O pasado xoves reuniuse a mesa de contratación para levar a cabo unha parte do primeiro proxecto de pavimentacións de pistas do rural que para esta actuación concreta conta cun importe de 565.453 euros e presentáronse un total de 12 ofertas. O xoves levaron a cabo a apertura do sobre A, pero había dúas empresas que lles faltaba documentación, entón dáselle un prazo de tres días para requirirlle o que lle falta e poder abrir o sobre C, o sobre dos criterios técnicos, para empezar a valorar ese sobre e finalmente abrirase o B que é o da oferta económica.“Agardamos a que esta obra estea adxudicada no mes que vén igual que as outras tres de pavimentacións, que temos un total 1.100.000 euros para proxectos de pavimentación integramente para o rural”, sinala o alcalde da Estrada, José López. Así o proxecto que está en marcha nesta liña, en proceso de licitación, é o de pavimentación en Orazo, Baloira, Frades e Couso por un importe de 150.000 euros. Nos vindeiros días lanzaranse outros dous: outro de 150.000 euros para facer actuacións en Ribela, Cereixo, Nigoi e Lamas e outro de 240.000 euros para facelas en Rubín, Berres, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Parada. O de algo máis de 565.000 euros, para o cal esta semana se reuniu a mesa de contratación, beneficiará a Lamas, Vinseiro, Rubín, Berres, Casa do Frade, San Miguel de Castro, Aguións, Guimarei, Cora, Baloira, Somoza, Callobre e Agar.López adianta que están traballando na elaboración dun novo proxecto para inicios de ano ao que van destinar outro millón de euros máis para novas actuacións de pavimentacións no rural. “Agardamos que de aquí a primavera, entre abril e maio, poidamos investir máis de dous millóns de euros no que son asfaltados de pistas rurais”. Este proxecto e tal como apunta o rexedor intentarán que estea financiado a principios de ano con fondos do Plan Concellos e con fondos municipais.
O Concello destinará 2 millóns de euros para pavimentar pistas no rural
Arrancan as obras da segunda fase do Centro Hípico por un importe de 48.000 euros
O pasado mércores comezaron as obras do Centro Hípico, sito no mercado gandeiro de Guimarei. A actuación foi adxudicada a Arines S.L. por un importe de 48.000 euros. O alcalde da Estrada, José López, agarda de que esta actuación estea rematada antes do Nadal e para que Sociedade Cabalar da Estrada (Socade) poida levar a cabo o seu proxecto do vindeiro ano.
“Eles teñen un proxecto de xestión da instalación realmente interesante no que queren facer actividades con escolas deportivas de hípica, así como achegar tamén o mundo da hípica aos máis cativos, para facer terapias cos cabalos así como dar servizo ás actividades propias da propia asociación, tanto dos asociados como de todos en xeral”, apunta o alcalde.
Con esta execución o Concello remata unha inversión de preto de 130.000 euros para este fin, e destes últimos fondos (48.000 euros) están financiados integramente pola Consellería do Medio Rural. “Para nós é un proxecto tamén moi agardado, a parte de polos máis de cen socios que ten a asociación Socade, por todas as persoas, que son moitas, que teñen relación co mundo do cabalo. A Estrada é un concello que ten moita tradición con este mundo e tiñamos moitas ganas de ter unha instalación que fose referente nesa materia e que nos aporta un valor engadido importante con diferenza ao resto dos centros hípicos, xa que o noso ten un espazo cuberto e en Galicia sempre é importante ter unha zona cuberta na que poder practicar deporte durante todo o ano”, salienta López.
Durante esta actuación que se está levando a cabo construirase un cerre, farase unha zona de acceso, adecuarase a pista e crearase un salón social. A actuación tamén inclúe resolver a problemática de humidades na paredes da pista e a substitución de varias pranchas translúcidas da cuberta actual co obxectivo de evitar filtracións.
A Directora Xeral de Familia e Infancia visitou esta mañá a gardería Estradense Elfos
A Directora Xeral Amparo Gónzalez acompañada do Alcalde Estradense Jose López visitaron esta mañá a gardería estradense Elfos.
