A FUNDACIÓN CULTURAL ABRE O 16 DE MAIO UNHA NOVA FORMACIÓNDE MÁIS DE 400 HORAS CON CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE

 Pechou hoxe un dos dous módulos que imparte este ano ao abeiro dos
cursos financiados pola Xunta a través da Consellería de Traballo
 O novo curso, que chegará ao 18 de setembro, terá 80 horas de prácticas
en empresas. Aínda quedan seis prazas libres.

A Fundación Cultural da Estrada pechou este mediodía a
primeira das dúas actividades formativas con certificación de profesionalidade que está
impartindo ao abeiro da súa colaboración coa Consellería de Traballo para o período
2024-2025. A concelleira de Traballo, Lucía Seoane, despediu aos participantes que
completaron as máis de 400 horas lectivas do curso de Operacións de auxiliar de
funcións administrativas e xerais.
A Fundación Cultural emprenderá xa de seguido, concretamente o vindeiro 16 de maio,
outro módulo formativo, neste caso o de Operacións de gravación de datos e
documentos, para o que aínda quedan seis prazas libres. Serán tamén 440 horas de
formación, con 80 horas de prácticas en empresas. Deste xeito, a formación
prolongarase ata o 18 de setembro.
As persoas que realicen o curso recibirán un certificado de profesionalidade outorgado
pola Xunta de Galicia. Trátase dun curso completamente gratuíto, con horario de 09.00 a
14.00 horas. Non require estudos mínimos e os interesados en cubrir as prazas que aínda
quedan vacantes poden achegarse ata as instalacións da Fundación Cultural ou ben
chamar por teléfono ao 986 570 997.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Deputación lanza as Rutas das Maceiras en Flor con catro percorridos o 24 de maio pola Estrada para seguir potenciando o interior da provincia

Serán catro rutas que discorrerán polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras. O prazo de solicitude para participar nas actividades abre o mércores 14  de maio ás 10:00 horas a través da páxina web de Turismo Rías Baixas

 

Ofértanse 160 prazas gratuítas, 40 por cada unha das rutas, con saída e chegada desde a capela de San Roque en Pontevedra

“Se algo temos moi claro desde o goberno provincial é que o interior da provincia de Pontevedra ten un enorme potencial turístico”, remarcou a deputada Nava Castro na presentación das Rutas das Maceiras en Flor que terán lugar o sábado 24 de maio. Neste 2025 serán catro os percorridos e discorrerán, tal e como detallou Castro, polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras. O prazo abre o mércores 14 de maio ás 10:00 horas a través da páxina web de Turismo Rías Baixas e ofértanse 160 prazas gratuítas, 40 por cada unha das rutas, con saída e chegada desde a capela de San Roque en Pontevedra.

 

Nava Castro, que englobou as Rutas das Maceiras en Flor no marco da campaña Cando volves?, lanzada pola Deputación para promocionar a provincia neste 2025 facendo fincapé no seu “marabilloso” interior, destacou que esta iniciativa trátase “dun xeito único” de achegarse á Estrada e coñecer a vila “nun momento único: o da floración das maceiras. Porque se en Estremadura presumen do Val do Jerte, e da floración das cerdeiras, aquí temos A Estrada e as súas fermosas maceiras que nada teñen que envexar ao val estremeño”.  Por iso, tal e como remarcou, “desde a Deputación de Pontevedra imos seguir promocionando estes percorridos porque confiamos, cremos e queremos impulsar e compartir con todo o mundo este interior da provincia de Pontevedra que ten tantísimo potencial e porque estamos convencidos de que  actividades como esta contribúen a fortalecer a nosa imaxe, a diversificar a nosa oferta e a garantir un desenvolvemento equilibrado e sostible do turismo como piar para protexer e dar valor a esta provincia extraordinaria”.

 

Os percorridos, que terán lugar todos na mesma data, o 24 de maio, comezarán ás 10:00 horas coa saída das dúas primeiras rutas desde a capela de San Roque de Pontevedra: a Ruta Rabiosa, cara a plantación de Pardemarín e a Sidrería Rabiosa, e a Ruta Peroja, que se encamiñará á plantación de Agar e a Sidrería Peroja. A chegada á capela de San Roque será ás 14:45 horas. 

 

Pola súa banda, ás 16:00 horas, terán lugar as outras dúas saídas, tamén desde a capela pontevedresa: a Ruta Quinta das Maceiras, percorrerá a plantación de San Miguel de Castro e a Quinta das Maceiras, e a Ruta Camino, realizará unha visita á plantación de Moreira e á Sidrería Camino. Neste caso, a chegada á capela de San Roque prevese para as 20:45 horas.

