Mañá sábado, ás 12.30 h, a programación do Teatro Principal botará a andar
da man da compañía Culturactiva e o espectáculo Saaabor, un espectáculo
que mestura música, maxia e humor, aderezado coa participación do público.
Nomeado polo público coma mellor espectáculo do Festiclown 2018, esta
comedia mergúllase no tema dos chefs e da gastronomía para facer unha
irreverente parodia do mundo da cociña.
Dirixida por Avelino González e interpretada por Fran Rei e Félix Rodríguez,
a peza conta xa con máis de cen actuacións por toda a xeografía galega. As
entradas poden retirarse no Concello ou nas propias dependencias do Teatro
a un prezo de 3,00€.
Por outra banda, mañá poranse á venda en ataquilla.com as entradas de día
para os concertos do Son dos Arrieiros do 29 e 30 de outubro. Os primeiros
100 bonos xa se esgotaron o venres pasado, apenas nunha hora.
O espectáculo infantil Sabor abre a programación de outono no Principal estradense
O PSOE “PREOCUPADO” POLO IMPACTO DAS OBRAS DE URBANIZACIÓN NA AVENIDA DE PONTEVEDRA
O PSOE amosa a súa preocupación polo impacto que
están a ter os movementos de terra nas obras de urbanización da Avenida
de Pontevedra. Luis López Bueno denuncia que se están a producir
alteracións “moi graves” do entorno como consecuencia das obras, e que os
problemas que se están causando “non están resolvéndose”.
López Bueno apunta á aparición de grandes buratos na beirarrúa oposta á
urbanización, que coinciden cos tubos de desaugue instalados recentemente
por baixo da N-640. Afirma que estes afundimentos levan semanas
producíndose e que as choivas non están axudando a que cese este
fenómeno, sen que o Concello ou a empresa que está executando os
traballos “aínda non fixeran nada para remediar eses problemas”.
Considera que a utilización de “topos” para instalar os tubos foi unha boa
decisión e indica que estes afundimentos son “relativamente normais”
cando se instalan canalizacións con esa técnica. O que non é admisible é
que non se teña asegurado a zona semanas despois da aparición dos
socavóns, que incluso poñen en perigo a integridade da beirarrúa.
Ademais de resolver os afundimentos, López Bueno considera prioritaria a
conexión desas canalizacións de auga cara a rede de pluviais. Apunta a que
agora mesmo “os tubos instalados desembocan directamente no monte, e
deixan libres as augas que recollen”.
O voceiro socialista tamén denuncia que as obras produciron a seca do
Regueiro que pasa pola zona. López Bueno asegura que “xamais levou tan
pouca auga coma neste último mes” e máis tendo en conta que se
produciron choivas periódicas que nutriron o regato.
López Bueno ve “absolutamente prioritario” retirar os sedimentos que
obstaculizan o curso da auga polo seu camiño natural, e esíxelle ao Goberno
municipal que tome cartas no asunto porque “hai que resolver o problema,
e se non Augas de Galicia debería sancionar”.
Estes novos efectos colaterais súmanse ás inundacións denunciadas polos
veciños e veciñas da Avenida de Marín. López Bueno pídelle ao Goberno que
“traballe” para que as obras avancen causando menos molestias das que se
están producindo.
Unha escaleira impracticable
No entorno da Avenida de Pontevedra vén de instalarse unha escaleira que
pretende dar servizo a unha das rutas planeadas polo Concello no entorno
da Zona Deportiva.
López Bueno opina que a escaleira instalada “non é funcional” porque
“ademais de ser moi empinada e ter máis de 20 chanzos, vai precisar moito
mantemento para que non se produzan esvaróns”.
A súa situación á sombra durante a maior parte da mañá e da tarde
favorece a aparición de musgos na terra que irá quedando depositada nos
chanzos. O socialista valora que a escaleira “foi instalada ás presas e sen
valorar alternativas máis razoables” como sería “unha escaleira en dous
tramos, paralela á N-640 con unha zona de descanso no medio”.
López Bueno considera que a escaleira “non é apta para todos os usuarios
das rutas” e cre que “de non modificarse, calquera día haberá unha
desgraza”.
