AVANZAN A BO RITMO AS OBRAS NO CAMPO MANUEL REGUEIRO, COAPREVISIÓN DE QUE ESTEAN REMATADAS PARA O MES DE XUÑO

 A construción da nova bancada protagoniza estes días os traballos.
 Terá 42 metros de lonxitude, con cinco filas de gradas e cuberta de
chapa. Agárdase que a nova instalación teña capacidade para acoller,
aproximadamente, a 350 persoas.

O encofrado da nova bancada protagoniza estes días
os traballos no campo de fútbol Manuel Regueiro, unhas obras que están avanzando a
moi bo ritmo, segundo se confirmou esta mesma mañá. A reforma destas instalacións
deportivas, unhas das máis empregadas das que posúe o Concello da Estrada, finánciase
no marco do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e ten asociado un orzamento
de máis de 307.000 euros.
Ata o de agora, o campo de fútbol Manuel Regueiro tiña un muro de peche deteriorado,
unhas gradas desmontables de capacidade insuficiente e a dotación dun único aseo para
o público. Ademais, no recinto existen postes inutilizados da antiga instalación de
iluminación. Partindo desta situación, o proxecto que está en execución inclúe a
substitución do peche e das gradas, así como a construción de aseos, xunto con outras
melloras.
As antigas bancadas foron retiradas días atrás e xa se están construíndo sobre os terreos
as novas, unhas tarefas que se poden apreciar claramente estes días. O novo espazo
para dar cabida ao público que asiste aos encontros celebrados neste campo terá 42
metros de lonxitude, con cinco filas de gradas e cuberta de chapa. Agárdase que a nova
instalación teña capacidade para acoller, aproximadamente, a 350 persoas.
Por outra banda, para a substitución do peche procederase á demolición do existente,
composto por postes metálicos e malla de arame. Construirase un novo con postes
tubulares rectangulares e chapa cega de aceiro, lacada alternando gris grafito e branco,
cun deseño idéntico ao empregando no Novo Municipal.
De igual xeito, o proxecto de obras comporta a construción de novos aseos (estarán
preto da zona de acceso) e unha serie de melloras en materia de fontanería,
electricidade e carpintería.

As previsións que se barallan pasan por que as obras estean rematadas para o mes de
xuño, mellorando sensiblemente as condicións dun recinto que todos os días da semana
ten actividade deportiva entre as 16.00 e as 23.00 horas, unha intensidade que se
mantén nas xornadas do sábado e do domingo co diversos encontros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada sinala a Rueda e Louzao como responsables do «estado de calamidade» da PO-214

O voceiro municipal do BNG na Estrada, Xoán Reices, cualificou hoxe de «urxencia extrema» o arranxo da estrada autonómica PO-214, que discorre entre Baloira e Pontecesures. Segundo Reices, o vial presenta un estado «absolutamente desfeito» en gran parte do seu percorrido, especialmente ao seu paso polas parroquias de San Xiao de Vea e Santa Mariña de Barcala.

Unha estrada abandonada pola Xunta

O BNG denuncia que, agás un pequeno tramo asfaltado recentemente en San Xurxo de Vea, a realidade da estrada é de «calamidade total», empeorando notablemente a medida que se avanza cara a Santa Mariña. Para o voceiro nacionalista, esta situación ten responsables directos: «A desfeita da PO-214 leva os nomes de Alfonso Rueda e de Gonzalo Louzao», afirmou.

«A veciñanza non pode seguir circulando por estradas que poñen en risco a súa seguridade. Xa abonda de tanto abandono institucional por parte da Xunta e de tanta compracencia por parte do goberno local do PP», declarou Reices.

O PP vetou todas as melloras desde 2018


Desde o BNG lembran que esta reclamación non é nova. A formación nacionalista leva, cando menos, desde os anos 2018 e 2020 instando tanto á Xunta como ao Concello a actuar sobre este trazado. Porén, a resposta do Partido Popular sempre foi o bloqueo.

