López e Dubois reúnense con veciños de Souto para determinar o proceso para a concentración parcelaria

A parroquia de Souto é a única do municipio estradense que non está incluída no proceso de concentración parcelaria, aínda que no seu día se barallara metela dentro da concentración de Arca, pero non se chegara a un acordo por parte do veciños. Por este motivo, e tras unha reunión con veciños hai 15 días, esta mañá o alcalde da Estrada, José López, e o director xeral de Desarrollo Rural, Miguel Pérez Dubois, reuníronse con representantes de diversos lugares desta parroquia para avanzar nesta iniciativa, xa que agora hai unha vontade bastante unánime por parte dos cidadáns, tal e como apunta López.

 

Na actualidade, a lei que fai referencia ás concentracións parcelarias variou coa Lei de Reestruturación Agraria 2015 e debido a isto “as condicións que marca Medio Rural para iniciar os procesos da reestruturación da propiedade son algo máis esixentes, agora ten que haber xunto ao proceso de reestruturación algún proceso produtivo e compromiso dos propios propietarios de poñer en valor a superficie concentrada”, explica o rexedor. Ademais, indica que “hai bastante boa vontade por un número importante de propietarios de poñer en valor de maneira directa ou indirecta unha parte importante dos terreos e tamén hai un interese por parte da gran maioría dos veciños de toda a parroquia porque o que había inicialmente era só por parte dos veciños do lugares de Souto e da Somoza”.

 

O alcalde xa mantivera unha reunión cuns 60 veciños da parroquia hai 15 días e durante ese encontro tamén falaron da posibilidade de crear unha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor), que é un dos medios que ten a Administración para poñer en valor a superficie forestal. A Sofor é unha sociedade forestal formada por veciños que aportan os seus terreos para levar a cabo unha xestión conxunta. “Isto pode ser interesante porque máis do 80% da superficie da parroquia de Souto é monte”, apunta o mandatario. Os veciños falan dunha superficie da parcelaria de 1.700 hectáreas e comezarase en breves coa recollida de sinaturas. Será necesario actualizar o estudo de impacto ambiental e topográfico realizado no 2007 e todos as demais análises xa feitas. Tamén, será preciso elaborar un informe municipal para despois levar a cabo os trámites precisos e poder saber se esta concentración entra dentro das que poden ser prioritarias e que se empezarán a mobilizar no 2019.

 

Esta mañá durante o encontro con Dabois “falamos da proposta de poñer en marcha algún proxecto piloto de aproveitamento e posta en valor da superficie forestal da Estrada porque somos un concello no que gran parte da súa superficie está destinada aos usos forestais e todos sabemos que hoxe en día o monte, en vez dun recurso, é un gasto para as administracións, debido aos incendios”, sinala López. Por esta razón, o rexedor considera que “facer unha boa xestión forestal non tería que ser un gasto, senón unha inversión de cara o futuro”. Por iso, o Concello traballará coa Xunta para “intentar exportar desde A Estrada un modelo de xestión forestal sustentable para Galicia, porque creo que reunimos os requisitos e as condicións propias para poder facelo”.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Correlingua A Estrada 2018

Deixamosvos  aquí unha galería sobre o Correlingua deste ano en A Estrada, coa colaboración dos nenos dos coles CEIP OCA, CEIP O FOXO, CABADA VÁZQUEZ, VILLAR PARAMÁ, PÉREZ VIONDI, FIGUEROA, IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ, IES NUMERO 1, IES MANUEL GARCÍA BARROS, IES CHANO PIÑEIRO, IES PINTOR COLMEIRO.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Nove establecementos participan no Rodeiro de Tapas do 11 ó 20 de maio

                               ESTABLECEMENTOS  PARTICIPANTES E TAPAS:

 

  1. RESTAURANTE LATIZA
  2. PUB QUIRÓS
  3. CASA ACHACÁN
  4. BAR DESITO
  5. CASA SÁNCHEZ
  6. RESTAURANTE O GUERRA
  7. BRUXAS E CORUXAS
  8. CABALOS DO FARO
  9. PUB GALLAECIA

