RÉCORD DE INSCRITOS NA FESTA DO MAIOR DA ESTRADA, QUEESGOTA O MILLEIRO DE PRAZAS DISPOÑIBLES PARA ESTA EDICIÓN

 A do domingo será a Festa do Maior máis concorrida, non só dos últimos
anos, senón de todas as convocatorias que o Concello da Estrada vén
facendo para honrar aos veciños e veciñas de maior idade.

O Concello da Estrada pechou a última hora desta
mañá a inscrición para asistir na presente edición da Festa do Maior, que se celebrará
este domingo no Pavillón Coto Ferreiro e Anexo. Fíxoo batendo todo un récord de
participación, xa que quedou esgotado o milleiro de prazas dispoñibles para un evento
que pretende converterse en xornada de confraternidade e homenaxe para os
estradenses maiores de 65 anos.
A xulgar pola inscrición, esta será a Festa do Maior máis concorrida, non só dos últimos
anos senón de todas as convocatorias que o Concello da Estrada vén facendo para
honrar aos veciños de maior idade. Cómpre lembrar que o evento está dirixido a persoas
empadroadas no Concello da Estrada con 65 ou máis anos.
Dende o goberno local, a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, agradeceu hoxe
a confianza depositada polos maiores e trasladou o desexo de que a domingo sexa unha
xornada que cumpra todas as súas expectativas. Sinalou que esta sempre é unha
celebración que se prepara coa ilusión de ofrecer aos maiores un día de festa e
convivencia.
Cómpre lembrar que, despois de que na edición de 2025 esta xornada de homenaxe aos
maiores da Estrada quedara deslucida polo deficiente cumprimento do contrato por
parte da adxudicataria, o goberno estradense asesorouse con profesionais do sector e
incorporou este ano aos pregos da contratación as cantidades mínimas por comensal
que se teñen que servir. A empresa que se encargará de servir o almorzo será a
estradense Valenciaga Catering.
As portas abriranse o domingo ás 12.30 horas. Os maiores serán recibidos cunha
actuación musical a cargo de Tequexetéldere, arrancando o almorzo ás 14.00 horas. O
menú estará composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro con patacas e
sobremesa, incluíndo o pan, bebidas (viño tinto e branco, cervexa, refrescos, auga,
gaseosa, café e licor). A sobremesa e o baile contará coa orquestra Los Satélites.

Neste senso, despois de teren recibido nestes días varias consultas o respecto, dende o
Concello informouse hoxe de que todas aquelas persoas interesadas en sumarse ao baile
de despois do almorzo están convidadas a facelo.
Como é habitual, durante a sobremesa haberá recoñecementos aos veciños de maior
idade.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CONCELLO E HOSTALEIROS DA ESTRADA PREPARAN UNHA NOVAEDICIÓN DE “SANTAS TAPAS” QUE ESTREARÁ O FORMATO COMBO

 Estas xornadas de degustación celebraranse entre o mércores 1 de abril
e o domingo 5, coa previsión inicial de que participen 21
establecementos hostaleiros.
 O Concello financiará unha parte do novo “combo” das Santas Tapas,
formado polo pincho de cada local e unha consumición (bebida ou curto
de cervexa) e cun prezo de 3,5 euros.
 Este formato funcionará só para a venda anticipada, do 13 ao 27 de
marzo, nos locais que se adhiran á campaña. Substitúe á Santa Tapa
Xove.
 O prezo habitual das propostas que deseñe cada hostaleiro, ben de
cociña de innovación ou tradicional, será de 3 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A PARADA DE TAXIS DA PRAZA DE GALICIA TRASLÁDASE Á PRAZA DACONSTITUCIÓN PARA FAVORECER O TRABALLO DOS PROFESIONAIS

