A Xunta reafirma o compromiso coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil co recoñecemento a máis dun cento de voluntarios

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) no acto de entrega das medallas aos voluntarios de Protección Civil, onde reafirmou o compromiso do Goberno galego con este colectivo, un dos piares das emerxencias galegas.
Alfonso Rueda destacou a importancia destas medallas aos voluntarios que levan a cabo un traballo completamente altruísta no seu día a día para velar pola seguridade dos seus veciños, con especial dedicación nos meses máis duros da pandemia do coronavirus coa entrega de alimentos e medicamentos, o acompañamento de persoas que viven soas ou a desinfección de espazos públicos. Por iso, entre as condecoracións destaca a entrega da Medalla de Ouro ao conxunto das agrupacións galegas pola súa colaboración na loita contra a covid e a súa contribución á sociedade na atención da poboación na crise sanitaria.

Galicia conta con 234 agrupacións que suman máis de 5.000 voluntarios. A Xunta mantén o seu compromiso co funcionamento deste servizo cun investimento de 15 millóns nos últimos anos, dos que 11 millóns se corresponden co reforzo e mellora do seu equipamento para realizar as súas intervencións con todas as garantías e os 4 millóns restantes destinados a sufragar os seus gastos de funcionamento.

O titular da Vicepresidencia primeira indicou que nos últimos anos lévanse entregado ás asociacións un total de 220 vehículos, máis de 130 remolques de emerxencias, máis de 130 terminais de radiocomunicación, 57 embarcacións, 9 motos subacuáticas, 21 coitelas quitaneves, 62 esparexadores de sal e 68 tendas de campaña.

A maiores da inversión realizada nos últimos anos, o Goberno galego publicou este ano unha orde de axudas de 1 millón de euros para a cesión de novo equipamento ás agrupacións de Protección Civil da comunidade, e destinará 340.000 euros máis aos seus gastos de funcionamento, ademais de apoiar as actividades realizadas con motivo do Xacobeo en axuda dos peregrinos para garantir a súa seguridade.


Alfonso Rueda lembrou que os efectivos destas agrupacións teñen á súa disposición a formación que presta a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) tanto co curso básico para obter o carné de voluntario como coa formación continua para actualizar os seus coñecementos.

Entrega de medallas

A concesión das medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia ten por finalidade distinguir as persoas físicas ou xurídicas e/ ou ás institucións que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, así como a prestación de servizos continuados no tempo, de interese para a protección civil, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

No acto celebrado hoxe fíxose entrega das medallas correspondentes aos anos 2020 e 2021.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LÓPEZ BUENO ASEGURA QUE O ORZAMENTO DA XUNTA PARA 2022 “ESQUECE” AS NECESIDADES ESTRATÉXICAS DA ESTRADA

O PSOE da Estrada valorou negativamente os
orzamentos que a Xunta de Galicia propón para o ano 2022. O voceiro do
Grupo Municipal Socialista, Luis López Bueno, entende que o orzamento
“esquece por completo as necesidades estratéxicas do Concello da Estrada”
e ratifica que “non se pode contar coa Xunta para o que realmente lle
importa aos veciños e veciñas”.
López Bueno considera moito máis importante “o que non hai” que as
partidas que si aparecen no orzamento. Os socialistas da Estrada
presentaron enmendas que xa foron debatidas no Parlamento de Galicia e
que remataron sen acordo do PP. Entre esas enmendas figuraba a
ampliación do Polígono Industrial de Toedo, traballos de conservación no
Centro de Saúde antigo, melloras en viais titularidade da Xunta, sinalización
e conservación dos camiños de Santiago e a finalización das parcelarias do
Val do Vea II, Arca – Nigoi e Codeseda.
En total representaban máis de 2 millóns de euros en investimentos no
Concello.
Ampliación do Polígono Industrial de Toedo
Para o líder socialista é “gravísimo” que a Ampliación do Polígono Industrial
de Toedo non conte cunha partida no orzamento da Xunta. López Bueno
apunta a que a creación de solo público industrial “debe ser a prioridade
número un de calquera goberno deste Concello”. Asegura que “estamos
asistindo a un auténtico drama industrial, os emprendedores estradenses
están obrigados a asentar fóra da Estrada as súas empresas porque aquí
non hai oportunidades economicamente viables”.
Tamén valora negativamente a actitude “cómplice” do alcalde coa Xunta de
Galicia. Para López Bueno “o conformismo de López Campos é inaceptable”
e considera que “os veciños e veciñas merecen un alcalde que loite polos
intereses da Estrada, e máis no ámbito industrial”. Valora que o alcalde
tampouco está á altura do reto industrial da Estrada, xa que a única
aportación do alcalde neste asunto foi “prometer que a Cidade do Moble
sería o Ikea Galego”.
O socialista instou ao alcalde a cambiar de socios á hora de desenvolver o
potencial industrial da Estrada. López Bueno ve “esgotada” a vía da Xunta
de Galicia e considera que “é a hora de abrirse a entidades como Zona
Franca de Vigo e Suelo Empresarial del Atlántico, que si están cumprindo
cos Concellos”. Entende que os datos falan por si mesmos, “mentres Zona

