O Centro de Información á Muller da Estrada atendeu 533 consultas no 2016

                               Houbo un incremento de case 60 con respecto a 2015

 

O número de consultas atendidas no Centro de Información Á Muller da Estrada vai en aumento, tal ecomo demostran os datos.  “Isto quere dicir que existe esa conciencia de que as mulleres teñen un centro específico ao que poder acudir”, sinala Margarita de la Calle, directora do centro estradense. As estatísticas reflicten que o pasado ano no CIM do municipio rexistráronse un total de 533 consultas. Unha cifra que se incrementou con respecto aos dous períodos anteriores, posto que no 2014 contabilizáranse 353 e no 2015, 474.Entre as funcións do CIM figuran: asesoramento xurídico, atención psicolóxica, atención ás vítimas de violencia de xénero, orientación laboral e achega de todo tipo de información sobre cursos, xornadas, actividades e diversos recursos. No 2016 houbo un incremento, case xeneralizado, de consultas nos diferentes ámbitos. Así; no asesoramento xurídico, neste último ano, rexistráronse 186, fronte as 111 do 2014 e as 114 de 2015. Esta alza tamén se observa na atención á violencia de xénero, posto que no 2016 houbo 78 consultas, no 2015, 68 e no 2014, 42.Pola súa parte, tamén se produciu un incremento importante na orientación de emprego, xa que no 2014, só seis persoas asistiron ao CIM, cifra que aumentou no 2015 con 17 consultas e no 2016 con 27. Cada vez son máis, tamén, as solicitudes de información sobre os recursos existentes. No 2014 non se rexistrou ningunha, mentres que no 2015 houbo 32 e o ano pasado 40.No 2016 as consultas por atención psicolóxica foron 248, número moi similar a 2015, que foron 241.  No 2014 se contabilizaron 187. En canto ás consultas destinadas a dar información sobre cursos, xornadas e actividades, apenas se teñen producido, xa que nestes tres períodos, só se atenderon dúas en 2015, mostra de que a cidadanía obtén esa información a través doutros medios.Cabe destacar que dende outubro pasado os CIMs están regulados por un novo decreto que ten como principal obxectivo mellorar neste servizo, tanto na promoción da igualdade de xénero mediante a información e o asesoramento, como na prevención e a loita contra a violencia de xénero na comunidade. “Un cambio relevante é o aumento das horas mínimas de atención, tanto a psicolóxica como a xurídica, para adaptarse á nova regularización, así o servizo da avogada pasou de seis a dez horas, e a psicóloga conta con xornada completa”, apunta Margarita de la Calle.Próximas actividadesO CIM xa está traballando na preparación de diversas actividades para os vindeiros meses. Así en setembro está previsto a realización dun novo taller, similar ó realizado o ano pasado, con motivo do Día Mundial da Saúde Sexual e tamén terá lugar unha nova sesión de coordinación da Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, pero aínda están por concretarse as datas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada aplica o horario de verán ó punto limpo aumentando os días do servizo

