O PSOE da Estrada valora positivamente a adhesión do
Concello ao plan de rescate da Xunta de Galicia. López Bueno considera que
A Estrada “xa vai moi tarde” no apoio ao tecido comercial e hostaleiro, pero
entende como positiva a medida.
Tamén remarca que dentro das medidas económicas propostas polos
socialistas ao inicio da pandemia xa existía unha liña de financiamento para
comerciantes e hostaleiros. Recoñece que “non podía ser moi ampla” pola
escasa capacidade de xestión do goberno local, pero apunta que se propuxo
en termos semellantes á que “con un ano de retraso” dará o goberno local.
Nese sentido, o líder socialista insta ao goberno municipal a dotar a liña de
axudas por riba do mínimo de 1.000 euros, xa que “hai negocios que
precisan moito máis”.
López Bueno aféalle a López Campos que continúe “dando volantazos” nas
súas posicións políticas. O voceiro asegura que os bandazos do alcalde
reflexan que o goberno local non ten criterio, non ten plan e non ten
habilidade para apoiar aos negocios dende o Concello. Afirma que a
adhesión á plataforma da Xunta para o Plan de Rescate intenta tapar o
escaso apoio que lle brindou a comerciantes e hostaleiros durante a
pandemia.
E é que durante os últimos 12 meses o alcalde amosou moitas caras, pero
en ningunha delas se comprometeu co comercio nin cos hostaleiros. O líder
socialista opina que “só fixo declaracións, non puxo en marcha ningunha
medida”.
Primeiro consideraba innecesario que o Concello apoiara economicamente, e
negouse a tomar en consideración as propostas socialistas para auxiliar a
delicada situación que atravesaban os negocios locais.
Co paso dos meses o alcalde cambiou de postura declarando que “era
necesario favorecer a actividade dos comercios”. En cambio, López Campos
negouse a activar a proposta dos vales de compra para o comercio local na
que o PSOE da estrada foi pioneiro. Esa mesma medida colleitou éxitos
rotundos en concellos como O Barco de Valdeorras ou Vilagarcía de Arousa.
Mentres tanto, na Estrada ese apoio aos negocios “rematou cando se
pecharon as edicións dos periódicos”.
Agora o alcalde dá un novo “volantazo” e accede a outorgar axudas
directas. López Bueno recalca a necesidade desta medida para “aliviar” a
delicada situación de comerciantes e hostaleiros. Remarca que os datos que
ofreceu ACOE durante estes meses son indiscutibles e manifestan
claramente a necesidade de apoio económico.
López Bueno teme o peche de negocios porque “o comercio e a industria da
Estrada son unha engranaxe” e explica que “cando un negocio pecha, o
resto tamén o notan”.
O PSOE MOSTRA O SEU ACORDO COA ADHESIÓN AO PLAN DE
RESCATE PERO LAMENTA A FALTA DE CRITERIO DE LÓPEZ CAMPOS
Despois de 6 semanas de restriccións, os mercados municipais volven ó completo dos seus postos habituais.
Xa por fin, os datos sanitarios acompañan o noso Concello para voltar a sair ás rúas, sempre cas medidas axeitadas e sen baixar a garda. Así pois na Estrada voltou a ser hoxe día de Feira con maiúsculas; pois voltaron todos os postos: de alimentación, polberías, textil, calzado, prantas e mesmo de plantón para o inicio da tempada de hortas domésticas.
Así pois, ca apertura dos peches perimetrais, A Estrada voltou a sentir o latexo das xentes nas súas rúas co comercio e hostalería abertas.
Así continuará a Praza da Feira tódolos mércores, se a situación sanitaria o permite, ata o inicio das obras de humanización de este entorno, no que se prevee o seu inicio para finais desta primavera e o remate a finais deste 2021, cando poderemos contemplar a escollida nova versión desta céntrica praza, na que por suposto, seguirá facendo honra ó seu nome, celerando cada mércores as nosas feiras.
O Festival de cine de terror PANIC retoma a súa

Canceladas as actividades de xaneiro e febreiro por mor da crise sanitaria, o Panic retoma a súa programación ofrecéndolle á mocidade estradense a posibilidade de gozar das vacacións de Semana
Santa a golpe de pelis de terror. Será entre o luns 29 e o mércores 31 de marzo, en horario matinal, e nas salas de Minicines Central. Todos aqueles que queiran asistir poderán recoller a súa entrada no Departamento de Cultura ou nos propios IES estradenses.
Por outra banda, a presentación do libro de terror de Manel Loureiro La puerta terá lugar o mércores 31 ás 20.00 h no Teatro Principal, seguido dunha sinatura de libros, e o pase da obra Relatos Negros de Manuel Manquiña farase, finalmente, o venres 16 de abril ás 20.30 h.
Anunciarvos tamén, que a gala de entrega dos premios dos concursos de curtas e fotos de terror terá lugar o mércores 31 de marzo ás 11.00 h en Minicines Central. Finalmente, presentarónse 27 fotos a
concurso e 7 curtametraxes, entre elas 2 de realizadores estradenses.
