LÓPEZ BUENO PEDIRÁ EXPLICACIÓNS SOBRE O CAOS NA
ORGANIZACIÓN DO ESPECTÁCULO DE “EL LIBRO DE LA SELVA

O voceiro socialista acusa ao Alcalde de “non facer o seu traballo” e
califica de “bochorno” a denegación do alugueiro das instalacións
da Fundación de Exposicións.

Luis López Bueno pediralle explicacións ao Concello sobre o
caos organizativo do espectáculo “El libro de la selva” que a compañía El
circo de los niños pretendía levar adiante na Fundación de Exposicións e
Congresos da Estrada.
O propio representante de El circo de los niños acusou ao Concello da
Estrada de denegar o permiso o venres á tarde, logo de levar varios días
tratando o alugueiro dun espazo na Fundación de Exposicións e ter
publicitado e vendidas as entradas para o evento.
López Bueno ve como única explicación razoable que o alcalde, que ten as
competencias executivas da Fundación, “simplemente non fixo o seu
traballo”.
A solicitude estaba tan avanzada que a propia compañía anunciara xa a
Fundación como o espazo que acollería o evento. Aínda así, para sorpresa
dos asistentes, ao chegar á Fundación atopáronse cun cartel na porta onde
se advertía do traslado do espectáculo ao restaurante Samaná.
O voceiro socialista considera “inadmisible” que a Fundación e o Concello
deban asumir este “bochorno” por culpa do seu responsable político, e
lamenta profundamente que o alcalde deixara quedar á Estrada “á altura do
betún”. Vaticina que isto terá consecuencias para os estradenses porque “o
normal é que este caos provoque que outras compañías descarten vir á
Estrada”.
Ademais, López Bueno considera “inaceptable” que hai uns meses se
organizara un festival con centos de asistentes “sen que o Concello puxera
ningunha traba, como debe ser”, pero que agora o PP se “despreocupara”
por outro espectáculo con máis de 250 entradas vendidas.
O portavoz ve tamén “falta de organización” dentro do grupo de goberno,
xa que este “descoido” do PP “non é o primeiro nin será o último”, e
considera que este tipo de erros e falta de coordinación “son tónica
habitual” do actual grupo de goberno.
López Bueno tamén lamentou que o PP estea máis preocupado de contratar
persoal de Wecom (cuxo responsable foi Director de Campaña do PP en
varias eleccións municipais) que de facer o traballo que se lle supón a un
goberno serio. A este respecto, o socialista indicou que o Alcalde está moito
máis preocupado de lavar a imaxe do seu goberno desastroso que de
resolver os expedientes que os veciños tramitan no Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

25 locais estradenses participarán no concurso das
Santas Tapas que se celebrará do 13 ao 17 de abril

Haberá dous sorteos de 1.000 euros e os establecementos estarán divididos en
catro rutas co nome de escritoras estradenses

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, e os
representantes da Asociación de Hostaleiros da Estrada, Ramiro Brey e José Manuel
Carbón, presentaron esta mañá no Concello o programa do concurso gastronómico das
“Santas Tapas”, que se volverá celebrar no municipio dende a tarde do mércores 13 ata
o mediodía do domingo 17 de abril despois de dous anos de parón pola pandemia.
Nesta novena edición do certame, participarán 25 establecementos estradenses con
cadansúa tapa, que terá un prezo de 2,50 euros. Os locais estarán divididos en catro rutas
que levarán o nome de escritoras da Estrada, e en cada unha delas incluiranse aqueles
establecementos que se atopen na mesma zona.
Na primeira ruta, co nome de “Andrea, Lara e Marcela Porto Mato”, estarán: Os Peares,
Cervexería Eureka, O Café de Xulia, Bar Oasis, O Mesón e Parrillada A Brasa. Na segunda,
que recibe o nome de “Susana Sanches Aríns”, haberá un local máis ca no resto e contará
cos seguintes: Cafetería Scala, O Candil de Silvia, Velis Nolis Bistró, Bar Enredo, Taberna
Navegación, 20 Berzas e O Bodegón. A terceira ruta, “Antía Otero”, contará coas tapas
de: A Bodeguiña, Ananás, Malo Será, Andalucía, O Paseo e As Tres Portiñas. A cuarta ruta,
baixo o nome de “Neves Soutelo”, incluirá os seguintes locais: Tapería O Lar, Samaná,
Amadeus, A Taberna da Feira, Hamburguesería Florida e Restaurante Brasería Regatos.
Aquelas persoas que proben as tapas dos 25 locais parcicipantes entrarán en dous
sorteos de 1.000 euros. Ademáis, entre os/as que completen algunha das catro rutas do
concurso sortearanse comidas e ceas nalgún dos establecementos participantes, viños,
rutas por bodegas e lotes con produtos da zona.
Para poder votar, aqueles que proben algunha das tapas participantes recibirán un papel
que deberá ser cuñado por cada establecemento, no que poderán outorgar unha
puntuación do 1 ao 5 á tapa de cada local que visiten.
Ademáis, durante os días nos que se celebren as Santas Tapas haberá animación infantil
e musical pola rúa coas actuacións da banda de gaitas estradense Milgrandeira e as
charangas TNT e BB+.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada recupera a Feira das Letras os días 22
e 23 coa implicación de cinco librarías locais

