O PUNTO LIMPO REABRIRÁ RENOVADO TRAS A SEMANA SANTA,CANDO SE TEÑAN COMPLETADAS AS MEDIDAS DE SEGURIDADE

 A instalación municipal sufre un novo roubo, que recomenda demorar a
apertura ata que queden debidamente instaladas as cámaras e as
alarmas de presenza no recinto.
 Os axentes da Policía Local reforzarán a vixilancia na zona para evitar,
tamén, depósitos indebidos e incontrolados de lixo.
 O servizo reabrirá cunha nova distribución e adaptado ás esixencias da
normativa que regula este tipo de recintos.

O Concello da Estrada reabrirá ao público as instalacións
do Punto Limpo municipal despois da Semana Santa. O edil Óscar Durán confirmouno
esta mañá, recoñecendo que, aínda que as obras realizadas permitirían que o recinto
medioambiental recuperase antes a súa actividade, un novo roubo nestas dependencias
aconsella non recuperar a actividade ata que estea completada a instalación das novas
medidas de seguridade. Segundo indicou, a empresa que se encargará do subministro e
colocación das cámaras de seguridade e alarmas de presenza trasladou ao Concello que
as dotacións se demorarían “entre unha semana ou dez días”.
Durán precisou que a reorganización e redistribución destas instalacións, situadas en
Penerada, está xa lista, se ben incidiu en que non se poden abrir sen antes activar as
medidas de seguridade. Incidiu en que, aínda en plena fase de execución das obras, estas
dependencias sufriron unha nova intrusión para o roubo de barras de ferro e outros
utensilios, ocasionando diversos danos no recinto municipal.
A raíz desta mellora na seguridade, que busca atallar roubos e entradas no Punto Limpo,
o concelleiro adiantou tamén que se reforzará a vixilancia policial na zona, coa intención
de evitar tamén o depósito indebido de residuos. Recoñeceu que o peche temporal das
instalacións derivou en que algúns cidadáns decidiran depositar igualmente pola zona o
material, ocasionando un vertido incontrolado. Neste sentido, lembrou que tirar
escombro ou lixo en lugares públicos leva aparelladas sancións económicas. Os controis

policiais e o incremento das medidas de seguridade neste entorno buscarán atallar tanto
os roubos como os vertidos.
Óscar Durán pediu aos cidadáns “paciencia”, sinalando que o que se busca con este
peche temporal do Punto Limpo non é outra cousa que unha mellora en beneficio do
servizo e dos seus usuarios. Lembrou, ademais, que se trata dunha atención única e
exclusivamente destinada a residuos “de uso doméstico”. A regulación existente recolle
que as empresas, tanto grandes como pequenas, teñen que xestionar e evacuación dos
seus residuos por outras canles, sen acudir ao efecto a unhas instalacións pensadas para
refugallo procedente do ámbito domiciliario. O Concello viña detectando o depósito
dunha cantidade de escombro nestes colectores excesivamente elevada, situación que
dispara a factura que ten que abonar a administración municipal para o tratamento
destes residuos. Só no mes de xaneiro o Concello tivo que asumir o pago de 18.125 euros
pola recollida.
Cambios
O edil amosou tamén hoxe como será a configuración do Punto Limpo tras os cambios
que se estiveron realizando nas súas instalacións. A configuración que achegou é o
resultado dunha reorganización integral do espazo, así como a súa adaptación ás
esixencias da normativa que regula este tipo de servizos de índole medioambiental.
Unha das novidades será a incorporación dunha caseta para Residuos de Aparellos
Eléctricos e Electrónicos (RAEES), que requiren unha estancia pechada e illada. Este
material ten que ser, ademais, depositado con identificación da persoa que o achega,
ten que pesarse e etiquetarse axeitadamente.
No tocante aos cambios que se introducirán coa nova xestión, o depósito de residuos
terá que adecuarse ao que a lei contempla para o funcionamento dos puntos limpos.
Neste senso, os usuarios que acudan ás instalacións teñen que ser identificados antes de
introducir o material que acheguen nos contedores correspondentes. A maiores, a
normativa regula un número máximo de quilos para o depósito. O Punto Limpo e a
xestión dos residuos supón un custe anual de 180.000 euros para o Concello, que busca
coa aplicación das novas medidas un aforro de 30.000.
Coa súa reapertura, despois da Semana Santa, as instalacións municipais seguirán
funcionando no mesmo horario: de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en horario
partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00.
Limpeza de rúas
Noutra orde de cousas, o goberno local adxudicou xa á firma Geseco a limpeza intensiva
de varias prazas e dunha batería de rúas céntricas da capital estradense, buscando
procurarlles un mantemento óptimo e mellorando a estética dunha vila que se busca

cada vez máis aberta ao goce e esparexemento dos cidadáns. Óscar Durán precisou que
a intención é que os traballos comecen de xeito inmediato para que poidan quedar
concluídos para a celebración, no mes de maio, da Festa do Salmón.
A actuación levarase a cabo na zona pavimentada en formigón da alameda municipal,
unha ampla superficie que require o uso de maquinaria especializada para retirar as
adherencias, máis acusadas nas zonas de sombra. Tamén se fará extensiva esta mellora
a ampla Praza da Constitución, coa mesma pavimentación que as prazas e paseos
interiores dos xardíns municipais. De igual xeito, a limpeza terá que chegar ás rúas San
Antón, Serafín Pazo, Calvo Sotelo, Travesía de Vea, Travesía da Igrexa, Cruceiro (Zona
dos Viños), Peregrina, Pérez Viondi (no tramo comprendido entre a Praza de Galicia e
Avenida Benito Vigo), Don Nicolás, Iryda e Praza do Mercado.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A EXPECTACIÓN ANTE A PRIMERA SESIÓN DO PROGRAMA “NOITESNOVAS” RECOMENDA QUE OS PARTICIPANTES CONFIRMENASISTENCIA

 O obxectivo é gañar eficiencia na organización dos grupos para que
todos os participantes poidan gozar da experiencia.
 O programa arranca cun Escape Room este sábado, de 21.00 a 23.00
horas, no segundo andar do Novo Mercado.
 “Noites Novas” está aberto a asistentes que teñan ou cumpran neste
2025 os 12 anos

A primeira sesión do programa “Noites Novas”, posto en
marcha polo departamento municipal de Cultura e Xuventude en colaboración coa firma
estradense Anacos Educativos, está xerando unha importante expectación. Agradecidos
de antemán pola resposta da xuventude con esta convocatoria, dende a concellería de
Lucía Seoane e dende a empresa que xestionará estas actividades, animouse hoxe ás
persoas que teñen pensado participar no Escape Room deste primeiro sábado a
confirmar con Anacos Educativos a súa asistencia, ao obxecto de poder organizar con
maior eficiencia e eficacia a proposta para que todos os asistentes gocen ao máximo da
experiencia.
As redes sociais serán a primeira das ferramentas que se empregará para lanzar este
aviso aos interesados. Simplemente se pide a aqueles que xa saben seguro que van
acudir á primeira proposta de “Noites Novas” manden o correspondente aviso, a través
das vías de contacto que se facilitan. Con todo, ábrese a porta a que aqueles que aínda
non confirmaran que acudirán e estean interesados en participar se acheguen
igualmente ás 21.00 horas ata o segundo piso do Novo Mercado para sumarse á
actividade.
Nos últimos días a empresa tivo ocasión de confirmar o interese que suscitou a
convocatoria, de aí que hoxe se propoña a posibilidade de contar cunha estimación de
participación máis sólida para planificar máis axeitadamente a actividade, contando con

que este Escape Room poida ser de interese para grupos de idade dispares. Cómpre
lembrar que o programa está aberto á asistencia de cidadáns a partires dos 12 anos (ou
que os cumpren neste 2025). A empresa baralla a opción, se se confirma unha asistencia
moi numerosa en con grupos variados, de adaptar o Escape Room ás diferentes idades
ou mesmo facer varios grupos, que precisarían tamén recibir pistas e códigos diferentes
para resolver os enigmas suxeridos e superar a proba lúdica.
Alternativa de ocio
O Concello da Estrada lanzou o programa “Noites Novas” como un proxecto de lecer
destinado á poboación moza para promover unha alternativa de lecer nocturno
saudable. A proposta busca dinamizar e promover a participación da xuventude a través
de actividades de carácter lúdico e formativo.
“Noites Novas” inclúe unha batería de actividades de diversa temática, todas elas
fundamentadas nunha participación real e activa. Son de balde para participantes que
teñan o cumpran neste 2025 os 12 anos. As convocatorias serán todos os sábados de
abril e os dous primeiros de maio (de 21.00 a 23.00) no segundo andar do Novo
Mercado.
O Escape Room deste sábado é a primeiras das propostas. Tras ela chegará “A Estrada
Misteriosa”, un obradoiro de “Maquillaxe creativa”, “Coctelería 0,0”, “Furor” e
“Misiles”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O ALCALDE DA ESTRADA, GONZALO LOUZAO, SÚMASE Á LECTURA DOMANIFESTO POLO DÍA MUNDIAL DO AUTISMO NA PRAZA DO MERCADO

 O acto convocado por Apacaf contou co respaldo de usuarios doutros
colectivos, caso de Cogami e Agadea.
 A xornada conmemorouse este ano baixo o lema “Somos infinitos”.
 O consistorio da Estrada, iluminado en azul.

A “O 2 de abril, Día Mundial de Concienciación sobre o
Autismo, alzamos a voz para lembrar que as persoas autistas non son invisibles e que
deben participar en todas as decisións que lles afectan como parte activa da sociedade.
O autismo é diverso, cada persoa é distinta, por iso as persoas con autismo son infinitas.
A variabilidade dentro do espectro é enorme: cada persoa é única e as súas necesidades
tamén o son”. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, pronunciou hoxe estas
palabras no acto de lectura do manifesto polo Día Mundial de Concienciación sobre o
Autismo, celebrado este mediodía na Praza do Mercado da Estrada. Promovido pola
Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio
Familiar (Apacaf), contou con respaldo de usuarios de Cogami e do centro estradense
que xestiona Agadea.
Provistos co símbolo do infinito, en consonancia co lema da campaña deste ano “Somos
infinitos, os participantes xuntáronse a mediodía na Praza do Mercado. Este ano
sumáronse á convocatoria varios representantes institucionais, comezando polo alcalde
e continuando pola edil de Benestar Social, Amalia Goldar, a concelleira de Cultura,
Emprego e Xuventude, Lucía Seoane, e os edís Román Suárez e Sindo Villamayor,
representantes dos grupos municipais do PSOE e do BNG, respectivamente.
O manifesto lido nas distintas voces destes representantes públicos recolle a estimación
de que unha de cada 100 persoas de España se sitúa no espectro do autismo, “o que
supón centos de miles de persoas con realidades e necesidades diversas”. “Con todo, a
pesar desta significativa presenza na nosa sociedade, o coñecemento sobre o autismo e
o recoñecemento dos seus dereitos aínda son insuficientes”, sinalan. “É fundamental

que as persoas con autismo reciban os apoios específicos e flexibles que requiran en
cada etapa da súa vida”.
Por outra banda, o consistorio estradense quedou iluminado na noite do martes xa en
azul, a cor emblemática do autismo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ZONA AZUL CUMPRE 11 ANOS OPERATIVA NA ESTRADA, CONARREDOR DE 20.000 DISCOS HORARIOS XA EN CIRCULACIÓN

 O sistema de estacionamento rotatorio de horario limitado ten tamén
unhas 400 tarxetas de residentes emitidas que autorizan a aparcar nas
prazas pintadas como zona verde.
 Durán recoñece as peticións de expansión, pero sinala que teñen que
chegar da man de procesos previos de humanización das rúas.
 O bo funcionamento deste sistema de aparcamento fai baixar as multas
e atopa respaldo nas áreas públicas de estacionamento en superficie que
salpican zonas céntricas da vila.

 

Bautizada como Zona Azul, a zona de estacionamento
rotatorio con horario limitado do casco urbano da Estrada cumpriu este luns 11 anos en
funcionamento. Estreouse o 1 de abril de 2014 como unha ferramenta para axudar a pór
remedio á falta de prazas de aparcamento nas zonas máis céntricas da vila. Estes dez
anos de andadura fan que o sistema funcione hoxe con axilidade e estea ben
interiorizado nos cidadáns. Neste tempo, o Concello da Estrada distribuíu arredor de
20.000 discos horarios para estacionar nas prazas delimitadas en azul e outras 400
tarxetas de residentes, que permiten aparcar en zona verde.
“Once anos despois de que se puxera en marcha, a xente demanda máis rúas con zona
azul”, apuntou o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán. No momento de
facer balance, lembrou que xa dende a primeira semana de funcionamento do
aparcamento de tempo limitado con sistema de disco horario se comprobou a súa
efectividade para favorecer a rotación nas prazas máis céntricas da vila. “Neses
primeiros días as reticencias dalgunha xente quedaron xa superadas porque se vía como
había rotación nas prazas dispoñibles e como a xente entendía o funcionamento para
favorecer a existencia de prazas para aparcar cando queren facer uso da zona comercial
e de servizos máis céntrica da capital estradense.
Hai 11 anos a Zona Azul da Estrada estreouse con cinco rúas, ás que logo se foron
sumando tres máis. Comezou en Justo Martínez, Iryda, Castelao, San Antón e Manuel

García Barros, engadíndose Waldo Álvarez Insua, Padrón e un tramo da Avenida de
América (o coincidente coa antes denominada Rúa Capitán Bernal). Xuntas ofertan máis
de 200 prazas de estacionamento, nas que o usuario non pode permanecer máis dunha
hora e media dentro do horario no que está en funcionamento os sistema de disco. Unha
vez superado ese tempo, a normativa esixe que o vehículo se traslade a outra rúa.
Hora e media
Non sucede así na Zona Verde, especificamente reservada aos residentes. O
estacionamento nestas prazas non está suxeito a un horario, só a teren colocada no
vehículo, en lugar ben visible, a tarxeta que acredita que a persoa propietaria do coche
ten dereito como residente a facer uso desa preferencia no estacionamento.
“O bo funcionamento deste sistema de aparcamento fixo tamén que as multas, que
loxicamente aínda as hai, se reduciran tamén considerablemente”, explicou Óscar
Durán. No tocante á expansión deste sistema a outras rúas, o edil recoñeceu que dende
o comercio local houbo solicitudes neste senso. Non obstante, apostou porque esta
regulación do estacionamento camiñe da man dos procesos de humanización que
promove o Concello e que compartan unha ordenación de todo o tráfico en cada unha
das rúas afectadas.
A Zona Azul e a Zona Verde toparon nestes 11 anos aliados para o seu bo
funcionamento. Foron os aparcamentos públicos en superficie habilitados en
propiedade municipal ou a través dos convenios de uso conseguidos polo Concello tras
acordos cos propietarios. Son áreas para aparcar, de xeito completamente gratuíto, en
puntos céntricos ou estratéxicos da vila. É o caso do aparcamento do Teatro Principal, a
Casa das Letras, a Avenida de América ou na zona do centro de saúde, entre outros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP: campións das desculpas e en botar balóns fóra

Xoán Reices: «como burócratas son bos, pero como políticos son nefastos e aos feitos nos remitimos, xa que a día de hoxe os cables de fibra de Vera e Fontenlo seguen polo chan como hai meses»

Nos últimos días o goberno municipal puxo na diana ao BNG logo de que a organización nacionalista denunciara o mal estado das infraestruturas de telefonía e eléctricas. O concelleiro do BNG, Xoán Reices, indicou que «a resposta do goberno confirma o que xa sabiamos, e saben os veciños e veciñas, é dicir, que todo está feito un desastre, mais a desculpa que dá o goberno do PP é que eles xa tramitaron as incidencias, o que demostra que como burócratas son bos, pero como políticos son nefastos e aos feitos nos remitimos, xa que a día de hoxe os cables de fibra de Vera e Fontenlo seguen polo chan como hai meses».

«En realidade as cuestións burocráticas quen as moven son os traballadores e traballadoras do concello, de non ser así a situación do concello sería moito peor», engade.

«Botar balóns fóra tamén o saben facer moi ben no goberno do PP», afirma Reices, «logo iso si, son os primeiros en poñerse na foto, cousa que ao alcalde dáselle moi ben tamén». «Os veciños e veciñas queren un goberno que lle solucione os problemas, non que sexa o campión das desculpas», engade Reices.

Medallas

Por outra parte, o concelleiro do BNG tamén se referiu ás palabras do alcalde sobre a Variante. Xoán Reices indicou que «é certo que non nos podemos colgar medallas sobre estas infraestruturas que levamos anos demandando, mais as críticas do alcalde demostran que, a pesar de que o BNG non ten o poder, si ten capacidade de influencia no goberno do Estado, colocando a Variante no acordo de investidura, cousa que o PP, a pesar dos seus 13 deputados e deputadas elixidos polas circunscricións galegas non foron quen, nin agora nin nunca».

Xoán Reices afirmou que «hai un ano non había descontos nas peaxes da AP-53 e hoxe son unha realidade grazas ao BNG, como son unha realidade as da AP-9; e polo que ao BNG respecta influiremos até onde poidamos para que a Estrada teña Variante, cousa que xa é máis do que fará este alcalde».

Publicado en Portada | Deja un comentario

LUCÍA SEOANE ASISTE Á CREACIÓN DUNHA COMUNIDADE DE EMPREGO E EMPRENDEMENTO RURAL SOSTIBLE NA ESTRADA

A edil estradense de Emprego, Lucía Seoane, desprazouse
esta mañá ata a Sala MOME para asistir á xornada de posta en marcha do Club de
Emprendemento Deza-Tabeirós, configurado como Comunidade de Emprego e
Emprendemento Rural Sostible
. Trátase dun programa gratuíto que busca xerar postos de
traballo en áreas rurais, aproveitando as oportunidades locais para crear emprego e
emprendemento inclusivo e sostible.
Lucía Seoane quixo agradecer a Acción Contra a Fame, impulsora desta iniciativa, que
puxera os seus ollos no Concello da Estrada para promover esta comunidade de emprego.
Aplaudiu que, da súa man, os emprendedores teñan unha nova vía de “formación,
información e apoio”. Remarcou que as persoas que participen poderán atopar un foro de
colaboración e intercambio de experiencias.
“Incluír nun currículum a pertenza a un club de emprendemento amosa que a persoa é
proactiva e cunha iniciativa creativa”, sinalou a concelleira de Emprego, en alusión a aqueles
que pode participar nesta comunidade aínda que, finalmente, decidan non coller a vía do
emprendemento como saída profesional
Publicado en Portada | Deja un comentario

NOVA ACTIVIDADE PARA CONMEMORAR OS 30 ANOS DA EMISORAMUNICIPAL RADIO ESTRADA, CO MICRO ABERTO PARA OSOBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

“Todos estes obxectivos tan grandes poden ter unha aplicación,
obviamente a escala, no eido local e figuran na folla de ruta do
Concello”, sinala o alcalde, Gonzalo Louzao, durante a súa entrevista.

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, e o secretario xeral
da Lingua, Valentín García, participaron esta mañá no IES Antón Losada Diéguez no
programa especial que a emisora municipal Radio Estrada incluíu nos actos de
conmemoración do seu 30º aniversario e a xeito de previa á gravación da fase rexional do
concurso radiofónico da nova edición de Onda ODS. Esta iniciativa ten a finalidade de
achegar as problemáticas relativas á Axenda 2030 ao alumnado de Educación Secundaria
procedente de 16 centros educativos situados en catro comunidades autónomas. Dous
destes institutos serán o Losada Diéguez e o Manuel García Barros.
Contando coa participación do alumnado, o condutor do programa, Pablo García, puxo o
foco durante as entrevistas de hoxe nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
“Estou convencido de que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible están moi lonxe
de seren algo alleo ao ámbito municipal. Os Concellos somos a administración máis
próxima aos cidadáns, a de referencia para a intervención máis inmediata, aínda que,
lamentablemente, os nosos recursos quedan sempre escasos para uns servizos cada vez
máis crecentes. Aínda así, todos estes obxectivos tan grandes poden ter unha aplicación,
obviamente a escala, no eido local e figuran na folla de ruta do Concello”, contestou o
alcalde ao seren preguntado pola aplicación dos ODS a nivel municipal. “Pensemos, por
exemplo, na auga limpa e no saneamento; na industria, na innovación e nas
infraestruturas; no consumo responsable; na saúde e benestar; na redución das
desigualdades; na igualdade de xénero…. Son todas metas nas que traballa a
administración estradense con todas as ferramentas que ten ao seu alcance. Todos e
cada un de nós, administracións a cidadáns, podemos aportar o noso gran de area para
acadar estes obxectivos”, sinalou.

Á hora de responder á pregunta de se iniciativas como a onte poden contribuír a que a
cidadanía coñeza mellor os retos sociais e ambientais do presente, Louzao Dono
respondeu: “Por suposto, non só porque dende espazos como o que hoxe aloxa o IES
Antón Losada Diéguez se fai divulgación, senón tamén porque esta se dirixe ás xeracións
máis novas. Eles son o futuro, un futuro no que terán que seguir traballando porque
estes ODS deixen de ser obxectivos para converterse en realidades”

Publicado en Portada | Deja un comentario