A ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES ESCÉNICAS INICIA MAÑÁ O CURSOCON MÁIS DE 80 INSCRITOS, DISTRIBUÍDOS EN CATRO GRUPOS

 Na programación deste ano inclúese un curso de máscara a cargo dun
especialista, aulas nas que se incidirá na elaboración de máscaras e na
xestualidade facial.
 Os adultos emprenden mañá as sesións e o resto dos grupos verán
integrado o sábado o arranque das clases no festival de danza 6
Coreógrafas.

A Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE)
erguerá mañá o pano para o novo curso, co inicio das sesións no grupo de adultos. A
entidade pecha esta semana o prazo de matrícula e supera xa os 80 inscritos. O alumnado
será distribuído en catro grupos e asistirá ás clases ata finalizar o vindeiro mes de maio,
reservando o de xuño para as montaxes das funcións de fin de curso.
O grupo de adultos terá unha sesión semanal fixada nos mércores ás 21.00 horas. As dos tres
restantes serán os sábados pola mañá. No de infantil incluiranse os nenos de ata 12 anos; o
alumnado entre 12 e 18 conformará o grupo xuvenil e o que supere a maioría de idade
estará xa no de adultos. A maiores existe un cuarto grupo, Danza +40, que nos últimos anos
conformaron varias mulleres nunha contundente aposta polo apoderamento feminino e a
sororidade. A todas estas matrículas súmanse as persoas que colaboran coa unidade de
produción.
A escola manterá este ano boa parte do cadro de profesores. Contará con Anabell Gago,
Paula Quintas, Arturo Cobas ‘Nono’, Fran Campos e Carlos Gallardo. Este último docente
será o especialista que se encargue das clases de máscara, curso que aporta unha das
novidades do ano. Estará centrado na xestualidade facial e na fabricación de máscaras.
O arranque da actividade docente da EMAE encadrarase este sábado no programa do
festival de danza 6Coreógrafas.
A Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada, naceu no ano 2012, a partir do que era a
antiga Escola Municipal de Teatro. É unha entidade dependente da Fundación Cultural da
Estrada que dende a súa creación no ano 2002, formou parte dun marco estratéxico de
promoción e difusión das artes escénicas no municipio.

No ano 2012, e dado o carácter multidisciplinar do teatro contemporáneo, a Escola decidiu
diversificar a súa oferta didáctica para ofrecerlle ao alumnado unha formación o máis
integral posible, incluíndo na súa programación, clases de danza, de voz e de clown.
Paralelamente á actividade docente, a EMAE ten asignada unha unidade de produción
propia coa finalidade de medir a alumnos e exalumnos diante do público.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PUNTO DE INFORMACIÓN TURÍSTICA INSTALADO NA PARROQUIA DEOCA ATENDEU 3.742 PERSOAS DURANTE A ÚLTIMA TEMPADA

 Durante o mes de agosto foron 2.188 as persoas que buscaron neste
servizo información sobre que ver e facer en terras estradenses.
 O punto mantivo a actividade en setembro, con 766 visitantes nas dúas
primeiras semanas.
 A beleza e características do afamado verxel do Pazo de Oca fan que esta
parroquia continúe recibindo moitos turistas fóra da tempada alta.

