A Estrada acollerá a III edición do Mercado de Verán
do 19 ao 21, coa participación de 22 comercios locais

O edil de Comercio, Óscar Durán, presentou esta mañá
xunto con varios representantes da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) a
programación da terceira edición do Mercado de Verán, que se celebrará na Praza do
Concello e na Alameda Municipal dende o 19 ata o 21 de agosto e contará coa
participación de 22 comercios estradenses.
Na súa intervención, Óscar Durán quixo animar á veciñanza a participar “nunha das
campañas máis fortes de todo o ano, na que o Concello leva facendo un esforzo especial
para dinamizar o pobo e apostar polo comercio local dende o comezo da pandemia”.
Pola súa banda, o presidente de ACOE, Alfredo González, agradeceu a implicación do
Concello para facer posible o Mercado de Verán “grazas á subvención extraordinaria que
recibimos por terceiro ano consecutivo” e amosou o seu desexo de superar os 7.000
visitantes que rexistrou a edición pasada durante os tres días. González tamén explicou
que este ano haberá menos participantes “debido ao peche dalgún establecemento ou á
ausencia de persoal suficiente”, e avanzou que “haberá descontos en moitos dos postos
de venda”.
Os postos de venda permanecerán abertos durante as tres xornadas de 10.00 a 14.00
horas e de 17.00 a 21.00 horas. Neles poderanse atopar produtos de todo tipo e a entrada
será de balde. Ademais, aquelas persoas que realiccen unha compra de 20 euros poderán
participar nunha ruleta con premios como desgustacións ou vales de compra por valor
de 6.000 euros en total para gastar entre os establecementos participantes, cada un deles
cun importe que irá dende os 5 ata os 200 euros.
Como novidade, este ano haberá un parque infantil con inchables para os máis cativos
ubicado na Alameda Municipal, nun recinto pechado e baixo a supervisión de monitores

para facilitar as compras dos adultos. O parque estará aberto durante os tres días de
12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e será gratuíto durante unha hora para
aquelas persoas que realicen unha compra mínima de 5 euros. De non mercar nada no
Mercado de Verán, deberán pagar 10 euros para acceder ao parque durante unha hora.
Paralelamente, os días nos que se desenvolverá o Mercado haberá actuacións para todos
os públicos “logo de que funcionaran extraordinariamente ben o ano pasado”, explicou
o presidente de ACOE.
As actividades comezarán o venres 19 ás 12.30 horas coa actuación musical do grupo Os
Lóstregos. Xa pola tarde, ás 17.00 horas Os Bolechas ofrecerán unha actuación para os
máis cativos e ás 19.00 horas será a quenda do grupo Supermirafiori.
O sábado 20, ás 12.30 horas actuarán Os Intrépidos do Ulla. Ás 17.00 horas haberá un
espectáculo de maxia e ás 20.00 horas terá lugar a actuación de Skanderani.
A xornada do domingo 21 comezará coa actuación de Decotío Gaiteirxs ás 12.30 horas.
Pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas realizarase un obradoiro de maquillaxe e pechará a
programación das actividades o concerto de Os John Deeres, ás 20.00 horas. A maiores,
durante a tarde do sábado 20 e do domingo 21, a batucada Os Vikingos percorrerá a
Alameda Municipal e mais a Praza do Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

López abordará en setembro co presidente da Xunta
a licitación da ampliación da AG-59 ata Pontevea

O alcalde da Estrada, José López, reunirase co actual
presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, “ao longo do mes de setembro” co
obxectivo de “plantexar un calendario crible no que se concreten os prazos de execución
e se contemplen as posibilidades a nivel orzamentario” para lanzar a licitación da
ampliación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) despois do remate do verán.
Esta decisión chega logo de publicarse o informe favorable de impacto medioambiental
pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental para a continuación da AG-59, co que se pon
fin á tramitación ambiental do proxecto “cumprindo os prazos establecidos na última
reunión que mantiven co anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, celebrou
López.
A Consellería de Medio Ambiente xa trasladou o proxecto á Axencia Galega de
Infraestruturas para que poida continuar coa realización de trámites como o informe de
supervisión do proxecto de cara ao comezo da execución das obras. Os traballos
levaranse a cabo en dous treitos. O primeiro, dende A Ramallosa a Pontevea, cun
investimento de 30 millóns de euros e unha lonxitude de 3,7 quilómetros. O segundo,
dende Pontevea a O Rollo, con algo máis de catro quilómetos e un custo de 40 millóns de
euros.
As obras comezarán polo primeiro treito, para o que se están a reunir os informes
técnicos precisos co obxectivo de licitar as obras o antes posible. “Seremos contundentes
á hora de reivindicar esta obra, que favorecerá o crecemento empresarial do noso
municipio e transformará o noso concello nos vindeiros anos, co obxectivo de que pronto
poida ser unha realidade”, expresou o alcalde.

