Luis López Bueno ve “pouco ambiciosa” a reforma do IVTM e do
imposto de Plusvalías que levará adiante o PP. O socialista considera que
son reformas “necesarias” pero que perden a oportunidade de repartir
mellor a carga fiscal.
Respecto da reforma do IVTM para incluír bonificacións aos vehículos máis
respectuosos co medio ambiente, o socialista advirte de que “A Estrada
chega tarde”. Indica que outros Concellos xa incorporaron estas
bonificacións no ano 2020 e foron de aplicación durante 2021, mentres que
na Estrada “aínda se aplicarán en 2023”.
Ademais ve na bonificación “unha medida cosmética” xa que suporá só
6.000 euros que o Concello deixa de ingresar. Non hai un esforzo
económico real, cando menos neste momento.
Ante o imposto de vehículos máis caro do Deza-Tabeirós, López Bueno bota
en falta unha organización diferente do coeficiente de incremento nas cotas
tributarias (marcadas por lei). A Estrada incrementa o mínimo legal nun
26% para todo tipo de vehículos, independentemente do seu tipo e cabalos
fiscais.
Para o líder socialista isto é “inxusto” porque lle supón o mesmo coeficiente
de incremento a un coche de 14 cabalos fiscais, (que calquera veciño ou
veciña usa a diario para facer vida), e a un vehículo deportivo que supera
amplamente os 20 cabalos fiscais. Indica que sería “moito máis razoable”
rebaixar o multiplicador para os vehículos xerais e aumentalo para os
vehiculos de grande cilindrada, como fan outros concellos como Vilagarcía
de Arousa, Ribeira e Lalín.
Ademais tamén considera que sería posible moderar ese 26% para
vehículos de transporte. López Bueno considera que “son ferramentas de
traballo” e como tal “deberían estar menos gravadas”. Tamén considera que
sería “unha medida de apoio ao sector do transporte e a todo o tecido
económico local”.
No Imposto de Plusvalías, López Bueno indica que “a Lei cambiou a forma
de cálculo do imposto e polo tanto hai que adaptalo na normativa
municipal”. Aínda así, o voceiro ve “mellorable” o mecanismo de
bonificacións proposto polo PP. “Non ten moito sentido que se desconte o
mesmo a un herdeiro que reciba 15 vivendas que a outro que recibe 2”
afirmou. López Bueno propón adecuar a bonificación a tramos polo valor da
herdanza recibida, como acontece no imposto de sucesións galego.
Fóra destas cuestións, López Bueno criticou a postura “demagóxica” do PP
respecto á política fiscal. Considera “pouco serio” que o PP pida a
eliminación de impostos no Estado pero que non actúen como predican nas
institucións que gobernan. Puxo como exemplo o imposto de Plusvalías, que
é potestativo para os Concellos. Advertiu de que o PP da Estrada se contradí
seguindo as “posturas populistas” do seu partido nos debates do Pleno e
despois non eliminen ou moderen os impostos potestativos do Concello
(ICIO e Plusvalías).
LÓPEZ BUENO VE POUCO AMBICIOSA AS REFORMAS NO IMPOSTO
DE VEHÍCULOS E DAS PLUSVALÍAS
Concentración en apoio o pobo de Ucranía en A Estrada
Concentración da veciñanza que se achegou ata a Praza do Concello para amosar o seu apoio ao pobo Ucraíno.
Aberto ata o día 3 de maio o prazo de solicitude
para beneficiarse do programa “Depotermal”
A Deputación Provincial de Pontevedra vén de abrir ata o
vindeiro día 3 de maio o prazo de inscrición no programa “Depotermal”, ao que está
acollido o Concello da Estrada, para optar ás prazas ofertadas nunha ducia de instalacións
termais da provincia.
Este plan termal ofrece unha modalidade con pernocta de domingo a venres en réxime
de pensión completa e, por outra banda, unha opción específica para as persoas que
desexen asistir diariamente a un balneario, talaso ou spa durante cinco días consecutivos
e un mínimo de dúas horas diarias.