Que o Pazo de Oca é un dos emblemas turísticos da
Estrada é algo incuestionable. Alcumado como Versalles Galego, son miles as persoas que
cada ano se achegan ata a parroquia estradense que o acolle e lle dá nome para coñecer os
seus xardíns e o interior. Moitos destes visitantes fixeron uso este verán do punto de
información turística que o Concello da Estrada instalou en Oca. Entre os meses de xullo,
agosto e a primeira quincena de setembro foron un total de 3.742 as persoas que
procuraron nesta instalación información sobre os atractivos locais.
O servizo activouse en Oca a medios de xullo. Nesas primeiras semanas da tempada estival
foron 788 as persoas que se achegaron ata o punto de información turística. Seguidamente,
en agosto, mes vacacional por excelencia, o número de consultas turísticas centradas en que
ver e facer nas terras estradenses elevouse ata as 2.188.
A información facilitada polo departamento municipal de Turismo, área que coordina o
concelleiro Óscar Rancaño, permite tamén observar que ata o 14 de setembro foron outros
766 os turistas que, chegados ao pé do Pazo de Oca, se interesaron neste punto informativo
polo que A Estrada ofrece para gozar da visita.
A demanda deste punto de información é tamén un reflexo das visitas recibidas polo Pazo de
Oca, un recinto que fai atractivo o percorrido en calquera época do ano, tendo en conta as
numerosas especies que integran os seu afamado verxel, que encadra este conxunto na
Ruta da Camelia, cunha floración invernal.
Cómpre lembrar que, en virtude dun acordo coa Fundación Casa Ducal de Medinaceli, os
estradenses poden visitar os xardíns do Pazo de Oca de xeito completamente gratuíto, só
con amosar no momento do acceso un carné no que se acredite o seu domicilio estradense.

Pazo de Oca, rutas para a práctica de sendeirismo e gastronomía ocupan os postos altos da
lista de recursos que máis demanda estiveron tendo entre os usuarios que se achegaron ás
oficinas de turismo abertas no Concello da Estrada. No tocante ao Versalles Galego, algúns
visitantes chegan coa idea de descubrir o seu interior -aberto dende hai anos tamén á
realización de percorridos- e outros fano atraídos pola sona dos seus amplos e impoñentes
xardíns.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Milleiros de hipotecados poden reclamar os gastos asumidos indebidamente

O avogado estradense José Cao lidera as demandas contra a banca e agradece a confianza con sorteos de experiencias en coches de luxo

Entre 1984 e 2019, milleiros de consumidores asinaron hipotecas nas que se lles obrigou a asumir todos os gastos de formalización —notaría, rexistro, xestoría e tasación—, a pesar de que a lexislación europea deixou claro que estes custes beneficiaban principalmente ás entidades financeiras e non debían recaer sobre o cliente.

A recente xurisprudencia abre agora a porta a que calquera afectado, mesmo quen xa cancelou a súa hipoteca hai anos, poida reclamar a devolución destas cantidades. O criterio europeo establece que o prazo de prescrición comeza no momento en que o consumidor coñece a nulidade da cláusula, e non na data do pagamento.

O avogado estradense José Cao García leva recuperado xa preto de un millón e medio de euros para os seus clientes, consolidándose como un dos letrados máis activos neste ámbito. Segundo explica, practicamente todos os hipotecados ata 2018 poden reclamar, con independencia de que a hipoteca estea activa ou non. O proceso require achegar a escritura e as facturas, e a media recuperada ronda os 1.500 euros máis xuros.

A reclamación é gratuíta para os clientes, xa que os bancos condenados asumen as custas e honorarios. Como xesto de agradecemento, Cao puxo en marcha unha iniciativa orixinal: sorteos de experiencias de condución de vehículos de alta gama como Ferrari, Lamborghini ou McLaren, unha campaña que espertou interese en toda España.

“Queremos que a xente non perda esta oportunidade e saiba que ten dereito a recuperar un diñeiro que nunca debeu saír do seu peto”, afirma o avogado.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A POLICÍA LOCAL IDENTIFICA A CINCO PERSOAS EN RELACIÓN AOSACTOS VANDÁLICOS CONTRA MOBILIARIO URBANO EN VARIAS RÚAS

 O corpo municipal remitirá o seu atestado ao Xulgado de Primeira
Instancia e Instrucción e á Fiscalía de Menores, pola implicación dunha
persoa menor de idade.
 Á espera dunha valoración económica máis detallada, estímase
inicialmente que os danos rexistrados poden rondar os 12.000 euros.
 Foron varios os puntos afectados pola acción vandálica, caso dun tótem
publicitario en Calvo Sotelo, a fonte da Porta do Sol, un pivote luminoso
na Rúa do Cruceiro e varios árbores e xardineiras.

