UNS 150 RAPACES PARTICIPAN NA FESTA DE CLAUSURA DOSCAMPAMENTOS DESEÑADOS POLA CONCELLERÍA DE SERVIZOSSOCIAIS

A concelleira de Servizos Sociais e Educación,
Amalia Goldar, trasladouse esta mañá ata as instalacións do CEIP Figueiroa, espazo no
que se celebrou a festa de clausura dos campamentos urbanos programados para este
verán. Foron arredor de 150 cativos os que se deron cita nestas actividades ao longo
desta mañá, dos case 500 que pasaron por estes campamentos na tempada estival.
O inicio das actividades extraordinarias organizadas para este día fixouse nas 10.00,
debullando un amplo cartel. De 10.00 a 12.00 houbo obradoiros de xogos tradicionais e
populares, con aplicación de perspectiva de xénero, guiados polo equipo de Sonoras.
Seguidamente, de 12.00 a 14.00 horas, programouse unha representación teatral a
cargo da compañía Bandullo Azul, titulada “Historias dun mundo grande”, onde a
cadeliña Becki contou historias de colaboración e solidariedade vividas nas súas viaxes
polo mundo, convidando aos asistentes a cantar e bailar para celebrar a fin do verán.
Estes campamentos desenvolvéronse ao longo dos meses de xullo, agosto e esta
primeira semana de setembro nas instalacións dos colexios Figueiroa, Oca, O Foxo,
Codeseda e Vea, cun total de 490 solicitudes. A firma Coesco estruturounos baixo o lema
“Voltao ao mundo nun verán”, guiando aos campistas a través de xogos, dinámicas
grupais e actividades creativas para descubrir outras culturas e países.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA, PREPARADA PARA A TERCEIRA EDICIÓN DO EXITOSOOPEN DE AUSTRALIANAS E BANDEIRAS NAS PISCINAS MUNICIPAIS

 O Club Natación e Salvamento A Estrada destaca que esta é a primeira
proba da tempada e a única en España que xunta estas dúas disciplinas.
 Será o sábado 13 de setembro, con inscricións ata este venres.
 A organización agarda superar os 200 deportistas participantes e conta
xa nestes intres con 178 inscritos.
 A representación estradense correrá a conta de 50 integrantes do CNS.

Representantes do Club Natación e Salvamento
(CNS) A Estrada acudiron esta mañá ao consistorio para presentar, xunto co alcalde,
Gonzalo Louzao, e o edil de Deportes, Ismael Pena, a cartelaría e os detalles
organizativos da que será a terceira edición do Campionato Open Australianas e
Bandeiras, que arestora ten xa 178 inscritos e que aspira a superar os 200, mantendo o
éxito acadado nas dúas primeiras convocatorias. A inscrición realízase a través da páxina
www.emesports.es e está aberta ata a medianoite deste venres.
Alejandro Trigo, directivo do CNS, e o adestrador Enrique Ramilo puxeron o acento en
que está é a primeira proba da tempada, de xeito que serve para medir o nivel dos
deportistas ao arranque da competición. Incidiron tamén en que non teñen constancia
de que exista no resto de España outra proba na que se fagan coincidir estas dúas
disciplinas.
O campionato celebrarase no recinto das piscinas municipais o vindeiro sábado 13 de
setembro. Empregarase a zona de baño e o seu entorno, onde se habilitará o espazo
para as probas en area. A competición de Australianas será pola mañá, deixando a de
Bandeiras para a xornada vespertina.
Tras a recepción dos participantes, ás 10.00 horas, a competición na primeira destas
dúas disciplinas desenvolverase ata as 13.45, con entrega de premios ás 14.00. Haberá
pausa para o almorzo e os deportistas emprenderán ás 15.00 as probas de Bandeiras,
que chegarán ás 19.00. Ás 20.30, nova entrega de premios.
Este Open Australianas e Bandeiras está concibido para as categorías Absoluta, Sub16 e
Sub 13, de xeito que haberá competidores a partires dos 11 anos de idade. Os

deportistas que xa formalizaron a súa inscrición proceden de moitos lugares da xeografía
galega, caso de Pontevedra, Vilagarcía, Ourense, Carballiño, Ponteareas, Sada, Laracha,
Marín o distintos puntos do Barbanza, entre outros.
Entre os asistentes agárdanse deportistas do Alcarreño de Guadalajara, estimado como
o mellor club de España e dos mellores de Europa. De igual xeito, tamén estarán na
proba participantes de longa e laureada traxectoria, caso de subcampiona de Europa
Antía García ou do campión Iván Romero. O CNS A Estrada estará representado por 50
participantes.
A organización reserva trofeos e agasallos para os participantes e ten preparada moita
ambientación para esta cita deportiva, na que haberá sesión de música con DJ e un
speaker.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O SEAGA ABRE NOVA ROLDA DE INSPECCIÓNS NAS 30.000 PARCELAS EN FAIXA DE PROTECCIÓN DOS NÚCLEOS ESTRADENSES PARA COMPROBAR EXECUCIÓN DAS LIMPEZAS

O SEAGA ABRE NOVA ROLDA DE INSPECCIÓNS NAS 30.000 PARCELAS

EN FAIXA DE PROTECCIÓN DOS NÚCLEOS ESTRADENSES PARA

COMPROBAR A EXECUCIÓN DAS LIMPEZAS

Técnicos do Servizo Agrario Galego (Seaga)

emprenden estes días un novo percorrido polo termo municipal estradense para realizar

desta volta unha inspección en 30.000 parcelas situadas na faixa de protección dos

núcleos rurais, unha revisión que busca comprobar o grado de execución das limpezas

que este ente autonómico urxiu acometer para teren debidamente xestionada a

biomasa destas propiedades.

Cómpre lembrar que a revisión inicial destas 30.000 fincas, realizada a comenzos de ano,

derivou na emisión de 10.000 requirimentos de intervención, establecendo o 31 de maio

como data límite para a execución das limpezas. Aínda que nos tres meses transcorridos

dende entón non se efectuou a inspección, coa chegada do mes de setembro o Seaga xa

comunicou ao Concello da Estrada que será nestes días cando se volva sobre o terreo

En base á información que o servizo lle trasladou ao alcalde, Gonzalo Louzao, os titulares

das fincas nas que non se realizaron as intervencións requiridas no primeiro aviso

recibirán agora unha segunda notificación. Desta volta, o Seaga dará aos particulares un

prazo de 15 días para realizar os traballos. Se os titulares volven ignorar o requirimento,

chegarán as sancións.

Non prorrogable

“Somos conscientes de que se fixo unha limpeza moi importante”, apuntou o alcalde da

Estrada. Non obstante, Gonzalo Louzao non deixou de recoñecer que o número de

notificacións que o Seaga emita nesta segunda volta serán o indicador máis fidedigno do

grao de atención á hora de subsanar as necesidades que o servizo detectou na súa

primeira rolda de visitas. O Seaga incluíu entón nos seus informes todas as accións

necesarias en cada unha das fincas, de xeito que as medidas correctoras en cada caso

non deixaron marxe para a interpretación.

O rexedor local insistiu en que o prazo que agora dará o Seaga na segunda inspección

non é prorrogable, de xeito que recomendou ás persoas que non fixeron as limpezas en

tempo e forma que non o demoren máis e inicien de maneira inmediata a execución.

Chegada gradual

O mandatario explicou que solicitou ao Seaga que emita os novos requirimentos de xeito

gradual, ademais de demandar a presenza de técnicos do servizo no Concello para poder

atender ás persoas que, de seguro, se achegarán ata a sede municipal cando comece a

recepción das novas notificacións.

Louzao Dono asumiu que o labor de inspección do Seaga nas fincas situadas na faixa de

protección das aldeas estradenses, e as medidas correctoras dela derivadas, non atopan

precedente no Concello da Estrada e que, por iso, o protocolo de actuación sorprendeu

a moitos veciños. En todo caso, o alcalde coida que permitiu poñer o foco na

“importancia e utilidade de chegar ao verán coas vivendas e as persoas protexidas”.

“Houbo unha porcentaxe importante de limpezas que non se terían feito”, considerou o

alcalde. “Sabemos que houbo unha mellora substancial. Coido que se fixeron ben as

cousas cando había que facelas”, valorou.

“A aposta polo rural non é só rozar as cunetas; esta aposta esixe unha colaboración

público-privada”, remarcou Louzao Dono. Sinalou que se deixou pasar o verán dende a

primeira de notificacións, atendendo tamén a que o estío non é momento de efectuar

traballos de roza mecánica polo risco que poden supoñer.

Contando con que sexa significativo o número de propietarios que cumpriron coa

encomenda da limpeza das súas fincas, o alcalde apelou á responsabilidade para chegar

á próxima tempada “cos deberes feitos

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO REACTIVA DÚAS CAPTACIÓNS PARA A TRAÍDA DECODESEDA, QUE RESISTE SEN RESTRICIÓNS UN VERÁN DE RÉCORD

 Recupera para esta rede de abastecemento dous pozos que non se
estaban empregando e que poden aportar diariamente máis de 22 metros
cúbicos de auga.
 Nun estío extraordinariamente seco e cálido, esta traída está dando
mostras de teren superados os seus históricos problemas, sen cortes nin
necesidade de subministro externo aos depósitos.
 Óscar Durán suma ás melloras practicadas polo Concello o consumo
responsable ofrecido pola cidadanía.

O Concello da Estrada reactiva dúas captacións de
agua para a traída de Codeseda, unha rede de abastecemento na que as melloras que se
viñeron practicando nos últimos anos -sumadas a un consumo responsable por parte
dos usuarios- fixeron posible que superase, sen restricións nin incidencias, un verán de
récord, dos máis cálidos e secos que se lembran.
O concelleiro delegado de Servizos Municipais, Óscar Durán, explicou hoxe que o
Concello amplía agora a aposta por mellorar esta rede de abastecemento, feita para
veren superados os históricos problemas desta traída estradense nos momentos de
maior seca. O edil indicou que se decidiu recuperar dous antigos pozos que estaban
abandonados, incrementando a captación que nutre uns puntos de depósitos que
tamén se viron ampliados.
Estes dous pozos xerarán diariamente máis de 22 metros cúbicos de auga, que
incrementan o abastecemento dos dous depósitos existentes en Codeseda, nos que se
almacenan un total de 130 metros cúbicos. Durán calculou que a posta en servizo destas
captacións, xunto con outras melloras practicadas, suporá gañar entre 60 e 70 metros
cúbicos de auga por xornada.
Nestes intres a traída de auga de Codeseda mantense cos pozos de barrena existentes,
sumados a unha captacións nun regato da zona e os mananciais da Grela e Barro. A
reactivación destes dous pozos en desuso supón un investimento próximo aos 4.000
euros.
Óscar Durán sinalou que esta traída rural de auga está a superar un verán
extraordinariamente seco “sen ningún problema”. Remarcou que, a diferenza das
estampas que ofrecía esta rede de abastecemento nalgúns estíos, o deste 2025 non
deixa polo de agora ningún corte de subministro nin restricións, sen que fose necesario
recorrer ao subministro externo dos depósitos.
Axuda dos cidadáns
“O consumo responsable que fixeron os cidadáns axudou moito”, quixo aplaudir o
concelleiro, consciente de que a petición realizada polo Concello ante una situación de
prealerta pola seca atopou pronta resposta na veciñanza. “Todas as actuacións que
poidamos facer para mellorar as redes e as captacións son benvidas, pero resulta
imprescindible atopar a colaboración dos veciños a través dun consumo responsable
dun ben tan importante e básico como é a auga”, sinalou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

PRESENTACIÓN DA PROGRAMACIÓN CULTURAL DE OUTONO NA ESTRADA

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, presentaron este mediodía a programación cultural EstradaEscena, que se irá debullando para este outono.

Son unha trintena de propostas que se sucederán entre os meses de outubro e xaneiro, pensadas para público de todas as idades.

Teatro, música, danza e humor fían un programa que ve incrementando o investimento este ano, ao incorporarse máis fondos da Deputación de Pontevedra a través do +Provincia. Fronte aos 100.000 euros de 2024, no 2025 chégase aos 152.000.

Esta é unha programación que se sostén sobre tres eixos: a participación de agrupacións e artistas locais, a contratación de artistas foráneos de calidade e a presenza das mellores compañías e artistas galegos a través dos convenios subscritos coa Xunta de Galicia (a través da programación da Rede Autonómica de Teatros e Auditorios) e coa @deputacionpontevedra  (a través do Plan +Provincia).

 Yllana, Xosé Touriñán, Dayna Kurtz, Oswaldo Digón, Rhumorosas, Xacarandaina, homenaxe a Juan Pardo, Spasmo Teatro ou Matriohska Teatro son algúns dos nomes propios desta programación cultural, que xa se pode consultar na páxina web do Concello da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

RAFAEL VILAR GONZÁLEZ GAÑA O XXIX PREMIO DE POESÍA AVELINAVALLADARES COA SÚA OBRA “A FERIDA ABERTA”

 “A través da sinxeleza dos seus versos, consegue construír un universo
poético íntimo e delicado, evocador e cheo de matices”, sinala o xurado.
 O poemario transita pola dor e a esperanza, o amor, a perda, as luces e
sombras do cotián, “creando para quen le esa fonda necesidade de tocar
a terra”.
 A obra foi seleccionada entre os 39 poemarios que se presentaron da
vixésimo novena edición.

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, foi o
encargado de abrir esta tarde a plica do XXIX Premio de Poesía Avelina Valladares,
galardón convocado polo Concello da Estrada, logo de que os integrantes do xurado,
reunidos no consistorio estradense dende as 16.30 horas, escollesen por unanimidade
como gañadora a peza presentada baixo o lema “Anise K”. Aberto o sobre, o poemario
resultou ser da autoría de Rafael Vilar González, co título “Ferida aberta”.
O xurado, conformado nesta ocasión por Xoán Carlos García Porral, María Neves Soutelo
Vázquez, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea (con Dolores Araújo Arias
actuando como secretaria), seleccionou esta peza entre as 39 que concorreron á
presente edición do premio, nun ano especial para o certame, na medida en que o
Concello da Estrada reserva este 2025 á celebración do Ano Cultural Avelina Valladares,
nun xesto que busca recoñecer, exaltar e divulgar o legado da cantora do Ulla para as
letras galegas. Cómpre lembrar que no vindeiro mes de outubro celebrarase o
bicentenario do nacemento desta escritora, natural da parroquia de Berres.
Despois de revisar os orixinais presentados, o equipo destacou a calidade literaria do
poemario que, “a través da sinxeleza dos seus versos, consegue construír un universo
poético íntimo e delicado, evocador e cheo de matices”. “Composto de coidadas imaxes,
o poemario transita pola dor e a esperanza, o amor, a perda, as luces e sombras do
cotián, creando para quen le esa fonda necesidade de tocar a terra”, argumenta o fallo.
Coñecido o fallo, o alcalde púxose en contacto xa co gañador para trasladarlle a decisión
do xurado e facerlle chegar os primeiros parabéns. Rafa Vilar é un dos nomes propios


destacados no eido da poesía galega contemporánea. A súa sona remóntase aos inicios
da década dos noventa, cando gaña o premio de poesía Fermín Bouza Brey para autores
novos. Tras el irían chegando moitos outros galardóns para este escritor de Cee.
O gañador do Avelina Valladares ten un amplo número de obras publicadas a título
individual e colectivo e o galardón que se fallou esta tarde súmase á longa lista de
recoñecementos que trufan a súa dilatada traxectoria literaria.
Cómpre lembrar que as bases deste premio literario recollen que tanto o tema como a
forma dos poemarios podían libres, se ben se indica que os textos tiñan que contar cun
mínimo de 300 versos e cun máximo de 800.
A dotación económica do galardón que leva o nome de Avelina Valladares dende hai
case 30 anos é de 2.000 euros, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio e
suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan. O premio entregarase nun acto
público que se fai coincidir, cara remate do ano, coa publicación da obra no marco da
Festa da Poesía.

Publicado en Portada | Deja un comentario

PRETO DE 500 ASISTENTES AOS CAMPAMENTOS URBANOS ESTÁNCONVIDADOS Á FESTA PARA DESPEDIR O PROGRAMA DESTE VERÁN

 Será o venres, nas instalacións do CEIP Figueiroa, dende as 10.00
horas.
 Poderán acudir os asistentes ás diferentes quendas dos campamentos
convocados por Servizos Sociais, en calquera das súas localizacións.
 Haberá obradoiros de xogos tradicionais e populares a cargo de Sonoras
e representación teatral, con Bandullo Azul.

O departamento municipal de Servizos Sociais ten
convocada para este venres, 6 de setembro, unha festa de clausura dos campamentos
urbanos programados para este verán. A estas actividades, deseñadas para favorecer
entre os estradenses a conciliación da vida laboral e familiar, asistiron preto de 500
nenos e nenas, entre o casco urbano e o rural. Todos eles están convidados a asistir o
venres e este evento, previsto nas instalacións do colexio Figueiroa.
O centro acollerá aos nenos e nenas asistentes entre as 08.00 e as 15.00 horas, cubrindo
o horario habitual do campamento. Como queda avanzado, están convidados os rapaces
que asistiron en calquera das quendas e lugares do programa. O inicio das actividades
extraordinarias organizadas para este día arrancará ás 10.00, debullando un amplo
cartel.
Deste xeito, de 10.00 a 12.00 haberá obradoiros de xogos tradicionais e populares, con
aplicación de perspectiva de xénero. Estarán guiados polo equipo de Sonoras.
Seguidamente, de 12.00 a 14.00 horas, está prevista unha representación teatral a cargo
da compañía Bandullo Azul, titulada Historias dun mundo grande, onde a cadeliña Becki
contará historias de colaboración e solidariedade vividas nas súas viaxes polo mundo,
convidando aos asistentes a cantar e bailar para celebrar a fin do verán.
Esta xornada, á que asistirá a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, porá broche
á programación desenvolta durante os meses de xullo, agosto e días de setembro,
contando coa firma estradense Coesco. Baixo o lema “Volta ao mundo nun verán”, os
campistas descubriron, a través de xogos, dinámicas grupais e actividades creativas,
outras culturas e países viaxando en cada quincena por un continente diferente.

Os diferentes campamentos urbanos que Servizos Sociais desenvolve nas instalacións dos
colexios de Figueiroa, Oca, O Foxo, Codeseda e Vea sumaron este verán arredor de 490
solicitudes formalizadas, con 285 en xullo, 160 en agosto e 43 nos primeiros días de
setembro. O CEIP Figueiroa acolleu este verán aos campistas que, de xeito habitual, acudían
ao Pérez Viondi, centro educativo no que continuaron as obras en execución aproveitando o
paro estival da actividade lectiva.

Publicado en Portada | Deja un comentario