  • Emendas rexeitadas: O BNG presentou reiteradas emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para dotar de fondos o arranxo da PO-214. Todas foron vetadas pola maioría absoluta do PP.
  • Pasividade do Alcalde: Xoán Reices critica que o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, «non move un só dedo» ante os seus xefes en Santiago para esixir o que lle corresponde á veciñanza da Estrada.

Esixencia de actuación inmediata

O BNG da Estrada reitera que non se pode dilatar máis unha solución técnica para esta vía. «Os veciños e veciñas necesitan estradas seguras, non parches insuficientes», concluíu Reices, quen comprometeu a súa formación a seguir presionando ante a Xunta até que a mellora integral da PO-214 sexa unha realidade.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA REPARTE AS TARXETAS DE APERTURA DO COLECTORMARRÓN, QUE IRÁ INCREMENTANDO A SÚA PRESENZA NAS RÚAS

 Dende este mércores, cada día de feira haberá un posto informativo ao
que poderán achegarse os interesados para retirala.
 A expansión dos contedores irase programando en función das zonas
nas que se soliciten estas tarxetas.
 A incorporación ás illas de colectores de lixo será paulatina, ata
completar as 60 unidades dispoñibles.
 Nestes momentos están activos 10 puntos de depósito, a carón de grandes
produtores de orgánica.

O colector marrón, a quinta fracción, que ten como
fin exclusivo o depósito de residuos orgánicos, chegou ao Concello da Estrada a
mediados de decembro. Instalado xa nunha decena de puntos do casco urbano, todos
eles próximos a grandes produtores, este novo depósito irá incrementando a súa
presenza nas rúas estradenses da man da entrega á veciñanza das tarxetas que se
precisan para a súa apertura. Cómpre lembrar que estes contedores, a diferenza dos
outros, teñen a particularidade de estar pechados, coa finalidade de concienciar aos
usuarios da separación de residuos orgánicos.
O Concello ten prevista a colocación dun total de 60 contedores marróns nas illas
distribuídas por todo o casco urbano. Porén, a idea non é colocar todas unidades á vez,
senón ilas incorporando paulatinamente, da man da entrega das tarxetas de usuario.
“Queremos ser máis sostibles e iso só será posible coa implicación de toda a cidadanía,
por iso facemos unha nova chamada á participación das familias neste proxecto”,
apuntou hoxe o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán.
Con este obxectivo, dende este mércores retomaranse, con maior intensidade, as
campañas informativas sobre o uso do contedor marrón na Estrada. Coincidindo coas
dúas feiras semanais, os mércores e os sábados os cidadáns poderán atopar un stand
informativo xunto a Sala Abanca (os mércores) e na Praza do Mercado (os sábados), en
horario de 10.30h a 13.30 horas. As familias do municipio estradense interesadas en
coñecer máis de preto o funcionamento do quinto colector e que queiran participar no

proxecto poderán achegarse para rexistrarse e recoller a súa tarxeta de apertura do
colector.
Porta a porta
En paralelo, Durán sinalou que tamén se vai a levar a cabo unha campaña de visitas
informativas porta a porta a establecementos de grandes produtores de orgánica para
informar á hostalería e comercio e facer entrega da tarxeta de apertura a aqueles que
decidan sumarse ao “voluntariado marrón” e que non estean xa facendo uso dos
colectores instalados.
Ata o de agora, A Estrada seleccionou 10 primeiros emprazamentos para estes
colectores. Están localizados na Avenida de Pontevedra (no entorno do supermercado
Familia), Avenida de Santiago (nas inmediacións dos establecementos Invictus e
Inferno), Avenida de Benito Vigo (xunto Froitería Doi e Froiz), Avenida Benito Vigo (á
altura do número 24, próximo ao restaurante Gran Vía e Mesón da Estrada), Avenida de
Vigo (parte posterior do supermercado Froiz), Rúa Iryda (fronte supermercado Familia),
Praza de Abastos, Rúa Gradín (xunto Restaurante Samaná), Rúa Leicures (ao inicio, no
entorno de restaurante Manxares e outros establecementos da contorna), Rúa 56
(Hostal A Bombilla).
Residuos que van ao marrón
En canto aos residuos que deben ir no colector marrón, cómpre lembrar que se reserva
para os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos,
restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas… En definitiva,
calquera resto orgánico.
Pola contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros,
compresas, bastóns de algodón para a hixiene dos oídos, plásticos e outro tipo de
residuos non orgánicos.
Compostaxe doméstica
En paralelo a expansión do quinto colector nas rúas da Estrada, o Concello tamén puxo
en marcha unha campaña de compostaxe doméstica, iniciando a distribución de 500
composteiros en viviendas unifamiliares, xunto cun kit de compostaxe que consta dun
aireador, un cubo pechado para a recollida e o transporte de residuos orgánicos, unha
rede antirroedores e un manual impreso sobre compostaxe doméstica. A eles
sumaranse neste 2026 un cento de novas unidades
O composteiro que se entrega ten capacidade para 400 litros, debe situarse no exterior
da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas,

preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para
facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Aqueles veciños que estean interesados en dispoñer dun dos equipos e aínda non o
teñan, poden solicitalo e incorporarse, no caso de que as unidades estean esgotadas no
momento da súa petición, á lista de agarda para recibir un dos novos composteiros.
Poden facelo chamando ao teléfono do Concello 986 570 030 [extensión 6: Alcaldía] ou
ben directamente a través da solicitude online. Tamén poden achegarse á acción
informativa para solicitar máis información e tramitar in situ a súa solicitude de
composteiro para a súa horta ou parcela.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CEA SOLIDARIA DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO

 
O alcalde da Estrada, @gonzalolouzaodono, e a concelleira de Servizos Sociais, @amaliagoldar, acompañaron esta mañá a diversas integrantes da sección estradense da Asociación Española Contra o Cancro @contraelcancer.es na presentación da que será a terceira edición da súa cea baile solidaria.
Sábado 21 de marzo.
21.00 horas.
Restaurante Samaná.
 As entradas (45 euros) poranse mañá á venda en A Chocolatería, Restaurante Gran Vía, Xoiería Benito Puente ou a través do teléfono 615 364 008.
O evento estará presentado por Pablo Chichas e Sali Torres, coas actuacións de Supermirafiori e DJ Will.
Participa e colabora cunha loita que nos implica a todos e todas.
Publicado en Portada | Deja un comentario

CAMBIOS NO ESTACIONAMENTO DA RÚA SAN PAIO E NO TRAMO DEPÉREZ VIONDI MÁIS PRÓXIMO Á PRAZA DE GALICIA, DENDE MARTES

 Nas dúas rúas o aparcamento queda configurado na marxe dereita.
 A medida pretende mellorar e facilitar a ordenación do tráfico nesta
parte céntrica do casco urbano en consonancia cos cambios que se
derivarán da humanización da Praza de Galicia.
 O cambio non suporá prexuízo algún aos cidadáns, xa que mesmo
incrementa o número de prazas dispoñibles para o estacionamento.

O xefe da Policía Local da Estrada, Javier García,
informou hoxe dos cambios que se van producir nos vindeiros días no estacionamento
das rúas Pérez Viondi e San Paio, unha medida que, en gran parte, pretende mellorar e
facilitar a ordenación do tráfico nesta parte céntrica do casco urbano en consonancia cos
cambios que se derivarán das obras de humanización da Praza de Galicia e a súa
contorna.
Námbalas dúas rúas o estacionamento cambiará de lado. En Pérez Viondi, esta
modificación afectará ao tramo entre a Avenida Benito Vigo e a Praza de Galicia, de
maneira que os vehículos pasarán a estacionar agora no lado dereito da vía (dirección
Praza de Galicia), igual que acontecerá ao longo da Rúa San Paio.
García aportou as tres motivacións que respaldan este cambio no estacionamento, unha
modificación que será xa advertida coa correspondente sinalización dende o vindeiro
luns e que se fará efectiva dende o martes
A primeira xustificación chega da man de intención de facilitar que, cando se complete a
humanización total da Praza de Galicia, os vehículos que estacionen tanto no tramo máis
próximo de Pérez Viondi como na Rúa San Paio queden directamente do lado da zona
peonil, de xeito que os ocupantes non teñan que cruzar a rúa. Estarán, por tanto, máis
próximos a toda a área de servizos e comercio.
Ademais, os vehículos empregados na recollida de lixo son agora de carga lateral. Isto
implica que os contedores de residuos teñen que estar no lado dereito para poder
baleirar o seu contido. Na rúa San Paio, que é de sentido único, os colectores teñen que