Este é o programa de actividades:
PANIC 2021
NOVO CALENDARIO DE ACTIVIDADES
MARZO
5, 13, 20 e 26 / 20.00 h EXPO PANIC Teatro Principal
LUNS 29 / 11.00 h -The Hunt
-Host
Minicines Central
MARTES 30 / 11.00 h -Noche de bodas
-La casa del terror
Minicines Central
MÉRCORES 31 / 11.00 h -Gala entrega de premios de curtas e
fotos de terror
-Madre oscura
Minicines Central
MÉRCORES 31 / 20.00 h Presentación do libro de terror LA
PUERTA de Manel Loureiro
Teatro Principal
ABRIL
VENRES 16 / 20.30 h MANUEL MANQUIÑA, Relatos negros Teatro Principal
Delia Bustelo Buela galardoada co Premio Honorífico ao Labor das
Nada un 8 de marzo, día no que se celebra o Día Internacional da Muller, Delia Bustelo, veciña de San Xiao de Vea (San Bartolomeu), traballou case toda a súa vida no sector do comercio local no que rexentaba unha mercería.
Ao longo de toda a súa vida tivo que facer fronte a momentos complicados non só derivados da propia actividade comercial, senón de distintos episodios que non minguaron un ápice a súa coraxe e o seu ánimo emprendedor. A concesión deste galardón supón, dalgún xeito, o
recoñecemento a todas as mulleres que traballan no sector comercial, un sector moi magoado pola crise derivada da Covid-19 e que agora, máis que nunca, precisa do apoio de institucións e cidadanía.
Lembrámovos, que malia estar promovido polo Concello da Estrada, é o tecido asociativo estradense e a propia veciñanza os que fan as propostas que todos os anos acadan este merecido recoñecemento que non pretende, outra cousa, que reinvindicar a igualdade de xénero coma un dereito fundamental de cara a construír unha sociedade xusta e próspera.
A concesión do premio terá lugar o vindeiro luns ás 17.15 h no Salón de Plenos do Concello. Será un acto íntimo por mor das restricións derivadas da situación sanitaria. Por tanto, non estará aberto ao público.
LUIS LÓPEZ SUPERVISA O PROTOCOLO DE HOSTALERÍA SEGURA NA ESTRADA E LOUVA A RESPONSABILIDADE DO SECTOR E OS CLIENTES NOS 455 ESTABLECEMENTOS DE DEZA E TABEIRÓS
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá na Estrada o protocolo de hostalería segura deseñado polo Goberno galego no marco das medidas de apertura e desescalada tras a terceira vaga da covid-19 e louvou a responsabilidade do sector e dos clientes nos 455 establecementos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes nesta primeira fin de semana.
O representante autonómico incidiu na necesidade imperiosa de “seguir por esta liña e non baixar en ningún momento a garda no cumprimento e respecto aos aforos -30% no interior e 50% en terrazas- e, por parte dos clientes, na colocación permanente da máscara para non ter repuntes nos contaxios e evitar que se dean pasos atrás”.
“Hai que evitar por todos os medios, sen deixar de gozar de xeito responsable da nosa hostalería, que se dean pasos atrás, xa que todos queremos que bares, cafeterías e restaurantes sigan abertos, pero incluso indo máis alá, temos que ser moi coidadosos e ambiciosos para que se poida avanzar e, se as cousas seguen ben, se poida ampliar o seu horario”, manifestou o delegado territorial, que destacou que houbo un cumprimento xeralizado das medidas de hostalería segura elaboradas pola Xunta nestas bisbarras e na práctica totalidade de Galicia.
Luis López, que acudiu á comprobación deste protocolo na Cervexería Eureka co alcalde da Estrada, José López, tamén revelou que a Xunta está a facer un enorme despregue para o control das medidas a través da Policía Autonómica, que expediu 140 denuncias nesta primeira fin de semana, e dun reforzo cos inspectores de Sanidade, que realizaron 4.100 controis no mes de febreiro. “O Goberno galego vai poñer todo da súa parte para axudar aos hostaleiros a evitar condutas incívicas e a acoutar a irresponsabilidade duns poucos, que pode arruinar o esforzo de todos”, detallou.
Polo demais, lembrou que os hostaleiros teñen de prazo ata este venres, 5 de marzo, para detallar axeitadamente nas súas fachadas e accesos os correspondentes carteis informativos cos aforos máximos detallados, para facilitar o cumprimento polos clientes e a vixilancia por parte das forzas de seguridade, e co código QR de localización para acometer rastrexos en caso dalgún contaxio. Cómpre sinalar que os novos aforos sanitarios e os carteis informativos poden calcularse e descargarse a través da páxina web Turespazo.
Finalmente, animou aos máis de 450 hostaleiros de Deza e Tabeirós-Montes a concorrer ao 2º Plan de Rescate da Xunta de Galicia, que xa está en marcha e pretende paliar os efectos do mes de peche con motivo da terceira vaga. Así, lembrou que na primeira convocatoria beneficiáronse 367 negocios da zona, o que supuxo algo máis do 80% do padrón desta actividade económica, cunhas axudas globais por máis de 1,1 millóns de euros. “O Goberno galego está a apoiar decididamente en todos os eidos, como ningunha outra administración de España, ao sector hostaleiro e imos seguir así ata que se supere esta situación. Teñen o noso compromiso, que ademais o estamos a demostrar cos feitos”, concluiu Luis López.