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou esta
mañá xunto con representantes de varias librarías locais a programación da Feira das
Letras, que celebrará unha nova edición os vindeiros días 22 e 23 na Praza do Concello
despois de dous anos de parón pola pandemia. Con esta iniciativa, coa que colaboran as
librarías Marxe, Durán, Faro, Lolimay, Pintaletras e a editorial Raposeiras, a Concellaría
de Cultura pretende incentivar o hábito da lectura entre a veciñanza e, moi
especialmente, entre os/as cativos/as.
Xunto co edil de Cultura, na presentación do evento participaron as representantes da
libraría Pintaletras, Jeanette Valiñas, e da libraría Faro, Beatriz Rodríguez. Na súa
intervención, Juan Constenla convidou á veciñanza a participar en todas as actividades e
a mercar e agasallar libros. Neste senso, destacou que as 300 primeiras compras recibirán
como agasallo un litro de leite estradense, que repartirá a Cruz Vermella en colaboración
co Concello. Ademais, as librarías ubicadas nos postos de venda ofrecerán descontos
tanto nas obras clásicas como nas novidades literarias.
As actividades da Feira das Letras darán comezo o venres 22 de abril ás 12.00 horas coa
apertura dos postos de venda e ás 17.00 horas está prevista unha actuación dos alumnos
e alumnas das escolas de Tequexetéldere. Unha hora despois, ás 18.00, Bandullo Azul
ofrecerá a súa narración oral “Flipa cos contos” e ás 19.00 horas chegará Cé Orquesta
Pantasma co seu espectáculo musical “A voar”. A primeira xornada rematará coa
representación da obra “A lingua das bolboretas” no Teatro Principal, a cargo da
compañía Sarabela Teatro. Para asistir a esta representación deberán retirarse os
convites no Departamento de Cultura.
Na xornada do sábado 23 os postos abrirán ás 12.30 horas e á mesma hora comezará o
espectáculo “Little neno descobre os Beatles”. Pola tarde, ás 17.00 horas o Mimo Nono
ofrecerá a actuación “O mundo de Nono” e, ás 18.00 horas, o clube de lectura do IES
Antón Losada Diéguez e do CEIP de Figueiroa levarán a cabo unha narración oral.
Contacto: Santiago Cacheiro | santi.cacheiro@somoswecom.com | 618 46 61 04
Para rematar, ás 18.30 horas dará comezo o espectáculo de narración e música “A
formiga no carreira”, de Rilo & Penadique.
Paralelamente aos citados actos, o venres 22 entre as 18.00 e as 20.00 horas e o sábado
23 de 12.30 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas os máis cativos poderán participar en
actividades gratuítas como unha ruleta das letras, contos interactivos e obradoiros de
pulseiras e chapas, que se levarán a cabo nunha carpa instalada na Praza do Concello e
que serán presentados polo locutor de Radio Estrada Pablo Chichas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello retoma o Concurso Cabalar da Pascua
despois da pandemia con 1.750 euros en premios

 