Aqueles/as estradenses que queiran acollerse ao “Depotermal 2022” deberán cumprir os
seguintes requisitos: nacer antes do 1 de xaneiro de 1972, ter a condición de pensionista
polos conceptos de xubilación, viuvez ou outras pensións, ter recoñecido un grao de
discapacidade igual ou superior ao 65% ou ser persoas coidadoras que precisan un
respiro familiar.
Para formalizar a inscrición, os/as interesados/as deberán cubrir un formulario na páxina
web da Deputación Provincial de Pontevedra ou, no caso de que teñan dificultades para
cumprimentar este trámite electronicamente, poderán achegarse presencialmente ao
Departamento de Servizos Sociais en horario de 9.00 a 14.00 para recibir a axuda
necesaria, segundo confirmou a concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar.
A Estrada reforza a colaboración con seis federacións
para impulsar o deporte e acoller máis competicións
O alcalde da Estrada, José López, asinou esta mañá un
convenio cos máximos responsables das federacións galegas de bádminton, baloncesto,
balonmán, fútbol, rugbi e voleibol para reforzar a colaboración na promoción do deporte
base e para acoller a celebración de máis probas competitivas.
Segundo os convenios bilaterais asinados durante un acto celebrado no salón de plenos
do consistorio, o Concello da Estrada cederalles a cada federación de xeito gratuíto as
instalacións necesarias para os eventos e actividades que organicen neste municipio
dentro dos programas de tecnificación de xogadores/as, árbitros, oficiais de mesa e
persoal federativo.
Pola súa parte, as federacións asinantes comprométense a organizar na Estrada de xeito
anual, como mínimo, unha fase final autonómica de calquera categoría federada ou un
encontro promocional do seu deporte. Ademais, as federacións colaborarán nos eventos
de promoción deportiva organizados pola Concellaría de Deportes e orientados aos clubs
locais ou ás Escolas Deportivas Municipais, ás que tamén lle aportarán material común.
No transcurso do acto, os presentes revelaron que grazas a estes convenios A Estrada
acollerá nos vindeiros tres meses polo menos catro citas deportivas: a concentración da
selección española feminina sub 16 de voleibol, do 11 ao 15 de abril; a concentración das
seleccións galegas de voleibol, os días 28 e 29 de maio e os días 25 e 26 de xuño; as finais
autonómicas de minibasket, os días 4 e 5 de xuño; e a concentración autonómica de
minirugbi, o día 11 de xuño.
Xunto ao rexedor local participaron na sinatura dos convenios o presidente da Federación
Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o presidente da Federación Galega de Bádminton,
Rodrigo Sanjurjo; a secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto, Susana
Fernández; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; o presidente
da Federación Galega de Rugbi, Ignacio Cociña; e o secretario xeral da Federación Galega
de Voleibol, José Ramón Baña.
Na súa intervención, o alcalde destacou a importancia destes acordos para “consolidar A
Estrada como capital do deporte base de Galicia” e fixo fincapé no compromiso do
goberno local coa comunidade deportiva a través de actuacións importantes que se van
levar a cabo como a construción da pista de atletismo.
A Xunta recibiu xa máis de 600 solicitudes para as dúas liñas de axudas convocadas este ano en materia de rehabilitación enerxética de vivendas
A Xunta de Galicia recibiu xa máis de 600 solicitudes para acollerse ás dúas liñas de axudas convocadas no que vai de ano para financiar actuacións de rehabilitación enerxética en vivendas e edificios. Trátanse do PREE 5000, con incentivos que poden chegar a cubrir a totalidade da obra e que terá que garantir un aforro enerxético mínimo dun 30%, e do programa a nivel de vivenda, que ofrece axudas de ata 3.000 euros, principalmente para cambio de ventás.
Así o subliñou hoxe na Estrada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións que se convocarán ao longo de 2022 en materia de vivenda.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e ante máis de 80 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas e veciños dos oito concellos das comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, Ángeles Vázquez subliñou a oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que porá á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.
Así, a responsable autonómica aproveitou a ocasión para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios no conxunto de Galicia.
En concreto e tendo en conta aqueles programas que poden espertar un maior interese nos municipios da zona, subliñou que o seu departamento destinará este ano máis de 1,5 millóns de euros a unha liña de axudas dirixida a os menores de 35 anos que opten por mercar a súa vivenda habitual nun concello de menos de 10.000 habitantes.
