BANDO

SOBRE A OBRIGA DE MANTER OS TERREOS E SOARES NAS DEBIDAS CONDICIÓNS DE
LIMPEZA, E EVITAR ASÍ O RISCO DE INCENDIO

De conformidade co disposto na Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo de Galicia, artigo
135; a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de
Galicia, modificada pola Lei 7/2012, de 28 de xuño, de Montes de Galicia, a Ordenanza
Municipal reguladora de limpeza de terreos e protección contra incendios forestais do
Concello da Estrada (BOP nº 78 de 24/04/17) a Lei 9/2017, de 26 de decembro, de
medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia e na restante normativa aplicable.
LÉMBRASELLES, ás e aos propietarios de toda clase de terreos e soares, a súa obriga
permanente de mantelos nas debidas condicións de limpeza, salubridade e ornato
público, procedendo, de ser necesario, a limpalos de maleza, retirar os residuos que se
poidan atopar neles (lixo, entullos, etc) e, en especial, os de fácil combustión, cara a
evitar posibles danos para as persoas e os bens.
Ademais antes deberán cumprir coas obrigas de xestión do combustible vexetal (tala e
roza) antes do 31 de maio de cada ano, adecuándose aos criterios establecidos pola
Xunta de Galicia en materia forestal.
ADVÍRTESE de que o incumprimento desta obriga dará lugar á imposición das sancións
pecuniarias previstas na ordenanza municipal e que a negativa a atender as ordes de
execución que con tal motivo se diten polo Concello levará consigo a imposición de
multas coercitivas de 100 a 6.000 €, reiterables ata que se cumpra integramente o
ordenado, ou a execución forzosa subsidiaria a custa do/a infractor/a.
Todo isto sen prexuízo de que se poidan esixir perante os tribunais da orde penal as
responsabilidades que procedan polo delito de desobediencia tipificado no artigo 556 do
Código Penal.
SOLICÍTASE da cidadanía en xeral a maior colaboración no cumprimento das obrigas
reseñadas neste bando, cunha conduta responsable que contribúa a mellorar as
condicións de limpeza, salubridade e ornato dos terreos e soares no noso municipio.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Apacaf, en colaboración co Concello da Estrada, conmemora o sábado o Día Mundial do Autismo

Apacaf, en colaboración co Concello da Estrada, conmemora o sábado o Día Mundial do Autismo

O pasado 2 de abril celebrouse o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data que se vén conmemorando desde hai unha década. Este sábado, día 14, a Estrada sumarase a esta celebración. A Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf), en colaboración co Concello da Estrada, colocará un stand informativo durante a mañá no Novo Mercado da Estrada e procederase á lectura dun manifesto.

Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible. É o lema da celebración deste ano, tendo como obxectivo sensibilizar sobre o feito de que a accesibilidade vai máis alá do meramente físico e que as persoas con Trastorno do Espectro Autista enfróntanse a diferentes tipos de barreiras que non son visibles.

Apacaf convida á cidadanía acercarse o sábado ao Novo Mercado, onde estará, entre as 11.00 e as 13.00 horas, un stand no que se repartirán folletos e globos azuis. “Xa que azul é a cor que representa ao autismo”, sinala María García Márquez, responsable de comunicación de Apacaf. Por que a azul? Porque esta cor representa a cor do mar que as veces está en calma e outras todo o contrario. Isto pode compararse co que viven os familiares dunha persoa que padece esta patoloxía.

No lugar da conmemoración estará visible unha pancarta na que se poderá ler o lema deste ano. “Estaremos persoal do noso centro así como algúns usuarios e convidamos a todos os veciños a asistir. A  nosa finalidade, con este tipo de actos que celebramos todos os anos, é intentar visibilizar que estamos aí. Queremos amosar as barreiras coas que estas persoas se atopan no día a día e que a xente as recoñeza e axude a rompelas”, apunta García.

Ás 12.00 horas está previsto a lectura dun manifesto e o acto simbólico de “romper barreiras polo autismo”, o que dará por rematada esta xornada de conmemoración, pero ao longo do ano celebraranse outros actos, entre eles un concerto benéfico que terá lugar a finais deste mes de abril. “Estes actos serán o prólogo de outros que faremos ao longo de 2018 debido a que cumprimos 30 anos”, adianta a responsable de comunicación do colectivo.

Apacaf ten o seu centro en A Braña, na parroquia estradense de Berres, e é pioneiro en Galicia na atención a persoas con autismo. Tal e como explica María García na actualidade teñen 34 usuarios, todos adultos, e dos cales 8 viven no centro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Parlamento dá luza verde a unha residencia de maiores na Estrada

O Parlamento aprobou hoxe por unanimidade iniciar antes de 2020, co compromiso da Xunta de Galiza, de dotar de prazas públicas suficientes en residencias de maiores dependentes para acoller a demanda presente e futuro na Estrada e na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, comprometéndose coa petición unánime do concello da Estrada da necesidade dunha residencia pública no municipio.

