O CONCELLO INICIA UNHA MELLORA DA SINALIZACIÓN HORIZONTALQUE ELEVE A SEGURIDADE VIARIA EN TODA A CAPITAL ESTRADENSE

 A intervención segue as recomendacións dos axentes das Policía Local e
suporá o repintado dunha trintena de pasos de peóns, xunto á creación
dalgúns novos.
 Renovarase a delimitación dos estacionamentos incluídos na zona azul e
nas zonas verdes, para o estacionamento rotatorio e de residentes.
 As accións inclúen incrementar a seguridade peonil na saída do
estacionamento público do Teatro Principal e no entorno de servizos da
Baiuca.

O Concello da Estrada vén de emprender unha mellora na
sinalización horizontal para incrementar a seguridade viaria na capital estradense.
Aproveitando as favorables condicións meteorolóxicas, as brigadas municipais iniciaron
o repintado de pasos de peóns e doutras sinais tendentes a favorecer un tránsito peonil
máis seguro pola vila. Os traballos continuarán ao longo dos vindeiros días, tendo en
conta que responden a unha minuciosa inspección realizada polos axentes da Policía
Local, que derivou nun informe no que se sinalan as intervencións que revisten unha
maior urxencia.
As actuacións programadas chegarán a unha trintena de pasos de peóns que tiñan a
pintura desgastada polo uso. Empregarase agora unha pintura de dous compoñentes,
que non só garante unha maior duración en condicións óptimas de visibilidade, senón
que tamén favorece unha maior adherencia dos pneumáticos dos vehículos e que,
ademais, resulta menos esvaradía. Estiman que a empregada ata o de agora acusaba
desgaste ao ano da súa aplicación e agárdase que a escollida para a actuación actual
permita prolongar ata os cinco anos a sinalización en condicións axeitadas.
Ademais de pintar os pasos de peóns, a intervención farase extensiva ao reforzo dos
illotes ou zonas e liñas amarelas, especialmente estragadas nalgunhas esquinas das
beirarrúas. De igual xeito, dende a Policía Local tamén se recomendou renovar a

sinalización de toda a zona azul, reservada ao estacionamento rotatorio regulado con
disco horario, e das prazas de aparcamento delimitadas como zona verde,
especificamente dirixidas a residentes.
Estacionamento do Teatro Principal
No contexto desta mellora da sinalización horizontal en todo o casco urbano estradense
o goberno que encabeza Gonzalo Louzao Dono, asesorado pola Policía Local, quixo
apostar por introducir cambios a zona de estacionamento público en superficie
habilitada xunto ao Teatro Principal.
Os axentes advertiron que na saída dos vehículos cara Serafín Pazo se viña producindo,
en ocasións, una invasión abrupta da beirarrúa. Deste xeito, aproveitando o pintado do
paso de peóns próximo, prolongarase esta sinalización na zona de saída da área de
estacionamento, facendo fincapé na prioridade que teñen os peóns neste punto e na
obrigatoriedade dos condutores de extremar a precaución atendendo a que, en
realidade, atravesan -na entrada e saída do estacionamento- unha beirarrúa. Asemade,
coa intención de evitar que os coches saian a velocidade inoportuna, instalaranse unhas
gomas redutoras.
Por outra banda, a actuación que xa se está concretando nas rúas da Estrada inclúe
tamén a sinalización de dous novos pasos de peóns nas dúas travesías da Avenida de
Pontevedra, recollendo unha petición veciñal. Tamén se crearán dúas novas prazas para
persoas con discapacidade fronte á Tesourería da Seguridade Social.
De igual xeito, os traballos aproveitaranse para pintar o aparcamento público na zona da
Baiuca, entre a N-640 e a escola infantil da rede Galiña Azul, incorporando a este espazo
público certa sinalización que aínda non estaba operativa

Publicado en Portada | Deja un comentario

RADIO ESTRADA CONTINÚA COS ACTOS DO SEU 30º ANIVERSARIO CUNPROGRAMA ESPECIAL MAÑÁ NO IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ

No marco das actividades para conmemorar o
trixésimo aniversario da emisora municipal Radio Estrada, o IES Plurilingüe Antón Losada
Diéguez da Estrada converterase mañá, 1 de abril, en estudo radiofónico para a
realización dun programa especial. En horario de 08.00 a 10.00, o espazo contará coas
intervencións do Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, do alcalde da Estrada,
Gonzalo Louzao, e do alumnado dos centros de Secundaria do municipio estradense.
Este programa en directo será previo á gravación da fase rexional do concurso
radiofónico da nova edición de Onda ODS. Esta iniciativa ten a finalidade de achegar as
problemáticas relativas á Axenda 2030 ao alumnado de Educación Secundaria
procedente de 16 centros educativos situados en catro comunidades autónomas.
Con esta finalidade foron seleccionados os centros educativos IES Plurilingüe Antón
Losada Diéguez e IES Manuel García Barros da Estrada, xunto co IES Perdouro de Burela
e o IES Fene. Os catro centros enfrontaranse nunha primeira fase, a nivel rexional. No
caso de clasificarse, pasarían a nivel estatal.
O programa deste martes estará centrado na divulgación de Onda ODS e tamén porá o
foco nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, cuestións estas que centrarán as
entrevistas que o xornalista Pablo García realizará tanto co secretario xeral da Lingua
como co alcalde estradense. As intervencións dos dous políticos estarán concentradas
nun primeiro bloque do programa, reservando o segundo para as intervencións do
estudantado.

Publicado en Portada | Deja un comentario

AS AULAS DA USC REGRESAN Á ESTRADA CO PROGRAMAUNIVERSITARIO PARA MAIORES, “CAMIÑOS DE COÑECEMENTO”

 As sesións serán entre os meses de abril e maio, combinando contidos
teóricos e prácticos dirixidos a maiores de 50 anos.
 Especies arbóreas, historia da fotografía e as emocións no cine centran
o programa de contidos desta nova convocatoria para A Estrada.

As aulas da Universidade de Santiago de Compostela
(USC) trasladaranse novamente ao municipio estradense nos meses de abril e maio a
través dun programa de interese público que garante o dereito de todos os cidadáns ao
acceso á educación superior, con independencia da súa ideade, xénero, domicilio ou
recursos. “Camiños do Coñecemento e da Experiencia” está pensado para maiores de 50
anos, sendo os seus principais obxectivos a democratización do coñecemento,
potenciando e difundido os saberes científicos e artísticos entre os maiores.
A metodoloxía deste programa será de corte principalmente participativo, con sesións
teóricas e prácticas. Dende a Universidade de Santiago, e máis concretamente dende a
Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e o Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo,
preparouse un programa formativo para desenvolver en instalacións municipais, todas
elas dirixidas a persoas de máis de 50 anos. En concerto, para A Estrada pensáronse tres
ámbitos formativos: Especies arbóreas na terra; Historia da fotografía: unha viaxe desde
a cámara escura ata a era dixital e un terceiro baixo o título Emocións e cine: mirando
máis aló da pantalla.
En canto as datas, a programación prevista arranca o 30 de abril. Da man de Blanca Fraga
Cimadevila, os asistentes coñecerán e identificarán as diferentes especies arbóreas que
se atopan na zona. Unha primeira parte da formación será teórica, con unha segunda
parte práctica a través dunha saída didáctica. Serán dúas sesións de 90 minutos, o 30 de
abril e o 2 de maio. Os contidos afondarán na clasificación das especies arbóreas; na
diferenciación de árbores e nos seus usos.


O segundo módulo está centrado na fotografía. Chegará os días 6 e 7 de maio, contando
con Katia Cino Rouco, investigadora da Facultade de Ciencias da Educación, como
docente. Serán novamente dúas sesións de 90 minutos, a primeira delas dedicada a
abordar contidos teóricos e, a segunda, como obradoiro ou visita didáctica.
A terceira das actividades deste ciclo aborda unha das temáticas que está máis presente
que nunca: as emocións. Desta volta analizaranse a través do cine. Será os días 8 e 9 de
maio, de 16.30 a 18.00 (o mesmo horario que para as demais convocatorias). O docente
que acompañará ao alumnado por este eido será Marcos Pequeño.
Os interesados en participar nesta nova edición do programa “Camiños do
Coñecemento e experiencia” teñen que facer a súa inscrición de xeito telemático, a
través do enlace https://forms.office/e/SwfhV2krft.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO TRAMITOU NUN ANO CASE 40 INCIDENCIAS NO TENDIDOTELEFÓNICO E AGARDA AÍNDA QUE A COMPAÑÍA RESOLVA 13 DELAS

 As competencias da administración local ante postes e cableado
afectado rematan nas notificacións a Telefónica, sendo a empresa quen
ten a obriga de solucionalas .
 Manuel Magariños sinala que en Fontenlo (Couso) a situación do
tendido comunicóuselle á empresa, que contesta que está á espera de
material para resolver a incidencia.
 “Igual o BNG pode preguntar ao seu socio no Goberno, que posúe o
10% da compañía”, sinala o responsable de Novas Tecnoloxías.

