BLANCO: “NIN OS CONCELLEIROS NIN OS GRUPOS MUNICIPAIS ESTÁNLEXITIMADOS PARA PRESENTAR ALEGACIÓNS AOS ORZAMENTOS”

O titular estradense de Facenda lembra esta resolución de 2024 ao
respecto do intento do BNG de alegar ás contas municipais. Faino logo
de que esta formación publicase hoxe en redes sociais unha suposta
“impugnación” do orzamento 2026.

“Ao parecer, o BNG presentou unha alegación ao
orzamento que se aprobou inicialmente para o exercicio 2026, pero cónstanos
unicamente nas redes sociais porque no Rexistro de entrada parece que aínda non o
fixo”. Así comenzou o concelleiro de Economía e Facenda, Alberto Blanco Carracedo, a
súa valoración ao anuncio de “impugnación” que a formación nacionalista fixo esta
mañá nos seus perfís sociais. O edil lembrou que xa en 2024 o Bloque presentou unha
alegación ás contas municipais “e o informe de Intervención dicía que nin os concelleiros
nin os grupos municipais están lexitimados para poder presentar alegacións aos
orzamentos, co cal incorrería o BNG nunha falta de coñecemento”.
“En canto ao fondo, polos contidos publicados nas redes sociais, parece que a súa
motivación non está incluída nos tres supostos para poder alegar a un orzamento”,
continuou o concelleiro. Lembrou de seguido que os concelleiros nacionalistas “xa
tiveron oportunidade, como grupo municipal, de participar, tanto na comisión de
Facenda como no propio pleno de aprobación inicial e non fixeron referencia algunha ao
que agora alegan”, engadiu Blanco Carracedo.
Sen querer entrar máis na análise da cuestión, o edil optou pola “prudencia” e preferiu
“agardar a esta alegación, se finalmente as presenta”. Sinalou que, en todo caso, será
finalmente o departamento de Intervención o que emita o seu informe sobre este
suposto recurso, que tería que ser levado a una comisión informativa de Facenda e,
finalmente, a pleno, ben para a súa estimación ou para a súa desestimación e
aprobación definitiva do orzamento 2026.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA ACOLLE UNHA XORNADA CENTRADA NAS TRAÍDASVECIÑAIS E POSTA EN VALOR DAS COMUNIDADES DE USUARIOS DEAUGA

 Será o mércores, 18 de febreiro, ás 19.00 horas e no MOME.
 Persoal técnico informará sobre o acceso a subvencións, plan sanitario
da auga, controis ou trámites das comunidades, ademais de abordar
casos reais e resolver dúbidas.
 Exporanse liñas de axuda para legalizar traídas ou para afrontar
reformas en tubaxes, depósitos ou sistemas de potabilización.

En colaboración coa Deputación de Pontevedra, o
Concello da Estrada organiza o vindeiro mércores, 18 de febreiro, unha xornada
informativa arredor das traídas de agua veciñais, una proposta centrada na mellora da
agua no ámbito rural a través do apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de
auga.
O alcalde, Gonzalo Louzao puxo hoxe o acento en que maioría dos 473 núcleos da
Estrada están servidos con traídas de auga de carácter privado. “Queremos apoiar este
servizo que tan ben funcionou ata o día de hoxe”, sinalou ou rexedor. Neste senso,
convidou e animou aos veciños a participar na xornada, convocada para as 19.00 horas
no Museo do Moble e da Madeira (MOME).
Louzao sinalou que no marco desta xornada buscarase incidir nas liñas de subvencións
que tanto a Xunta de Galicia como a propia Deputación de Pontevedra teñen en marcha
e que poden ser de gran proveito para as comunidades de auga existentes na Estrada.
Sinalou que a esta xornada acudirá persoal técnico da institución provincial e persoal
especializado na xestións deste recurso para difundir cuestións como o plan sanitario da
auga; o control sanitario da auga e a toma de mostras; o mantemento das instalacións;
as obrigas legais e a documentación das comunidades de auga e tamén os accesos a
subvencións -caso do plan +Aqua e o Plan Novaqua- ou a resolución de dúbidas e de
casos reais que foron xurdindo para todas as comunidades.
“Polo tanto, facemos un chamamento para que os interesados asistan a esta xornada.
Apoio ás comunidades de augas, ao abastecemento comunitario e apoio tamén

económico para que se poidan legalizar traídas e tamén reformar tubaxes, depósitos e
sistemas de potabilización que temos no noso concello, sinalou Gonzalo Louzao.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LOUZAO PON EN VALOR O TRABALLO DOS SERVIZOS MUNICIPAIS NOTREN DE BORRASCAS E PIDE Á VECIÑANZA “PACIENCIA, SENTIDIÑO ECOMPRENSIÓN”