O Concello, en colaboración coa Sociedade Cabalar da
Estrada (Socade), volverá celebrar o Concurso Cabalar da Pascua despois de dous anos
de parón pola pandemia. O evento terá lugar na feira do gando de Guimarei durante os
días 23 e 24 de abril, e pretende poñer en valor a importancia da tradición cabalar na
comarca estradense.
Durante os dous días haberá cadanseu certame para xulgar, por unha banda, os
exemplares participantes de pura raza árabe, e pola outra, os de pura raza española. Á
súa vez, estarán divididos nas categorías de sementais, eguas, poldros e poldras, que
optarán aos seguintes premios: 25 euros para os terceiros clasificados, 50 euros para os
segundos e 100 euros para os gañadores en cada categoría.
Segundo as bases do concurso, que serán aprobadas este luns 11 de abril na Xunta de
Goberno Local, adicaranse un total de 1.750 euros para premiar os mellores exemplares.
O xuíz Paulino Alonso Barral, especialista en concursos morfolóxicos, será o encargado
de valorar o paso, o trote e o galope dos animais inscritos.
Para poder participar, aquelas persoas que sexan propietarias de cabalos de pura raza
árabe ou española deberán inscribirse na feira do gando de Guimarei durante as datas da
celebración, o 23 e 24 de abril, como mínimo media hora antes de cada concurso.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A FEIRA DO LIBRO ABRE O SÁBADO UN PROGRAMA DE PRIMAVERA QUE FÍA LITERATURA, TEATRO E MÚSICA EN DIRECTO

 

 

  • Inclúe concertos de Dani Barreiro Dúo, The Bichos Band ou un tributo acústico á música de Joaquín Sabina
  • As Andainas do Recreo animarán aos socios a sumarse a rutas circulares de sendeirismo no mes de maio
  • A compañía Malasombra achegará o teatro á entidade, coa súa obra Go on

Unha feira do libro será a encargada de iniciar, este sábado, a
programación de primavera do Recreo Cultural da Estrada. Con Follas Novas, Follas Vellas
arrancará unha sucesión de citas que busca encher as instalacións de literatura, música e
teatro, tecendo un tapiz no que, unha vez máis, a cultura e o recreo honren o nome desta
antiga e numerosa sociedade estradense. Para a súa elaboración, a entidade agarda contar coa
colaboración da Deputación de Pontevedra e Concello da Estrada, ademais de abrir as súas
apostas ao patrocinio de entes privados.
 9 de abril: Follas Novas, Follas Vellas: Está todo listo para acoller este sábado a que
será a primeira edición desta feira do libro, na que se une a venta de libros coa
distribución de exemplares de segunda man cun carácter solidario a prol da Asociación
Síndrome de Angelman (ASA). O evento será ABERTO AO PÚBLICO EN XERAL, sexan
ou non socios, e terá un horario de 11.00 a 20.00 horas.
Ás 11.00 quedará inaugurada a feira coa apertura dos postos que nela terán as
librarías Marxe, Durán, Pintaletras e Lolimay, ás que se sumará a tamén estradense
Editorial Raposeiras. A esa hora comezará tamén a funcionar o posto Follas Vellas,
dende os que se comercializarán os libros doados ao longo destes últimos días.
Venderanse a dous, tres e cinco euros.
“Énchenos de orgullo a resposta ofrecida polos socios, e tamén por persoas
alleas ao Recreo Cultural, aportando os seus libros a esta causa. Só nos queda agora
esperar que se vendan para recadar a suma máis alta posible para a asociación que
axuda a nenos con síndrome de Angelman e ás súas familias”, apunta o presidente do
Recreo Cultural, Iago González Beceiro. O citado colectivo estará representado na feira