 O alcalde mantén diversos contactos co sector e anuncia este cambio
provisional, ata que teñan rematado as obras na Praza de Galicia e a súa
contorna.
 Os taxistas colocaranse na zona pavimentada en verde próxima ao novo
photocall coas letras que compoñen o nome da Estrada.
 A medida busca favorecer o seu traballo, tendo en conta a diminución do
tránsito peonil pola zona de obras a carón da que estaban, pechada
dende hai semanas ao tráfico.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
comunicou hoxe a decisión do goberno que dirixe de trasladar a parada de taxi da Praza
de Galicia ata a Praza da Constitución, no tramo da Rúa Serafín Pazo máis próximo á casa
consistorial. A medida ten un carácter provisional e busca favorecer aos profesionais
deste sector do transporte público namentres non rematan as obras de remodelación da
Praza de Galicia e a súa contorna.
Os taxistas pasarán a situarse na zona pavimentada en verde que está próxima ao novo
photocall coas letras que conforman o nome da Estrada. Louzao sinalou que o que se
pretende con este cambio temporal é favorecer o exercicio profesional do día a día para
estes traballadores, logo de teren pulsado as súas impresións en conversas mantidas con
eles nas últimas xornadas e asumindo que os traballos na Praza de Galicia poden ter
algún impacto na súa actividade, ao comportar o peche ao tráfico desta céntrica zona e
limitando tamén o tránsito peonil por seren esta unha superficie en obras.
A intención do goberno local é favorecer o funcionamento deste servizo, resolvendo que
os taxistas pasen a recoller aos seus clientes a carón do consistorio e ofrecendo os seus
servizos de transporte encamiñándose dende este punto á Avenida Benito Vigo, xa que
non sería viable continuar polo tramo peonil de Serafín Pazo para rematar nunha Praza
de Galicia tamén pechada á circulación.

A medida, anunciada hoxe polo rexedor estradense, farase efectiva de xeito inmediato,
comezando a funcionar a parada de taxis a carón da Praza da Constitución xa dende
mañá venres.
O rexedor puxo o acento na intención de favorecer a actividade económica e o servizo
público que presta os sector do taxi e sinalou que a decisión vén a concentrar, durante as
obras na contorna da Praza de Galicia, o transporte público nas inmediacións da casa
consistorial. Cómpre lembrar que, dende que se pechou ao tráfico este céntrico enclave
urbano as paradas do transporte de viaxeiros en autobús trasladáronse de maneira
temporal xusto ao lado do edificio do Concello, tanto no caso das liñas regulares como
nas do transporte escolar.
Co remate das obras da Praza de Galicia programado para o mes de maio, todas as
paradas volverán ao seu lugar orixinal.

Publicado en Portada | Deja un comentario

REPARADA UNHA ROTURA NA RÚA CERDEDO E SUBSTITUÍDO UNANTIGO TRAMO DE CONDUCIÓN EN FIBROCEMENTO

As brigadas do servizo de Obras do Concello da
Estrada trasladáronse a primeira hora desta mañá para localizar e reparar unha rotura
que se produciu na condución de traída de agua na Rúa Cerdedo, na esquina con Pintor
Maside. Para efectuar a reparación cortouse o subministro a esta zona do casco urbano.
A rotura afectada atopouse con rapidez, se ben resolveuse aproveitar para a
substitución dun tramo antigo de condución que aínda era de fibrocemento e colocar un
cóbado de fundición para maior seguridade.
O corte no abastecemento de agua aos fogares afectados nesta zona prolongouse por
espazo de 2 horas, estando novamente reposto o servizo ao fío das 11.00.