Ademais, o socialista tamén pide “encarecidamente” tarefas de limpeza no
entorno da ruta e da Avenida de Pontevedra. Os veciños e veciñas que
pasan habitualmente por alí xa saben canto lixo se acumula, e no curso da
ruta circular “hai un auténtico vertedoiro incontrolado” que se debe limpar
“inmediatamente”.
A Xunta distribuíu 2,5M€ de axudas dos concellos a máis de 2.400 hostaleiros
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo hoxe balance das axudas dos concellos aos locais de hostalería do seu municipio tramitadas a través da plataforma empregada pola Xunta para abonar as contías dos beneficiarios das dúas convocatorias do Plan de Rescate. Na súa visita hoxe a un dos establecementos beneficiarios no concello da Estrada explicou que 64 concellos de tódolos signos políticos se adheriron á plataforma da Xunta, o que permitiu simplificar trámites e axilizar os pagos dos 2,5 millóns de euros que se destinaron a máis de 2.400 locais de hostalería.
Deste xeito, estes municipios interesados en repartir as súas axudas á hostalería empregando a plataforma da Xunta formalizaron un convenio tipo para que o Goberno galego adiantase a cantidade que os concellos tiñan previsto destinar aos seus propios hostaleiros tras verse afectados polo peche dos seus negocios debido ás restricións sanitarias. Así, estas axudas complementarias dos concellos, cun importe de 1.000 euros por establecemento, sumáronse ás do II Plan de Rescate da Xunta.
As cantidades adiantadas pola Xunta para que os concellos apoiasen aos negocios de hostalería do seu ámbito territorial detraerase, segundo decidise cada entidade local ao formalizar o convenio, con cargo ás transferencias do Fondo de Cooperación Local ou ás partidas orzamentarias municipais.
Natalia Prieto sinalou que con esta medida a Xunta continou a tramitar o antes posible o apoios aos sectores afectados pola pandemia axilizando os procedementos e os pagos. Así, lembrou que entre os dous Plans de Rescate, o Goberno galego mobilizou en menos de seis meses máis de 182 millóns de fondos propios a autonómos, microempresas e negocios de hostalería. Case a metade do orzamento corresponde á hostalería con case 90 millóns de euros.
Entre estes 90 millóns de euros dos Plans de Rescate da Xunta e os 31,2 millóns das distintas convocatorias de axudas destinadas ao sector turístico e aos concellos e entidades para actuacións relacionadas con este ámbito, o Goberno galego leva investidos neste ano máis de 120 millóns de euros na reactivación do turismo galego.
Neste investimento inclúense os 16 millóns de euros do último paquete de axudas, con liñas dirixidas a apoiar o funcionamento das axencias de viaxes, á mellora das infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes, así como á adquisición de equipamentos poscovid como medidores da calidade de aire dos locais de hostalería e aloxamentos e ao apoio en medidas de dixitalización e promoción destes negocios para captar visitantes. ACOMPAÑAL
PRESENTACIÓN O SON DOS ARRIEIROS 2021
Durante o século pasado, a figura do arrieiro converteuse en peza chave
para o comercio de viño e sal entre as vilas galegas. Maiormente
procedentes de Ribadavia, cruzaban o interior para chegar ata Santiago,
deténdose en cada localidade para comercializar e intercambiar os seus
produtos. Unha destas paradas era na Estrada, onde confluían cos moitos
peregrinos que facían a ruta xacobea desde Braga (Portugal) a través da
Geira Romana, ata converxer na principal ruta dos Arrieiros que
transportaban o viño do Ribeiro até Santiago.
Pero máis alá dese labor comercial, supuxeron un vehículo de transmisión popular, configurando un
universo musical propio, e definindo un estilo que recibiu a denominación de ‘cantares de arrieiros’.
Pezas que narraban experiencias recollidas durante o camiño, propias do seu estilo de vida e do
acervo cultural que compartían nos lugares de acollida.
Esta foi a inspiración para trazar a liña definitoria do noso festival: a itinerancia como vía natural de
expansión cultural, representada por algúns dos artistas galegos que máis impacto teñen no exterior.
Grupos que empregan, ademais, en gran parte, a nosa lingua como vehículo de expresión, e que
enaltecen o propio a través da súa expresión artística.
Arrieiros e arrieiras que veñen de percorrer mundo e espallar o noso expoñente escénico nos máis
altos niveis. A renovación da comunicación cultural na voz de propostas escénicas de grande
relevancia no panorama musical actual.