 

As catro rutas inclúen unha cata degustación e ofertan 40 prazas gratuítas por percorrido, ata dar cabida a 160 persoas.  As persoas interesadas en participar na actividade poderán solicitar ata un máximo de catro prazas e deberán indicar o nome da ruta á que se queren apuntar, o nome e apelidos de cada unha das persoas que van asistir ao percorrido e facilitar os datos de contacto dunha das persoas (correo electrónico e número de teléfono). As prazas cubriranse por orde de inscrición e as persoas que teñan confirmada praza nun dos percorridos non poderán optar aos restantes.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

AS NOVAS VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA SERÁN AS PRIMEIRASQUE SE CONSTRÚAN NA ESTRADA DESPOIS DE DÚAS DÉCADAS

 A nova promoción pública de 28 vivendas será a quinta desta natureza
que se constrúa na capital estradense.
 A día de hoxe figuran no municipio 88 inscritos no rexistro de
demandantes de vivenda protexida, 68 como solicitantes de inmobles de
promoción pública.
 O alcalde agarda que esta sexa a primeira fase para dar resposta a esta
importante demanda.

 Concello da Estrada e Xunta de Galicia amosaron ao
comezo desta mesma semana que comparten a aposta prioritaria pola vivenda. Tanto o
alcalde estradense, Gonzalo Louzao, como o presidente do goberno galego, Alfonso
Rueda, empregaron os seus discursos durante o acto celebrado en Lalín para poñer o
acento na “responsabilidade compartida” e na cooperación entre as administracións
públicas para ofrecer “solucións reais ao problema da vivenda”, sinalando que a
resposta pasa, necesariamente, por “cooperar, planificar e priorizar os recursos” para
actuar neste eido. Asinada a cesión da parcela para construír 28 novas vivendas nunha
rúa de nova apertura na urbanización que enmarcan as avenidas de Vigo, Pontevedra e a
Rúa Marín, o xefe do executivo local fixo hoxe fincapé en que este paso suporá a
primeira edificación de vivendas de promoción pública na Estrada despois de máis de
dúas décadas.
A nova promoción pública será a quinta que se levanta sobre solo estradense, despois
das dúas de maior antigüidade construídas ao pé da N-640, na Avenida de Pontevedra, e
outras dúas construídas, cunha maior proximidade no tempo, na Avenida Fernando
Conde. A última delas remóntase a comezos dos anos 2000. A intención do goberno que
encabeza Louzao Dono é que estas novas 28 vivendas de promoción pública marquen
unha primeira fase, neste caso sobre a parcela cedida ao efecto pola administración
municipal.
O alcalde fixo alusión hoxe a que esta construción permitirá comezar a dar resposta ao
elevado número de solicitantes estradenses que figuran no Rexistro Único de

Demandantes de Galicia. A día de hoxe son 88 as persoas inscritas que demandan unha
vivenda de protección no termo municipal estradense, sendo 68 os solicitantes que
vencellan o seu interese a vivendas de promoción pública, nas opcións de compra (14),
alugueiro (37) o alugueiro con opción de compra (17).
Pronta resposta
“Agradezo profundamente a rápida resposta que obtiven tralo ofrecemento de terreos á
consellería, na miña primeira reunión na Xunta como alcalde da Estrada”, dixo Louzao.
“Confío en que esta se converta nunha primeira fase, tendo en conta que o Rexistro de
Demandantes de Vivenda Pública está conformado por preto dun cento de estradenses
que buscan neste tipo de vivenda a súa solución residencial”, engadiu. O mandatario
agardou que a aposta das administracións pola construción de nova vivenda na Estrada
cale no sector privado e serva para “abrir dinámicas de tracción”, capaces de tirar no
sector “para que tamén vexa a oportunidade de investir no futuro estradense”, dixo.
O titular do goberno galego enmarcou o martes esta iniciativa nunha política integral e
ambiciosa que, segundo indicou, busca duplicar o parque residencial da Comunidade,
pasando de 4.000 a 8.000 vivendas públicas. A día de hoxe, subliñou, xa hai “máis de
2.000” en distintas fases de execución, tanto en cidades como en concellos medianos e
pequenos. “Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai
unha vivenda de calidade”, salientou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Rueda defende a aposta prioritaria da Xunta pola vivenda pública tralo acordo asinado cos concellos de Lalín, Teo e A Estrada

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un acordo de colaboración cos concellos de Lalín, Teo e A Estrada que permitirá a cesión gratuíta de parcelas nas devanditas localidades para a construción de inmobles de promoción pública. “Temos que ofrecer solucións reais ao problema da vivenda e iso pasa por cooperar, planificar, priorizar os recursos para este eido e actuar”, indicou. 

Grazas a esta cesión, a Xunta construirá 71 vivendas distribuídas entre as parcelas asignadas: 28 na avenida de Vigo, na Estrada; 17 na zona da Rolda Leste, en Lalín; e 26 na rúa Cernadelo, en Teo. Unha vez formalizada a cesión dos terreos, a Xunta asumirá a súa titularidade e, tal e como explicou Rueda, activará hoxe mesmo “o proceso de licitación dos proxectos construtivos”. 