A Policía Local da Estrada ten identificadas a cinco
persoas en relación aos actos vandálicos que esta fin de semana se cebaron co mobiliario
urbano en distintas rúas da capital estradense. O corpo policial remitirá o atestado ao
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución e á Fiscalía de Menores, xa que unha das persoas
que foron identificadas no acada a maioría de idade.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, contactou esta mañá a primeira hora co xefe da
Policía Local para coñecer de preto como avanza a investigación, aberta logo de contactar
con varias persoas que presenciaron os feitos. Aínda que será ao peche do atestado policial
cando se coñeza con maior detalle a canto ascenden os danos rexistrados, as estimacións
iniciais apuntan a cifras que rondan os 12.000 euros. A contía superior a os 400 euros fai que
estes feitos poidan ser constituíntes dun presunto delito de danos.
Foron varios os puntos onde se rexistraron actos vandálicos nas últimas horas. Un deles foi a
peonil rúa Calvo Sotelo, onde quedou esnaquizado un tótem publicitario da Asociación de
Comerciantes da Estrada (ACOE). A maiores, a Policía Local contabiliza importantes danos na
fonte existente na Porta do Sol, nun pivote luminoso da Rúa do Cruceiro e tamén en diversos
árbores e xardineiras. Estes últimos elementos foron obxecto desta acción vandálica xusto
cando veñen de seren repostas as súas plantas.
Aínda que a Policía Local teña identificadas a cinco persoas non implica que sexan cinco os
autores materiais destes danos. O grado de implicación de cada unha delas será unha
cuestión que se dirimirá segundo avance o procedemento.

“A Policía Local fixo o seu traballo”, apuntou hoxe o alcalde, que remarcou a existencia de
testemuñas que poden contribuír a que as persoas que están detrás de estes danos ao
mobiliario urbano e, polo tanto, ao patrimonio público, respondan polas súas accións. “Sería
un delito de danos graves polo seu importe”, sinalou o rexedor local, que non ocultou que
este tipo de actitudes “entristece moito aos que queremos ter unha vila tranquila e
embelecida”.
Puxo o acento o xefe do executivo local en que dende o Concello se vén realizando un
importante esforzo por mellorar a limpeza e estética das rúas estradenses e que os actos
vandálicos botan por terra o traballo de mantemento. No esqueceu o alcalde agradecer a
colaboración cidadá que foi necesaria para a identificación destas persoas e animou a que
esta implicación se manteña polo ben común.
“Evidentemente, non hai nin pode haber un policía en cada esquina e momento e todos
precisamos colaborar para que poidamos ter unha vila tranquila e coidada, procurando que
estes actos non se repitan e estas estampas poidan quedar no anecdótico”, manifestou
Gonzalo Louzao.

Publicado en Portada | Deja un comentario

XUBILACIÓN DA ADMINISTRATIVA ROSA MÉNDEZ, QUE TRABALLOU CON SETE DOS OITO ALCALDES ESTRADENSES DA DEMOCRACIA

Tras 43 anos de servizo, a administrativa do departamento municipal de Intervención Rosa Méndez despedíase hoxe dos seus compañeiros no Concello da Estrada, aos que deixará de ver cada día porque pasa a desfrutar dunha ben merecida xubilación.
Rosa incorporouse ao seu posto no Concello sendo alcalde Manuel Reimóndez Portela, de tal xeito que traballou na administración local con sete rexedores municipais. Ademais de Reimóndez, esta funcionaria estivo no departamento de Intervención durante os gobernos de Elvira Fernández, Jesús Tallón, Ramón Campos, José Antonio Dono, José López Campos e Gonzalo Louzao. Isto fai que traballara con sete dos oito alcaldes da Estrada da era democrática.
Natural de Vilagarcía de Arousa pero afincada na Estrada dende hai anos, a xubilación de Rosa Méndez coincide na data coa partida da que foi interventora durante os tres últimos anos, Carmen Morillo. O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, quixo hoxe despedir e agradecer o bo traballo e estreita colaboración destas dúas traballadoras.

