15.000 adhesivos para acompañarnos no nadal da man do CEIP O FOXO

CEIP do Foxo presentou onte a novena edición da súa iniciativa Bicos a moreas, que contribúe a fomentar a presenza do galego no ámbito empresarial e comercial. Faino co deseño de adhesivos decorativos para os paquetes do Nadal con debuxos e lemas creados polos nenos do centro. Este ano hai 115 distintos, un por neno. «Grazas por quererme», «Es un sol», «Apertas» ou «Quérote un mundo» son algunhas das mensaxes que poderán atoparse este Nadal nos paquetes dos comercios da Acoe e da ACE. Imprimíronse 15.000 adhesivos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta salienta a carpintería da estrada Tec Model como exemplo de emprendemento na economía circular

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitaron hoxe a carpintería da Estrada Tec Model, que destacaron como un exemplo de emprendemento no marco da bioeconomía e a economía circular, fixando tecido empresarial no rural.

A empresa, dedicada ao deseño e fabricación de mobles, e a instalación e o mecanizado de diferentes obxectos de madeira, elabora coa marca de garantía selo Pino de Galicia as caixas de madeira coas que Xera e Galicia Calidade desenvolven unha acción promocional para impulsar a utilización deste material e promover un Nadal sostible, apostando por produtos de proximidade.

Así, entre outras accións destinadas a prescritores e profesionais, nestes momentos está activo nas redes sociais de Galicia Calidade un sorteo de 10 caixas de madeira con produtos da marca de garantía. A caixa é un agasallo reciclable e reutilizable que pode ter unha nova vida como botelleiro, xardineira ou unha casa de bonecas.

Pino de Galicia

A Marca Pino de Galicia desenvólvese co apoio da Xunta de Galicia, a través dun acordo de Xera coa Fundación Arume. Persegue prestixiar os produtos elaborados con madeira de piñeiro dos montes galegos. Representa un triplo compromiso do sector forestal, tanto coa orixe e trazabilidade da madeira, como coa sustentabilidade do monte –apoiada nos selos de certificación FSC e PEFC– e coa calidade, poñendo en valor o traballo de silvicultores e industrias.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón no Teatro Principal esta tarde

Esta tarde o Teatro Principal da Estrada recibirá a tres dos grandes
referentes da poesía contemporánea galega nun show-recital titulado Algo que levar á boca,
escenificado polo grupo Rompente.

Baixo o nome Grupo de Comunicación Poética Rompente, agóchase un colectivo de autores
de espírito contestatario e politicamente incorrecto que, comandado por Alberto Avendaño,
Manolo Romón e Antón Reixa, apostou por levar a poesía rúa a partir de finais dos 70,
nunha proposta de vangarda que revolucionou o xénero e entroncou coa movida urbana do
país, iniciando a moitos mozos e mozas na lectura da poesía en galego.

Baixo o selo da agrupación publicáronse os libros Seraogna de Alfonso Pexegueiro e o
emblemático Con Pólvora e Magnolia de Xosé Luis Méndez Ferrín. Pero a actividade
editorial propiamente impulsada por Rompente comeza con Silabario da Turbina, expresión
primeira da estreita colaboración cos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño
Posteriormente, coa serie Tres Tristes Tigres (1979/80) publicáronse tres libros de autor
Facer Pulgarcitos Tres, de Avendaño, Galletas kokoshka, non, de Romón e As ladillas do
travesti de Reixa. En 1979, a propósito da dedicatoria do Día Das Letras Galegas a Manoel
Antonio, Rompente edita un explosivo fanzine Fóra as vosas sucias mans de Manoel
Antonio na liña contestataria das anteriores publicacións clandestinas Follas de Resistencia
Poética e Crebar as Liras.
Tras anos de silencio, en outono de 2109, o grupo reaparece no Festival Kerouac de Vigo
con Rompente, a pesar de todo, e recentemente regresaron á escena literaria cun libro
titulado Que hostia din os rumorosos?, que contén poemas dos tres autores. Actualmente
están de xira por oito cidades galegas con este espectáculo que aúna poesía, música e
audiovisual.

Trátase dun evento gratuíto, con retirada previa de invitación no departamento de Cultura ou
no portelo do Teatro Principal media hora antes da actuación.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta anima na Estrada ás pemes e microempresas galegas, especialmente do rural, a apostar pola innovación para chegar a novos mercados

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe na Estrada, na súa participación na iniciativa Camiño da innovación, que a competitividade dunha empresa, independentemente do sector ou tamaño, crece de forma proporcional ao que inviste en innovación.

A Estrada acolle a oitava das 18 paradas previstas entre os meses de novembro e decembro nesta iniciativa, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), co ánimo de facer accesible a innovación ás pemes e microempresas galegas e, concretamente, ás que desenvolven a súa actividade no rural.