O rexedor local tamén recordou que “A Estrada amosouse sempre comprensiva e
paciente coa Xunta de Galicia ante a gran magnitude desta obra, cun investimento de
case 10 millóns de euros por quilómetro, pero cremos que é o momento de concretar os
prazos e ser realistas”. “É irrenunciable entrar no eixo de comunicacións por vía rápida
de Galicia que vertebra Santiago co norte da provincia de Pontevedra, e non plantexamos
outro escenario”, engadiu López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio de Poesía
Avelina Valladares coa obra “O cemiterio. A néboa”

O xurado da XXVI edición do Premio de Poesía Avelina
Valladares vén de galardoar ao escritor noiés Manuel López Rodríguez polo seu poemario
“O cemiterio. A néboa”, presentado baixo o lema de “Martirio”.
O fallo do xurado, outorgándolle a victoria ao poeta noiés por segundo ano consecutivo,
deuse a coñecer esta mañá na sala de xuntas do Concello unha vez aberta a plica elixida
por unanimidade entre os 38 traballos presentados este ano.
O xurado desta edición estivo composto por Rosalía Morlán, Dolores Carbajal, Sindo
Villamayor, Esteban Folgar e Dolores Araújo -esta última actuando como secretaria-.
Folgar xustificou a elección dos membros do xurado pola súa orixinalidade, xa que “o
poemario está dividido en tres partes e a súa parte principal está feita polo sistema de
escolle a túa propia aventura, na que os poemas permítenlle ao lector escoller o camiño
que quere seguir”. O traballo, ambientado nun cemiterio, lembra figuras ilustres que xa
morreron “dirixíndose con frecuencia ao receptor” e empregando figuras metapoéticas,
engadiu Folgar.
Unha vez coñecida a identidade do gañador, a edil de Educación, Amalia Goldar, foi a
encargada de comunicarlle a noticia. O premio está dotado con 2.000 euros e inclúe a
publicación do poemario por Edicións Fervenza. O galardón entregarase a finais de
outubro nun acto público no Teatro Principal da Estrada, coincidindo coa Festa da Poesía.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada clausura o seu Obradoiro de Emprego logo de
formar a 16 alumnos/as en xardinería e carpintaría

A concelleira de Educación, Amalia Goldar, participou
esta mañá no acto de clausura do Obradoiro de Emprego estradense 2021, no que se fixo
entrega dos diplomas acreditativos aos 16 participantes dos módulos de xardinería e
carpintaría.
Goldar quixo felicitar polo seu traballo aos/as alumnos/as alí presentes e destacou a
implicación da Xunta, do profesorado e mais do alumnado para conseguir “uns resultados
moi positivos”, xa que case a metade dos participantes veñen de conseguir unha
oportunidade laboral. “É importante contar con iniciativas coma esta que melloren a
empregabilidade da mocidade estradense con dificultades para incorporarse ao mundo
laboral grazas ao certificado de profesionalidade que adquiren ao seu remate,
combinando de xeito acertado a formación teórica coas máis de 1000 horas de prácticas
realizadas”, explicou a edil, e amosouse convencida de que “todos/as eles/as terán un
oco nestes dous sectores con tanta demanda”.
Ao longo dos 12 meses de duración deste Obradoiro, os participantes realizaron os
seguintes traballos de mellora e acondicionamento na praia fluvial de Liñares: a poda de
150 árbores e a replantación doutro cento delas; a limpeza e o acondicionamento do
terreo; a colocación dos bordos; a construción dunha decena de hamacas de madeira; a
creación dunha pérgola para as persoas con mobilidade reducida; unha ducia de bancos
e seis mesas de madeira, dúas delas para persoas con mobilidade reducida; a construción
dun camiño de “zahorra” cuberta con resina ata a zona de baño; a elaboración de carteis
indicativos; a instalación do sistema de regadío; e a plantación de flores de tempada e
arbustivas, entre outras.