Formularemos unha posta en escena coidada, para público sentado, cunha cabida aproximada de
550 persoas e servizo de bebida. O son dos arrieiros é o primeiro festival de mediano formato do
ano cunha participación artística e técnica 100% galega.
O ESPAZO E A TEMPORIZACIÓN
O festival terá lugar na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada os días 29 e 30 de
outubro. Paralelamente, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, fixarase unha xeira
de concertos e eventos culturais nas rúas da vila onde agrupacións musicais estradenses terán un
especial protagonismo.
FINALIDADE
Fomentar a ruta da Geira romana e dos arrieiros ao seu paso pola Estrada, converténdoo nun foco
dinamizador do tecido comercial estradense e no epicentro cultural dunha fonte de transmisión de
arte e tradicións asociada a todo tipo de bens e iniciativas socioculturais, que inciden en subliñar a
nosa identidade ao tempo que nos sitúa nun marco integrador común de alcance histórico, artístico e
cultural.
Por outra banda, o festival servirá para darlle un impulso á hostalaría e restauración local a través da
dimensión cultural, económica e turística que conleva.
AS ENTRADAS
O venres 24 de setembro activarase a venda de 100 abonos de fidelidade ao prezo de 30 euros +
gastos a través de ataquilla.com.
A partir do día 1 de outubro, desvelarase o reparto de bandas por día e sairán á venda as localidades
a un prezo de 22 euros + gastos a través da mesma canle.
OS PROMOTORES
O festival, coorganizado pola produtora Dotbeat! e o Concello da Estrada, está promovido pola
Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), dentro do marco de actividades desenvolvidas no
Xacobeo 2021-2022. Neste senso, o evento cumprirá coas medidas de seguridade e prevención
ditadas polas autoridades autonómicas, seguindo a lexislación vixente actual.
O PROGRAMA
Cunha proposta fundamentada no rock, andivemos na procura dunha programación que tivese en
conta a perspectiva de xénero, e que abranguese, dentro do estilo, ás e aos máis grandes expoñentes
da categoría na nosa comunidade.
BALA
Bala é unha banda de stoner/rock composta por Anxela
Baltar (guitarra e voz) e Violeta Mosquera (batería e voz).
Veñen de sacar o seu terceiro largo, ‘Maleza’ avaladas
polo máis prestixioso selo de rock do mundo, Century
Records, co que están acadando as cotas máis altas do
mercado e acaparando as mellores críticas dos medios
especializados que as sinalan como unha das bandas
máis destacables deste 2021.
NOVEDADES CARMINHA
Tras arrasar nos premios MIN do 2020, onde se alzaron,
entre outros, co premio ao mellor directo, Novedades
Carminha vén de consolidarse como a proposta galega
máis competitiva a nivel estatal, situándose como
cabezas de cartel en moitos dos festivais máis
prestixiosos da península. Despois de moitos anos de
duro traballo, conseguiron que as súas cancións, nadas
na escena underground, chegaran a un público que cada
vez é máis masivo.
TERBUTALINA
Esta banda de Esteiro (Muros) vén de pasear o seu
rock’n’roll por festivais como o Son Do Camiño, Fuzzville,
Rock Platja D’aro, Actual de Logroño…lugares nos que
compartiron cartel con nomes de artistas e grupos como
Zahara, Carolina Durante ou Manu Chao.
Os máximos expoñentes do garage en galego, teñen un
longo percorrido por todo o estado, facendo valer unha
proposta compacta e polivalente integramente
desenvolvida en galego.
AGORAPHOBIA
Con varias xiras internacionais no seu haber e seguindo
un imparable avance, Agoraphobia entrega un directo
que golpea sen atenuantes e continúan presentando
‘Unaligned’, un rotundo disco de rock contemporáneo no
que abranguen distintas tendencias para configurar o seu
propio estilo, mentres preparan o que será o seu terceiro
largo, que verá a luz no 2022.
HEREDEIROS DA CRUS
A piques de cumprir os 30 anos enriba dos escenarios, a
nosa banda máis representativa, vén de interromper
subitamente, unha xira que prometía conquistar
escenarios de todo o mundo: Xenebra, Londres, París,
Madrid e Barcelona, foron os últimos concertos
prepandémicos, cheos absolutos, que retomarán en
canto a situación sanitaria o permita. Os máis jrandes,
presentan o único concerto en formato eléctrico que
ofrecerán este ano en Galicia.
