Ximiela estreará o seu novo espectáculo, Raigame, no Teatro Principal da Estrada

A Asociación Folclórica Ximiela estreará o seu novo espectáculo, Raigame, no Teatro Principal da Estrada o día 26 de xaneiro ás 20:30 horas, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Ao igual que aconteceu co seu anterior traballo, estreado tamén na localidade, espérase deste que faga as delicias dos asistentes, afirmou o concelleiro á vez que daba a palabra ao voceiro do grupo, Pablo Seoane.

Este explicou que esta función porá sobre as táboas unha situación tocante á práctica totalidade da poboación galega, como é o tema da emigración. A través da investigación e a transmisión de experiencias dalgunhas persoas do propio grupo e os seus achegados, creouse unha narrativa de historias ficticias, pero con bases reais, que conforman Raigame.

Unha historia que mostra como se mantiña o contacto coa familia mediante unha relación epistolar. Un conxunto de sensacións e sentimentos que o grupo transmite mediante a música e o baile tradicional ao longo de dezasete escenas na que interveñen 64 persoas, tanto dentro como fóra do escenario, aclarou Seoane.

Os dous representantes de Ximiela presentes na presentación, Pablo Seoane e María Mayo, aseguraron que o espectáculo está a ter unha boa acollida e que xa se venderon moitas entradas, polo que esperan encher o teatro o día da función.

Para rematar, o concelleiro lembrou que as entradas atópanse á venda no Departamento de Cultura do Concello a un prezo de 6 euros e animou á veciñanza a acudir á estrea.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada porá en marcha un novo portal de transparencia

O Concello da Estrada porá en marcha un novo portal de transparencia e eliminará o pago de taxas por expedición de documentos puramente administrativos, segundo informou hoxe o alcalde, José López Campos.

Para a posta en marcha será preciso someterse a unha auditoría que determine a forma na que o portal se prové de información e as necesidades deste para funcionar de forma efectiva e eficiente. No portal figurará, como mínimo, información relativa aos presupostos municipais, asistencia e actas de órganos colexiados (plenos), dedicacións exclusivas e parciais, salarios e actualizacións de bens.

A eliminación das taxas administrativas afectará sobre todo á adquisición dos certificados de empadroamento que, cun custo de 3,69 euros é o máis común, pero segundo afirmou López, o cobro dese tipo trámites non ten impacto económico nas arcas municipais, polo que se deixará de pagar por eles en canto estea en funcionamento o novo portal.

Publicado en Portada | Deja un comentario

José López traballará «para ampliar a maioría» e reforzar á Estrada como «referente en Galicia»

• Recibiu o respaldo unánime de tódolos asistentes á reunión da Executiva Local celebrada esta mañá • Reivindica «tódolos logros destes catro anos de profunda transformación da Estrada» e tamén «o feito de ter estado día a día a carón dos veciños» • Cuestiona a oposición realizada por «un PSOE que estivo desaparecido, un BNG que volve ser o do non e camiña cara a irrelevancia e unha voceira de Móvete que o único que busca é un soldo público»

A Executiva Local do Partido Popular da Estrada acordou hoxe por unanimidade o nomeamento como candidato á Alcaldía de José Carlos López Campos, quen se comprometeu a «traballar aínda con máis intensidade ata maio para ampliar a actual maioría e reforzar a posición da Estrada como referente en toda Galicia pola estabilidade, o rigor, a visión de futuro e a eficacia do seu goberno».