25N nos IES A Estrada
O Concello presentará o xoves o Plan Local de Saúde en compañía do Centro de Saúde e do Sergas
O Museo do Moble e da Madeira (Mome) acollerá o vindeiro xoves, día 30, ás 20.30 horas un acto para presentar o Plan Local de Saúde. No acto, aberto a todo público, os encargados de explicar esta iniciativa serán o alcalde da Estrada, José López, o concelleiro de Sanidade e o coordinador do Concello deste plan, Óscar Rancaño, o coordinador do Centro de Saúde, Juan Sánchez e a xerente da Área Sanitaria do Servicio Galego de Saúde (Sergas), Eloína Núñez.“Convidamos a todos os colectivos a asistir e tamén a calquera persoa que de maneira individual queira achegarse a este acto, no cal explicaremos cales son os obxectivos que nos temos marcado con esta nova estratexia que iniciamos na Estrada da man do Centro de Saúde”, apunta o alcalde. O obxectivo, tal e como sinala López, é crear dinámicas e hábitos saudables. “Está acreditado en todos os estudos que a saúde non é só unha cuestión de xenética e de asistencia médica, senón que é un factor moi importante na saúde das persoas, sendo necesaria a prevención e polo tanto, a promoción de hábitos saudables”.O Concello da Estrada apoiarase no estudo que levou a cabo o persoal do Centro de Saúde que permitiu coñecer cal é a realidade actual en materia de saúde na Estrada, aínda que xa no seu día houbo iniciativas en relación a favorecer esta cuestión, como foi o tema da dieta atlántica. A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) é outro dos pasos que complementarán esta iniciativa de mellorar os hábitos saudables na vila. “Creo que temos o círculo pechado: temos un gran equipo médico na Estrada que leva facendo un traballo durante moitos anos moi importante, temos unha poboación, que creo que é sensible a esta realidade, temos unha estratexia que nos vai permitir facer esas actuacións necesarias e creo que nos podemos situar na cabeza dos concellos de España nesta materia”, afirma o rexedor.A Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Federación Española de Municipios e Provincias están apostando moito por estas políticas, así como a Unión Europea. “Xa que todo o que sexa prevención reduce os custes sanitarios, que é a área onde máis esforzo fan todas as Administracións para poder manter todas as infraestruturas sanitarias e os medios”, resalta López.Para todo isto, que está cargado de vantaxes, o alcalde é consciente de que é necesaria a implicación de todos os veciños. Das determinacións que xurdan dese Plan de Saúde sairán actuacións concretas que o Concello ten o compromiso de incorporar na Edusi e todo isto se traslada en crear espazos pensados no ocio, nas actividades ao aire libre, nos deportes…e A Estrada ten espazos que poden adaptarse a esta realidade. “Unha vez que poñamos en marcha o Plan Local de Saúde e os equipos de traballo teremos que facer plantexamentos de proxectos concretos que poidamos levar á práctica e que encaixan perfectamente coa propia estratexia que nós temos aprobada pola Unión Europea, na que temos eses 6 millóns de euros de investimento, na que unha parte importante era o tema da mellora da mobilidade, da accesibilidade, a recuperación de espazos, e a creación de zonas verdes para a cidadanía”, achega o rexedor. Ao mesmo tempo, López é consciente de que todo isto é unha cuestión de tempo “as tendencias de saúde non se cambian en meses, ni en semanas, é unha cuestión de anos e é un camiño que vamos empezar a facer da man, do que eu creo que son as patas da Administración máis importantes para os nosos veciños, que son o Concello e o Centro de Saúde, que é practicamente onde a cidadanía ten un maior contacto coa Administración”.O alcalde adianta que o Concello da Estrada xa está rematando os trámites para adhesión á Red Española de Ciudades Saludables (RECS) e tamén á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde que fomenta a OMS. O Concello xa remitiu toda a documentación, os acordos plenarios e López agarda que antes de que acabe este ano ,a Estrada poida estar integrada nestas dúas estratexias. A partir de aí na Estrada sairán diversas actuacións e o municipio poderá tamén optar a fondos europeos adicionais ao estar dentro destes dous proxectos.