Neste sentido, Conde apostou pola colaboración público-privada para incentivar a chegada das compañías a novos mercados a través da innovación, tendo en conta que o groso do tecido empresarial de Galicia está composto por pequenas e medianas empresas e autónomos que non poden permanecer alleos a este factor.
“Nun contexto de fondos europeos, as pequenas e medianas empresas teñen que aproveitar a ocasión para modernizar os seus proxectos e investir en innovación, unha cuestión que, no caso do rural, é moi importante para fixar e captar poboación e, polo tanto, para que haxa unha xanela aberta para desenvolver proxectos innovadores que permitan ese desenvolvemento económico que todos estamos buscando”, manifestou.

Camiño da Innovación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (12M€) da Xunta, e ofrece en cada parada –mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Gain. Deste xeito, axudaráselles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica.

O obxectivo é atender máis de 200 consultas en toda a xira, colaborando con cada empresa para elaborar unha folla de ruta coa que poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Exemplos próximos
Camiño da innovación conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais. Na cita de hoxe na Estrada contouse coa presenza de Ausavil –dedicada á fabricación e venda ao por maior de maquinaria e accesorios para o sector forestal, xardinería, horta ou enoloxía– e Orballo Innovaciones Forestales –especializada no cultivo cen por cento ecolóxico de plantas para a produción de infusións e especies aromáticas–.

Dous exemplos, tal e como salientou o vicepresidente segundo, que lembran a riqueza que achega o sector forestal ao medio rural e as oportunidades que hai nel para fixar industria.

O programa chegará mañá, xoves 18, ao concello pontevedrés de Ponte Caldelas, mentres que o próximo luns 22 se prevé que se desenvolva en Salvaterra de Miño, acompañando ao tecido empresarial galego para que poida dar o salto dixital, modernizarse e emprender proxectos no eido da sustentabilidade, ao tempo que, no contexto dos fondos europeos, se busca que as pemes sexan beneficiarias directas das axudas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O SALÓN MOTOR CLASSIC E A FEIRA DE ANTIGÜIDADES E ARTESANIA, CELEBRARÁNSE NO RECINTO FEIRAL ESTRADENSE O VINDEIRO MES DE DECEMBRO.

Os días 11 e 12 de decembro, o Recinto FeIral estradense,
celebra unha nova edición do Salón Motor Classic. A mostra
complementaráse coa 61ª Edición da Feira de Antigüidades e
Artesanía.
• O certame contará con dous pavillóns de exposición de
vehículos clásicos (motos, coches e bicicletas), un pavillón con
mercadillo de pezas, recambios, accesorios e complementos varios
do motor e un pavillón con antigüidades e artesanía.
• Habilitaráse parking gratuito dentro do propio recinto para os
que asistan á mostra nos seus vehículos clásicos.
• Mais de medio centenar de firmas de venda directa e
outras tantas secundarán a mostra expositiva de clásicos,
distribuidas ao longo de catro pavillóns, cunha superficie expositiva
de 7.400 m2.
Actualmente, o recinto feiral estradense, atópase inmerso no deseño
dunha doble mostra de promoción económica: 8º Salón Motor
Classic e 61ª Feira de Antigüidades e Artesanía.
Os días once e doce de decembro, o mundo do motor ten unha cita
no recinto feiral estradense, con numerosas firmas relacionadas co
sector do recambios, accesorios e complementos varios, destinados
específicamente a vehículos clásicos e históricos.
Pola súa banda, o recinto contará igualmente coa tradicional mostra
de antigüidades e artesanía, contando con mais de medio centenar
de anticuarios e artesans de toda Galiza e de Portugal.
O certame, ocupará un espazo expositivo de mais de 7.400 m2,
distribuidos ao longo de catro pavillóns, contando igualmente, dentro
do propio recinto, cunha zona especialmente habilitada para que os
visitantes que asistan á mostra nos seus vehículos clásicos poidan
aparcalos cómoda e gratuitamente.
Motor Classic, estas últimas edicións, está contando con grande
aceptación entre visitantes e participantes. O mercadillo de pezas e
recambios desperta grande interese, contando cun total de quince
firmas presentes.

