O ACTOR E HUMORISTA XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN SERÁ OPREGOEIRO DA FESTA DO SALMÓN DA ESTRADA O 18 DE MAIO

 Recibirá unha das insignias Salmón de Ouro da cita gastronómica por
excelencia do Concello da Estrada, que espera abrir unha nova etapa no
que será o ano 1 da súa segunda metade de século.
 Con nova proposta estética e a maior implicación hostaleira en anos, a
festa sumará unha sesión de “tardeo” coa orquestra París de Noia.

Ás portas do inicio do mes do salmón na Estrada co
arranque da tempada de pesca nos cotos que o río Ulla brinda a este municipio, o alcalde
da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, foi o encargado de dar a coñecer esta mañá o nome
da persoa que se encargará de pregoar a LI Festa do Salmón, o evento gastronómico por
excelencia destas terras. O elixido para unha edición que se concibe como “moi
especial”, tendo en conta que abre unha nova etapa -será o ano 1 da segunda metade de
século desta festa-, foi o actor, humorista, produtor e director Xosé Antonio Touriñán.
Convertido nun dos rostros máis coñecidos e queridos da industria audiovisual galega,
Touriñán ten a comedia como sinal de identidade. Comezou como cómico no ano 2002,
co dúo Os dous de sempre. Foi en 2005 cando iniciou a súa carreira na Televisión de
Galicia, como integrante de Cantareiras de Ardebullo, dentro do programa Luar. Dende
entón, a súa popularidade medrou de xeito acompasado aos seus traballos, con
programas na televisión pública autonómica como Land Rober, Padre Casares, Era Visto
ou Catro Gatos.
Pero o pregoeiro do Salmón tamén é un home de cine. Cuñados, +Cuñados ou Amigos
hasta la muerte son algúns dos filmes nos que traballa, interpretando distintas
personaxes en series como Fariña, Pequeñas coincidencias, El desorden que dejas, Sin
Límites, Atasco ou Clanes. Colleitou moito éxito de público no seu espectáculo xunto a
Carlos Blanco ou con David Perdomo. Xosé Antonio Touriñán é tamén monologuista e
director. En 2022 dirixiu a súa primera curtametraxe, Nena.
En calidade de pregoeiro, Xosé A. Touriñán será tamén un dos homenaxeados coa
insignia Salmón de Ouro, se ben o alcalde evitou desvelar hoxe o nome das demais
persoas ou entidades que foron escollidas para recibir este recoñecemento público

neste ano. O actor pronunciará o pregón na parte máis institucional da Festa do Salmón,
ao mediodía do vindeiro domingo 18 de maio. “É un dos actores máis queridos de
Galicia, cunha gran traxectoria a prol da cultura galega, e queremos que estea presente
coma unha das caras desta nova etapa da Festa do Salmón”, apuntou o alcalde.
“Buscamos tamén unha persoa moi coñecida para mediatizar un evento dos
importantes que vai ter Galicia esa fin de semana”, recoñeceu o rexedor, que fixo
fincapé en que Touriñán “é unha persoa moi querida” e “un actor con moitísimo
talento”.
Nova proposta escénica e maior implicación
A Festa do Salmón terá este ano unha nova proposta escénica. O evento regresa aos pés
do consistorio estradense, programándose a degustación do prato protagonista baixo
unha carpa de gran formato na Praza da Constitución. A idea é mellorar a accesibilidade
do evento, facilitando tamén unha maior comodidade para todos os asistentes e
achegando o escenario desta parte central da festa ao que ocupa a súa vertente máis
institucional: o pregón e entrega das insignias Salmón de Ouro, no Teatro Principal.
Neste senso, o alcalde da Estrada puxo o acento en que a presente edición da festa é
tamén unha das que desperta maior implicación da hostalería local na última década.
Unha ducia de restauradores teñen xa concretada a súa participación con diferentes
propostas culinarias a base de salmón. O formato da degustación verá mellorada a súa
estética, cun prezo por ración de 4 euros.
Para favorecer a participación na degustación popular e contribuír a minimizar as colas,
a festa contará con venta anticipada das racións nos locais participantes. Nestes tíckets
non se establecerá o nome do establecemento, podendo ser entregado en calquera dos
que ese domingo oferten as súas racións de salmón.
París de Noia
Louzao Dono indicou tamén que ese mesmo domingo, ás 20.00 horas e na Praza de
Galicia, actuará París de Noia, unha das grandes orquestras de Galicia. Será nunha sesión
de “tardeo” que busca conferir “outro atractivo para continuar unha gran festa
gastronómica e conseguir que a xente veña á Estrada todo o día, consuma na rede de
establecementos locais e chegue ata a noite desfrutando desta festa”.
Pero antes de degustar o salmón na Estrada o 18 de maio haberá ocasión de ir abrindo
boca. Desta volta, as xornadas de tapeo de salmón fixaranse a fin de semana anterior á
festa, concretamente os días 9, 10 e 11 de maio. A reunión deste mércores serviu para
aproximar xa unha cifra de establecementos participantes. Serán 22, con prezo das
tapas a 3 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESCRITORA E XORNALISTA LUCENSE NEREA PALLARES VILAR GAÑANA ESTRADA O PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS

 O xurado escolle por unanimidade a obra presentada baixo o lema “Das
arañas brancas”, ambientada en Camariñas, na Costa da Morte.
 Entrelaza realismo social, memoria colectiva e elementos mitolóxicos
para relatar a rebelión das mulleres dun pobo mariñeiro.
 “Ganduxada como unha nova Lisístrata, co mito de Aracne sempre ao
fondo, esta narración abraia polo tratamento de temas como a
transmisión interxeracional, a resiliencia, a sororidade, a violencia
patriarcal, a precariedade laboral e a importancia dos coidados”, recolle
o fallo.
 Medio cento de orixinais competiron nesta edición, cun alto nivel que o
xurado quixo recoñecer publicamente.

Con grandes doses de entusiasmo e profundo
convencemento de estaren ante unha proposta literaria “refrescante, poderosa,
pousada e brillante”, os integrantes do xurado encargado de fallar o XXXVII Premio de
Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) deron a coñecer este mediodía á autora que
se sumará a nómina de gañadores deste prestixioso galardón, impulsado polo Concello
da Estrada coa colaboración de Editorial Galaxia. Trátase de Nerea Pallares Vilar, que
presentou ao certame unha novela baixo o lema “Das arañas brancas”.
A reunión do xurado comezou ás 11.00 horas no consistorio estradense. Estivo
composto por Noelia Gómez Calvo, Eulalia Agrelo Costas, Marcos Sánchez Calveiro,
Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, este último exercendo como
secretario. Unha vez lidos os orixinais presentados e despois de distintas seleccións e
contraste de opinións previas á xuntanza do día de hoxe, chegouse a esta resolución por
unanimidade. O fallo refírese á obra coma “unha novela coral ambientada en Camariñas,
na Costa da Morte, que entrelaza realismo social, memoria colectiva e elementos
mitolóxicos para relatar a rebelión das mulleres dun pobo mariñeiro”.

“Ganduxada como unha nova Lisístrata, co mito de Aracné sempre ao fondo, esta
narración abraia polo tratamento de temas como a transmisión interxeracional, a
resiliencia, a sororidade, a violencia patriarcal, a precariedade laboral e a importancia
dos coidados. A estrutura fragmentaria, a multiplicidade de voces e rexistros (do coral ao
poético e do realista ao mítico) e a presenza constante do mar e do encaixe como
metáforas do entrelazado das vidas e dos destinos, fan da novela unha peza de gran
riqueza literaria e simbólica, tecida co máis fulgurante palillado de palabras”, recolle o
xurado.
A autora
Nerea Pallares naceu en Lugo no ano 1989 e actualmente traballa en Madrid. Ademais
de novelista, é graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.
Ten un Mestrado en Literatura Comparada na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona
e foi bolseira na Fundación Antonio Gala. Ten xa dous libros publicados en castelán. Un
deles é un libro de relatos, Los ritos mudos (2021) e o outro leva por título Sidecar (2015).
Ten tamén presenza importante en revistas culturais e literarias que son referentes en
Galicia e no resto do Estado, dende Dorna a Granta.
Na novela gañadora da presente edición do Premio Manuel García Barros faise unha
importante reivindicación do poder feminino e do papel da muller na sociedade, “dende
as meigas ata as tiktokers”, detallaron os compoñentes do xurado. Afondaron en que
ofrece ao lector un xogo interxeracional entre o pasado e o presente. “É unha revolta das
mulleres e un apoderamento feminino”.
A novela arranca cunha morte ante a que o conxunto dunha patriarcalizada sociedade
non responde. Son as mulleres as que toman a iniciativa, nunha “verdadeira revolta
comunal dende a tradición á modernidade”. “E todo isto recreado nun contexto como é
o de Camariñas, feito que lle dá aínda máis poder, polas súas mulleres afoutas”,
subliñaron.
Arquitectura ambiciosa
A metáfora é tamén unha constante, a través dese tecido que fan as mulleres en
comunidade. Velaquí tamén o simbolismo do lema (Das arañas brancas): “Están
tecendo unha grande arañeira, que se reflicte mesmo na exposición física do texto, no
que hai un experimentalismo moi grande”, sinala o xurado.
E é que, dende o punto de vista formal, a obra presenta tamén unha arquitectura moi
ambiciosa, con xogos caligráficos e imaxes, como as dos diferentes nós e puntos que
encabezan cada capítulo. “Son precisas novas voces, voces frescas que apelen a unha
renovación atrevida dentro da produción literaria”, valoraron dende o equipo