Rueda destacou a importancia da colaboración entre administracións para avanzar na construción da vivenda pública en Galicia, unha aposta prioritaria para a Administración autonómica. “Ten que ser unha responsabilidade compartida”, indicou porque “a vivenda non é un luxo senón un dereito tal e como recolle a Constitución”.

O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa nunha política integral e ambiciosa que, segundo indicou, busca duplicar o parque residencial da Comunidade, pasando de 4.000 a 8.000 vivendas públicas. A día de hoxe, subliñou, xa hai “máis de 2.000” en distintas fases de execución, tanto en cidades como en concellos medianos e pequenos. “Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai unha vivenda de calidade”, salientou.

Entre as actuacións complementarias que a Xunta está a desenvolver, o xefe do Executivo autonómico mencionou a Estratexia Galega de Solo Residencial, que facilitará solo para 25.000 novas vivendas (das cales 20.000 serán protexidas), os Proxectos de interese Autonómico en sete grandes concellos, e medidas fiscais e financeiras para promover o alugueiro social e a rehabilitación de vivendas.

Tamén destacou o traballo que se está facendo para mobilizar o parque de vivendas existente, cun enfoque especial no alugueiro social e a recuperación de inmobles baleiros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O ALCALDE SUPERVISA O AVANCE DAS OBRAS DO MÓDULO CUBERTOMULTIDEPORTE, QUE REMATARÁN CARA FINAIS DE ANO

 Os traballos céntranse neste intre na planta que albergará o ximnasio e a
zona ideada para artes marciais, con tres tatamis.
 Cubrindo necesidades como os vestiarios, aseos ou almacéns de material
para as anexas pistas de atletismo, ofrecen tamén una solución cuberta
para esta práctica.
 Terán foso de area a cuberto e pistas para poder practicar salto con
pértega, saltos de lonxitude ou probas de velocidade e vallas.
 “Coa ambición deste espazo vaise seguir atraendo a moitos deportistas e
probas de referencia porque unhas instalacións así non as hai en ningún
outro lugar”, sinala Gonzalo Louzao.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, visitou as
obras que se están executando para a construción do novo módulo cuberto
multideporte, instalacións anexas ás novas pistas de atletismo. O rexedor percorreu a
zona de traballo acompañado polo arquitecto municipal, Daniel Órrea, e responsables
da adxudicataria desta obra, a firma Coviastec. As obras avanzan coa previsión de que
poidan quedar concluídas a finais de ano.
O mandatario coñeceu o avance dos traballos sobre o terreo, recibindo as explicacións
técnicas. Percorreu o que será a planta inferior do novo inmoble, onde se habilitará un
ximnasio e unha ampla zona especificamente pensada para artes marciais, con tres
tatamis.
Aproveitando o desnivel existente nos terreos nos que se está construíndo o módulo ou,
o que vén sendo o mesmo, entre as pistas de atletismo e os terreos da Academia Galega
de Seguridade Pública (Agasp), o novo centro multideporte servirá de comunicación
entrámbolos dous recintos. De feito, o edificio terá acceso dende a cota de terreo da
academia e dende as novas pistas, prevéndose un terceiro acceso pola que será a súa
parte frontal.


As instalacións permitirán dotar de servizos as propias pistas de atletismo, cubrindo
necesidades como os vestiarios, aseos, almacéns de material ou o propio ximnasio. A
maiores, contando cun orzamento que se sitúa por encima dos 2 millóns de euros, as
novas instalacións permitirán dotar á Estrada de espazo específico para a práctica de
atletismo totalmente cuberto. Isto brindará a oportunidade de que os adestramentos e
as competicións de probas técnicas poidan realizarse mesmo con condicións
meteorolóxicas adversas. Deste xeito, terán foso de area a cuberto e pistas para poder
practicar salto con pértega, saltos de lonxitude ou probas de velocidade e vallas.
Esta dotación será un complemento idóneo para as pistas ao aire libre inauguradas uns
meses atrás, de tal maneira que nestas instalacións se poidan programar competicións e
concentracións técnicas de alto nivel.
Como queda avanzado, na planta semisótano do novo módulo cuberto multideporte
haberá espazo específico para deportes como o judo, o karate ou o taekwondo,
disciplinas que agora mesmo están desprazadas, por falta dun recinto propio, ás
instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos.
“É unha aposta de dous millóns de euros que se vén sumar ao investimento doutros dous
millóns nas pistas de atletismo!”, lembrou Gonzalo Louzao. “Permite incluír aquí
deportes que, por dicilo dalgún xeito, non tiñan casa. Son moitos os que practican artes
marciais na Estrada e agora mesmo están en condicións moi mellorables na Fundación”,
sinalou o rexedor.
“Coa ambición deste espazo vaise seguir atraendo a moitos deportistas e probas de
referencia porque unhas instalacións así non as hai en ningún outro lugar”, concluíu.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Rueda anuncia que Galicia solicitará ao Goberno central rebaixar a emerxencia a nivel 2 tras recuperarse o 97% do subministro na comunidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que o Executivo autonómico vai solicitar ao Goberno central que Galicia pase ao nivel 2 de emerxencia logo de que xa estea “recuperada o 97% do subministración eléctrica” na comunidade galega. 

