O tenente de alcalde, Juan Manuel Constenla Carbón, acompañou esta mañá á deputada de Turismo e Xuventude da Deputación Pontevedra, Ana Laura Iglesias, durante a súa visita á Oficina de Turismo da Estrada ubicada na Casa das Letras, adherida á Rede de oficinas de turismo Info RÍAS BAIXAS e distinguida co distintivo Q de Calidade Turística.
A técnica da Oficina, Natalia Arnoso, destacou as boa cifra de visitantes que se está a rexistrar este ano, con máis de 80 turistas atendidos neste punto no que vai de verán.
Visita a Oficina de Turismo da Estrada
A biblioteca municipal da Estrada incorpora 400
novos títulos grazas a unha axuda de 5.900 euros
A Concellaría de Cultura, que dirixe Juan Constenla, vén
de incorporar 400 novos títulos ao catálogo da biblioteca municipal da Estrada, situada
na Casa das Letras, a través dunha axuda da Xunta de Galicia tramitada polo
Departamento cunha contía de 5.910,03 euros.
A subvención outorgada divídese en dous programas: o primeiro deles, financiado pola
Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, outorgou ao Concello da Estrada
1960,78 euros para a adquisición de novidades editoriais en galego; e o segundo,
financiado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e
polos fondos Next Generation da Unión Europea, dotou ao Concello de 3949,25 euros co
obxectivo de mellorar as coleccións bibliográficas.
Constenla explicou que “a meirande parte das novas incorporacións foron mercadas nas
librarías da Estrada co obxectivo de favorecer aos comercios da vila e apoiar ao sector”.
A maioría das adquisicións xa están dispoñibles para levar en préstamo e entre os fondos
adquiridos destacan álbums ilustrados para o público infantil; libros con tipografías de
gran tamaño dirixidos a persoas con dificultades na aprendizaxe da lectura; coleccións
para o público xuvenil; clásicos da literatura; e títulos de novela contemporánea con
obras dos últimos galardoados nos premios Nobel, Nacional de Narrativa, Nadal, Herralde
ou Planeta.
“Con estas incorporacións, os/as usuarios/as da nosa biblioteca poderán gozar dunha
oferta máis enriquecida e variada, con novidades para todos os públicos, o que permitirá
mellorar a calidade deste servizo para a veciñanza”, asegurou o edil.
ENTRADA GRATUÍTA Á PISCINA DA ESTRADA ATA FINAL DE TEMPADA
Entrada gratuíta á piscina da Estrada ata final de tempada

Os estradenses que nos últimos días se achegaron ás piscinas municipais víronse gratamente sorprendidos ao descubrir que a entrada era gratuíta. Esta medida adoptouse inicialmente con carácter temporal pero finalmente pasou a ser permanente. Dende agora e ata o final da tempada, fixada para o 15 de setembro, a entrada ás piscinas municipais será gratuíta. O motivo desta drástica decisión vén dado polos problemas que se están a atopar nestas instalacións polas restricións de auga provocadas pola seca. Estas restricións comezaron a notarse hai uns dez días, cando o vaso da piscina olímpica comezou a encherse dende o fondo dunha area. Nese momento, o Concello realizou probas para coñecer o estado da auga, cuns parámetros totalmente normais. Porén, ese grano foi aumentando deixando unha imaxe fea na piscina máis grande. Este problema, porén, non afecta nin á piscina media nin á máis pequena. Segundo explicaron os técnicos municipais, o problema vén motivado pola forzada decisión de recortar o gasto en auga pola seca, que levou a anular a renovación temporal da auga das piscinas, clave na súa limpeza diaria. Esta tarefa quedou en mans do robot de limpeza, que, porén, non é quen de quitar toda aquela terra que quedaba no fondo e que pon fea a piscina. Ante esta situación e esperando que fose algo concreto, o goberno local decidiu decretar uns días de portas abertas confiando en que a situación mellore e así foi. Nos últimos días a imaxe da piscina foi mellorando, polo que xa non hai a mesma sensación de turbidez, e as análises seguen sendo totalmente correctas. O caso foi levado onte á xunta de goberno local, onde, a pesar da volta á normalidade, se decidiu manter as piscinas libres ata final de tempada. Por outra banda, o pavillón Coto Ferreiro segue á espera do inicio das obras que permitan o cambio total da súa carpintería metálica. Mentres que xa se realizaron algunhas melloras dentro do complexo deportivo.
A ESTRADA PREVÉ HUMANIZAR O SEGUNDO TRAMO DE JUSTO MARTÍNEZ O VINDEIRO ANO
A Estrada prevé humanizar o segundo tramo de Justo Martínez o vindeiro ano
A humanización do tramo Justo Martínez entre a rúa Calvo Sotelo e a Praza do Concello supuxo unha mellora que marcou a diferenza co outro tramo da rúa, o que vai de Calvo Sotelo a San Antón. A diferenza entre as dúas zonas é evidente. Porén, dende o Concello estradense anuncian actuacións para homoxeneizar a rúa.