Publicado en Portada | Deja un comentario

GONZALO LOUZAO RECIBE AO ALCALDE DE PORTAS, RICARDOMARTÍNEZ, COMO PEREGRINO POLO CAMIÑO DA GEIRA

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, recibiu
este mediodía ao pé do consistorio a un grupo de peregrinos que, ao seu paso pola
capital estradense, quixo saudar ao dirixente local. Con estes ciclistas viaxaba o
deputado provincial e alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada, que se aventurou
aos desafíos e beleza do Camiño da Geira e dos Arrieiros.
O grupo afrontou hoxe a súa quinta e última etapa neste percorrido cara Santiago de
Compostela. Compartiron co rexedor estradense o nivel de esixencia desta ruta xacobea
que iniciaron na cidade de Braga. Ademais, estes peregrinos, saudados tamén polo
concelleiro Óscar Durán, recoñeceron aos dirixentes locais o bo estado no que se atopa
o Camiño no seu discorrer polo Concello da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

AS OBRAS DO MÓDULO CUBERTO MULTIDEPORTE ANEXO ÁS PISTAS DE ATLETISMO TERÁN QUE ESTAR REMATADAS PARA O 31 DE MARZO

 
O pleno municipal aprobará o luns, en sesión extraordinaria, unha
addenda ao convenio que contempla esta data para a finalización das
novas instalacións deportivas.
Nestes intres a empresa agarda pola chegada de grandes vigas de
madeira que se instalarán sobre os piares que están á vista,
converténdose na base para a singular cuberta do inmoble.
 
As obras do módulo cuberto multideporte, unhas
instalacións anexas ás novas pistas de atletismo do Concello da Estrada, terán que estar
rematadas para o 31 de marzo. É a data que se establece na addenda ao convenio entre a
administración municipal e a Deputación de Pontevedra que se aprobará o luns en pleno
extraordinario. O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, sinalou a oportunidade que brindará este
novo recinto para facilitar a práctica a cuberto de distintas disciplinas atléticas, ao que se
sumará o feito de que este edificio permitirá superar a actual carencia dunha espazo propio
para deportes como o judo, o karate ou o taekwondo.
O mandatario explicou que nestes intres a empresa adxudicataria destas obras atópase á
espera de que cheguen as grandes vigas de madeira á medida que se colocarán sobre os
piares que están actualmente a vista, como sustento da singular cuberta de madeira
concibida para este módulo.
Aproveitando o desnivel existente nos terreos nos que se está construíndo o edificio ou, o
que vén sendo o mesmo, entre as pistas de atletismo e os terreos da Academia Galega de
Seguridade Pública (Agasp), o novo módulo cuberto multideporte servirá de comunicación
entrámbolos dous recintos. De feito, o edificio terá acceso dende a cota de terreo da
academia e dende as propias pistas, prevéndose un terceiro acceso pola que será a súa parte
frontal.
As instalacións permitirán dotar de servizos as propias pistas de atletismo, cubrindo
necesidades como os vestiarios, aseos, almacéns de material ou o propio ximnasio.
Contando cun orzamento que se sitúa por encima dos 2 millóns de euros, virán facilitar na
Estrada un espazo específico para a práctica de atletismo totalmente cuberta, dando a
oportunidade de que os adestramentos e as competicións de determinadas disciplinas
poidan realizarse mesmo con condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, terán foso

de area a cuberto e pistas para poder practicar salto con pértega, saltos de lonxitude ou
probas de velocidade e vallas.
Isto fará deste módulo unha dotación idónea de carácter complementario para as pistas ao
aire libre inauguradas hai agora un ano, de tal maneira que nestas instalacións se poidan
programar competicións e concentracións técnicas de alto nivel.
Na planta semisoto deste módulo multideporte habilitarase un ximnasio e unha ampla zona
especificamente pensada para artes marciais, con tres tatamis. Isto confire, como queda
avanzado, un espazo específico para deportes como o judo, o karate ou o taekwondo,
disciplinas que agora mesmo están desprazadas, por falta dun recinto propio, ás instalacións
da Fundación de Exposicións e Congresos.
Publicado en Portada | Deja un comentario