José López comezou a súa intervención transmitindo o seu «profundo agradecemento aos compañeiros do partido pola confianza depositada por terceira vez» e tamén a tódolos estradenses que durante estes catro anos lle expresaron «o seu afecto e cariño» e que especialmente durante os últimos meses o «animaron e empurraron» a seguir encabezando a candidatura popular. O actual alcalde tamén aproveitou o seu discurso para reivindicar «o orgullo de pertencer a este goberno que conseguiu sacar á Estrada do ostracismo» e puxo en valor «tódolos logros destes catro anos de profunda transformación do noso concello», entre os que se referiu á urbanización da zona da Baiuca coa construción da escola infantil e o centro de saúde, á posta en marcha do Centro Integral de Atención ás Emerxencias, á humanización e mellora de rúas como a Zona dos Viños, a Praza da Música ou a avenida Fernando Conde, á apertura da base de Emerxencias en Toedo e á construción do centro de pádel, entre outras moitas. López adicou unha mención especial á obra de ampliación da alameda, «que pasará a formar parte da historia deste pobo e que algúns atacan de xeito furibundo porque leva o cuño do PP e semella Partido Popular da Estrada que iso é o que lles molesta». Ao mesmo tempo, tamén lembrou os investimentos millonarios xa realizados no rural e os que se acometerán nos vindeiros meses, se ben recoñeceu que «sempre resultan insuficientes nun concello tan amplo, con tantas parroquias e lugares».

«A carón dos estradenses» Ademais, José López reivindicou «a política de cercanía» do seu goberno e «o feito de ter estado día a día a carón dos veciños para tentar solucionarlle os seus problemas», fronte a unha parte da oposición que «estivo catro anos vagueando e que volve asomar a cabeza agora, a falta de catro meses para as eleccións». Así, cuestionou o labor «dun PSOE que estivo desaparecido e que só se adicou a marxinar e maltratar á Estrada desde a Deputación e agora nos Orzamentos Xerais do Estado, un BNG que volve ser o do non a todo e que camiña cara a irrelevancia e a desaparición e unha voceira de Móvete que, cun historial laboral como o seu apelido, o único que busca é un soldo político e para iso é capaz de defender unha cousa e ao día seguinte a contraria».

O candidato popular amosouse «convencido de que os veciños saberán valorar a solvencia do actual goberno fronte a experimentos populistas de incerto desenlace» e augurou que «respaldarán con máis votos o atractivo proxecto de futuro para A Estrada que o PP presentará antes de maio». Asegurou que percibe «moitas posibilidades de mellorar os resultados de 2015», pero advertiulle aos compañeiros «dos perigos que supoñen a relaxación e un exceso de confianza», polo que instounos a «traballar arreo para chegar a cada recuncho de cada parroquia para convencer porta a porta a cada veciño».

«Como calquera outro, nós non somos infalibles e nestes catro anos puidemos cometer erros, que sempre tentamos correxir e arranxar, pero foi porque tomamos miles de decisións para facer cousas e sacar á Estrada do inmobilismo político que arrastraba. Do que si estou segurísimo é que o número de acertos foi infinitamente mellor e os resultados están aí para ver», concluíu López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG leva á rúa as necesidades e prioridades da estrada fronte ao despilfarro da Alameda do PP