SEÑORA DJ
Señora DJ nace no 2016 co Festivala.
Música feita, cantada e tocada por mulleres. Na súa música soa
un estilo ecléctico, aínda que cunha evidente inclinación polo
indie-rock.
A Xunta aprobará inicialmente no último trimestre do ano a ampliación do polígono empresarial de Toedo, na Estrada
A Xunta de Galicia aprobará inicialmente no último trimestre do ano a ampliación do polígono industrial de Toedo, na Estrada, co que esta área medrará en máis de 160.000 m2.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo este avance nunha reunión coa Asociación de empresarios do polígono industrial, na que tamén participou o alcalde da Estrada, José López Campos, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García porto; onde recordou que esta actuación está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia, que na actualidade está en fase de avaliación ambiental e que a Xunta prevé aprobar inicialmente antes de que remate o ano e de xeito definitivo no 2022.
Recordou que –ademais desta actuación- tamén se incorpora o reaxuste do ámbito da Cidade do Moble, que abarcará unha superficie de 160.399 m2, debido á afección que se prevé pola construción da futura circunvalación da Estrada.
A conselleira sinalou que o Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia é unha folla de ruta aprobada polo Goberno galego no ano 2014 e que se actualiza e revisa porque é “un documento estratéxico, que debe adaptarse ás necesidades reais que demandan os empresarios, para facilitar apoio e colaboración na tarefa de xerar emprego e riqueza na zona na que se asentan”.
Nese sentido, o alcalde agradeceu o apoio do departamento que dirixe Ángeles Vázquez por introducir no PSOAEG a nova área empresarial do concello, a ampliación do polígono de Toedo, co que “se ofrece unha solución á falta de solo empresarial na Estrada, dado que o planificado no plan xeral non sería factible por razóns económicas e estruturais”.
Deste xeito, lembrou que –a nivel autonómico- a modificación en tramitación prevé a creación de seis novos parques e a variación da superficie actual doutros 12. Así, os empresarios e emprendedores disporán de 121 parques que ofrecerán 47 millóns de m2.
Explicou que a Xunta, “non só se limita a brindar o seu apoio apostando por unha planificación ordenada do solo”, senón que tamén é a única administración pública que ofrece bonificacións de ata un 50% sobre o prezo en todo o solo empresarial da súa propiedade. Engadiu que estes incentivos se veñen aplicando desde o ano 2015 e permitiron a adxudicación de 2,3 millóns de m2, con bonificacións próximas aos 70 millóns de euros.
O 5º Salón do Vehículo de Ocasión inagurouse na mañá de hoxe
Preto de 400 coches están expostos no recinto ferial estradense con motivo do 5º Salón do Vehículo de Ocasión, unha cita que se celebrará ata Domingo e que foi inaugurada hoxe polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia.
O director xeral destacou o importante papel que este recinto ten na dinamización económica da Estrada e no impulso do sector comercial da zona que está presente neste salón pero tamén nos distintos eventos que se realizan ao longo do ano.
O horario do salón será ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas e o prezo da entrada será dun euro, sendo o acceso válido para todos os día que dura o evento.
Aberto o prazo para a actividade de musicoterapia xerontolóxica
Desde mañá xoves ata o vindeiro día 24, ambos os dous días incluídos,
permanecerá aberto o prazo para inscribirse na actividade de musicoterapia
xerontolóxica.
Os requisitos para participar son estar empadroado no Concello da Estrada e
ser maior de 60 anos; ou ter menos de 60 anos e unha discapacidade do
33%. O criterio de selección de participantes farase por rigorosa orde de
rexistro de entrada.
O lugar onde debe presentarse a documentación é o departamento de
Servizos Sociais en horario de 9.00 h a 14.00 h, ou a través da sede
electrónica do Concello. A documentación que debe entregarse é a solicitude
que estará na páxina web do Concello ou en dependencias do Rexistro e o
certificado de discapacidade, se fora caso.








