López augura que en Nadal a cidadanía poida facer uso da Zona dos Viños e as obras teñan un resultado satisfactorio para todos
Considera que Mar Blanco fala por falar e sempre con falta de coñecementos
A empresa encargada da execución das obras da Zona dos Viños, Desmaco S.L.U. , onte, xoves, meteu un equipo máis de traballo para avanzar nos trámites da propia obra. É unha obra complexa porque hai que compatibilizar a actuación coa accesibilidade, porque é necesario darlle acceso aos locais para non prexudicar a súa actividade. “Nós desde o primeiro momento, tanto a Dirección da obra como desde o Concello, estivemos intentando ir resolvendo os múltiples problemas que foron xurdindo coa empresa. Creo que a empresa si empezou agora a tomarse en serio a obra”, apunta o alcalde da Estrada, José López.
O rexedor recrimina as declaracións realizadas por Mar Blanco, voceira de Móvete, acerca deste tema. “O que parece unha vez máis é unha saída de ton da voceira de Móvete, porque ultimamente creo que está demostrando o seu descoñecemento en moitas materias: fala da Edusi sen saber absolutamente nada dela, fala do plan sen ter idea nin ter participado nel, opina de orzamentos sen ter coñecementos do que fala, e agora tamén sabe de obras e parece que está na Zona dos Viños todos os días”.O alcalde afirma que eles si estiveron por alí a diario e “estivemos falando non só cos hostaleiros, senón tamén cos veciños, que parece que o único que lle preocupa a Móvete son os hostaleiros, pero aí tamén viven veciños que sofren os avatares dunha obra e que como calquera obra cando se executa ten as súas complicacións”.
Ademais, engade que “eu entendo que esta señora nunca executou ningunha obra, nin ningunha outra cousa porque non se lle coñece oficio, pero si é certo que os que levamos toda a vida resolvendo problemas sabemos que ás veces os problemas son complexos. Neste caso, como é a Zona dos Viños, é unha obra difícil e creo que o sistema que ten a Xunta de adxudicación de obras fai que ao final veñan empresas cunhas baixas que despois non son capaces de xustificar e o Concello é alleo a esa realidade. Nós o único que facemos é preocuparnos e velar para que a obra vaia ben e preocuparnos porque os veciños e hostaleiros teñan os menos prexuízos posibles”.O rexedor está convencido de que no Nadal todo o mundo se esquecerá da problemática da obra e gozará dunha nova zona, que é a única peonal que hai na Estrada, zona que o Concello quere seguir apostando por poñer en valor. “Nótase que estes de Móvete nunca tiveron responsabilidades no goberno e nunca tiveron que tomar decisións porque non saben como se xestiona unha obra destas, que ademais leva sendo demandada fai moitísimos anos pola hostalaría e polos veciños da zona, porque en ningún caso quedaron satisfeitos pola execución da última obra que se fixo alí, e eu creo que ao final todos sabemos que esta obra se atrasou para favorecer os intereses dos hostaleiros cando foi a Festa dos Salmón no mes de maio, cando foi polas festas da Estrada e fomos atrasando para prexudicar o menos posible, pero chega un momento no que as obras hai que facelas e agardamos que se acaben no menor tempo posible e o resultado sexa satisfactorio. E agardo que o prexuízo que se poida producir se torne nun maior beneficio cando as obras estean finalizadas, sen que os locais teñan que aportar nin un só euro de fondos públicos para mellorar o espazo público e tamén para mellorar a actividade que se xera alí”.López insiste en que “paréceme un auténtico despropósito que Móvete expoña, e iso xa demostra a ignorancia, que o Concello teña que compensar á hostalaría polos danos que se lle poidan causar durante estes días e isto xa di moito das súas ocorrencias, e xa calquera que lea as súas palabras, imaxínense o que pensarán cando haxa calquera tipo de obra. Por que indemnizar a hostalaría e non a calquera persoa que poida verse afectado por unha obra, como pode ser aquelas que non poidan acceder aos seus garaxes? Isto é un auténtico despropósito que demostra o pouco nivel que ten a concelleira. Unha cousa é falar por falar e outra cousa é cando unha representa e é membro dunha corporación municipal, polo que debería ter algo máis de coñecemento das circunstancias antes de falar alegremente. Pero así son as Mareas os que supostamente viñan a cambiar a política, xa sabemos todos como funcionan, e ao final non podemos agardar moito máis deles. Ata agora, en dous anos que levan na corporación municipal a utilidade que tiveron para os veciños foi bastante pouca. Aquí o caso é criticar constantemente por todo, senón houberamos feito a obra estarían sendo moi críticos porque o goberno non asume e non cumpre os seus compromisos e cando a facemos porque a facemos ao igual que as últimas ocorrencias que tivo varias, como a dos orzamentos, e que evidentemente hai que tomalas como unha anécdota e nós o que temos que facer é seguir traballando”.