Segundo o edil de Urbanismo, Gonzalo Louzao, o goberno prevía nos seus plans a curto prazo a mellora do tramo pendente de Justo Martínez. O proxecto aínda non está redactado, pero a intención é crear unha plataforma única e retirar os bolardos. Neste caso, ao non existir bares que necesiten expoñer terrazas, está previsto o mantemento das prazas de aparcamento, ademais de crear unha zona de carga e descarga e un espazo para minusválidos para dar servizo á clínica situada nesta rúa.
O Concello adxudica en 152.697 euros a mellora da
vía entre San Tomé de Ancorados, Remesar e Loimil
A Xunta de Goberno Local do Concello da Estrada ten
previsto aprobar o vindeiro martes a adxudiación do proxecto “Plan de Mellora de
Camiños Municipais 2022-2023” á firma Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U
por un importe de 152.697,77 euros.
O proxecto foi elixido entre un total de tres empresas que presentaron cadansúa
proposta para acometer os traballos. As actuacións, financiadas con fondos do Programa
de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, deberán executarse no prazo dun mes
dende a formalización do contrato e consistirán na mellora do firme da vía de titularidade
municipal que une as parroquias de San Tomé de Ancorados, Remesar e Loimil. Os
traballos incluirán a limpeza das cunetas, o varrido superficial dos firmes existentes e a
instalación dunha nova capa de rodadura.
O Concello presenta un escrito con 26 alegacións
contra o proxecto do parque eólico Pedra Longa
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla,
anunciou hoxe que o Concello da Estrada vén de presentar en prazo un escrito que recolle
26 alegacións contra o proxecto do parque eólico Pedra Longa, que contempla a
instalación de tres aeroxeradores en terreos da parroquia de Liripio e que afectaría
tamén, aínda que en menor medida, aos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade.
As alegacións foron elaboradas por técnicos especializados e remitidas á Xefatura
Provincial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Pontevedra. Nelas, o
Concello da Estrada pide a retirada definitiva do proxecto ao consideralo incompatible
cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e turísticos presentes na súa área de
influencia. Ademais, o escrito fai fincapé na imposibilidade de avaliar correctamente o
impacto ambiental do parque eólico debido á fragmentación no tempo de distintos
proxectos sectoriais.
Para a elaboración das alegacións, o goberno local tivo en conta as aportacións da
veciñanza logo de reunirse o edil de Medio Ambiente coas persoas afectadas o pasado
venres. Entre as razóns que esgrime o Concello para oporse ao parque eólico atópanse o
seu incumprimento da lexislación ambiental española; o incumprimento da distancia
mínima entre os aeroxeradores e os núcleos de poboación máis próximos (Quinteiro da
Arca, Carballo, Xestas, Graña de Cabanelas e Cabanelas); os efectos negativos que pode
ter a súa construción sobre a calidade das captacións de auga; as incoherencias que
presenta o Estudo de Impacto Ambiental sobre a afectación do parque a zonas de
protección de avifauna; a ausencia dunha campaña de medición de ruídos previa para
determinar o seu impacto acústico; e os seus efectos sobre as comunidades de cabalos
salvaxes da zona, que pode supoñer o seu desprazamento e afectar de maneira
considerable á Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada de Interese Turístico
Internacional.
Mañá será o último día para presentar alegacións contra a instalación deste parque
eólico.
A remodelación da Praza da Feira non deixa de dar problemas mentres o PP non se dá por enterado.
En xuño o goberno municipal do PP estreaba a Praza da Feira para as festas, e o que prometía ser unha exitosa posta de longo converteuse nun pesadelo. As choivas converteron a praza nunha lameira e por se isto fora pouco, a lama desprendía un cheiro nauseabundo. Desde aquela o goberno municipal non fixo nada, entre outras cousas porque non volveu chover.
Mais os problemas da praza continúan, agora hai que engadirlle un problema de seguranza, que xa ten denunciado a nosa concelleira, Susana Camba, nos plenos. En concreto denunciou que os bordillos que podían xerar caídas, cousa que se acaba de confirmar estes días. Pero non só supón un perigo este bordillo, se non que tamén o é a circunstancia de que non estea marcada unha zona para o cruce de peóns ou, como alternativa, unha sinalización que advirta de que os vehículos se atopan nunha zona de prioridade peonil. Ademais, non só estes son puntos susceptibles de xerar situacións perigosas, as escaleiras de aceso a carballeira poden dar lugar a caídas ao ter un deseño que nalgunhas zonas non permiten observar as diferenzas de nivel.
Desde o BNG esixímoslle o PP que deixe as vacacións nas que está instalado desde fai meses e se poña a solucionar estes problemas na Praza da Feira. Os problemas non se resolven sós. O alcalde ten que esixir á empresa adxudicataria a resolución de todos estes problemas, non pode pasar o de sempre, que os problemas quedan aí para sempre, como pasa por exemplo coa Praza de Abastos.





