O texto aprobado tamén recolle unha emenda do BNG, defendida pola deputada Montse Prado, estudará a posibilidade de ubicar a residencia ou o centro de día en edificios públicos existentes, como pode ser o vello centro de saúde, unha vez se poña en funcionamento o novo, xa en fase de licitación por parte da Xunta de Galiza. 

Esta proposta partiu a iniciativa do BNG da Estrada que ve con preocupación o probábel abandono dun edificio público, o que afectará negativamente a comercios e á hostalaría da zona onde está ubicado o actual ambulatorio.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada, en colaboración con Elegal, organiza a xornada Os autónomos, as pemes e a administración electrónica Será o día 19 ás 19.30 horas no viveiro de empresas

Coa entrega en vigor da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como a nova Lei de Contratos do Sector Público, as persoas autónomas, as empresas e diferentes colectivos de profesionais viron tornar radicalmente a súa forma de relacionarse coas administracións públicas. Por esta razón, o Concello da Estrada, e en colaboración cos profesionais de Elegal, levará a cabo o día 19 a xornada Os autónomos, as pemes e a administración electrónica. Será ás 19.30 horas na sala de xuntas do viveiro de empresas, sito na primeira planta do Novo Mercado.

A xornada estará impartida por Ofelia Mato e Manuel Varela, economista e avogado, respectivamente, de Elegal. Durante a mesma abarcaranse os seguintes temas:

  1. O uso do certificado dixital en todas as administracións públicas (Concellos, Facenda, Seguridade Social, AGE, Xunta de Galicia).
  2. A entrada en vigor da nova lei de autónomos e implicacións na vida cotiá das persoas traballadoras por conta propia.
  3. Os Puntos de Atención ao Emprendedor (PAE) e máis concretamente o PAE da Estrada aportando información sobre a simplificación administrativa, o acceso rápido á información relevante, axudas, etc.
  4. E falarán das diversas liñas de axudas e de subvencións que existen para autónomos, emprendedores e pemes.

“Trátase de facer unha xornada dinámica, que sexa máis ben práctica, e que  axude a resolver todas as dúbidas que poida haber neste ámbito”, apuntan desde o Servizo de Emprego Municipal do Concello da Estrada.

A xornada será totalmente gratuíta e é aberta a todo o público en xeral, estea ou non empadroado no municipio estradense. Aínda que non é de todo necesario, os interesados poden anotarse previamente a través do enderezo electrónico aedlconcelloaestrada@gmail.com ou chamando aos teléfonos 986 677 740 ou 986 570 030 (extensión 4226).

 

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta concédelle ao Concello a autorización para poñer en funcionamento o centro de día

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia acaba de concederlle ao Concello da Estrada a autorización administrativa para a creación do centro de día para persoas maiores. O centro, que contará cun total de 20 prazas, situarase na primeira planta do Novo Mercado. O goberno local pretende axilizar todos os trámites necesarios para poñelo en funcionamento o antes posible.

“Despois de varias notificacións e varios axustes que a Xunta nos mandou facer, por fin nos concedeu esta autorización que nos esixe unhas serie de melloras, como a colocación de varandas, así como cando o mobiliario estea colocado se axuste á normativa. Todo isto será revisado polos técnicos cando fagan a inspección oportuna no centro”, indica Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social.

Con este permiso, o goberno local xa se sitúa no punto de partida para facer que o centro de día sexa unha realidade máis próxima, “porque sen este requirimento non podiamos xestionar un servizo senón tiñamos un local que cumpra coa normativa necesaria para a prestación deste tipo de servizos”.  A concelleira apunta que iniciarán en breves o procedemento para a súa xestión “na maneira en que sexa o máis beneficioso para os usuarios e evidentemente, para o Concello”, sinala Goldar.

A concelleira confía en que a posta en marcha do centro de día sexa o máis rápida posible. “Porque sabemos da necesidade deste servizo no concello da Estrada e a gran demanda de usuarios que hai”. Xa existe un estudo de custes, que xa se fixo no seu momento, e a idea que ten o goberno local é que o Concello aporte o local e costee os gastos do seu mantemento e o obxectivo é que se oferten uns prezos e unha xestión alcanzables para os usuarios, independente que despois estes sexan beneficiarios de subvencións da Xunta que lles axude a costear este servizo.