con material divulgativo da súa actividade. A recollida de libros de segunda man foi
todo un éxito e permitiu obter numerosos e interesantes exemplares bibliográficos
para lectores de tódalas idades.
Dende as 11.30 horas comezarán a chegar os autores convidados para asinar e
vender os seus libros. Serán Andrea Valcárcel, Susana Sánchez Aríns e Chus Iglesias,
ás que se sumarán pola tarde Xosé Luna, Rosalía Morlán e Charo Golmar.
As 12.00 a música e o baile das escolas de Tequexetéldere entrarán en escena, da man
de medio cento de bailadores e pandereteiras que irán desfilando en sucesivos
números. Unha hora máis tarde arranca o obradoiro infantil de Blackout Poetry. Xa de
tarde, ás 16.00, está programado un Escape Room inspirado en contos e grandes
clásicos la literatura infantil. Ás 18.00, Luna, Morlán e Golmar uniranse nuna
presentación de varias das súas obras, musicada por Manoele de Felisa. Xa ás 19.00
será a quenda dos adultos para iniciarse na Blackout Poetry, da man de Laura Filloy.
Ademais, Follas Novas, Follas Vellas dará a oportunidade de facerse con
números antigos da publicación anual do Museo do Pobo Estradense, A Estrada.
Miscelánea Histórica e Cultural, para aqueles que coleccionan esta revista e non
puideron facerse con algún dos exemplares máis antigos.
A feira contará tamén con un recuncho para xogar coas letras, onde, ao longo
de todo o día os máis pequenos poderán experimentar co lettering, sopas de letras,
encrucilladas ou labirintos.
 SÁBADO 23 DE ABRIL: O mes do libro continúa no Recreo Cultural, coa presentación,
no día propio do libro, dun poemario de J.L. Graña Muiño, publicado en Medulia
Editorial. O acto inclúe análise e recitado de textos e contará coa participación de Xosé
Manuel Lobato, Pilar Bernárdez, Xosé Luna, Ángeles Madriñán e Noa Cabaleiro, xunto
co propio autor.
 DOMINGO, 24 DE ABRIL: Neste día de primavera comezan as Andainas do Recreo, un
programa de rutas que terán saída e chegada nas instalacións da entidade. Os
participantes terán que inscribirse e aportarán unha simbólica cantidade a xeito de
copago para contribuír á valorización da actividade. Percorrido de dez quilómetros.

 SÁBADO 30 DE ABRIL. FESTA DA PRIMAVERA. Será todo un día destinado a celebrar
xuntos a alegría e rexurdimento propios da estación que da nome a este evento. Os
socios poderán convidar a unha parella non socia a sumarse á festa. A sesión vermú
contará con Dani Barreiro Dúo, ás 13.00 horas, para ir abrindo boca de cara a un
xantar popular de confraternización. Xa pola tarde voltará a música, da man dun
concerto de The Bichos Band.
 DOMINGO 1 DE MAIO: Continuarán os eventos de marcado acento cultural, desta
volta coa presentación dun libro do músico estradense Manuel Brey, centrado na
emigración.

 DOMINGO 8 DE MAIO: Unha nova cita das Andainas do Recreo, neste caso cun
percorrido de 14 quilómetros.

 SÁBADO 28 DE MAIO. Neste día serán os amantes da música de Joaquín Sabina os que
estean de noraboa. O Recreo Cultural acollerá un acústico do grupo La penúltima
sabinera, unha agrupación tributo ao célebre cantante.

 SEGUNDA FIN DE SEMANA DE XUÑO: Co arranque do mes de xuño chegará,
previsiblemente na segunda fin de semana, a apertura das instalacións acuáticas do
Recreo Cultural. Desta volta está programada unha festa de apertura con xogos
infantís, deporte e música. Haberá inchables para os nenos, un torneo de pádel (aberta
a xogadores non socios, con dez euros de inscrición) e música a cargo dun DJ.
 VENRES, 17 DE XUIÑO: A compañía estradense Teatro Malasombra, dirigida por
Xoque Carbajal, porá en escena nos salóns da entidade a súa obra Go on.

 XOVES, 23 DE XUÑO: O verán recibirá a benvida no Recreo Cultural coa clásica Festa
de San Xoán. Non faltará a gastronomía máis típica desta data nin tampouco a música.
Para a ocasión o grupo escollido foi Dani Barreiro&Friends. Ao seu son chegará o
momento de saltar a cacharela nesta noite máxica do solsticio de verán.
A programación de primavera terá no CAMPAMENTO DE VERÁN e nas actividades que xa se
están deseñando para as noites do estío o seu relevo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

López salienta que 2021 foi “o ano máis inversor
da historia da Estrada” con 14,9 millóns de euros