 

 

 

         Nove establecementos participan no Rodeiro de Tapas do 11 ó 20 de maio

 

Aproveitando a ponte das Letras Galegas, o Concello de Rodeiro organiza un ano máis o exitoso concurso ‘Rodeiro de Tapas’, que nesta ocasión contará coa participación de nove establecementos. Son: Restaurante Latiza, Pub Quirós, Casa Achacán, Bar Desito, Casa Sánchez, Restaurante Guerra, Bruxas e Coruxas, Cabalos do Faro e Pub Gallaecia.

 

Os bocados, que deberán conter productos da zona, poderanse probar os días 11, 12, 13, 17, 18, 19 e 20 do presente mes. Os hostaleiros acordaron manter o prezo de cada tapa, fixado en 1,50 euros. As propostas culinarias de cada local poderanse degustar en horario de 13.00 a 15.00 horas e de 20.30 a 23.00 horas, agás os dous venres e os día 17, nos que só se prepararán pola tarde-noite.

 

Ó igual que nas edicións anteriores, haberá seis premios para as mellores tapas. Tres deles serán outorgados por un xurado profesional e outros tres a través das votacións do público.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP leva tres anos deixando deteriorar as pistas do rural e a un ano das municipais o alcalde sae do letargo

O anuncio de obras que fixo o alcalde estes días responde a unha estratexia electoralista, sen importarlle as carencias que soportaron ata o de agora os veciños e veciñas.

 

O BNG considera un descaro que o goberno do sr. López, seguindo unha vez máis os hábitos aos que tanto apego lle ten o seu partido, mantivo durante tres anos nun estado lamentable as estruturas viais de todo o concello, tanto rurais como urbanas, para agora poder empezar a precampaña das vindeiras municipais, anunciando o que non fixo nos últimos anos.

O Alcalde, facendo unha ostentación de prepotencia, saca agora á luz pública con todo luxo de detalles toda unha relación de actuacións, que, por certo unha importante parte delas son consecuencia do presuposto librado polo BNG da deputación para o concello da Estrada, tanto para a execución das obras das obras como para a contratación de persoal para levar a cabo algunhas delas.

Benvidas sexan estas inversións, faltaría mais, pero todos os veciños e veciñas da Estrada saben que desde este goberno non se traballa segundo as necesidades que os apremian, neste caso o estado dos viais polos que teñen que transitar, senón pola oportunidade ou non oportunidade política. Os veciños e veciñas tomarán boa nota do letargo do goberno do PP nos últimos tres anos.

O caso de Fernando Conde
Tal é o caso do lamentable estado no que se atopa a rúa Fernando Conde, asunto polo que o BNG leva incluso anos esixindo unha solución ao goberno do PP para sacar esta zona da vila no estado de barrio marxinado residual no que se está convertendo. Mais todo o que leva feito este goberno é sacar de vez en cando unha insinuación nos medios como se se tratase de transmitirlles a eses veciños e veciña a mensaxe de que: «non vos fago nada pero non me esquezo de vós».

Desde o BNG reiterámoslle ao goberno do PP a esixencia de que trate aos seus veciños e veciñas como suxeitos acreedores á condición de cidadáns, explíquelles por exemplo á xente de Fernando Conde cal é o seu proxecto e cando se vai levar a cabo, recolla as súas aportacións e con respecto ás outras actuacións léveas a cabo en tempo e forma evitando manter durante parte da lexislatura unha situación nefasta para poder empezar agora a colgar medallas con vistas ás vindeiras eleccións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A actuación para ampliar a Alameda suporá unha inversión de 1,5 millóns de euros financiados con fondos Edusi e propios

O acondicionamento das tres zonas de xogos contará cun presuposto de 240.000 euros do Plan Concellos

 

 

O equipo técnico de Idom, o encargado da redacción do proxecto de execución da reforma e ampliación dos xardíns municipais da Estrada, reuniuse esta mañá co alcalde, José López, e co director de Réxime Interior, Enrique Prieto, tras presentar o proxecto o pasado venres. Agora o Concello terá que levar a cabo os trámites e todos os informes, tanto técnicos como xurídicos, así como a aprobación definitiva para despois poder iniciar a licitación. Antes de aprobalo o goberno local pretende realizar unha comisión informativa, probablemente o luns, para informar e darlle contas aos grupos da oposición. Nesta comisión estará presente parte do equipo técnico redactor do proxecto.