 O alcalde comparte a inxente carga que soportan algúns traballadores
municipais para prestar axuda ante este volume de incidencias e tamén
as situacións de perigo das que é preciso protexelos.
 Só nas últimas horas, Emerxencias da Estrada contabilizou unha
trintena de intervencións.
 “Onte escribinlles para saber como lles fóra o día e contestáronme:
aínda chegamos agora á base dende o mediodía e sen comer. Eran as
00.40”, traslada o rexedor.
 Pon de relevo a necesidade de garantir a seguridade dos traballadores,
caso dos electricistas, aos que o vento lles dificulta traballar, nunha grúa
e nun poste, a varios metros de altura.
 Segundo os rexistros municipais, só nos últimos 15 días os servizo de
electricistas do Concello contabiliza máis de 90 avisos por incidencias.

O alcalde da Estrada quixo poñer hoxe en contexto o
escenario que xera a cantidade de incidencias e avisos que o Concello, principalmente a
través dos seus servizos de Emerxencias, Obras e Electricidade, está a recibir a
consecuencia das borrascas que se veñen encadeando nas últimas semanas e que deixan
un regueiro de inundacións, árbores caídas e problemas no alumeado público. O rexedor
pediu á cidadanía “paciencia, sentidiño e comprensión”, compartindo a inxente carga
que soportan algúns traballadores municipais para prestar axuda ante este volume de
incidencias e tamén as situacións de perigo das que é preciso protexelos.
Ante os micrófonos da emisora municipal Radio Estrada, como convidado do programa
de Neves Rodríguez, Gonzalo Louzao ironizou con que, a media mañá de hoxe a noticia
destacada era a saída do sol. Ese cese temporal -e breve, segundo as previsións
meteorolóxicas- das chuvias chegaba despois de dúas xornadas “tremendas” para o
servizo Emerxencias A Estrada , que se enfrontou a unha trintena de intervencións en
poucas horas. “Onte escribinlles para saber como lles fóra o día e contestáronme: aínda

chegamos agora á base dende o mediodía e sen comer. Isto eran as 00.40”, leu en directo
e no seu teléfono móbil o alcalde.
“Chove sobre mollado e onte (polo mércores) quizais foi o día en que máis botaron por
fóra os ríos”, continuou, antes de ofrecer un pequeno balance da xornada para o citado
servizo. “A quenda de onte: 14 árbores en parroquias como Santa Mariña de Barcala,
Arnois, Ribeira, Olives, Rubín, Guimarei, Baloira, Matalobos, Lagartóns, Tabeirós, Ribela,
Vinseiro ou Orazo, así coma cables caídos en Matalobos e Loimil; uralitas soltas na
Avenida de Marín, un portal solto na Rúa Pintor Maside ou anegamentos na Praza da
Feira ou en Pontevea, cunha estrada afectada polo desbordamento dun río”, resumiu.
Dificultades engadidas
“Eu quería poñer un pouco en contexto o traballo do día a día, o que se está facendo. E
falo de Emerxencias, pero tamén os servizos de Obras e de Electricistas”, apuntou o
rexedor. Sinalou que o número de actuacións que teñen estes últimos traballadores
resulta moi difícil de abordar.
Despois de sinalar que “os leds están moi ben pero son moito máis sensibles cando hai
tronadas” e disparan o volume de intervencións, comentou que os electricistas
municipais “estaban preocupados porque me dicían se podían traballar na fin de
semana, que daban bo, porque onte lles foi imposible traballar a eses metros de altura
nunha grúa e nun poste”.
Logo de valorar e agradecer que estas brigadas estiveran dispostas a sacrificar o seu
tempo libre para que os servizos se recuperen o antes posible, puxo o acento na
importancia que ten garantir a propia seguridade dos traballadores. “Traballar coa
electricidade, co risco que supón o vento e coa chuvia, aínda que eles digan que esta
última é a que menos lle importa, é para poñer moi en valor o seu traballo”, sinalou o
rexedor estradense.
Quixo aproveitar para poñer en contexto esta situación para que a veciñanza saiba “que
cando está esperando a que lle arranxen estas incidencias no alumeado é porque a carga
de traballo é moitísima e as condicións de seguridade para os traballadores están tamén
comprometidas polas inclemencias meteorolóxicas”. Segundo os rexistros municipais,
só nos últimos 15 días os servizo de electricistas do Concello contabiliza máis de 90
avisos por incidencias.
Pistas estragadas
“O mesmo pasa con Obras. As vías públicas sufriron moitísimo. E non nos permite
traballar. A brigada de bacheos leva dende o Nadal parada para facer mantemento das
vías e non se pode asfaltar con este tempo. Quedou todo estragado. Cada vez vense
problemas máis graves que non somos quen de arranxar a curto prazo porque este