A ampliación da Alameda nada vai aportar ao desenvolvemento económico da Estrada

O BNG da Estrada leva á rúa o malestar da veciñanza polas obras da Alameda. O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, que lideraba este acto reivindicativo explicou que “levamos desde 2015 cunha posición firme en contra da ampliación da Alameda na que o PP está empeñado en enterrar máis de tres millóns de euros, unha obra que borra dun plumazo parte do noso pasado cultural e sentimental, o que dá conta do que significa parra o PP a cultura e o patrimonio”. “Por moito que o alcalde minta nas redes sociais para tranquilizar ao seus, a nosa posición sempre foi a mesma a redor da ampliación da Alameda,”, indicou Magariños, “temos un concellos no que hai moitas carencias, no rural e na vila, ás que cómpre darlle prioridade”.
“O concello da Estrada ten graves problemas económicos e sociais”, afirmou, “iso é algo no que pode estar de acordo calquera veciño ou veciña, independentemente da ideoloxía que teña, non hai que ser doutor en economía para velo, non é normal que na principal rúa da Estrada haxa tantos comercios pechados, síntoma inequívoco de que algo non vai ben; mais desde o goberno municipal non fan nada; propuxemos que se sentaran co sector para analizar que pasa, que solucións pode haber, e nada, nin iso fan”.
Xosé Magariños explicou que “as obras da Alameda están xerando malestar entre os veciños e veciñas, non só porque cortaran árbores centenarias ou destrozasen unha praza que apenas ten 16 anos e que estaba en perfectas condicións, senón porque os veciños e veciñas saben que iso non é prioritario, e non o é porque sofren continuos cortes dun ben imprescindíbel para vivir dignamente como o é a auga, o último foi esta mesma semana, outra vez en Fernando Conde”. “E o lamentábel”, engadiu Magariños, “é que despois da inauguración desta praza de deseño, pero sen alma, os cortes de auga na vila seguirán”.
“Por iso”, explicou o concelleiro nacionalista, “fixemos este acto reivindicativo pendurando os problemas da Estrada real no balado que rodea esta obra farónica López”. “Aí aparecen por  exemplo”, engadiu Magariños, “os problemas que reiteradamente denunciamos de verquidos dos sumidoiros e por suposto da falta de saneamento do rural; tamén aparecen os problemas que hai habitualmente na recollida do lixo, tanto na vila como no rural, onde se amorea durante días; tamén denunciamos os problemas na atención ás persoas dependentes, e non só falamos da posta en marcha dun centro de día que mereza tal nome, non a versión mini do Novo Mercado, falamos dun verdade, falamos de servizo de axuda no fogar que depende do concello, que ten unha gran lista de espera; falamos de melloras nos viais municipais do rural, así como da deficiente sinalización dos núcleos e parroquias; e non nos esquecemos do matadoiro municipal que cae a pedazos ou da Torre de Guimarei que está perdida nunha silveira, e que podía facer un excelente centro de interpretación a moi pouca distancia do centro da vila”.
“A Estrada agoniza”, indicou Magariños, “iso é evidente, levamos 20 anos con crecemento vexetativo negativo, temos o rural abandonado, e non só o dicimos polos viais, as cunetas, o saneamento… senón porque está a monte, improdutivo e non se albisca no horizonte ningunha política que lle dea a volta a esta situación, nin por parte do goberno municipal nin por parte da Xunta”.
A organización nacionalista chamou a participar neste acto baixo o lema “A Desfeita da Estrada”, porque, segundo explicou Xosé Magariños, “simboliza o estado agonizante do noso concello, e fronte a isto, unha obra na que se van investir moitos millóns de euros, pero que nada vai a aportar para o desenvolvemento económico do concello, ao contrario, será unha carga para as arcas públicas do concello, xa que o mantemento deste despropósito non será pequeno, e pagarémolo a escote entre todos e todas.”.

— 
BNG da Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ábrese o prazo para presentar candidaturas para os espazos vacantes do Viveiro de Empresas

A partir do luns, 21 de xaneiro, abrirase o prazo de presentación de candidaturas polo que empresas de nova creación optarán a ocupar os tres espazos vacantes do Viveiro de Empresas do Concello da Estrada.

Este proceso de carácter excepcional, posto en marcha a raíz da marcha de dúas das empresas tras esgotalo tempo de estadía no viveiro, está aberto a todas as empresas de nova creación que reúnan as condicións necesarias para poder optar aos postos.

Serán admitidas ao proceso selectivo as empresas en proxecto de constitución, sempre que se consoliden nun período inferior ao cumprimento de tres meses de estancia; empresas novas que comecen no viveiro a súa actividade ou empresas recentemente constituídas, cunha antigüidade máxima de dous anos. Tamén asociacións, federacións, clusters e outras entidades de base asociativa empresarial.

Será necesario cubrir unha instancia xeral de solicitude para optar á adxudicación dalgún dos postos, que se poderá efectuar no Rexistro ou a través da Sede Electrónica da páxina web do Concello. As bases da convocatoria están dispoñibles no portal de emprego do Concello e na mencionada páxina web.