Con esta medida, que prevé incentivos de ata 10.800 euros, búscase favorecer o asentamento da mocidade no rural e será de aplicación en seis dos oito concellos do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes: Agolada, Dozón, Forcarei, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces.
Así mesmo, no eido da rehabilitación, Ángeles Vázquez lembrou tamén que por esta zona discorren dous itinerarios xacobeos: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Neste sentido, explicou que os propietarios de inmobles localizados dentro da Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, unha das tres de carácter supramunicipal que xestiona a Xunta de forma directa, poden solicitar xa axudas de ata 25.000 euros para rehabilitar as súas vivendas e edificios nos concellos da Estrada, Dozón, Lalín, Silleda e Rodeiro.
De feito, ao abeiro da convocatoria do ano pasado concedéronse na zona 7 subvencións por 50.000 euros, catro en Lalín e as outras tres en Silleda, polo que animou aos veciños a informarse sobre estes incentivos e solicitalos antes do 30 de setembro.
Axudas para mellorar a accesibilidade, alugueiro e compra de vivenda
Durante a súa intervención no foro, a conselleira convidou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas ao que poderán optar en 2022 tanto para reformar inmobles, como para mercar ou alugar a súa vivenda habitual, actuacións coas que contribuirán tamén a dinamizar o mercado residencial e a economía de ambas comarcas.
Así, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías das axudas e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.
En concreto e ademais das dúas liñas xa mencionadas e con prazo de solicitude aberto, haberá outros incentivos á rehabilitación residencial como as subvencións para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais, que se convocarán proximamente e ofrecerán axudas de ata 21.000 € a particulares, administracións e empresas públicas.
No eido do arrendamento, manteranse programas xa consolidados, como as subvencións ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novos incentivos, como o Bono alugueiro mozo. Así mesmo e co fin de facilitar a compra de inmobles a certos colectivos, cómpre lembrar que xa está aberto o prazo para pedir as axudas para mercar unha vivenda de promoción pública.
Por último, durante o foro lembrouse que xa está funcionando a nova Oficina de rehabilitación de vivenda para asesorar e dar a coñecer as diferentes liñas de axudas financiadas con fondos europeos. Tamén está dispoñible para descarga a guía informativa da Xunta sobre os programas para rehabilitación enerxética no eido residencial.
A retirada dos contedores subterráneo de lixo é para preparar a privatización do servizo de recollida
Susana Camba: «Esta non é a única actuación, a renovación da flota, con camións cun só operario, o condutor, no canto de tres con era antes, vai nesa liña de reducir custes á empresa adxudicataria con cargo ao erario público»
«O goberno de López prepara o camiño da privatización da recollida do lixo actuando sobre aqueles elementos que podería ser máis gravoso para a empresa adxudicataria. Esa é a intención de fondo que se agocha detrás da retirada dos contedores subterráneos do lixo», afirma a concelleira do BNG, Susana Camba.
«Esta non é a única actuación», explica, «a renovación da flota, con camións cun só operario, o condutor, no canto de tres con era antes, vai nesa liña de reducir custes á empresa adxudicataria con cargo ao erario público».
Para o BNG os problemas técnicos dos contedores do lixo subterráneos «poden arranxarse con mantemento dos dispositivos, persoal e melloras na recollida do lixo», indica a concelleira nacionalista, «mais López prefire destruír, é o que ven demostrando nas últimas actuacións na Alameda, na Rúa Calvo Sotelo, a fin de contas pagamos todos e todas».
En contra da privatización
«Desde o BNG da Estrada reiteramos a nosa oposición total á privatización da recollida do lixo no noso concello, anunciada onte polo alcalde para este ano 2022», afirma concelleira do BNG, Susana Camba. «Cremos que a medio prazo vai supoñer un prexuízo para os veciños e veciñas da Estrada en forma de peor servizo e incremento do recibo, por moito que o alcalde diga agora mesmo que iso non vai acontecer», explica, «hai exemplos abondo noutras vilas e cidades que apuntan esa dirección».















