 

“A desta mañá foi unha reunión cos departamentos de Secretaría e de Intervención para determinar os trámites previos para levar a cabo a declaración de intereses, que é o documento que necesitamos para habilitar os fondos necesarios para a licitación desta obra”, explica o alcalde. O rexedor adianta que xa comenzarán a traballar nos pliegos “que serán os primeiros que saían ao amparo da nova lei de contratos, tanto o pliego técnico como o administrativo”.

 

O rexedor informa de que o venres celebrarán unha reunión co persoal técnico do Concello “para pechar os aspectos vinculados ao proxecto” e indica que “a nosa previsión é que o luns poidamos facer unha comisión informativa para trasladarlles aos grupos da oposición os aspectos máis importantes do proxecto e seguramente, contemos con algunhas das persoas que forman parte do equipo redactor do proxecto”.

 

O proxecto estará á disposición no Concello e tamén desde mañá martes na páxina web da Edusi http://aess2020.gal/ Quen o desexe poderá ter acceso ao mesmo podendo consultar os planos, o presuposto, a memoria e visualizar en xeral toda a actuación.

 

A intención do goberno local é neste mes de maio “ ter pechado a parte dos elementos infantís, das tres zonas diferentes de xogo que vai haber”. Esta actuación vai incorporada tamén neste mesmo proxecto da Alameda, pero vaise financiar con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. “Estamos pendentes de que a Deputación nos resolva a concesión da subvención deses fondos para licitalo tamén”, indica López.

 

Desta maneira, o proxecto vai consistir en dúas partes. Por unha banda, a parte da execución da obra que vai supor unha inversión de 1,510.000 euros, actuación que estará cofinanciada dun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no Marco do Programa Operativo de Crecemento Sustentable (POCS) 2014-2020. Así desta cantidade, dos 1,510.000 euros destinados á execución da obra,  976.000 euros proveñen de fondos Edusi e  534.000 euros de fondos propios.

 

E por outro lado, está a parte de acondicionamento de espazos infantís por unha cantidade de 240.000 euros, cifra que se financiará integramente con fondos do Plan Concellos da Deputación.

 

“Coa comisión queremos explicarlles á oposición de primeira man cal é o proxecto e debater sobre as cuestións e o fondo do proxecto coa idea de intentar aproveitar o mes de maio para continuar coas tramitacións”, apunta o mandatario que indica que “aínda temos que realizar a parte administrativa do proxecto, os informes municipais e a aprobación definitiva e a parte da tramitación para xerar o crédito por parte do Ministerio para que este nos valide a actuación e nos remita o documento DECA (Documento no que se establecen as condicións das axudas) que é o que nos habilita para a creación dos fondos necesarios para a licitación”.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Mañá arranca no MOME a segunda edición do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia da USC

                        É un curso dirixido a maiores de 50 anos e anotáronse 35 persoas

 

 

Mañá, martes, comeza na Estrada a segunda edición do programa universitario de maiores, IV Ciclo, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), baixo o título Camiños de Coñecemento e Experiencia. Este curso ten como obxectivo  favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico e artístico e vai dirixido á poboación maior de 50 anos. Anotáronse un total de 35 persoas, 12 máis que a edición anterior. A iniciativa, totalmente gratuíta, levarase a cabo agora, durante o mes de maio, e estará dividido en tres clases teóricas e tres prácticas. Mañá comeza coa primeira clase teórica prevista desde ás 17.00 ás 18.30 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME).