Publicado en Portada | Deja un comentario

INVITAN A AUTÓNOMOS, EMPRESAS E ASOCIACIÓNS DO RURAL DAESTRADA A SOLICITAR AS AXUDAS DO LEADER A TRAVÉS DO GDR

 Estas achegas de fondos europeos poden acadar os 100.000 euros.
 Están dirixidas a empresas e asociacións situadas no medio rural.
 Poden solicitarse ata o vindeiro 2 de abril e os interesados poden
contactar xa co GDR Pontevedra Norte.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, e o
concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, mantiveron esta mañá unha reunión
de traballo co xerente do GDR Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal, un encontro en gran
medida centrado na planificación do que vai ser a presente convocatoria de axudas
Leader a asociacións, autónomos, microempresas e pequenas empresas situadas no
ámbito rural do municipio.
Segundo detallaron, estas achegas poden acadar aos 100.000 euros, cunha axuda
máxima por proxecto do 50% e mínima do 30%. No caso da Estrada, poden optar a estes
fondos as entidades públicas de carácter local ou comarcal e as persoas físicas ou
xurídicas de carácter privado asentadas en calquera punto do municipio, a excepción do
casco urbano (por superar este os 6.000 habitantes). Son axudas -explicaron- para
investimento, maquinaria ou actividade destas entidades solicitantes.
Estes fondos europeos do programa Leader están xestionados polo GDR. Deste xeito, os
interesados poden xa poñerse en contacto con GDR Pontevedra Norte, ben de xeito
presencial ou telefónico, para coñecer os detalles da convocatoria en maior
profundidade ou resolver as súas dúbidas. O prazo para presentar as solicitudes remata
o vindeiro 2 de abril.
Gonzalo Louzao puxo o acento esta mañá en que a presente convocatoria das axudas do
Leader xa foi anunciada no encontro que o Concello da Estrada organizou en
colaboración co GDR e coa Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) para que os
interesados tivesen tempo no que ir preparando as súas solicitudes e a documentación
correspondente.
O alcalde animou a todos os interesados a aproveitar a convocatoria e formalizar as súas
peticións, poñendo a disposición dos implicados o asesoramento municipal nesta

materia. “O que queremos é difundir estas axudas e que os interesados se dirixian ao
Concello e, especialmente, ao GDR nas instalacións do polígono Lalín 2000, que é o
encargado de xestionar a tramitar estas importantes axudas transformadoras para
empresas, autonómos ou asociacións asentadas no noso territorio e, nomeadamente,
no medio rural”, apuntou o alcalde estradense.

Publicado en Portada | Deja un comentario

PILAR, ANA E MARGA PORTO CARBALLO RECIBIRÁN ESTE 8 DE MARZOO PREMIO HONORÍFICO AO LABOR DAS MULLERES DA ESTRADA

 O xurado adopta a resolución por uninimidade e a instancias da
Asociación Fillos e Amigos da Estrada.
 O galardón busca recoñecer o impulso destas tres irmáns a un negocio
familiar que se converteu en referente indiscutible da hostalería local: A
Bombilla.
 O premio coincide nun ano no que o establecemento pecha un ciclo, ao
cerrar o restaurante e continuar unicamente como hostal.
 Entregarase o domingo 8 de marzo, ás 19.00 horas, no MOME.

O xurado encargado de fallar o Premio Honorífico ao
Labor das Mulleres da Estrada neste 2026 reuniuse na noite do martes para abordar as
candidaturas presentadas. Logo da análise e do debate, adoptouse a decisión unánime
de conceder este ano o galardón ás irmás Pilar, Ana e Marga Porto Carballo, hostaleiras
estradenses que durante décadas estiveron á fronte do negocio familiar A Bombilla, un
referente local localizado no número 5 da Praza de Galicia.
A candidatura chegou da man da Asociación Fillos e Amigos da Estrada, co propósito de
que se recoñeza a longa traxectoria destas irmáns e do restaurante aberto nos anos 40
polos tíos destas tres estradenses (Erundina Campos e Suso Porto) e que logo herdarían
seus pais, Julio Porto e Lola Carballo. Aquela taberna habería de converterse, xa na
década dos 60, no Hostal A Bombilla.
As tres irmáns continuaron co negocio familiar, sendo Pilar a primeira en incorporarse ao
mesmo. Ao longo das últimas décadas fixeron del un referente indiscutible na hostalería
local, atraendo á clientela pola súa comida caseira e por seren especialistas nalgúns dos
pratos máis representativos da gastronomía estradense, como é o caso do salmón. O seu
saber facer logrou unha carteira de clientes habituais e tamén garantiu seren unha
recomendación habitual para os visitantes.
O recoñecemento a Pilar, Ana e Marga Porto Carballo co Premio Honorífico ao Labor da
Muller chega tamén nun ano de cambio neste negocio estradense, xa que A Bombilla
pecha as súas portas como restaurante e continúa unicamente como hostal.