 

O edil estradense de Novas Tecnoloxías, Manuel
Magariños, quixo facer hoxe unha serie de aclaracións ao fío das críticas vertidas a
pasada fin de semana polo grupo municipal do BNG sobre a situación na que se atopan
algúns postes do tendido telefónico no ámbito rural. O integrante do goberno local
contestou con datos e precisou que, dende o 9 de xaneiro de 2024, o Concello xestionou
con Telefónica un total de 38 incidencias vencelladas ao seu tendido, tanto por postes
caídos como por cableado que non está nas condicións debidas. Deste montante, 25
déronse xa por pechadas e outras 13 continúan abertas.
Magariños quixo tamén aclarar que o Concello fixo os deberes que lle corresponden
perante estas incidencias, que rematan coa inmediata comunicación das mesmas á
compañía que ten tanto a competencia como a obriga de solucionalas. Explicou que
algunhas delas derívanse da caída de postes a consecuencia de situacións
meteorolóxicas adversas, mentres que outras atenden a explicacións de outra índole,
caso de cables caídos ou tendidos baixos que afectan á seguridade viaria ou xeran
molestias e incomodidades para os cidadáns.
O responsable estradense de Novas Tecnoloxías explicou que todas estas incidencias se
poñían en coñecemento de Telefónica ata o de agora a través do correo electrónico ou
por vía telefónica. Porén, dun tempo a esta parte, atendendo ás indicacións de

responsables da compañía para a comunidade autónoma, pasaron a notificarse a través
dunha plataforma.
Aclarou Manuel Magariños que moitas destas incidencias son participadas ao Concello
polo servizo Emerxencias A Estrada, desprazado en diversas ocasións pola caída de
postes sobre a rede viaria, por tendidos que se descolgaron ou por cables que están
invadido espazo público. Neses casos, Emerxencias activa un aviso perante o 112 e
tamén ante o Concello. Noutros casos, estas incidencias son detectadas polo equipo
técnico de Aestradadixital.
Fontenlo
Magariños Maceiras aproveitou a ocasión para exemplificar esta situación referíndose
ao tendido de Fontenlo, na parroquia de Couso, á que se referiu o BNG, con cables
telefónicos descolgados. Explicou o dirixente local que o Concello trasladou esta
situación a Telefónica, notificando que estes cables están afectando a unha vivenda e a
un invernadoiro. Precisou que existe un correo do 14 de marzo e que dende Telefónica
se lle comunicou á administración municipal que a solución ao problema estaba
pendente do subministro de material para poder proceder á reparación.
“O 10% da compañía pertence ao seu socio de Goberno”, trasladou Magariños ao BNG.
Engadiu que igual os nacionalistas lle poderían preguntar se en concellos que non estean
gobernados polo Partido Popular se imprime maior celeridade na resolución destas
incidencias. “Ou tamén poden instar ao seu socio a que se lles dea unha pronta
situación”, propuxo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO INCREMENTA ESTE ANO A SÚA ACHEGA PARA AS FESTASDE SAN PAIO, QUE PRESENTAN OFICIALMENTE A SÚA COMISIÓN

 A administración eleva a 60.000 euros a súa axuda para a organización
das patronais, partida que se engade á nova liña de 100.000 euros para
colaborar coas comisión de festas das restantes parroquias do rural.
 A equipa que preside Manuel Torrado Gañete traballa no cartel para
cinco días de festa, dende o 25 ao 29 de xuño.
 Buscarán que a música e o ambiente festivo cheguen a cada recuncho
da vila, apostando por descentralizar as sesións vermú.
 A comisión inicia a distribución de rifas para o sorteo dunha viaxe para
dúas persoas a Punta Cana, cuxo gañador se coñecerá ao peche das
festas.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, arroupou
onte aos integrantes da comisión de festas encargada de organizar as patronais de San
Paio da Estrada na que foi a súa presentación oficial. A equipa que encabeza Manuel
Torrado Gañete continúa traballando na organización dun programa que xa se atopa
moi avanzado pero do que aínda non queren desvelar sorpresas. As festas serán do 25
ao 29 de xuño, sendo festivos locais o xoves 26 e venres 27. A comisión prepara o cartel
coa filosofía de que a música e o ambiente cheguen a longo deses cinco días a cada
recuncho da capital municipal.
O dirixente estradense sumouse a última hora deste venres á foto de familia que fixeron
os integrantes da comisión. Está conformada por Manuel Torrado Gañete, Carlos Gómez
“Cepas”, Juan Mariño, Belén Sanmartín, Ramiro Meilán, Manuel Bouzón, Francisco
Picón, Nemesio Rey, Miguel Agrelo e Charo Sánchez.
Louzao aproveitou a ocasión para testemuñar o seu apoio “a un grupo de veciños que
están e estarán empregando o seu tempo nunha responsabilidade complexa para

configurar un programa o máis ambicioso posible para que estes cinco días de festa
sexan todo un éxito”.
O alcalde lembrou que ten experiencia nesta materia, xa que recaeu sobre el mesmo a
organización das festas patronais de San Paio durante sete anos. “Sei de primeira man o
traballo e a complexidade que supoñen e entendo que van dedicar moito esforzo e
traballo para que, neses días, A Estrada sexa un referente na escena cultural e musical”,
sinalou o mandatario.
Despois de agradecer publicamente a implicación dos integrantes da comisión, Gonzalo
Louzao informou de que este ano a achega económica do Concello á organización do San
Paio ascenderá a 60.000 euros, fronte aos 50.000 que viñan reservándose no orzamento
municipal. A esta cantidade sumaranse os 100.000 euros que a administración municipal
reserva tamén este ano nunha nova liña de axudas ás comisións de festas das
parroquias, con ata 3.000 euros por solicitante.
Ademais de presentarse formalmente, a comisión de festas aproveitou a ocasión para
informar de que poñen á venda as rifas para o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a
Punta Cana. Os gañadores coñeceranse na fin de festa, o 29 xuño. O prezo dos boletos,
que se distribuirán a través dos propios integrantes da comisión e que se farán chegar
tamén aos establecementos que colaboren co libro promocional do San Paio, será de
dous euros. A viaxe está contratada en tempada alta, concretamente no mes de agosto,
se ben queda aberta a posibilidade de que a persoa agraciada modifique as datas se non
pode viaxar no momento para o que se efectuou a reserva.
Por outra banda, a comisión tamén quixo presentar neste encontro co alcalde o
etiquetado asignado a unhas botellas de viño identificadas coa imaxe que se conferirá ás
festas de San Paio 2025.
“Tentaremos facer unhas festas para todos os públicos, con actividades musicais de todo
tipo. Ao igual que en 2024, continuaremos con sesións vermú en distintas partes da
Estrada, para que non todas as actuacións sexan no centro”, apuntaron os integrantes
da comisión. “Queremos que o ambiente festivo se note en toda a vila e que haxa música
dende a mañá á noite”, incidiron

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO REGRESA Á SUA “SENDA ECONÓMICA HABITUAL” EPECHA 2024 CON REMANENTES POR MÁIS DE 6,6 MILLÓNS DE EUROS

 O balance do último orzamento executado fixa en 4.270.167 euros o
remanente de Tesourería para gastos xerais.
 O goberno estradense conseguiu incrementar o orzamento municipal
por encima dos 11 millóns de euros, pasando dos 16,8 inicialmente
previstos a sobrepasar os 28.
 A capacidade de xestión e atracción de fondos doutras administracións
permitiu que os investimentos reais medrasen dos 476.580 euros ata os
máis de 7,5 millóns.
 Todos os datos da liquidación reflicten o retorno da boa saúde
económica e financeira, logo de dúas liquidacións orzamentarias
salpicadas pola demora na transferencia de fondos europeos por parte
do Goberno Centra

O Concello da Estrada conseguiu regresar á senda
económica que o executivo local veu describindo dende 2011, un camiño do que só se
desviou cando a demora dos pagos, por parte do Goberno Central, das achegas
correspondentes a proxectos financiados con fondos europeos comprometeu a
estabilidade financeira e as liquidacións dos exercicios económicos 2022 e 2023.
“Despois do bache sufrido, volvemos á nosa senda habitual”, sintetizou o edil estradense
de Economía e Facenda, Alberto Blanco. Foi el o encargado de aportar os datos
principais derivados da liquidación do ano 2024, cun balance altamente positivo que
evidencia a boa saúde da economía local.
Os informes do departamento de Intervención amosan uns remanentes que chegan á
cifra de 6.658.721, se ben se recolle finalmente que o remanente de Tesourería que
pode ser destinado a gastos xerais ascende a 4.279.167,20 euros.


O balance deixa varios datos relevantes. Os dous primeiros aspectos que se sinalan é que
cumpre co obxectivo da regra de gasto, de acordo co artigo 12 da Lei Orgánica 2/2012 de
Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira. De igual xeito, establécese o
cumprimento do principio de estabilidade financeira.
A maiores, pódese apreciar que, se ben o Concello da Estrada aprobou para o exercicio
económico de 2024 un orzamento de 16.897.897 euros, a liquidación amosa que se
elevou finalmente este montante a 28.051.237,30. Isto supón un incremento de máis de
11,1 millóns de euros con respecto ás estimacións iniciais do goberno que encabeza
Gonzalo Louzao.
Neste contexto, a última liquidación orzamentaria permite apreciar datos tan
significativos como o incremento dos investimentos reais contemplados no 2024.
Inicialmente, o goberno levou ás previsións orzamentarias coas que se aprobou a conta
municipal para o pasado exercicio 476.580 euros. Porén, “a capacidade de xestión do
goberno municipal para atraer fondos doutras administracións” fixo que esta cifra
medrase ata sobrepasar os 7,5 millóns de euros (7.546.796,38). Isto axuda a explicar o
significativo incremento do último orzamento executado polo goberno estradense con
respecto ás previsións iniciais.
A liquidación do orzamento de 2024 deixa tamén datos sobre a boa saúde financeira do
Concello da Estrada, tendo en conta que amosa que o estado actual do endebedamento
do Concello se sitúa nun 30,61%. Isto supón que a administración estradense tería aínda
marxe se quixera incrementar esta porcentaxe, fixándose o límite no 75%. Falando en
euros, a administración local aínda tería posibilidade de ampliar o endebedamento en
máis de 12,5 millóns de euros.
O goberno estradense dará conta desta liquidación orzamentaria no pleno ordinario
correspondente ao mes de abril.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Reices: «As infraestruturas de telefonía e eléctricas da Estrada están nun estado desastroso»

Sabemos que non é unha competencia municipal, pero o alcalde debe instar ás operadoras a mellorar estas infraestruturas, non só polo servizo básico que prestan, senón pola pésima imaxe que traslada do noso concello»

O BNG da Estrada xa ten denunciado en numerosas ocasións o estado das infraestruturas de telecomunicacións non noso concello, un feito que lonxe de mellorar empeora cada día que pasa.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, «a situación dos postes e dos cables de telefonía en moitas parroquias é case terceiromundista; hai postes tirados, cables polo chan, cables enmarañados anarquicamente… é a paisaxe que se aprecia en case todas as parroquias». «Hai casos especialmente escandalosos, como é o do lugar de Vera, en Santo André de Vea», explica, «alí os cables están tirados polo chan desde o mes de outubro que caeron por mor do temporal Kirk, que afectou o noso país». «Tamén podemos citar o caso de Fontenlo, en Couso, onde os postes e os cables de telefonía están rozando o chan e os postos inclinados sobre as fincas», afirma.

O concelleiro nacionalista indica que «aínda que a telefonía non é unha competencia municipal, o goberno do PP e en concreto o alcalde debería preocuparse por esta situación que non é que xa dea unha pésima imaxe do noso concello, é que afecta a un servizo básico dos veciños e veciñas; non é normal a situación que se dá na Estrada». «O alcalde ten que levantar o teléfono para chamar a Movistar e pedir que arranxen esta desfeita canto antes, que, por outra parte, tamén afecta ao servizo de fibra que presta A Estrada Dixital», afirma.

Problemas eléctricos

«Por outra parte», engade Reices, «tamén instamos ao alcalde e mirar polas infraestruturas eléctrica; cada vez que hai uns refachos de vento ou choiva intensa, hai parroquias e lugares do noso concello que quedan sen luz, e case sempre son as mesmas». «Isto non se pode consentir», afirma, «os veciños e veciñas pagamos na factura da luz non só pola electricidade que consumimos, senón para que as infraestruturas das eléctricas estean en perfecto estado, cousa que evidentemente non se cumpre».
 
Publicado en Portada | Deja un comentario