tempo fai que, cando hai un bache, hai unha poza e nesa poza non se dá botado ningún
tipo de material que dure”, resumiu Gonzalo Louzao.
“Pedimos paciencia, sentidiño e comprensión. Que a xente conduza con moito coidado e
que falemos de incidencias que teñen solución. Estes temporais fixeron moito dano nos
espazos públicos pero, pouco a pouco, iranse resolvendo”, concluíu o alcalde da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

GONZALO LOUZAO: “O SILENCIO SOBRE A N-640 É INCOMPRENSIBLE EINACEPTABLE. CADA DÍA VAI A PEOR E VÓLVESE MÁIS PERIGOSA”

 O mal tempo agrava un estado “absolutamente lamentable” do paso
desta estrada nacional no que “chove sobre mollado”.
 “Xa non valen parches nin arranxos improvisados”, di o alcalde,
sinalando a presenza dunha brigada de mantemento esta mañá na vila.
 O Concello leva dende abril de 2025 sen noticias nin respostas pola
situación do firme, a variante da Estrada ou a perigosidade dos pasos de
peóns na travesía urbana.
 “Podemos poñerlle un toque de humor, como fixeron outros partidos ao
colocarlle as novas balizas ás fochancas, pero gracia fai xa a xusta. É un
asunto moi serio e un problema de seguridade que ao Goberno Central
parece non importarlle nin o máis mínimo”, apunta Gonzalo Louzao.
 “En contra do que algúns cidadáns poden pensar, a N-640 non é
competencia do Concello. Corresponde ao Ministerio ofrecer unha
solución ás queixas reiteradas dos veciños”, lembra.

“A veciñanza da Estrada non pode seguir agardando
mentres o firme se desfai día a día”. Son palabras do alcalde estradense, Gonzalo Louzao
Dono, nunha nova declaración pública polo estado “absolutamente lamentable” que
presenta a N-640 ao seu paso polo casco urbano, unha situación que se vén agravando
nos últimos meses -e de xeito especial coas sucesivas semanas de intensas
precipitacións- e que supón un risco evidente tanto para a seguridade viaria como para o
benestar dos cidadáns.
“Chove sobre mollado. Podemos poñerlle un toque de humor, como fixeron outros
partidos ao colocarlle ás fochancas as novas balizas que o Goberno fixo obrigatorias,
pero gracia fai xa a xusta. Isto é un asunto moi serio e un problema de seguridade que
non semella importarlle nin o máis mínimo”, continúa Louzao. O rexedor aproveitou a
ocasión para lembrar que forzas políticas como o BNG apoiaron a investidura dun
Goberno do PSOE que mantén incumprido o compromiso cunha variante da que
ninguén sabe nada.