Agora, unha vez rematado o Obradoiro de Emprego, o Concello intentará avanzar ao
longo deste ano na segunda parte do proxecto, consistente na construción dun edificio
en madeira con cafetería, vestiarios e baños, co obxectivo de que se execute durante o
ano 2023.
Durante o acto, a concelleira de Educación estivo acompañada polo edil de Emprego,
Óscar Durán; o director do Obradoiro de Emprego, Luis Miguel Galván; a xefa territorial
de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño; e os titores dos módulos de
xardinería e carpintaría.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O concello ten que tomar medidas conta o deterioro dos edificios

Pasear por algunhas rúas da Estrada é unha carreira de obstáculos, nas que hai que sortear as vallas que nos apartan dos cascotes que se desprenden dalgúns edificios. Mais o anecdótico estase a converter en habitual e crónico e o concello debería tomar medidas para evitar que isto non vaia a máis.

O deterioro dalgúns edificios é notábel e moi evidente, como é o caso do edificio que ten Telefónica na Praza da Feira. Unha empresa como esta, que xera millóns de beneficios todos os anos, non pode permitírselle que teña o edificio nesas condicións.

O goberno municipal do PP ten que tomar medidas, mais alá de colocar as vallas para que os veciños e veciñas poidamos pasear sen perigo, porque estase xerando a sensación de que non se pode camiñar seguro polas rúas da Estrada, e iso non pode acontecer.

Por iso instamos ao goberno municipal a que, por un lado faga unha análise do estado dos edificios abandonados e controle se teñen pasado a ITE (Inspecció Técnica de Edificacións), obrigatoria para todos os edificios de máis de 50 anos; e por outro lado, o goberno municipal deberá elaborar unha ordenanza Ordenanza sobre conservación, rehabilitación e estado ruinoso das edificacións, como xa teñen noutros concellos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A feira estradense recupera a totalidade dos seus
postos ao sumar 20 novas incorporacións

O concelleiro de Mercados, Gonzalo Louzao, anunciou
esta mañá que a partir de hoxe incorporaranse 20 novos postos á feira estradense, polo
que “a vila volverá contar cun mercado de gran formato cos seus 100 espazos
practicamente cubertos”.
Estas novas incorporacións fanse efectivas logo de comprobar de xeito individualizado
entre os postos da listaxe de agarda recollida no Departamento de Tesoureiría do
Concello que cumprían os requisitos para levar a cabo a súa actividade.
Dende o pasado 6 de xullo, data na que tivo lugar o cambio de ubicación da feira
estradense dende o aparcadoiro municipal da rúa Iryda á Praza da Feira, permanecían
activos 63 postos despois de comunicar 11 propostas de baixa a aqueles feirantes que
presentaban débedas co Concello. “A día de hoxe, esas débedas foron resoltas e a
situación dos postos quedou regularizada”, explicou Louzao.
Entre a vintena de novos postos que se suman aos xa existentes destacan oito de textil,
tres de calzado, un de alimentación e outro de libros. Esta mañá, Louzao acompañou aos
feirantes para supervisar a súa colocación nos 26 espazos dispoñibles cos que contaba a
feira antes destas incorporacións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Constenla chama ao consumo responsable de auga
tras multiplicar por catro o seu uso en Codeseda

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla, fixo
fincapé esta mañá na necesidade de realizar un consumo responsable de auga despois
de coñecer que na parroquia de Codeseda “estase a consumir case catro veces máis auga
que hai un mes”. Concretamente, nas últimas 24 horas consumíronse 85 metros cúbicos
cando na mesma data do mes de xuño empregábanse 23.
A pesares deste incremento, o edil de Medio Ambiente aclara que “grazas á mellora da
súa captación levada a cabo polo Concello”, para a que o goberno local investiu 150.000
euros, só houbo constancia dunha incidencia no abastecemento de auga en Codeseda
producida hai dúas semanas a causa da vaga de calor que estaba a afectar a Galicia, e que
“foi solucionada coa máxima celeridade enviando dúas cisternas con auga para recuperar
o seu nivel”.
O aumento do consumo de auga estase a rexistrar tamén en todo o casco urbano do noso
municipio, o que conleva a que a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) ubicada
en Parada vexa limitada a súa capacidade e teña que bombear máis cantidade de auga
para poder responder á demanda.
Con todo, Constenla asegura que a subministración de auga da captación de Codeseda e
da traída municipal, que se distribúe por todo o casco urbano e parte dos núcleos rurais
máis próximos, está garantida “polo momento”, aínda que é preciso evitar o seu uso
indebido para labores de regadío ou para encher piscinas, co obxectivo de obter unha
maior capacidade de abastecemento. De non ser así, “teranse que levar a cabo medidas
restritivas dende o Concello”, explica o edil.

Publicado en Portada | Deja un comentario