O luns póñense á venda as entradas dos espectáculos 100% Burbujas e Tow Sawyer Detective, enmarcados no Outono no Principal
O vindeiro luns, día 27, poñeranse á venda as entradas de dous novos espectáculos enmarcados na programación cultural do Outono no Principal. Serán as referentes a 100% Burbujas de Bubble Factory e a de Tom Sawyer Detective de Cía Lazzygags. Poderanse mercar no departamento de Cultura do Concello (segundo andar) de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, en Ticketea ou na tenda Tiko Doco, situada no número 8 da rúa San Antón da Estrada.O espectáculo familiar de 100% Burbujas será representado o 26 de decembro cun único pase ás 12.30 horas. Bubble Factory está dirixida polo mestre David Vega, sendo considerada como unha das dúasmellores compañías a nivel nacional na arte efémera con pompas de xabón. Posúe, desde hai sete anos, sen que ninguén fose capaz de superalo, o Récord Guinnes á concatenación de pompas de xabón máis longa nunca xamais conseguida.100 % Burbujas conta a historia dun mestre da arte de pombas de xabón, cuxa misión é ir viaxando polo mundo para mostrar a todas as persoas este sorprendente universo das pompas. O profesor irá contando cousas moi interesantes sobre as pompas, desde nocións científicas con moita pedagoxía para todos os públicos, ata momentos poéticos irrepetibles onde se transporta aos espectadores a un mundo moi preto ao dos soños. Todo cunha pequena dose de tolemia desta nova e peculiar personaxe de estraño acento estranxeiro (hai quen di que naceu preto de Moldavia), que conducirá as súas esculturas imposibles dentro dunha fermosa historia teatral con moitísimo encanto e humor. Pompas xigantescas máis grandes que unha persoa, outras máis pequenas que rebotan como se foran de goma, construcións inverosímiles de pompas sobre pompas. Usando aire, auga, lume, fume, vapor de agua, helio, así como unha infindade de artiluxios para fabricar una gran variedade de figuras distintas.Por outra banda, tamén se poñen á venda as entradas do musical familiar Tow Sawyer Detective que terá lugar o 3 de xaneiro, cun único pase, ás 18.00 horas.Baseada no inmortal e celebérrimo texto de Mark Twain é considerada unha obra mestra da literatura. A produtora Lazzygags presenta esta nova versión da historia en formato musical con dirección e libreto de Miguel Agell e cancións orixinais de Marc Sambola e Letras de Lídia Linuesa.Tom Sawyer e o seu amigo Huckleberry Finn vense implicados nun aparatoso caso con diamantes roubados, usurpación de identidades, asasinatos encubertos e falsas acusacións. Coa súa pericia conseguen resolver as leas, sentar as bases dunha sólida amizade, e incluso Tom, nunha aloucada escenafinal, postúlase como eficaz avogado. Conta cun elenco de artistas procedentes das mellores producións de teatro musical do país.O espectáculo chega por primeira vez a Galicia tras unha tempada con moito éxito no Teatro Regina de Barcelona, onde foi aclamado por máis de 40.000 espectadores, e unha extensa xira por teatros de toda España.Tom Sawyer detective recibiu o premio ao Mellor musical infantil dos Premios del Teatro Musical 2015 outorgados no Teatro Sanpol de Madrid. Este é o primeiro galardón que recibe o espectáculo, despois de ser un dos 10 candidatos (de entre os que se seleccionan os tres finalistas) nas categorías do Mellor espectáculo infantil e Mellor actor de reparto para Xavi Duch aos Premios Max das artes escénicas de 2015.O reparto está encabezado polo actor Bittor Fernández (Tom Sawyer), Marc Udina ou Ferran Rull(Huckleberry Finn), Miquel Agell (Tio Silas, Bandido 1, Brace, Abogado), Marc Gómez (Carteiro, JakeDunlap, Júpiter Dunlap, xuíz) e Georgina Llauradó ou Anna Alborch (Tia Polly I Sally, Bandido 2, Cherif, Fiscal).







