Dende hoxe, martes, ata o 16 de setembro o horario do punto limpo da Estrada ampliarase un día máis con motivo da temporada estival. Desta maneira, estará aberto mércores, xoves, venres e sábado pola mañá de 10.00 a 13.00 horas. Ata esta data o servizo funcionaba os xoves e venres de 09.00 a 13.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.O punto limpo, situado no lugar de Penerada (Ouzande), detrás do matadoiro municipal, contribúe na defensa do medio ambiente xa que nel deposítanse todos aqueles residuos que precisan dun tratamento específico.No Punto Limpo admitiranse exclusivamente os seguintes tipos de residuos de orixe doméstico.1.- Residuos comúns:a) Papel e cartón.b) Vidro: botellas e cristais varios.c) Envases de plástico, bricks e latas.d) Restos metálicos de fogares (ferralla e metais).e) Madeira.f) Téxtiles.g) Residuos voluminosos: mobles, colchóns e electrodomésticos sen gas CFC (lavadoras,cociñas, quentadores de auga,…).Ademais de poder levar estes residuos directamente ó Punto Limpo, continua en vigor o servizoperiódico de recollida domiciliaria, nos días e lugares que previamente se estableceránpara a mesma. Os interesados neste servizo deberán chamar ó 986 570 030.h) Entullos de pequenas obras.i) Plásticos: de orixe doméstico, así como de silos e invernadoiros.j) Residuos verdes: residuos procedentes de podas e restos vexetais.2.- Residuos especiais:a) Disolventes, pinturas e vernices.b) Fluorescentes e luminarias de vapor de mercurio e similares.c) Baterías e pilas.d) Radiografías.e) Aceites minerais e vexetais usados, procedentes de particulares.f) Electrodomésticos con gas CFC (frigoríficos e conxeladores).g) Aerosois.Pola contra, non se admitirán no punto limpo:- Materiais sen clasificar.- Materia orgánica.- Zapatos e roupa sucios.- Residuos sanitarios (medicamentos ou envases dos mesmos, infecciosos, clínicos,biosanitarios,…)- Residuos radioactivos (pararraios…).- Residuos procedentes de actividades industriais ou comerciais.- Residuos xerados por actividades mineiras ou extractivas.- Animais mortos.- Pneumáticos.- Recipientes voluminosos, metálicos ou plásticos, (aproximadamente de 25 litros ousuperiores) que contivesen produtos tóxicos ou perigosos.- Calquera outro residuo que non se enumere na lista de residuos admisibles e non sepoida identificar e/ou clasificar na categoría dos que se admiten.- Produtos procedentes de decomisados.Á hora de levar os residuos ó punto limpo deberase seguir unhas precaucións, como por exemplo cosfluorescentes e coas lámpadas de mercurio, intentando que durante o traslado non se rompan xa que son residuos moi perigosos.No caso dos disolventes, pinturas e vernices non se deben mesturar estas substancias con outras de características similares.No transporte de frigoríficos ou outros electrodomésticos con circuíto de refrixeración  CFC`s hai que evitar que se rompa porque son altamente contaminantes.Non se poden mesturar os aceites de motor con outro tipo de aceites.Hai que evitar que os medicamentos se humedezan.Os aerosois hai que depositalos enteiros, sen desmontarse. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Orazo, Agar, Remesar e Castro sufrirán cortes de luz durante a mañá do sábado

A empresa Unión Fenosa Distribución informa de novos cortes de luz que afectarán a catro parroquias estradenses o vindeiro sábado, día 5, en horario matinal de 08.00 a 14.00 horas. As interrupcións no subministro de electricidade durante ese intervalo de tempo débense a traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica precisospara atender nas mellores condicións as necesidades do subministro da zona.As instalacións eléctricas sometidas a descargo afectan ás seguintes parroquias e lugares: Orazo (San Lois, Pazos e Orosa); Agar (Penalobeira, Pena do Foxo, Sorribas, O Souto, O Outeiro, Pepe, Gonxar, Paraxó, A Revolta, Valiñas, Pedreira, A Lagoa, Río e Gueifas); Remesar (A Vilasusán e Vilanova) e Castro (Camiño Real).Os interesados poderán obter máis información a través do teléfono 900 333 999.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada estrea nova páxina web