O contrato inicial para as empresas que superen o proceso seleccionador realizarase por un período de 24 meses, prorrogable durante 12 meses máis ao acabar ese primeiro ciclo. A cota que asumirán os seleccionados será de 50 euros mensuais que inclúen telefonía, Internet, luz, mantemento, limpeza e calefacción.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada albergará en marzo a Gala do Atletismo Galego 2019

O alcalde da Estrada, José López Campos, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, trala que este último afirmou que planea converter a localidade na sede onde se vaia a celebrar o vindeiro mes de marzo a Gala do Atletismo Galego 2019.

Durante o encontro, López felicitou ao presidente pola recente renovación do mandato ao fronte da federación dun deporte no que, en poucos anos, A Estrada sufriu unha “transformación extraordinaria” e pasou de ser un deporte minoritario a un dos máis practicados pola veciñanza.

A raíz deste incremento na cantidade de atletas, da celebración de probas nas instalacións da Academia Galega de Seguridade e encamiñadas á preparación das probas físicas dos exames de acceso á Policía Nacional ou Local e Bombeiros, faise máis notable a carencia nas infraestruturas que posúe o Concello.

Esta reunión tivo tamén ese compoñente crítico que nos insta a traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia e coa Federación Galega de Atletismo no camiño de conseguir esa pista de atletismo que A Estrada merece e a que non podemos renunciar, explicou López.

Non é un proxecto fácil, porque para a construción dunha pista de atletismo, o ideal é que posúa as medidas estándar, tal como apuntou Hornillos. Unha pista de oito rúas de 400 metros de lonxitude que debería contar cunhas dimensións mínimas de 186 metros de largo e 100 de ancho ás que habería que engadir espazo para gradas e bancadas, matizou.

O difícil é buscar un terreo de dúas hectáreas cunha conformación determinada, non moi aloxado da zona deportiva, porque non tería sentido, onde encaixe o proxecto, subliñou o alcalde, que engadiu que é a única instalación deportiva que falta na localidade.

Para finalizar, o presidente da federación afirmou que esa obra ten asegurada a rentabilidade que se busca, xa que existen clubs e practicantes de atletismo, polo que é unha inversión segura nun concello no que existen máis de 250 nenos que practican este deporte e que están supervisados aquí por grandes adestradores, rematou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP replícalle á «desaparecida» Belén Louzao que o PSOE é «o menos indicado» para falar de xestión

• Constenla considera que «só sae á palestra para reivindicarse internamente diante dos seus xefes do PSOE e tentar evitar que a liquiden como candidata»

• Pídelle «que non xustifique os orzamentos de Pedro Sánchez e que teña a valentía de criticalos publicamente porque son un desprezo aos estradenses»

O Partido Popular da Estrada replícalle á «desaparecida» voceira socialista, Belén Louzao, que «o PSOE estradense é o menos indicado para dar leccións de xestión e administración dos recursos públicos, xa que cando gobernou dilapidou 11 millóns de euros do Plan E non se sabe ben en que, máis aló do arranxo dalgunhas fontes, lavadoiros e escolas unitarias». Juan Constenla considera que as últimas declaracións de Belén Louzao están motivadas «unicamente pola súa fraxilidade e debilidade política dentro do seu propio grupo». «Despois de tres anos desaparecida e sen preocuparse polos estradenses, agora só sae á palestra para reivindicarse internamente diante dos seus xefes do PSOE e tentar evitar que a liquiden como candidata», asegura. Cualifica como «un auténtico paripé» o anuncio do PSOE estradense da convocatoria dun proceso de primarias que «sorprendentemente invalidan eles mesmos tras confirmar a presentación dunha única candidatura». «Pretendían darlle un aire de transparencia a un proceso do máis opaco que hai, do que se desprende que nin dentro do propio PSOE local apoian á única candidata que desexa selo», opina Constenla. En relación coa defensa que fixo dos orzamentos presentados esta semana polo Goberno de Pedro Sánchez, que supoñen «unha renuncia expresa a acometer a variante da Estrada», o concelleiro do PP recoméndalle «que non xustifique os orzamentos e que teña a valentía de criticalos publicamente porque son un desprezo aos estradenses e a tódolos galegos en xeral».

Publicado en Portada | Deja un comentario