Franca destinou en 2020 máis de 60 millóns de euros a desenvolvementos
de solo industrial na provincia, a Xunta unicamente contempla 1,5 millóns
en 2022, que irán para a quinta fase do Lalín 2000”. Sentenciou que “A
Estrada non pode agardar nin un minuto máis pola Xunta”.
Nese sentido, apuntou que a situación demográfica e do emprego
“evolucionan moi mal”, e tildou de “dramático” o éxodo de poboación entre
25 e 40 anos que está a padecer o Concello. “A xente en idade de traballar
está marchando a onde hai traballo, e na Estrada hai pouco”.
Considera “fundamental” o solo industrial público para que as empresas
locais teñan menos atrancos para medrar e tamén para atraer
investimentos produtivos que xeren emprego “e movemento na economía
local”.
AG-59, o conto de nunca acabar
Ademais tamén ve “ridícula” a partida destinada á autovía AG-59 e vaticina
que o 2022 será “outro ano de parálise”. López Bueno opina que no ano que
entra “non veremos nin un metro máis de asfalto” e xa irán 12 dende que
Agustín Hernández anunciara o primeiro proxecto de ampliación.
O líder socialista ve “incomprensible” que a Xunta non entenda que “o
futuro da Estrada pasa pola autovía”, e considera que o proxecto recortado
que pretende executarse “non será suficiente”. Tamén considera “pouco
intelixente” que o alcalde consinta que ano tras ano aparezan partidas
orzamentarias para a AG-59 que “non se chegan a executar”.
Outras enmendas
López Bueno admite que este ano a Xunta incorporou ao orzamento algunha
das enmendas que veñen presentando os socialistas dende hai anos, como
é o caso do Desdobre da Traída do Umia, aínda que lamenta que tiveran
que pasar tantos anos para que a presión política e veciñal dera os seus
froitos. Tamén critica a actitude de López Campos respecto desta actuación,
que prometeu en incontables ocasións.
Outras enmendas presentadas polos socialistas foron as melloras de firme e
ancho de vía nas estradas PO-213 e PO-214, que son “dúas das estradas
máis perigosas que ten a Xunta en todo Galicia”.
Igualmente solicitaron actuacións de conservación no Centro de Saúde
antigo, que precisa “urxentemente” reparacións para non converterse
nunha ruína en pleno casco urbano.
Tamén solicitaron a sinalización dos camiños da Geira dos Arrieiros e Miñoto
– Ribeiro a cargo do orzamento da Xunta, xa que en ano Xacobeo entenden

que debe ser a autonomía quen financie estas actuacións e así “aforrarlle
cartos a todos os estradenses”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Xoán Carlos Porral presenta no MOME o libro A matanza do porco

Mañá xoves, ás 20.30 h da noite, o profesor e escritor lalinense Xoán Carlos Porral presentará no Museo do Moble e da Madeira un libro sobre a matanza do porco titulado A Matanza do porco, cultura e tradición, que foi publicado pola editorial Fervenza.

 

Como doutor en antropoloxía social que é, Xoán Carlos está especializado no estudo dos modos de vida tradicional vinculada á comarca do Deza, pero no caso deste libro recolle a oralidade da tradición da mata procedente doutras vilas de Galicia, entre elas, A Estrada.