O xurado reunido da noite do martes estivo conformado polas concelleiras de Servizos
Sociais e Cultura, Amalia Goldar e Lucía Seoane, representantes dos grupos municipais
do PSOE e de Móvete, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Marga de la
Calle, e tamén integrantes da Asociación Cultural O Brado, Asociación de Empresarios do
Polígono de Toedo, Asociación de Igualdade e Mulleres da Estrada e o sindicato UGT.
Todos os integrantes coincidiron en destacar o papel destas tres estradenses para sacar
adiante un negocio nun ámbito profesional como a hostalería, no que a conciliación da
vida laboral e familiar resulta, en moitas ocasións, especialmente complexa polos
horarios que lle son propios. Ademais de louvar a longa traxectoria destas tres mulleres,
recoñeceron os seus esforzos para facer de A Bombilla todo un referente no seu sector,
apreciado por veciños e foráneos.
Un exemplo
“Este premio ten un carácter simbólico, pero coido que vai gañando peso como un
recoñecemento público ao que nos gusta poñer nome de muller, identificando nos seus
rostros os esforzos doutras moitas veciñas que tamén merecen un premio por facernos
avanzar a todos como sociedade”, sinalou a concelleira Amalia Goldar, quen se puxo en
contacto coas premiadas unha vez acadada a resolución do xurado. “Pili, Ana e Marga
son un referente para A Estrada, e non só gastronómico ou hostaleiro. O seu é un
exemplo de tesón, de empuxe e de perseveranza”, engadiu.
O Premio Honorífico ao Labor das Mulleres da Estrada entregarase nun acto público
convocado o propio domingo 8 de marzo, Día da Muller, no MOME. Será ás 19.00 horas,
nun acto que estará conducido pola xornalista estradense Laura Filloy Martínez.
Nómina de premiadas
A deste 2026 é a décimo cuarta edición do Premio Honorífico ao Labor das Mulleres que
convoca o Concello da Estrada. As tres irmáns premiadas sumarán os seus nomes aos de
Mari Carmen Zamar, María Martínez Otero, Gandeiras de Vea, a cooperativa Axuda
Servizos, Sofía Mosteiro, as irmáns Torres, Asociación de Consumidores e Mulleres da
Estrada, Francisca Andújar Tato, Delia Bustelo, Xosefa María Matalobos, Dolores Casis
Rey, Aurora Loureiro Baluja e Rosa Ferreira.

Publicado en Portada | Deja un comentario

PINTADO DO NOVO ESTACIONAMENTO EN PÉREZ VIONDI E SAN PAIO

Tal e como se anunciou días atrás, esta mañá
realizáronse as tarefas de pintado para cambiar de lado o estacionamento en dúas
céntricas rúas: San Paio e o tramo de Pérez Viondi comprendido entre a Avenida Benito
Vigo e a Praza de Galicia. Námbalas dúas o aparcamento queda agora configurado na
marxe dereita.
As obras permitiron xa advertir hoxe algunhas das zonas especiais que quedarán
habilitadas nestas rúas, caso da praza reservada aos usuarios do servizo de farmacia en
Pérez Viondi. Así, esta rúa terá neste tramo e no extremo máis próximo á Praza de
Galicia, un estacionamento exclusivo para os usuarios da oficina de farmacia, unha praza
de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e unha zona de carga e descarga.
Cómpre lembrar que esta vía manterá o seu dobre sentido de circulación, de xeito que
estas prazas teñen que preverse na zona onde a rúa presenta maior anchura de vía. A
partir de aí crearanse as prazas de estacionamento libre.
Dende a Praza de Galicia, a Rúa San Paio arranca cunha zona de carga e descarga e praza
reservada para persoas con mobilidade reducida (aínda está por definir a orde) e os
contedores colocaranse despois do paso de peóns existente á altura da intersección coa
Rúa Marqués de la Vega de Armijo. A partir de aí irá estacionamento libre e dúas zonas
de carga e descarga. Xusto antes do cruce coa Rúa Gradín a vía terá que quedar libre nas
dúas marxes para posibilitar o dobre carril.

Publicado en Portada | Deja un comentario