8º SALÓN MOTOR CLASSIC/61ª FEIRA DE
ANTIGÜIDADES E ARTESANÍA
(11-12 Decembro 2021)
Pola súa banda, varias Asociacións, clubes e particulares,
participarán na sección de exposición de clásicos que ocupará un
total de dous pavillóns.
Motor Classic, contará co respaldo da tradicional e consolidada Feira
de Antigüidades e Artesanía que xa vai pola sesenta e unha edición,
sendo un referente consolidado do sector e do calendario feiral dos
recintos da nosa Comunidade Autónoma.
Medio centenar de anticuarios, artesans e recambistas, darán
cobertura a Motor Classic 2021. Os anticuarios galegos e
portugueses, unha vez máis, vólcanse coa mostra. Numismática,
decoración, iluminación, porcelana, libros antigüos, mobiliario,
apeiros de labranza, pezas textís, escultura, artesanía, recambios,
etc… serán algún dos productos estrela da mostra de antigüidades.
O recinto feiral, abrirá en horario ininterrumpido de once a vinte
horas, amosando variedade de productos, así como, de pezas,
recambios e accesorios do motor e unha nutrida área expositiva de
vehículos de incalculable valor. As coleccións privadas de vehículos
clásicos e históricos, farán as delicias dos visitantes máis esixentes.
Os días 11 e 12 de decembro, máis dun centenar de firmas
expositoras, asociacións, clubes e particulares, sorprenderán e
tratarán de captar o interese dos visitantes que se acheguen ao
recinto feiral estradense. Con esta doble mostra, o recinto feiral
estradense pechará o calendario feiral dous mil vinteún.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O INVESTIGADOR JOSÉ MANUEL BÉRTOLO, O COLECTIVO ROMPENTE E O PROGRAMA ‘SEMPRE EN GALICIA’ RECIBEN OS XXX PREMIOS SAN MARTIÑO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto de entrega dos XXX Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que nesta edición recaeron no docente e investigador José Manuel Bértolo Ballesteros, na modalidade A Estrada e Comarca de Terra de Montes; o colectivo Rompente, na de Galicia Enteira, e o programa radiofónico Sempre en Galicia, de Montevideo, na de Toda unha vida.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a importancia destes premios que foron concibidos para a promoción da lingua galega, e respecto aos galardoados salientou que son “dignos merecedores desta distinción e agradecemento polo traballo que levan xa tantos anos facendo a prol da cultura en galego”.

 

O acto, presentado por Chus Bascuas e amenizado pola actuación de Guadi Galego, tivo lugar no Teatro Principal da Estrada. Canda o secretario xeral tamén participaron no acto o alcalde da Estrada, José López Campos; o representante do padroado, Iván Sanmartín, e os galardoados: José Manuel Bértolo, Antón Reixa e Alberto Avendaño, en representación de Rompente, e Manuel Suárez, en nome de Sempre en Galicia.

Traxectoria dos premiados

José Manuel Bértolo (Soutelo de Montes, 1949), catedrático de Grego en ensino secundario ata a súa xubilación en 2011, é autor de diversas monografías sobre cultura clásica e  investigador de temas de xenealoxía e heráldica. O pasado mes presentou o seu traballo Fidalguía e heráldica da Terra de Montes, apoiado pola Xunta de Galicia.

 

Desde o 2006 estuda xunto a Luis M. Ferro a arquitectura señorial de Terra de Montes e de Tabeirós, o que os levou a presentar este 2021, despois de anos de traballo, o volume Torres, pazos e casas fidalgas do concello da Estrada. Os resultados de moitas das súas pescudas foron publicadas en diversas revistas culturais de Galicia como o Boletín de estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia ou A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, así como en diversos xornais galegos. Con Luis Ferro compartiu tamén no 2014 o XIX premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela.

Pola súa banda, o colectivo poético Rompente está formado por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón. Fundado en 1975, o seu obxectivo sempre foi levar a poesía á rúa a través dunha proposta de vangarda de espírito contestatario que revolucionou o xénero, iniciando á mocidade da época na lectura de poesía en galego. Despois da súa disolución en 1983, volveu asomar no panorama social o pasado 2019,  anunciando finalmente o seu retorno para este ano co traballo  Que hostia din os rumorosos?, composto por poemas dos tres autores.

En canto ao  programa radiofónico Sempre en Galicia, o máis lonxevo en lingua galega, foi creado en setembro de 1950 por un grupo de galegos asentados en Montevideo (Uruguay) entre os que se contaba o curmán de Castelao, finado só uns meses antes, Alfredo Somoza. Xunto a Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita e Manuel Leiras, botou a andar este programa galeguista e cultural que buscaba dignificar a identidade galega e que, 70 anos despois, segue acurtando a distancia entre a diáspora e Galicia.

Pechando o ano de Xelas Arias

Tamén esta tarde, o secretario xeral de Política Lingüística acompañou na inauguración do Simposio Xela Arias a Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); a Marilar Aleixandre, académica e coordinadora do encontro, e a Amparo Castaño e Darío Gil Arias, nai e fillo, respectivamente, da figura das Letras Galegas 2021. O obxectivo destas xornadas é crear un punto de encontro para afondar na análise da escrita, da tradución e do labor como editora de Xela Arias, pero tamén gozar da súa creación a través de recitais, da música ou do audiovisual.

O simposio, que continuará os vindeiros xoves 18 e 25 de novembro no Salón de actos da RAG, conta co apoio da Xunta de Galicia e está aberto ao público ata completar a capacidade, aínda que tamén pode seguirse en directo a través do web da Academia.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Faladoiro no MOME con Francisco Castro

Varias persoas participaron no Museo do Moble e da Madeira da Estrada no faladoiro ‘Pensando Novas Masculinidades, que xirou en torno ao libro ‘O cemiterio de barcos’, de Francisco Castro. Acompañando ao escritor estiveron o director xeral de Editorial Galaxia e a presidenta de Mulleres en Igualdade do concello estradense, Kim Llobet. 
No seu libro, Castro defende valores como o amor, a amizade e a conciencia política.
Publicado en Portada | Deja un comentario