 

 O traballo recolle desde a etapa de cebo do animal ata a curación da carne. Todo isto sen deixar de lado aspectos relacionados co significado festivo deste acontecemento que reunía a familiares e amigos arredor dunha mesa. Trátase, por tanto, dunha investigación feita desde o punto de vista antropolóxico, etnográfico, lingüístico e cultural.

 

A entrada ao acto será totalmente de balde ata completar as 45 localidades da sala.

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Camiño ao respecto dende O Concello Estradense

Hoxe rematan os obradoiros de elaboración de carteis que levamos a cabo cos 1º e 3º da ESO con motivo do 25 de Novembro e cos que participarán na concentración simbólica en recordo das vítimas da violencia de xénero que faremos o xoves 25 ás 20.00 h. na praza do concello. Como sempre esta concentración é aberta a todo o público en xeral.

 
Tamén queremos recordar que desde o Concello da Estrada nos sumamos á participación virtual na IX Andaina Solidaria contra a violencia de xénero #CAMIÑOAORESPETO da Xunta de Galicia. Poden recollerse os dorsais no CIM do 22 ata o 30 de novembro.
Para participar só hai que sacar unha foto ou vídeo co dorsal, compartila nas redes sociais co hashtag: #CAMIÑOAORESPECTO ou enviala xunto cos quilómetros percorridos ao enderezo electrónico contacto@caminoaorespecto.gal ou whastapp: 669 962 249.
Publicado en Portada | Deja un comentario

ACTIVIDADES CONCELLO A ESTRADA 25N

Publicado en Portada | Deja un comentario

Magosto na Residencia Estradense

 

O Concello da Estrada organiza un magosto na Residencia. Haberá un castañeiro, encargado de repartir o fruto do outono, e a xornada estará amenizada por gaiteiros de Lume na Lareira. Amifrut donou as castañas para que as degusten os maiores, e O Castañero Rober tamén colaborará asando as castañas de maneira altruista

Publicado en Portada | Deja un comentario

O RECREO CULTURAL ADHÍRESE Á REDE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA CONTRIBUIR Á EXTENSIÓN DA LINGUA GALEGA

O Recreo Cultural da Estrada vén de asinar a súa
incorporación á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) promovida pola Xunta de Galicia a
través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo desta solicitude por parte da
directiva desta sociedade estradense é contribuír a estender o uso da lingua galega nun
ámbito principalmente destinado ao ocio e esparcemento, unha parcela que entendemos
fundamental para promover o uso crecente do galego.
A Rede de Dinamización Lingüística é unha asociación voluntaria que busca congregar as
entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local. O camiño
que busca percorrer a Rede pasa por fomentar unha cultura da cooperación, colaboración,
coordinación e planificación na dinamización social da lingua galega. A intención do Recreo
Cultural da Estrada ir da man das entidades que xa están adheridas a esta rede para chegar
esta meta común.
A xeito de estrea desta adhesión, as instalacións do Recreo Cultural recibirán o próximo
sábado 11 de decembro, ás 18.00 horas, ao cantautor Emilio Rúa. No marco do I Mercado de
Nadal desta entidade, concibido coma unha xornada de portas abertas, o artista ofrecerá o
espectáculo “Nadaliñas”. Natural de Vendas da Barreira (Ourense), Emilio Rúa leva adicado á
musica dende os sete anos de idade, de xeito que leva cultivando este eido dende hai 37. Ten
dous premios nacionais de cantautores cantando en galego. Entre a súa ampla discografía
destaca o seu traballo Duetos, no que canta xunto a artistas como Víctor Manuel, Pablo
Milanés, Rozalén, Sole Giménez, Carlos Goñi (Revólver), Javier Álvarez, Rosa Cedrón ou Javier
Ojeda (Danza Invisible). Foi o artista galego convidado na xira de Víctor Manuel 2016 e é
asiduo colaborador co audiovisual galego. En 2020 editou con Editorial Galaxia o libro disco
“Novelovento” coa obra máis complexa de Álvaro Cunqueiro con Edicións Fervenza o libro
disco “Memoria Iluminada”.

Publicado en Portada | Deja un comentario