colocarse nese extremo, polo que se apostou por que todo o estacionamento quede no
entorno configurado dese mesmo lado, deixando libre o esquerdo para a circulación.
A terceira motivación chega das comprobacións realizadas estes días no tocante ao
número de estacionamentos. Neste senso, dende a Policía Local sinálase que, lonxe de
suprimir prazas, estacionar nestas dúas rúas do lado dereito suporá mesmo incrementar
lixeiramente o número estacionamentos porque hai menos entradas a garaxes. “O
cambio non supón, polo tanto, ningún prexuízo para os cidadáns”, sinala o xefe da
unidade policial.
Zonas especiais
Os detalles ofrecidos dende este servizo municipal permiten precisar outros detalles na
ordenación destas rúas. Así, a Rúa Pérez Viondi (neste primeiro tramo) terá, no extremo
máis próximo á Praza de Galicia, un estacionamento exclusivo para os usuarios da oficina
de Farmacia, unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e unha
zona de carga e descarga. Cómpre lembrar que esta rúa manterá o seu dobre sentido de
circulación, de xeito que estas prazas teñen que preverse na zona onde a rúa presenta
maior anchura de vía. A partir daí crearanse as prazas de estacionamento libre.
Dende a Praza de Galicia, a Rúa San Paio arrancará cunha zona de carga e descarga e
praza reservada para persoas con mobilidade reducida (aínda está por definir a orde) e
os contedores colocaranse despois do paso de peóns existente á altura da intersección
coa Rúa Marqués de la Vega de Armijo. A partir daí irá estacionamento libre e dúas zonas
de carga e descarga. Antes xusto do cruce coa Rúa Gradín a vía terá que quedar libre nas
dúas marxes para posibilitar o dobre carril.
Como queda indicado, a Policía Local programa sinalizar xa estes cambios o luns para
levalos a efecto martes, aproveitando que as previsións meteorolóxicas apuntan a que
as vías estarán en condicións de ser pintadas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CEDEN AO CONCELLO DA ESTRADA SETE PREDIOS DA MASA COMÚNDA ZONA DE CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE CODESEDA

 Foron solicitados para destinalos a zonas verdes de uso recreativo,
depósitos de abastecemento de auga e rehabilitación dun muíño, carga
de descarga de madeira, mantemento da ETAP de Codeseda ou usos
relixiosos.