encargado de fallar un premio que se entregará, nun acto público,o vindeiro mes de
xuño, coincidindo coa publicación da obra gañadora por parte de Editorial Galaxia.
O xurado escolleu a peza escrita por Nerea Pallares despois de teren lido case medio
cento de orixinais nunha edición na que destacan “un moi alto nivel”. Fíxose unha
primeira escolla de 15 obras, seguida doutra de 5 finalistas. Tras acadar a unanimidade
no seu fallo, a edil de Cultura, Lucía Seoane, sumouse á reunión para chamar á gañadora
e trasladarlle os parabéns en nome do Concello da Estrada.
O Premio Manuel García Barros é un dos certames máis destacados e consolidados do
panorama literario galego. O galardón ten vencellada unha dotación económica de
9.000 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

GONZALO LOUZAO VISITA, NO DÍA DO LIBRO, A BIBLIOTECAMUNICIPAL DA ESTRADA, QUE VIVE UN INCREMENTO DE LECTORES

 Os préstamo dos arredor de 19.000 volumes do servizo municipal non
deixa de incrementarse nos últimos anos, cun total de 7.123 ao longo de
2024.
 A Casa das Letras pechou o último ano con 1.797 usuarios, se ben as
altas veñen sendo practicamente diarias, con 256 novas no pasado
exercicio.

Na xornada na que se conmemora o Día do Libro, o
alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, quixo desprazarse a primeira hora desta mañá
ata a Casa das Letras, nome que adoptou a biblioteca municipal despois do seu traslado
ás dependencias que ocupa dende 2015 no outrora denominado Edificio José Antonio. O
rexedor aproveitou a data para interesarse de primeira man pola marcha dun servizo
que, segundo tivo ocasión de confirmar, experimenta un momento doce en lectores,
marcado polo incremento de cidadáns que fan uso do préstamo para dedicarse ao
pracer da lectura.
Louzao Dono fixo un pequeno percorrido entre os andeis repletos de libros e detívose a
falar co persoal da biblioteca e tamén con algún usuario, nun momento no que as salas
de estudo tiñan aínda unha reducida afluencia. O primeiro que atopou o alcalde na súa
visita foi a exposición das novidades bibliográficas que se amosan no recinto para
manter ben informados aos usuarios, tendo ocasión tamén de comprobar como algún
cidadán levaba á casa os tres libros que, como máximo, se autorizan a retirar xuntos en
préstamo domiciliario.
Nestes intres a biblioteca municipal da Estrada sitúase arredor dos 19.000 exemplares
nos seus fondos. As estatísticas que baralla o servizo permiten observar un marcado
crecemento dos préstamos, tendo en conta que o último exercicio completo de
referencia se pechou cun récord: 7.173. A distribución de usuarios permite apreciar que
hai canteira lectora: 3.395 préstamos para de libro infantil e 3.778 entre os adultos.

Coa lóxica paréntese dos anos máis marcados pola pandemia (2020 e 2021), o
crecemento deste servizo é constante na Estrada. De feito, de 2022 a 2024 mesmo se
duplicaron os préstamos, asentándose o mes de novembro como a mensualidade con
maior índice de peticións.
As estatísticas amosan tamén que a biblioteca pechou o 2024 con 1.797 usuarios, se ben
esta cifra non deixa de incrementarse. A primeira hora da mañá de hoxe xa se deran dúas
novas altas. Medra, tamén, o número de usuarios que fan uso do préstamo domiciliario
(70 más no último ano con respecto ao 2023). Outro dato de interese é que no último
ano houbo 256 novas altas, das que 162 foron adultos, 93 nenos e figura tamén unha
alta dunha entidade.
O horario da biblioteca municipal é amplo. Funciona cada día de 09.00 a 14.30 e de 16.00
a 21.30 horas. Os sábados o horario é de 10.00 a 13.00.