Durante unha intervención no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente informou de que ao longo desta mañá manterá unha entrevista co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ao que solicitará rebaixar o nivel de emerxencia -actualmente no nivel 3- para que a xestión da situación volva a estar en mans do Goberno galego. 

Rueda resaltou “a excelente coordinación” co Executivo central durante as primeiras horas do apagamento – “cando se trataba dunha incidencia con carácter nacional”- e agradeceu tanto o labor de todos os profesionais que traballaron durante a noite para restablecer “a normalidade” na comunidade coma “a pobo galego por ser un exemplo de civismo e manter a calma” ante unha “situación inédita e complicada”.

Situación actual en Galicia

O presidente indicou que os últimos datos de Rede Eléctrica indican que “arredor” do 97% da subministración en Galicia xa está recuperado, o que equivale a 1.800.000 subministracións e se traballa por normalizar a situación “noutros 52.000”.

Rueda tamén indicou que todos os hospitais galegos contan actualmente con luz e que durante a noite se lles subministrou combustible para garantir o funcionamento dos xeradores no caso de que se prolongase o apagamento. Do mesmo xeito actuouse nas residencias de maiores, “onde tres delas recibiron osíxeno” e tres pacientes “tiveron que ser trasladados a hospitais” debido a súa situación.

O titular da Xunta resaltou que os teléfonos de emerxencias -112 e 061- funcionan con normalidade e que non rexistraron “incidencias graves” durante todo o apagamento. 

Por último, Rueda explicou que se decidiu suspender as clases nun momento “en que era preciso reducir o uso de combustible” e tendo en conta que “Galicia ten unha das redes de transporte escolar” máis grandes de España. En todo caso, os centros educativos e as escolas infantís permanecen abertos para facilitar a conciliación das familias, pero sen actividade lectiva.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO ASESORA E AXUDA AOS SOLICITANTES DAS NOVASSUBVENCIÓNS DA XUNTA PARA OBRAS DE MELLORA DA EFICIENCIAENERXÉTICA

 O departamento municipal de Emprego brinda os seus servizos aos
interesados, que poden solicitar as axudas dende o 8 de maio e por
espazo de dous meses.
 Inclúen obras como o cambio de fachadas ou de ventás en vivenda
unifamiliar ou pertencentes a inmobles plurifamiliares.
 O importe da subvención será do 40% do custe da actuación, cun
máximo de 3.000 euros.

 

O departamento de Emprego do Concello da Estrada
brindou hoxe o seu asesoramento e servizo informativo aos interesados en realizar a
tramitación administrativa e presentación da solicitude de subvención do programa de
axudas que acaba de convocar a Xunta de Galicia para actuacións de mellora de
eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares, no marco do Plan de recuperación,
transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o
ano 2025.
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou
arrendatarias de vivendas, sempre que constitúan o seu domicilio habitual e
permanente no momento de solicitar a axuda. Esta circunstancia acreditarase mediante
certificación ou volante de empadroamento.
Son actuacións subvencionables aquelas que se realicen en vivendas individuais, xa
sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares, nas cales se consiga unha
redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo
menos, o 7 % ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo
menos, un 30 %. Tamén se considerarán subvencionables as actuacións de modificación
ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica.

O importe da subvención será do 40% do custe de actuacións, cun límite de 3.000 euros
por vivenda. O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros
por inmoble. Atendendo ao avanzado, as subvencións abranguerían actuacións como o
cambio de fachadas ou fiestras.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do
formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.
xunta.gal. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes
campos: os datos da vivenda onde se realizan as actuacións de mellora de eficiencia
enerxética, a referencia catastral, os datos dos certificados de eficiencia enerxética no
seu estado actual e o previsto tras a realización das actuacións, o investimento total, o
custo subvencionable, a contía da axuda solicitada, así como a anualidade prevista de
finalización da execución.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, abríndose o prazo o xoves 8.
Para axudar aos interesados neste proceso, o departamento de Traballo está aberto de
xeito presencial, sen necesidade de cita previa, de 09.00 a 14.00 horas. O seu teléfono de
información é o 986 677 740.

Publicado en Portada | Deja un comentario