A Sala de Xuntas do Concello da Estrada acolleu esta
mañá unha reunión da Xunta Local da Zona de Concentración Parcelaria de Codeseda,
unha sesión que presidiu o xefe provincial de Medio Rural, Antonio Crespo, e na que
estivo sobre a mesa o informe relativo á cesión de masas comúns en favor da
administración local.
A concelleira de Urbanismo, Amalia Goldar, asumiu a representación do Concello nesta
sesión. Segundo informou ao remate da reunión, resolveuse por unanimidade atender a
petición formulada polo Concello de que lle fosen cedidos sete premios nesta zona de
concentración con distintas finalidades.
En concerto, o Concello da Estrada pediu, entre os anos 2019 e 2025, a cesión dunha
serie de predios da masa común do acordo da zona de concentración parcelaria de
Codeseda, unha cuestión que os técnicos da explicaron hoxe sobre a planimetría para
valorar a situación destas fincas e os fins para os que foron solicitadas.
Despois do acordo unánime, estes terreos pasarán a ser titularidade municipal. Un dos
predios destinarase a usos relixiosos, concretamente no entorno da capela da Grela.
Outro empregarase para a construción de zona verde de uso recreativo e un terceiro
predio será para destinalo a depósitos de abastecemento de auga e rehabilitación dun
muíño existente.
De igual xeito, outras tres pequenas fincas desta masa común que solicitou o Concello
serán par destinalas a zona de carga e descarga de madeira, pretendendo empregar o
último co fin de realizar mantemento e conservación da ETAP de Codeseda.
“Son zonas que quedarían un pouco en mans de ninguén e ten sentido que o Concello
pida destinalas a estes fins, o cal tamén o obriga ao seu correcto mantemento”, apuntou

Amalia Goldar. Sinalou que este acordo enmárcase nos pasos finais deste proceso de
concentración parcelaria

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA CONMEMORA O LUNS O DÍA DE ROSALÍA CUNAUDIOVISUAL QUE ESTE ANO PROTAGONIZAN AS ESCOLAS INFANTÍS

 Será o luns, 23 de febreiro, nun acto aberto no Teatro Principal, ás 20.00
horas.
 Antes da proxección, están convidados os 10 centros estradenses de
Primaria e Secundaria para o recitado de poemas deste referente
universal da cultura galega.
 O noveno vídeo na honra de Rosalía de Castro que promove o Concello
da Estrada estrearase para celebrar o aniversario do seu nacemento e
quedará aloxado na canle de YouTube, redes sociais e páxina web
municipais.

Dende hai 9 anos o Concello da Estrada conmemora
o 23 de febreiro como Día de Rosalía cun acto público para celebrar o aniversario do
nacemento desta escritora, referente universal da cultura galega. Neste 2026 serán os
alumnos de catro escolas infantís estradenses os que protagonicen este vídeo,
apostando por incorporar a este segmento poboacional tan novo no legado e tributo
que se lle rende á autora de Cantares Gallegos.
Os actos do Día de Rosalía na Estrada desenvolveranse este ano o propio 23 de febreiro.
Deste xeito, o Teatro Principal acollerá o vindeiro luns, ás 20.00 horas, un evento aberto
ao que están convidados os 10 centros educativos de Primaria e Secundaria existentes
no municipio estradense e as catro escolas infantís, protagonistas este ano do traballo
audiovisual que conmemorará esta data: a Escola Infantil Municipal, o centro da rede A
Galiña Azul, Elfos e a escola Undoustres.
A actividade consistirá no recitado de dous poemas de Rosalía por cada colexio e
instituto, pasando logo á proxección do vídeo elaborado por Tres Insuas. Despois desta
estrea, como é costume, o traballo estará subido á canle de YouTube e ás redes sociais
do Concello da Estrada, ademais de seren aloxado na páxina web municipal.
Lucas Terceiro, da produtora Tres Insuas, leva xa case unha década asinando o vídeo co
que A Estrada conmemora o Día de Rosalía. Recoñeceu que este ano as escolas infantís
realizaron un grande traballo para tentar que os seus pequenos alumnos e alumnas

repitan versos de Rosalía para a peza deste 2026. Grazas a este esforzo e colaboración,
os máis pequenos da Estrada incorporaranse á homenaxe anual a esta escritora, despois
de que traballos previos implicasen a alumnos de Educación Primaria e Secundaria,
deportistas locais, formacións musicais, agrupacións culturais ou ata ao sector sanitario
local nos tempos da pandemia.
Non querendo desvelar moitos detalles do audiovisual para que sexa unha sorpresa para
a veciñanza, a peza deste 2026 implicou a medio cento de pequenos de dous e tres anos,
que se adentran cun verso no mundo de Rosalía de Castro. A emotividade e beleza do
resultado están aseguradas.

Publicado en Portada | Deja un comentario