Publicado en Portada | Deja un comentario

ACTOS VANDÁLICOS CAUSAN DANOS NAS INSTALACIÓNS DOS ASEOSPÚBLICOS DO CAMPO DA FEIRA, DE RECENTE REHABILITACIÓN

 Os servizos aparecen co pé do lavabo arrincado e esnaquizado, xunto
con outros deanos na instalación de fontanería destes sanitarios.
 A dependencias estrearon a súa reforma a finais de 2024, cando se
resolveu a súa apertura os mércores e nos días de actividade neste
entorno do casco urbano.

A finais de 2024 o Concello da Estrada reabría, logo
dunha importante mellora, os aseos públicos do Campo da Feira. Esta mañá os servizos
de limpeza atoparon as instalacións cunha estampa, lamentablemente, ben distinta e
resultante de actos vandálicos que se cebaron coas dependencias.
Dun xeito completamente inxustificado e sorprendente, o pé do lavabo destes aseos
apareceu completamente rebentado e feito anacos no extremo contrario das
dependencias. Os vándalos continuaron sementando danos manipulando a arrincando
algúns elementos da instalación de fontanería destes sanitarios. Os feitos foron postos
de inmediato en coñecemento dos axentes da Policía Local, que se presentou no punto
para recoller a información oportuna.
Os danos neste aseo chegaron en mércores, nunha das dúas convocatorias feirais
semanais do calendario estradense, e precisamente na que se celebra na Carballeira da
Feira. Dende o Concello condénanse enerxicamente este tipo de actitudes incívicas,
totalmente carentes de respecto polos bens e servizos comúns e afastadas de calquera
xustificación.
Na intervención programada polo Concello hai uns meses, cambiouse por completo a
cuberta destes aseos públicos e reparáronse os seus paramentos exteriores e interiores,
ademais de substituír a pechadura. O servizo ábrese sempre que hai actividade no
Campo da Feira, ben por coincidiren con xornada feiral ou ben pola celebración de
eventos nas inmediacións. O cambio na súa operatividade, tendo en conta que antes
estaba aberto as 24 horas, veu motivado polo feito de que, con relativa frecuencia, este
espazo era foco de malas prácticas.
Os do Campo da Feira non foron os únicos baños públicos da vila en experimentar o
desatino do vandalismo. Tamén as instalacións existentes na alameda municipal sufriron

en varias ocasións danos nos elementos que ofrecen para brindar aos cidadáns este
servizo de primeira necesidade. Estes aseos límpanse cada día para que poidan ofrecer a
mellor imaxe e condicións para os usuarios

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA REABRE ESTE XOVES O PUNTO LIMPO, QUE APLICA ANORMA E CÍNGUESE AOS RESIDUOS XERADOS POR PARTICULARES

 O regulamento prohibe expresamente a entrada de residuos de orixe
industrial. “É o que di a lei, non o Concello”, aclara Óscar Durán.
 O concelleiro avanza estudos que valoran a posibilidade de xestión, de
cara ao ano que vén e coa correspondente taxa pública, para
microempresas e autónomos, pero incide en que non existen
antecedentes.
 A normativa de funcionamento establece a obrigatoriedade de
identificación das persoas que efectúan aos depósitos e establece
máximos para os residuos admisibles.
 O servizo reabre co mesmo horario de atención ao público e dotado de
medidas de seguridade.

