemplo un plan de evacuación do que carecían.

Dous días máis tarde, a compañía presentou unha documentación incompleta e, tras
revisar que o evento non reunía os requisitos mínimos legais, o propio concelleiro de
Urbanismo indicoulles as modificacións que deberían facer e os documentos que era
necesario aportar. Nembargantes, a compañía solicitante entregou de novo
documentación incompleta e practicamente sen cambios, razón pola que o goberno local
viuse na obriga de denegar os permisos solicitados.
“Durante a pandemia demostramos que fomos un exemplo organizando actividades e o
que non imos facer agora é programalas mal e sen cumprir a normativa de seguridade”,
asegurou Gonzalo Louzao. “No Concello da Estrada programamos actividades de todo
tipo con moita frecuencia e todas as compañías saben que son benvidas, sempre e cando
cumpran coa normativa”, engadiu o concelleiro.

Publicado en Portada | Deja un comentario