O goberno local deu conta no pleno celebrado este xoves
da liquidación do exercicio pasado. Unhas contas das que o alcalde, José López, salientou
que o 2021 foi “o ano máis inversor da historia da Estrada” cun total de 14,9 millóns de
euros, alcanzando a “cifra histórica” de 763 euros investidos por cada estradense.
O rexedor local subliñou que “a capacidade de xestión do goberno local para conseguir
fondos doutras administracións” permitiu elevar o orzamento inicial desde os 13,7
millóns de euros ata a “cifra récord” de 30.943.053,67 euros, superando por primeira vez
os 30 millóns de euros na liquidación ao remate do exercicio.
Concretamente, no capítulo de investimentos, a partida de 489.528 euros que figuraba
inicialmente no orzamento de 2021 incrementouse ata 15.463.336,52 euros, grazas ás
aportacións xestionadas para actuacións como a remodelación da Praza da Feira, o
acondicionamento da avenida Fernando Conde, a modernización do alumeado ou os
plans de asfaltado nas parroquias do rural, entre outros proxectos.
José López tamén subliñou que a porcentaxe de execución orzamentaria mellorou
respecto ao exercicio de 2020, xa que se pechou o ano 2021 con 3,06 millóns de euros
de remanantes de tesourería que permitirán levar a cabo novos investimentos para o
exercicio actual.
Contacto: Santiago Cacheiro | santi.cacheiro@somoswecom.com | 618 46 61 04
Ademais, tamén resaltou que “a xestión económica solvente que está a realizar o
goberno local desde hai dez anos” permitiu acudir a un cédito extraordinario de 4,5
millóns de euros, que adicarán ao longo do 2022 a continuar con proxectos como o
desenvolvemento urbanístico da Avenida de América, a construción da nova pista de
atletismo ou o asfaltado nas estradas do rural.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada leva ao pleno deste xoves a situación da estrada do núcleo do Souto de Vea

A portavoz municipal do BNG, Susana Camba, explicou que «o vial que atravesa o Souto de Vea, moi transitada por veciños e veciñas, está completamente abandonado polo goberno municipal do PP».

«Así», engade a concelleira, «o máis perigoso é que sendo unha estrada con tanto tráfico e cun número imporante de casas nas súas beiras, non hai liñas que delimiten os carrís nin as zonas de aparcadoiro, o tempo borrounas case por completo». «Cremos que o Souto de Vea non pode estar nestas condicións», afirma, «ademais o único paso de peóns que hai está moi deteriorado e sen pintar, ao que hai que engadir que se acumula moita auga nun dos extremos, o que en máis dunha ocasión proporcionou aos veciños e veciñas unha ducha indesexada e inoportuna».

«Xa denunciamos a situación en 2019, mais desde aquela o goberno de López non moveu un dedo», indica a concelleira nacionalista, «e evidentemente a cousa foi a peor, por iso levaremos a pleno o estado desta estrada, instando ao goberno municipal a actuar tamén no rural».

«Ademais», engade a concelleira do BNG, «a entrada a este vial desde Couso tamén ten unha fochanca de enormes dimensións, que o goberno municipal ten que arranxar con urxencia, é un perigo pola situación onde se atopa, en pleno cruce».

A concelleira do BNG, Susana Camba, tamén levou ao pleno o estado da estrada que une A Costa e A Torre en Guimarei; «entendemos que o calamitoso estado en que se atopa este vial esixe unha reposición total da capa de rodadura e non un simple parcheo cada ano que máis ben parece unha desculpa para perpetuar e mesmo incrementar o deterioro desta vía que,  por certo, soporta máis tráfico ca outras que si se asfaltaron totalmente».

Por outra parte a concelleira nacionalista instou ao goberno municipal a mellorar a seguranza nas obras que se están a levar a cabo na vila, «xa nos informaron de máis dun percance, que afortunadamente non tivo maiores consecuencias, mais cómpre tomar medidas e extremar a seguranza polo ben dos veciños e veciñas». «Ademais», engade a concelleira, «instamos por enésima vez ao alcalde a moverse para mellorar o enlace da N-640 coa PO-2016 que vai a Guimarei, Cereixo e Vinseiro».

Publicado en Portada | Deja un comentario