O Concello da Estrada reabrirá este xoves as instalacións
do punto limpo municipal, localizado en Penerada, despois de teren completado unhas
intervencións de mellora e de incremento da seguridade nestas dependencias
medioambientais. Tal e como se avanzara, o recinto acolle novamente os depósitos dos
cidadáns con variacións na xestión, ao obxecto de mellorar tanto o servizo que se presta
aos veciños como o correcto tratamento medioambiental do material conducido ata
estas instalacións. De feito, xa dende o propio portal de acceso se aclara que tipo de
residuos poden depositarse e cales non, nunha primeira declaración de que o servizo
será escrupuloso no cumprimento da normativa que regula o funcionamento do punto
limpo.
O servizo abre novamente esta semana con arranxo ao mesmo horario que estas
instalacións viñan tendo antes do seu peche e do cambio de xestión. Deste xeito, os
cidadáns atoparán as súas portas abertas de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en
horario partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00.
Cómpre lembrar que estas instalacións constitúen un centro de recepción, almacenaxe,
selección e valoración dos residuos municipais que non teñen canalización de recollida
diaria nin domiciliaria. Deste xeito, o edil Óscar Durán puxo hoxe o acento en que en

ningún caso se pode pensar no punto limpo como un vertedoiro, senón como un lugar
de almacenaxe temporal dos residuos para seren, posteriormente, trasladados a outros
lugares a través de transportistas e xestores autorizados.
Só para particulares
En relación aos residuos admitidos no punto limpo consonte á normativa vixente, o
regulamento é claro: “só se admiten residuos xerados por particulares e previamente
clasificados polo usuario”. É máis, a norma especifica con suma claridade que está
prohibida a entrada de residuos de orixe industrial. “As actividades industriais deberán
xestionar os seus propios residuos a través de xestores autorizados pola Comunidade
Autónoma de Galicia”.
“Isto recólleo a lei, non é que o diga o Concello da Estrada”, puntualizou Óscar Durán.
“Non é capricho, é unha normativa que temos que cumprir”, afondou. Neste contexto, o
concelleiro explicou hoxe que o goberno local tomou a iniciativa de estudar se existe a
posibilidade de que as instalacións funcionen a xeito de operador de residuos “para
microempresas e autónomos, con un regulamento e un prezo público”. Aínda que este
escenario non se abriría, de ser posible, ata o ano que vén, Durán recoñeceu que non
existen precedentes na materia.
Antes mesmo do peche temporal destas instalacións dende o Concello detectouse unha
cantidade de escombro nestes colectores excesivamente elevada, situación que dispara
a factura que ten que abonar a administración municipal para o tratamento destes
residuos. En todo caso, a normativa establece non só como deben entregarse os
residuos admisibles no punto limpo, senón tamén as cantidades.
Cantidades máximas
Neste senso, existen depósitos que os estradenses poden efectuar de xeito ilimitado,
caso do papel e cartón, vidro e cristais varios, aceites vexetais, baterías e pilas, ferralla
(restos metálicos) e residuos de bolsa amarela. Para terras e entullos establécese un
máximo de 60 quilos en bolsas de 20 ou 25. Cada particular non poderá superar os 10
litros de aceites de motor e ata 10 unidades de aerosois.
No tocante aos electrodomésticos, admitirase unha unidade de cada dos
electrodomésticos con CFC e, para os restantes, a cantidade queda en dúas de cada tipo.
Para madeiras fíxanse depósitos máximos de 60 quilos; un quilo de pinturas, vernices ou
disolventes; un máximo de dous colchóns; tres unidades como máximo de lámpadas ou
fluorescentes; 25 quilos para plásticos domésticos; 100 para os de invernadoiros, 25
para téxtiles domésticos e un metro cúbico como máximo para os restos de podas.

Ademais, o regulamento co que dende este xoves volve funcionar o punto limpo
municipal da Estrada establece que os usuarios teñen que aportar o residuos
previamente separados para que poidan ser depositados nos contedores específicos de
cada fracción. De igual maneira, todas as entregas serán anotadas pola persoa
encargada no libro interno de rexistro, facendo constar a súa identificación completa e a
natureza dos residuos.
No recinto municipal de Penerada realizouse unha importante ordenación e
reorganización dos fondos. As obras empregáronse tamén para incorporar medidas de
seguridade, caso da instalación de cámaras e sensores de presencia.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO LICITA O ESPAZO CONCILIA, UN SERVIZO CON 45 PRAZASE QUE ESTE MES DE MAIO CUMPRIRÁ SETE ANOS EN FUNCIONAMENTO

 A nova contratación lánzase para un ano prorrogable por outro máis e
cun importe de 55.000 euros.
 En períodos non lectivos as prazas están todas cubertas, habendo unha
decena de vacantes en épocas de clase.
 O pago medio sitúase nos 30 euros mensuais por usuario.

A Xunta de Goberno da Estrada deu luz verde este
mediodía ao inicio do expediente de contratación do servizo Espazo Concilia A Estrada,
un programa altamente valorado por moitas familias do municipio e que este mes de
maio cumpre sete anos en funcionamento.
Coñecido por moitos veciños como ludoteca municipal, esta aposta do goberno local
busca favorecer cada día a conciliación da vida laboral e familiar para moitos
estradenses. A licitación lánzase por un ano, prorrogable por outro máis, cun orzamento
de 55.000 euros.
Emprazado no primeiro andar do edificio do Novo Mercado, con entrada independente
pola Rúa Padrón, funciona de luns a venres de 15.00 a 21.00 horas, se ben en períodos
non lectivos (Nadal, Semana Santa e vacacións de verán), acomoda a súa atención entre
as 08.30 e as 14.30 horas.
O Espazo Concilia oferta nestes intres un total de 45 prazas, que se enchen en períodos
nos que os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade non teñen colexio. Nos días
lectivos é habitual que o programa teña unha media de 10 prazas vacantes.
Atención, reforzo educativo e ocio
O servizo conta actualmente con tres persoas para prestar atención, reforzo educativo e
tempo de ocio aos usuarios. As solicitudes de ingreso valóranse en función da renda
familiar, podendo ir dende a gratuidade total ata un pago de 100 euros ao mes. Non
obstante, dende o departamento municipal de Servizos Sociais explícase que o pago
medio do Espazo Concilia sitúase nos 30 euros por usuario ao mes.

O Concello habilita tamén bonos para facer uso destas instalacións en materia de
conciliación de xeito esporádico. Neste caso o prezo é de 25 euros, por cinco bonos, que
poden utilizarse en calquera momento e pola xornada completa de servizo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA REGULARIZA OS PAGOS A PROVEDORES TRAS RECUPERARO CONCELLO A HABITUAL SOLVENCIA NA SÚA SENDA ECONÓMICA

 Un pleno extraordinario permitirá aprobar o recoñecemento
extraxudicial de crédito para o pago de 1.478.280 euros en facturas
pendentes.
 Con este abono o Concello da Estrada regulariza os pagos pendentes e
correspondentes co exercicio 2024, tras a delicada situación que supuxo
a demora no abono de fondos europeos por parte do Goberno Central.
 Boa parte da contía correspóndese con facturas de subministro eléctrico
e de servizos de Sogama

O Concello da Estrada conseguiu recuperar a solvencia
que viña caracterizando a súa senda económica, un camiño do que a administración
municipal só se desviou cando a demora dos pagos, por parte do Goberno Central, das
achegas correspondentes a proxectos financiados con fondos europeos comprometeu a
estabilidade financeira e as liquidacións dos exercicios económicos 2022 e 2023. Despois
dos positivos datos extraídos da liquidación do ano 2024, a Concello ten convocado para
este xoves un pleno de carácter extraordinario no que se porá finalmente ao día nos
pagos que estaban pendentes con provedores, por un importe de 1.478.280 euros.
A cuestión estivo sobre da mesa na comisión informativa de Facenda e Especial de
Contas celebrada no noite do mércores, un encontro no que todos os grupos da
corporación municipal votaron a favor dun recoñecemento extraxudicial de crédito para
facer fronte ao pago de facturas con obrigas recoñecidas. O pleno extraordinario no que
se dará luz verde á ordenación destes pagos celebrarase o xoves, ás 20.30 horas.
O edil de Economía e Facenda, Alberto Blanco, sinalou que este pleno permitirá empezar
a regularizar os pagos que o Concello da Estrada tiña pendentes a consecuencia da difícil
situación na que entrou a administración municipal despois de teren adiantado o pago
de proxectos financiados con fondos europeos e a demora no seu abono por parte do
Executivo Central. Explicou que estes pagos correspóndense con facturas de 2024 ou
con servizos que foron prestados ao Concello no pasado exercicio pero con entrada da
correspondente factura xa neste ano.

Aínda que a lista de provedores que estaban pendentes destes abonos non é curta, certo
é que unha parte importante da contía correspóndese con facturas de Naturgy nas que,
por diversos motivos, non houbo conformidade por parte do Concello -o que foi
demorando a súa entrada- e tamén con pagos a Sogama.
Tras a aprobación en pleno, o recoñecemento extraxudicial terá que ser publicado por
espazo de 15 días para a abrir o pertinente período para a presentación das alegacións
que se estimen oportunas.

Publicado en Portada | Deja un comentario