O Concello da Estrada estrea nova páxina web, páxina que se puxo en funcionamento onte, xoves. Os cidadáns que accedan a ela ( http://www.aestrada.gal ) poden ver un deseño más atractivo e, sobre todo, máis funcional e visual; que lles permitirá obter toda a información sobre o municipio de maneira sinxela e namaior brevidade. A cor verde mudou pola azul e a información estrutúrase basicamente en oito seccións que se sitúan na parte superior, divididas á súa vez en diversos bloques a través dun menú despregable. Salientar que o Concello da Estrada emprega o dominio .gal que contribúe a fomentar a lingua  e cultura galegas.Desta maneira, aparece diferente información, en galego e en castelán, agrupada en oito apartados: Concello, Cultura, Turismo, Deporte, Urbanismo, Servizos sociais, Servizos e Trámites. Por poñer un exemplo, na sección Concello pódese atopar información sobre a corporación municipal, as comisións informativas ou sobre as áreas de goberno, entre outras.Así mesmo, todas as últimas noticias aparecen no Inicio (para volver ao Inicio pódese pulsar sobre o escudo do Concello situado na marxe esquerda) para que o cidadán poida acceder directamente, independentemente de cal sexa o seu tema, o que permite que o usuario estea informado de toda a actualidade. Ademais, no Inicio aparecenna parte dereita puntos de grande interese como son: a sede electrónica, o perfil do contratante, o rexistro de entidades provedoras, a presolicitude dos postos da Praza de Abastos, todo o relacionado co disco azul e a zona verde e todos os proxectos financiados con Fondos Feder.Visualmente, aparte do cambio de cores, o máis destacado a primeira vista, quizais sexan as fotos que aparecen de maneira sucesiva. Instantáneas como a do Pazo de Oca, a da Rapa das Bestas ou a do casco urbano reflicten claves esenciais do que se pode ver no municipio. Isto complétase coa sección Turismo, desde onde se pode, ademais, descargar directamente a guía turística da Estrada, que inclúe tamén puntos de interese das zonas limítrofes.Dispositivos móbilesUnha das grandes novidades da nova páxina web e que é accesible tamén desde dispositivos móbiles. O que se pretende é que o cidadán poida obter a información cando o desexe e desde calquera punto, sen necesidade de ter que estar diante dun ordenador. Hai que salientar que a páxina do Concello é visitada a diario por un número importante de usuarios.Practicamente, con este cambio mudouse o deseño e a reagrupación das seccións, pero o que se pretende é ir mellorando aspectos relacionados co contido, e tratar de completar, na medida do posible, toda a información sobre todos os temas de interese.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG DA ESTRADA INSTA Ó GOBERNO DO PP A PORLLE SOLUCIÓN A VARIOS PROBLEMAS NA PARROQUIA DE S. MIGUEL DE CASTRO

O BNG da Estrada vén de comprobar unha serie de problemas que afectan negativamente ós veciños de San Miguel de Castro.

O primeiro deles é a ocupación dun camiño público por parte da empresa ERIMSA S.A. no lugar de Prado. Tal camiño dá acceso a parcelas privadas, acceso que agora está totalmente bloqueado por acumulación de materiais producidos pola canteira e mesmo por grandes blocos de pedra colocados a propósito para impedir o paso. Supoñemos desde o BNG que non hai licencia posible para esta actuación e que o goberno municipal debe restablecer xa os dereitos dos veciños.

O segundo problema refírese ó estado de deterioro en que se atopa o firme da travesía que une a estrada PO2017 (Balboa-Ponte Ledesma) coa N 525 no cruce de Balboa desde o lugar de Moimenta e paso obrigado se os usuarios queren evitar a perigosa saída á 525 en Balboa. Esta travesía soporta o paso de camións de ERIMSA, motivo que esixe un mantemento periódico que, segundo a nosa información, lle corresponde á empresa propietaria dos camións de gran tonelaxe que transitan por ela.

Desde o BNG instamos ó goberno municipal a que poña inmediata solución a estas situacións que prexudican de forma significativa aos veciños e veciñas destes lugares, veciños que ademais veñen soportando día tras día situacións que se producen desde hai tempo sen ningún tipo de intervención do poder público : Trazado perigosísimo da desviación que fomento fixo na PO2017 por mor do AVE, desviación de facto, sen licencia previa, de parte do caudal do Rego de Castelo para uso privado ..

Insistimos en que o goberno do Sr. López exerza dunha vez por todas de alcalde e cumpra coas súas responsabilidades.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada acolle unha nova edición do Ciclo de Cine na Rúa do 7 ó 10 de agosto con catro filmes

 

Mascotas, Maimiño e o espello máxico, Zipe e Zape y la isla del capitán e El Desafío son as elixidas

 

O Concello da Estrada levará a cabo no mes de agosto catro xornadas dunha nova edición do Ciclo de Cine na Rúa. O programa incluirá catro filmes desde o 7 ó 10 de agosto. Proxectaranse ás 22.30 horas, con acceso gratuíto, e terán como escenario os xardíns municipais e a Praza do Mercado. As películas elixidas para esta ocasión son Mascotas, Maimiño e o espello máxico, Zipe e Zape y la isla del capitán e El Desafío.