 

A formación programada por parte da USC, concretamente polo Vicerreitorado de Formación e Innovación Educativa, divídese tres seminarios, cuxas clases teóricas terán lugar no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) cunha duración aproximada de 90 minutos impartíndose de 17.00 a 18.30 horas.  O alumnado recibirá, en tódalas teóricas, a presentación en power point ou un esquema.

 

O primeiro seminario tratará o mundo artístico e en concreto, o musical. A música ten moitas funcións e sen dúbida, a educación coa música é unha delas, por iso baixo o título Música galega, tratarán esta temática, nunha comarca onde o apego musical é recoñecido historicamente pola implicación sociocomunitaria dos seus habitantes. Abordará a emoción, a afectividade e a música galega, centrándose en como a música afecta ao noso cerebro e á construción dos valores dun pobo. Tamén, lles ensinarán os usos e funcións da música, vendo a construción musical como unha manifestación cultural artística. Está xornada será mañá, día 3. Estará impartida por Silvana Longueira Matos, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC e do Programa Universitario e Maiores, IV Ciclo da USC e por Laura Touriñán Morandeira, profesora tamén deste mesmo programa.

 

A parte práctica deste temario consistirá en asistir a un concerto da Real Filharmonía de Galicia, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Falta a data por confirmar. En todas as saídas previstas haberá servizo de autobús gratuíto.

 

O segundo temario abordará unha temática máis científica facendo referencia aos cambios máis relevantes que se están producindo na sociedade e o continuo incremento do envellecemento da poboación. Coñecer o proceso de envellecemento é unhas das mellores formas de optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a calidade de vida nesta etapa. Estará impartido por Víctor Manuel Arce Vázquez, doutor en Medicina e profesor da Facultade de Medicina da USC e do Programa Universitario e Maiores, IV Ciclo da USC e por José Manuel Fernández García, doutor en Medicina, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e Coordinador nacional do Grupo de Traballo de Nutrición de Semergen. Terá lugar o día 8 de maio.

 

A práctica deste seminario será o 25 de maio. Consistirá nunha práctica de Nutrición, de actividade física e envellecemento da Facultade de Medicina, impartida por Víctor Arce Vázquez, profesor de dita facultade. Terá lugar de 17.00 a 18.30 horas.

 

E o terceiro e último seminario fai referencia á historia da cultura de Galicia II no patrimonio da comarca, baixo o título Tesouros escritos nos mosteiros galegos medievais. A clase teórica terá unha duración aproximada dunha hora e media e 30 minutos dedicaranse á práctica na aula. Durante a práctica terá lugar un pequeno obradoiro para aprender como se escribía e se facían os manuscritos na Idade Media, xa que o seminario abordará os manuscritos medievais, o patrimonio escrito galego relacionado cos mosteiros medievais e as ferramentas e utilidades na rede sobre o contido dese patrimonio. Será o 30 de maio e estará impartido por Mercedes López-Mayán Navarrete, profesora da Facultade de Xeografía e da Historia da USC.

 

A sesión práctica consistirá nunha saída ao Arquivo Histórico Diocesán de Santiago de Compostela para poñer en valor e in situ os contidos teóricos. Será o 31 de maio de 10.30 a 12.00 horas e estará impartido tamén por  Mercedes López-Mayán Navarrete.

 

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Xoán Carlos García Porral presenta o día 9 no MOME o seu libro O último caseiro

O escritor lalinense Xoán Carlos García Porral estará o vindeiro mércores, día 9, na Estrada para presentar a súa última obra, O último caseiro. O acto terá lugar no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) ás 20.30 horas.

 

O evento estará presentado por Luís Ferro e o autor estará acompañado polo alcalde da Estrada, José López, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo narrador Celso Fernández Sanmartín, que é o prologuista do libro.

 

O último caseiro, publicada por Edicións Fervenza, é unha obra ambientada no medio rural na que, a través de pequenos relatos, conta o devir dun caseiro desde que era pequeno ata a súa vellez.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario