A partida orzamentaria desta primeira convocatoria aínda non está
esgotada e o Concello anima ás persoas que cumpran os requisitos a
solicitar a achega municipal.
O Concello da Estrada pechará este xoves, 30 de xullo,
o prazo para a solicitude das novas subvencións municipais, en réxime de concorrencia
non competitiva, destinadas á instalación ou renovación de sistemas de saneamento no
amplo rural do municipio. Esta primeira convocatoria conta cun crédito de 100.000 euros
e permitirá conceder axudas de ata 1.000 euros por vivenda, sen que a subvención poida
superar o custo da actuación. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada ata o
esgotamento dos fondos dispoñibles.
Dende o Concello animouse hoxe aos cidadáns interesados a presentar a súa solicitude,
tendo en conta que as peticións rexistradas ata o momento aínda non esgotarían o crédito
dispoñible para esta primeira convocatoria.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, destacou que o obxectivo do Concello é que esta
nova liña de axudas chegue ao maior número posible de fogares do rural. “Gustaríanos
que os 100.000 euros previstos puidesen aproveitarse ao máximo, porque iso significará
que máis vivendas contan con sistemas de saneamento adecuados e que seguimos
avanzando cara a un rural máis saneado, máis sostible e mellor protexido desde o punto
de vista ambiental”, sinalou o mandatario.
Dende o goberno tamén se puxo o acento en que os interesados teñen que afrontar
unha tramitación sinxela. En esencia, terían que presentar no Concello un orzamento da
obra ou instalación e serían acompañados no resto do proceso de presentación polo
persoal dos departamentos de Rural o Subvencións.
Os solicitantes deben cumprir os requisitos que figuran nas bases desta convocatoria:
estar empadroados no Concello da Estrada na vivenda para a que se solicita a
subvención; que a vivenda non dispoña de servizo municipal de saneamento activo e
que o inmoble constitúa unha edificación destinada ao uso residencial.
Cómpre lembrar que son actuacións subvencionables a instalación de novos sistemas
individuais de depuración; a substitución de fosas sépticas deterioradas; a mellora ou
renovación de instalacións de evacuación ou tratamento de aguas residuais domésticas
e obra auxiliares directamente vencelladas á instalación do sistema.











