“O pavimento está desfeito, cheo de socavóns, e cada día vai a peor”, asegura o alcalde,
que advirte de que “estamos a falar dunha vía moi transitada, pola que circulan a diario
centos de vehículos, incluídos autobuses e servizos de emerxencia”, engade.
Segundo incide o mandatario, o Concello leva tempo advertindo desta problemática ao
organismo competente, sumando ás queixas polo mal estado desta nacional a histórica
demanda da variante da Estrada. “Desde o Concello puxémonos en contacto co
Ministerio e tamén coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A última vez foi no
mes de abril de 2025, e desde entón non recibimos ningunha resposta”, conforfma. “O
silencio sobre a N-640 é incomprensible e inaceptable”.
Hai practicamente un ano, o rexedor estradense aplaudiu publicamente traballos de
mellora no firme á altura de Callobre, consciente de que era un “mínimo parcheo” e de
que o obxectivo segue sendo a variante. Porén, a intervención foi de todo superficial e
non cubriu máis que un reducido tramo. Aos poucos días da súa chegada, a maquinaria
retirouse.
“Xa non valen parches nin arranxos improvisados”, dixo Louzao, sinalando a presenza
dunha brigada de mantemento esta mañá na vila. “O mínimo que fai falta é unha
intervención seria e integral que garanta a seguridade e unha circulación digna”, afirma
o rexedor, que recalca que “o firme se está desfacendo literalmente diante dos nosos
ollos”.
Competencia do Estado
“En contra do que algúns cidadáns poden pensar, a N-640 non é competencia do
Concello. A administración municipal non é a titular desta vía. Corresponde ao
Ministerio ofrecer unha solución ás queixas reiteradas dos veciños. O Concello é aquí
unha vítima máis deste abandono”, puntualiza o alcalde. “Claro que, fronte ao silencio
amosado dende o Goberno Central, nós seguiremos falando alto e claro, tantas veces
como faga falta, ata que o Ministerio asuma as súas responsabilidades cos usuarios
desta estrada e coa nosa veciñanza”, asegura. Louzao Dono confirmou este mediodía a
intención do executivo que encabeza de reitarar as súas peticións ao Ministerio e á
Subdelegación do Goberno para unha actuación inmediata que corrixa a grave situación
da N-640.
A punta do iceberg
O alcalde da Estrada sinala que o mal estado da N-640 ao seu paso polo municipio “é a
punta de iceberg”. “A situacion que presenta é unha vergoña que está á vista de todos,
pero tamén nos preocupa o que non se ve”, dixo Gonzalo Louzao. Foi entón cando se
referiou á perigosidade, cada vez máis agravada, dos pasos de peóns sen semáforo da
travesía urbana.

Tras sinalar que esta estrada nacional atravesa o casco urbano estradense de extremo a
extremo como unha situación “completamente anómala” en localidades tan poboadas, o
alcalde aputou que o Concello remitiu ao Ministerio de xeito reiterado os informes da Policía
Local advertindo da perigosidade dos pasos de peóns, incluíndo propostas de actuación para
diminuír un risco que xa se cobrou vítimas mortais. “Seguimos agardando”, lamentou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CONSTRUIRÁN UN MURO DE CONTENCIÓN QUE DEA SEGURIDADE ÁESTRADA MUNICIPAL QUE QUEDOU CORTADA EN SAN MIGUEL DECASTRO

 O alcalde reúnese sobre o terreo con persoal de Erimsa e un xeógrafo.
 A empresa, propietaria da explotación mineira, realizará tamén un
acceso alternativo paralelo á estrada que quedou cortada e dá acceso ao
núcleo de Adoufe.
 Gonzalo Louzao incide en que a estrada permanecerá pechada ata que
se poida asegurar que non existe risco de novos desprendementos de
terra.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, trasladouse
esta tarde novamente ata a parroquia de San Miguel de Castro, onde o pasado sábado
un corremento de terras no rebaixe dunha explotación mineira derivou na caída dunha
torre de media tensión e no corte dunha estrada municipal polo desprendemento do
cableado eléctrico. Antes de reunirse cos veciños, o rexedor estradense quixo manter un
encontro con representantes da firma Erimsa e co xeólogo que estudará a estabilidade
do terreo.
Ao remate da reunión, celebrada sobre o terreo e na que tamén participou a alcaldesa
de barrio, Isabel González, tomouse a decisión de construír un muro de escollera para a
contención das terras e asegurar así a estrada que conduce ao lugar de Adoufe. A
segunda actuación será habilitar un acceso alternativo a este núcleo, uns metros máis
arriba.
A estrada que conduce a Adoufe foi o único patrimonio municipal afectado polas
consecuencias deste corremento de terras. Aínda que o cableado xa fora retirado, o
Concello adoptou a resolución de manter o acceso pechado ata que un xeógrafo
certificase a estabilidade do terreo, unha medida preventiva ante a posibilidade de que
se puidese rexistrar un novo desprendemento de terras.
O alcalde precisou que as obras comenzarán mañá mesmo. Construirase un muro de
pedra para a contención das terras desprendidas á altura da estrada, co fin de conseguir
que se manteña o terreo e evitar que continúen os desprendementos.