“Un ano máis organizamos estas xornadas de cine que están dirixidas a fomentar as actividades de ocio entre a xuventude durante a época de vacacións. Ademais, os filmes elixidos para esta ocasión están pensados para o desfrute de toda a familia, e a maioría deles son comedias” , resaltou o edil de Cultura, Juan Constenla, hoxe durante a presentación do evento.

 

Filmes, horarios e argumento.

  • Mascotas. Película de animación de comedia dirixida por Yarrow Cheney e Chris Renaud. Será o día 7 ás 22.30 horas na Praza do Mercado.

*Sinopse: Nun edificio de apartamentos de Manhattan, a vida de Max como mascota favorita corre perigo cando a súa dona trae a casa outro can chamado Duke, con quen Max pronto ten as súas diferenzas. Pero ambas mascotas teñen que deixar atrás a súa rivalidade cando se enteran de que un coello branco de nome Snowball está recrutando a un exército de animais domésticos que foron abandonados, decididos a vingarse de tódolos animais domésticos felices e dos seus donos.

 

  • Maimiño e o Espello Máxico. Filme de animación dirixido por Ernesto Padrón. Será o día 8 ás 22.30 horas nos xardíns municipais.

*Sinopse: Relata a historia dun pequeno campesiño que desexa sacar a súa familia da miseria e marcha á cidade cos seus irmáns. Alí descobren que un enorme carballo encantado ten o palacio do rei na penumbra e sen auga e que o soberano prometeu outorgarlle o título de marqués e darlle a súa filla, a princesa Denise, en matrimonio, a quen consiga cortar á árbore e abrir o pozo.

Maimiño e o espello máxico é o único filme de animación infantil galego e en galego. Trátase dunha coprodución galego-cubana (Ficción Producciones e ICAIC de La Habana) e está baseada na adaptación que sobre o clásico de Pulgarcito escribiu o escritor cubano José Martí e que publicou en 1889 na revista La edad de oro.

  • Zipe e Zape y la isla del capitán. Comedia pensada para toda a familia está dirixida por Oskar Santos. Será o día 9 ás 22.30 horas na Praza do Mercado.

*Sinopse: Chega o Nadal e Zipe e Zape volven liala. Nesta ocasión a trasnada é tan grande que os castigan sen vacacións e obrígaos a ir cos seus pais o que parece ser un aburrido viaxe en barco. Para a súa sorpresa, o destino é unha espectacular e remota illa. Unha terrible tormenta obrígaos a refuxiarse na mansión da divertida señorita Pam, onde nenos sen familia desfrutan  dun paraíso sen regras. Axudados por Pipi, Maqui e Flequi, os irmáns descobren que a repentina desaparición dos seus pais en medio da noite garda relación co segredo que encerra a misteriosa illa e os seus estraños habitantes.

  • El Desafío. Dirixida por Robert Zemeckis é un drama baseado en feitos reais acontecidos nos anos 70. Será o día 10 ás 22.30 horas nos xardíns municipais.

*Sinopse: Baseada nas memorias escritas por Philippe Petit (Joseph Gordon-Levit), un funambulista francés que no 1974 guiado polo seu mentor o Papa Rudy (Ben Kingsley) propúxose o reto nunca antes feito: recorrer sobre un cable o espazo que separaba as Torres Gemelas de Nova York. 

“Pretendemos que sexan películas para entreter pero tamén que sirvan para transmitir, entre os máis novos, valores tan esencias como son a amizade, a xustiza social, o amor ou a importancia do esforzo e da constancia para acadar distintos obxectivos na vida”, puntualizou Constenla.

En caso de choiva buscarase outra ubicación.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Tequexetéldere actúa en Huesca

Esta fin de semana a agrupación fólclorica Tequexetéldere actuou en Huesta.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario