LÓPEZ BUENO PIDE “CLARIDADE E RESPONSABILIDADE” NA DECISIÓN SOBRE AS FESTAS DO SAN PAIO

 

 

Luis López Bueno pídelle ao Goberno municipal que tome unha
determinación “axiña” sobre a celebración das festas do San Paio. O voceiro
do PSOE reclama “sensatez para tomar unha decisión e claridade para
comunicala. Ata o de agora, os anuncios de Gonzalo Louzao foron
cambiando mentres pasaba o tempo pero nunca chega a ofrecer unha
resposta concreta”.
O voceiro ve problemas evidentes no escenario que manexa o goberno
“unhas festas descafeinadas non favorecerán demasiado a actividade do
comercio nin da hostalaría” e por iso considera que “o Goberno debería
centrarse dunha vez en aprobar medidas económicas. As propostas do
PSOE levan meses sobre a mesa sen que se chegue a discutir un
documento definitivo”.
O socialista considera que celebrar o San Paio nas datas previstas “é unha
completa irresponsabilidade” e esixe que “a decisión estea informada con
criterios sanitarios” porque “sairemos do estado de alarma poucos días
antes de do teórico inicio das celebracións, e seguiremos nunha situación de
pandemia”. Ademais pensa que “debe existir un protocolo para as
actividades que aínda non está deseñado. O Concello debería instar á Xunta
a que deseñe unhas medidas marco, porque a partir do luns son o órgano
competente”.
Sobre este extremo, o líder socialista valora que “Feijóo está agora
sometido ás súas propias contradicións. Pasouse todo o estado de alarma
atacando ao Goberno e cando por fin lle dan competencias, pide que sexa o
Goberno central quen deseñe os protocolos da volta á normalidade en
Galicia. En que quedamos? Quere as competencias ou non? Se fora certo
que mando único o fai tan mal, por que lle pide que desenvolva as normas
da desescalada?”.
Ademais, López Bueno aféalle ao Goberno local que estea a crear
“confusión” coa peatonalización das rúas do casco urbano. Pide que
“medidas definitivas e claras” e que López Campos abandone a
“improvisación”. Considera que “o Goberno local navega entre dúas augas.
Nin condutores nin peóns teñen claro que rúas están abertas e cales non”.
López Bueno recorda que “temos presentadas dúas mocións dende hai
meses, e están a durmir o sono dos xustos porque o Goberno municipal
está instalado na pasividade”. O voceiro socialista opina que “se as familias
e o tecido económico están aguantando é grazas ás axudas do Estado e á
súa propia tenacidade, porque o Goberno local é absolutamente incapaz de
poñer medidas sociais e económicas sobre a mesa”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada está a facer un estudo científico para avaliar os efectos do Covid-19

O departamento de Emprego e Orientación Laboral do Concello da Estrada está a facer un estudo científico para avaliar os efectos do Covid-19 sobre as persoas traballadoras e desempregadas da Estrada e o seu contorno.

O obxectivo é atopar evidencias que permitan desenvolver accións específicas tanto no ámbito laboral como formativo que se poidan implementar na Estrada e o seu contorno, adaptadas á casuística concreta que queda no noso municipio despois do impacto da pandemia, para deste xeito, conseguir que a incorporación ao mercado de traballo das persoas en desemprego sexa maior.

No caso do estudo con persoas traballadoras tratarase de medir factores como índice de teletraballo; conciliación familiar e aproveitamento laboral.

O estudo elabórase en colaboración e baixo a supervisión da Facultade de Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade de Santiago de Compostela.

Este estudo non ten ningunha finalidade lucrativa nin propósito comercial e a participación é totalmente anónima e voluntaria.

O cuestionario está composto por dúas seccións e contéstanse en 5-10 minutos.

O enlace ao cuestionario encóntrase na web emprego.aestrada.gal e na páxina de facebook www.facebook.com/emprego.aestrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada CONTA XA COS PRIMEIROS “COMERCIOS SEGUROS”

 

A Federación Provincial entrega nesta localidade os primeiros selos dunha campaña que infunde confianza aos consumidores
A Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados entregou os primeiros selos que acreditan como “Comercio Seguro” aos pequenos establecementos que aplican nos seus negocios os protocolos sanitarios e hixiénicos estipulados pola Xunta tras a crise do Covid 19.
O secretario xeral da Federación Provincial, Enrique Núñez, desprazouse A Estrada, durante a mañá de hoxe, xoves 4 de xuño, acompañado pola xerente do centro comercial aberto da
localidade, ACOE, para facer entrega dos primeiros selos que certifica o ente provincial e que desde hoxe lucirán xa nos escaparates do comercio local.
No acto de entrega Enrique Núñez estivo acompañado por Alfredo González Otero, presidente dá ACOE , o Sr. Alcalde Xosé López e o Concelleiro de Comercio, Óscar Durán, ademais da propietaria do establecemento, María Barreiro.
Aínda que o acto de entrega por parte do secretario Xeral, só poido facerse a un comercio, outros comercios como, Pícolo moda infantil, Copistrada Copistaría, Bolsos Rovy, Luscofusco
moda, Agrobotica, Código Digital, Dr. Kader Clínica dental e PIntaletras , pronto lucirán o seu selo de Comercio Seguro. E confiamos que todo o comercio leve a cabo a súa avaliación e dispoñan do informe da xunta, que terán que enviar o correo da ACOE, info@acoe.es, para
facerlles chegar o selo.
Para acreditarse como comercio seguro hai que seguir un sinxelo itinerario. O primeiro paso é auto diagnóstico colgado na web da Xunta https://www.comerciosegurogalicia.gal/register. O resultado reflectirase nun informe que recollerá o grao de cumprimento do protocolo hixiénico-
sanitario establecido de cada establecemento e inclúe ademais recomendacións sobre as medidas que necesitan implementar.
Ese é o test que utilizará a Federación Provincial de Comercio, Turismo e  para emitiro certificado que acreditará ao comercio seguro, un selo que a Federación entregará, do mesmo
xeito que fará Cocahi (Confederación Española de Centros históricos) de forma gratuíta a todos os establecementos que forman parte da Federación Provincial e que obteñan exclusivamente
unha cualificación alta.
O baremo para a emisión do mencionado selo será o estipulado pola Xunta de Galicia no programa de auto avaliación ao que os comerciantes poden acceder a través do programa
habilitado para iso e que deriva nun informe que reflicte o grao de cumprimento de cada establecemento e onde inclúe recomendacións sobre as medidas que necesitan implementar.
As asociacións de comerciantes e Centros Comerciais Abertos traballan conxuntamente coa Federación Provincial para facer chegar esta iniciativa a todo o tecido comercial para que todos os establecementos da provincia poidan optar ao selo distintivo e ofrecer aos seus clientes unha
plena garantía de seguridade.
A Federación realizará revisións periódicas, e aleatorias, co procedemento de Cliente Misterioso para comprobar o grao de cumprimento da normativa nos establecementos que obteñan o certificado coa finalidade de recoñecer o esforzo que está o pequeno comercio para adaptarse á nova normativa e por garantir a seguridade e a saúde pública de traballadores e consumidores.
Aqueles establecementos que non superen o primeiro test de auto avaliación terán un prazo de 15 días para emendar as deficiencias e optar a unha nova revisión que lles permita contar co mencionado selo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O concello lanza a campaña “Eu lémbrome de ti” para concienciar sobre o consumo local

 

O alcalde da Estrada, José López Campos, e o concelleiro
de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, presentaron esta mañá a campaña “Eu lémbrome de ti” para contribuír á dinamización da economía local tratando de concienciar á veciñanza sobre a importancia de consumir e realizar compras dentro do municipio.
Na presentación tamén estiveron presentes o presidente da ACE, Fernando Martínez; o presidente da ACOE, Alfredo González; e o presidente de Hosteleiros da Estrada, Manuel Bascuas, cuxos colectivos colaborarán na difusión dunha mensaxe que se espallará durante as vindeiras semanas a través de carteis nos establecementos, vallas publicitarias,
vídeos, cuñas radiofónicas, anuncios en prensa e, sobre todo, as redes sociais. José López agradeceu á colaboración de todos os colectivos para proxectar “unha mensaxe forte e de unidade” e resaltou que “esta campaña lánzase no momento xusto, que é cando comezan a recuperarse practicamente todas as actividades económicas e que é cando realmente fai falla concienciarnos todos da necesidade de axudar aos negocios
locais”.
“Esta campaña busca remover conciencias e apelar á memoria recente sobre o moito que botamos de menos nesta pandemia poder gozar dun pobo vivo, tamén no ámbito económico. Non debemos esquecer que de nada servirían os aplausos nos balcóns cos nosos veciños e o moito que os botamos de menos, se agora non axudamos a todos aqueles que teñen un negocio local”, argumentou o alcalde.
José López resaltou que esta campaña, xunto con outras accións que se anunciarán nas vindeiras semanas, non se limitará ao periodo de desescalada do confinamento, senón que se prolongará tamén durante a etapa post Covid-19.
“Cónstame que os negocios están a facer grandes esforzos non só para adaptarse á nova realidade e para garantir a seguridade de todos os clientes, senón para seguir sendo realmente competitivos coas grandes multinacionais e as grandes áreas comerciais. Por iso agora é cando debemos lembrar todos e cada un dos motivos que temos para consumir na hostalaría local, para comprar nos comercios locais e para facer negocios coas
empresas e autónomos da Estrada”, engadiu o alcalde.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os alumnos da 12ª promoción de Policía Local incorpóranse hoxe á actividade lectiva na Agasp tras a suspensión pola covid-19

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá as instalacións da Academia de Seguridade Pública (AGASP), que hoxe retomou a actividade lectiva coa incorporación dos 134 alumnos da 12ª promoción do curso básico de selección de Policía Local. Á visita tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde da Estrada, José López.

A Academia suspendeu as clases a mediados de marzo ao decretarse o estado de alarma polo coronavirus, a poucas semanas de que estes alumnos comezasen a súa formación. Hoxe recuperou a súa actividade despois de que o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordara na súa reunión do pasado 16 de marzo reiniciar a parte teórica da formación destes axentes. Alfonso Rueda destacou que a AGASP “tivo que reinventarse para acoller aos seus alumnos coas máximas garantías sanitarias”.

Os usuarios deberán levar mascarillas tanto nas clases como nas zonas comúns e terán dispensadores de xel hidroalcohólico en cada aula. O centro adaptou as súas instalacións para cumprir coa distancia de seguridade en todo momento, tanto coa reubicación do mobiliario como coa sinalización. Ademais, estableceranse aforos máximos en espazos como no ximnasio, a sala de lecer ou a cafetaría e, ao mesmo tempo, modificáronse os horarios e fixáronse quendas, co obxectivo de reducir acumulacións de xente.

O vicepresidente da Xunta destacou que estes meses os integrantes desta promoción estiveron colaborando cos axentes de Policía Local dos seus concellos de orixe na loita contra a covid-19, debido a que a Academia decidiu adiantar a parte da formación práctica que, de forma habitual, se concentra na época estival. Tamén resaltou o importante labor de tódalas forzas e corpos de seguridade “tanto nos meses máis duros da pandemia como agora durante o proceso de desescalada no que a vixilancia do cumprimento das normas segue a ser fundamental”.

A maioría dos 38 concellos de procedencia dos alumnos teñen asinado convenio coa AGASP delegando competencias na Xunta para seleccionar e formar aos seus axentes nas categorías de Policía Local e auxiliares. Por iso, incidiu na aposta do Goberno galego por “centralizar os procesos de selección para contar con homes e mulleres ben formados que presten un servizo público que cada día se demostra máis imprescindible”.

Os alumnos retomarán desde hoxe a parte teórica ata o 11 de xullo cando volverán aos seus concellos a rematar a formación práctica. Entre setembro e novembro rematarán o curso básico de selección de Policía Local na Academia.

Co mesmo obxectivo de evitar aglomeracións na Academia, os cursos do plan de formación continua dirixidos a membros das forzas de seguridade con destino en Galicia publicados a finais de abril estanse a impartir de forma telemática, aínda que as probas finais se realizarán presencialmente na AGASP.

Por outra parte, o vicepresidente da Xunta lembrou que a bolsa de contratación de auxiliares de policías locais permitiu cubrir as prazas solicitadas polos concellos para facer fronte á pandemia durante o estado de alarma. O Cecop autorizou ademais o inicio das oposicións de auxiliares de Policía Local e das categorías de policía e oficial solicitadas polos concellos. O Diario Oficial de Galicia publicou a semana pasada a convocatoria do proceso selectivo de auxiliares de Policía Local polo trámite de urxencia.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O plan de emprego municipal aterriza en A Estrada

O Concello Estradense arranca cun plan  de emprego municipal, no que poderán entrar 20 traballadores.

O Alcalde Estradense, explicou que a administración local xa realizou a súa oferta, agora o Inem será o encargado do resto do procedemento.

Estes postos contarán cun contrato dende ó 1 de Xullo ata ó 31 de Decembro.

En un  mes 20 traballadores incorporaranse a estes postos. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O GDR Pontevedra Norte forma aos establecementos adheridos ao SICTED sobre prevención da Covid-19

 

O xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra
Norte, Ramiro Ruibal, e o primeiro tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, participaron
esta mañá na apertura dun curso sobre medidas hixiénico-sanitarias fronte á Covid-19 dirixido a profesionais dos 90 establecementos da zona adheridos ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).
Este primeiro curso organizado polo GDR e impartido por expertos da consultora CVV Inforaid na Estrada, no que participaron máis dunha ducia de profesionais, terá continuidade cunha nova
sesión esta tarde no auditorio do edificio da antiga UNED de Lalín, a partir das 17.00 horas; mañá no auditorio de Vila de Cruces, ás 17.00 horas; e o mércores na Casa da Cultura de Silleda, ás 9.00 horas.
Ramiro Ruibal indicou que, se ben as catro sesións formativas programadas esta semana diríxense aos profesionais dos establecementos acollidos ao SICTED, a vindeira semana están
previstos dous novos cursos na Estrada (9.00 horas) e Lalín (17.00 horas), cuxa inscrición abrirase a todos os comerciantes e hostaleiros da zona. Aqueles que estean interesados en asistir só
teñen que enviar un correo electrónico cos seus datos antes do vindeiro venres aos seguintes enderezos: alcaldia@aestrada.es ou info@ponorte.com.
Todo os participantes nestes cursos, que son obrigatorios para profesionais dalgúns sectores, recibirán un diploma acreditativo. Ademais, o xerente do GDR Pontevedra Norte lembrou que “de existir demanda desta formación noutros concellos da zona poderíanse programar novos
cursos”.

Publicado en Portada | Deja un comentario