Ademais, Louzao Dono sinalou que Erimsa apostou por habilitar unha estrada
alternativa “uns metros máis arriba, unha estrada paralela en terreos superiores de
canteira”. Esta actuación tamén se porá en marcha mañá.
As dúas son medidas de seguridade terán un carácter previo a poder abrir novamente á
circulación a estrada municipal que quedou afectada. “Antes de abrir novamente este
acceso a Adoufe necesitamos a confirmación do xeógrafo de que a contención está feita
e xa hai seguridade”, sinalou o alcalde, aludindo ao momento no que se remate o muro
de contención. “Aínda así, a empresa propón un segundo viario, tamén como medida de
seguridade”, engadiu.
Despois do desprendemento do sábado buscouse como solución inmediata e
provisional o paso dos veciños de Adoufe polos terreos da canteira. Empregouse unha
pista forestal mellorada con zahorra, pero o paso é estreito e esixe unha alternativa.
Despois da reunión con Erimsa, o alcalde visitou a estrada cortada e reunise cos veciños
para coñecer se teñen algunha outra necesidade ou petición. Insistiu Gonzalo Louzao en
que as intensas e prolongadas precipitacións fan que non sexa sinxelo traballar no
terreo, polo que insistiu en que a información ten que irse actualizando “día a día”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

REUNIÓN DO ALCALDE COA FUNDACIÓN CASTELAO

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, recibiu
esta mañá no seu despacho ao presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas
Seoane, acompañado de Noelia Vázquez Abelenda. Con eles estivo tamén a concelleira
de Cultura, Lingua e Xuventude, Lucía Seoane.
O motivo deste encontro foi estreitar lazos de colaboración no marco da celebración do
Ano Cultural Virxinia Pereira.
A Fundación Cultural ten como cometido difundir o legado do político, escritor,
humorista e pintor, moi vencellado ás terras estradenses a través da figura da súa dona.
De feito, días atrás os concellos da Estrada e Rianxo anunciaron a súa decisión de
emprender un irmanamento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA ACOLLE UNHA MESA SECTORIAL PARA MELLORAR ACOORDINACIÓN ENTRE RECURSOS SOCIAIS E INICIATIVAS DEEMPREGO

 Impulsada por Acción contra a Fame e o Concello, reuniu a
organizacións como Amicos, Movemento pola Paz, Cruz Vermella ou
Asociación Comarcal de Empresarios.
 Durante a sesión abordáronse diversos retos comúns, centrados en
aliñar expectativas e prioridades entre os distintos axentes, identificar
sinerxías e oportunidades de traballo conxunto.

O salón de plenos do Concello da Estrada acolleu
hoxe a celebración dunha Mesa Sectorial de Coordinación e Colaboración Comarcal
promovida por Acción contra a Fame e a administración municipal, un encontro que
reuniu entidades do terceiro sector, profesionais municipais e representantes
institucionais co obxectivo de fortalecer a cooperación no territorio.
Na xuntanza participaron organizacións como Amicos, Movemento pola Paz, Cruz
Vermella ou Asociación Comarcal de Empresarios , así como persoal técnico do Concello
e a concelleira delegada en materia de Emprego, Lucía Seoane. O encontro converteuse
nun espazo de diálogo orientado a mellorar a coordinación entre recursos sociais e
iniciativas de emprego na comarca.
Durante a sesión abordáronse diversos retos comúns, centrados en aliñar expectativas e
prioridades entre os distintos axentes, identificar sinerxías e oportunidades de traballo
conxunto, avanzar na coordinación interinstitucional e entre sectores e axilizar as canles
de comunicación e os procesos de actuación compartidos. A mesa serviu tamén para
poñer en valor a importancia do traballo en rede como ferramenta clave para responder
ás necesidades sociais actuais.
Acción contra a Fame aproveitou o encontro para presentar varios dos seus programas
en marcha dirixidos á mellora da empregabilidade e ao impulso do talento novo, varios
deles aplicados ao Concello da Estrada. Entre eles destacan a Escola de Emprego Xuvenil,
o proxecto Efecto Emprega, CAPES e o programa de Emprendemento Xuvenil, iniciativas
que buscan ofrecer formación, acompañamento e oportunidades reais de inserción
laboral.

A celebración desta mesa sectorial consolida un espazo estable de colaboración
comarcal que pretende reforzar a eficacia das intervencións sociais e laborais,
promovendo unha resposta coordinada e sostible ás demandas da cidadanía

Publicado en Portada | Deja un comentario