Os usuarios terán a posibilidade de asistir en xornada completa, que sería de oito horas, e a priori calcúlase que o custe medio para o servizo completo sexa de ao redor de 600 euros ao mes. Contará con servizo de comedor, transporte adaptado e un programa de actividades todos os días, aínda que segundo as necesidades que vaian xurdindo haberá diversos servizos a maiores, como servizo de podoloxía, perruquería, de rehabilitación…

Ao centro de día, súmaselle a posible creación doutra residencia na Estrada, tras a aprobación o pasado xoves por parte do Parlamento de Galicia, contando co apoio unánime de todas as forzas políticas, a instar á Xunta a crear para o ano 2020 prazas públicas para maiores na Estrada. “Evidentemente, sabemos que o centro de día é moi necesario, pero que estas 20 prazas non acapara nin cobre todas as necesidades dos maiores do noso concello”, afirma Goldar e incide en que é necesario “loitar por unha residencia. Persoalmente e pola percepción que teño destes seis anos ou sete que levo á fronte do departamento, creo  que unha residencia de dependentes é o que necesita o Concello da Estrada. Xa temos unha de válidos, e aquí poderíase aumentar algunha praza, pero realmente unha de dependentes cubriría as necesidades do noso concello”, resalta a edil que engade: “O Concello  fixo os deberes, o Concello ten terreo público gracias á aprobación do Plan  Xeral e Plan Parcial da zona da Baiuca, onde se pode construír unha futura residencia”. A concelleira apunta que se poñen á disposición da Xunta para aportar todo o preciso para poder levar a cabo ese outro servizo tan importante, como é unha residencia. Goldar confesa que non se sabe se sería de titularidade pública ou privada, pero “ten que ter un custe que poida ser asumido polas persoas que necesiten deste servizo, independente da capacidade económica que teñan, xa que hai que garantir a todo o mundo este servizo, que é fundamental”.

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Presentación «O Legado dos Valladares de Vilancosta»

O legado dos Valladares de Vilancosta é o froito de anos de traballo do profesor e humanista Carlos FerreirósEspinosa (Poio, 1917-Berres, 1996), quen, tras o seu retiro como Catedrático de Terapéutica Física da Universidade de Santiago, marchou ao casal de Vilancosta ―que herdara dos seus devanceiros― para dedicar o resto dos seus días á escrita dunha longa crónica da saga familiar.

​O resultado é esta amplísima monografía de case setecentas páxinas, un estudo decisivo para o mellor coñecemento dos Núñez, os Gómez Rivadulla e Besteiro, os Valladares, os Espinosa e os Ferreirós, distinguidas familias de próceres e ilustrados á que pertencen algúns dos persoeiros máis significados non só das terras ullás, senón de todo Galicia, como o insigne político, xeógrafo e ensaísta Xosé Dionisio Valladares; os seus fillos, os eximios escritores Marcial Valladares e AvelinaValladares; ou o político rexionalista e tamén escritor Laurentino Espinosa Valladares.

​Este libro é un volume de decisiva importancia por canto nel se recolle moi valiosa documentación de tipo histórico, cartográfico, epistolar, ensaístico, literario e gráfico, acompañándose todos estes importantes materiais de abondosas informacións contextuais e biográficas que os explican.

​Mercé a estas páxinas descubrirase o decisivo papel que como cartógrafo xogou Xosé Dionisio Valladares na confección do mapa do seu colega Domingo Fontán; poderán consultarse datos e xuízos de innegable interese respecto da vida e obra de Marcial Valladares; leranse versos inéditos, en galego e castelán, de Avelina, Serxio e Luísa Valladares e tamén de Laurentino Espinosa, así como correspondencia con outros persoeiros destacados do seu tempo.

​Este excepcional volume de Carlos FerreirósEspinosa conta, amais, cunha moi elaborada “Introdución” que coasinan catro grandes coñecedores do legado dos moradores do casal de Vilancosta; a saber: Mercedes Brea, Juan Andrés Fernández Castro, María Xesús Nogueira e Ofelia Rey Castelao. Tamén forman parte da publicación dous textos de presentación asinados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e mais o alcalde da Estrada, Xosé López Campos, e un capítulo epilogal disposto polos fillos do autor: Carlos, Maricarmen, Xoaquín e Xosé Ferreirós Domínguez, que trazan un completo perfil da figura de seu pai.

​O legado dos Valladares de Vilancosta foi preparado para a súa edición por Armando Requeixo, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, entidade que publica o libro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Viveiro de Empresas acolle esta tarde unha xornada sobre emprendement

O Viveiro de Empresas da Estrada, sito na primeira planta do Novo Mercado, acolleu esta tarde de mércores, día 11, a xornada Emprender con sentidiño. Foi ás 19.00 horas. Nesta iniciativa colaboran a Concellería de Promoción Económica, Comercio e Emprego, liderada por Óscar Durán, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra, o Igape e Kalekói.

Na xornada participarán:

__ Alfonso Uzal (Responsable da Comarca de Tabeirós de AJE Pontevedra)

__ Pablo Fernández López (Presidente de AJE Pontevedra) que aportará información sobre AJE Pontevedra ao servizo do emprendedor, servizos, formación, networking e máis.

__ Miguel Ángel Romero (Técnico da Área de Financiamento do IGAPE). Que abordará os recursos públicos para emprender e consolidarse.

__ Álex Moure (Empresa Kalekói). Contará a súa experiencia como emprendedor de éxito coa súa andaina laboral baseada na elaboración de iogures artesanais e produtos de Galicia.

 

O curso é totalmente gratuíto e non será necesario inscribirse.

Publicado en Portada | Deja un comentario