O PSOE VE “INEXPLICABLE” QUE O PP SOLICITE TAN SÓ O
OBRADOIRO DE EMPREGO PARA MENORES DE 25 ANOS
O PSOE presentou en febreiro unha moción instando ao
goberno municipal a solicitar o Taller dual de emprego e o Programa Dual
de emprego para persoas mozas, os coñecidos como “Obradoiros” de
emprego. No debate que se produciu no Pleno de onte, o PP votou en contra
da moción socialista alegando que só van solicitar o obradoiro de emprego
para menores de 25 anos.
López Bueno considera inexplicable que o PP vaia solicitar tan só ese
programa por varias cuestións. En primeiro lugar, porque no obradoiro
ordinario “tamén poden acceder as persoas menores de 25” mentres que no
programa que se vai solicitar non cabe a posibilidade de que accedan
maiores desa idade. Considera que “non hai unha xustificación decente”
para esa decisión do goberno municipal, e valora que “só se pode explicar
pola ineptitude do Concelleiro que toma a decisión”.
Ademais, resalta que o obradoiro permite un total de 20 prazas, mentres
que o programa para menores de 25 unicamente ofrece 16, polo que
haberá menos persoas en situación de desemprego que poidan acceder a
esta ferramenta. Recorda que a súa proposta era solicitar os dous
programas para crear así 36 postos de traballo remunerados durante un
ano, e formar traballadores para o sector do moble local, que está disposto
a absorbelos unha vez rematada a formación.
López Bueno opina que “non ten explicación” que o PP unicamente solicite
un dos dous obradoiros porque “as convocatorias das axudas son xemelgas”
e polo tanto, “o traballo de elaborar un plan formativo serve para solicitar
os dous obradoiros”.
Na comisión celebrada en febreiro e onde se debateu esta mesma moción,
despois de dar voltas con outros argumentos desmontados polo Partido
Socialista, o PP facía referencia á suposta escaseza de espazos para ubicar
aos alumnos. Os socialistas replicaron que existe espazo de sobra nas
instalacións existentes e que cabe a posibilidade de buscar novos espazos
se fora necesario. Tamén argumentaron que se podería dividir aos 36
participantes en quendas de mañá e tarde, distribuír as actividades nas
aulas e realizar tarefas fóra dos talleres propios do obradoiro, como se
propoñía dende o PSOE.
O líder socialista tamén considera “pouco acertada” a decisión de solicitar o
obradoiro forestal porque “non conta con tanto tirón coma os de carpintería
e instalación de elementos de carpintería”. Ademais, valora que pola
configuración do financiamento, practicamente todos os concellos solicitarán
esa liña de formación, (conta cunha partida separada), e avisa ao goberno
de a competencia será maior para esa formación, e que se finalmente se
concede a axuda “ofrecerán 16 prazas e non se van cubrir todas”.
O líder socialista ve totalmente “fóra de lugar” os argumentos que esgrime
o PP. López Bueno pensa que “non ten sentido nada do que din” e só se
explica as decisións do PP porque “este ano cambiou o concelleiro
responsable e nin leu a convocatoria”.
Ademais fai fincapé nos “bandazos” do goberno local, que hai apenas 3
meses dicía que “non crían no modelo do obradoiro” e que “deixara de ser
útil”, pero en cambio si que van solicitar un. Cre que López Campos debería
dar explicacións sobre as súas contradicións no que se refire a política de
emprego, aínda que considera positivo que “polo menos se soliciten as
axudas e non perdan 700.000 euros de financiamento para emprego, como
xa aconteceu o ano pasado”.
Susana Camba insta o goberno municipal a presentar alegacións contra o parque eólico de Liripio e Castro Valente
«Unha cousa é estar a favor das enerxías limpas e outra converter o monte galego nun parque eólico xigante», afirma a concelleira do BNG
A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que «no BNG vemos con preocupación a nova política de parques eólicos impulsados pola Xunta e o Goberno central, que están inzando de muíños de vento os nosos montes». «No día de onte coñeciamos que está en marcha o proxecto de parque eólico nos montes de Liripio», engade, «e tamén no monte de Castro Valente entre Barcala e Herbón».
«Isto non é de recibo», afirma a concelleira nacionalista, «a este paso non haberá monte no noso concello sen muíños de vento e iso o goberno municipal non o pode permitir, e instaremos no vindeiro pleno a que o concello presente alegacións contra estes parques eólicos que se proxectan no noso concello».
«Unha cousa é estar a favor das enerxías limpas e outras converter o monte galego nun parque eólico xigante», explica, «que por enriba encherá o peto dunhas poucas empresas e sen que iso teña un retorno económico para os veciños e veciñas».








































