A ESTRADA DESPIDE A PRIMEIRA RAPA DAS BESTAS BIC, DE “TOTALCOMUÑÓN” ENTRE A ORGANIZACIÓN E CON ‘BAUTISMO’ DO ALCALDE

 Dende o Concello apláudese a boa sintonía e implicación coa Asociación
Rapa das Bestas e o bo funcionamento do Plan de Emerxencias activado
para estes días de Festa de Interese Turístico Internacional.
 A análise da venta de entradas a través de internet permite observar a
proxección mundial que ten a Rapa, con billetes adquiridos dende países
como Estados Unidos, Hong Kong, Alxeria, México, Colombia,
Alemaña, Italia ou Reino Unido, entre outros.
 Os de Sabucedo non dubidaron en ir buscar a Gonzalo Louzao e Óscar
Durán para duchalos coas mangueiras na súa tradicional xuntanza a
carón do teleclub.

Coa volta das greas do Santo aos montes nos que viven
en liberdade, Sabucedo en particular e A Estrada en xeral despiden unha edición da Rapa
das Bestas que pasará á historia local como a primeira que se celebra coa súa
catalogación como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial. No momento de facer un
primeiro balance, a edición queda tamén marcada por unha ‘comuñón’ e un ‘bautismo’.
“A comuñón coa asociación é total”, aseverou hoxe Óscar Durán, o concelleiro delegado
da organización da Rapa das Bestas na vertente municipal destes traballos. O edil
aplaudiu a boa sintonía coa asociación que preside Paulo Vicente Monteagudo,
sinalando que o Concello puxo todo da súa parte para procurar que todo saíse o mellor
posible.
Tras destacar os bos resultados de afluencia no curro e no conxunto da festa, Óscar
Durán aludiu ao bo funcionamento do Plan de Emerxencia, destacando que contribuíu a
dar unha reposta rápida e eficiente ante as “pequenas incidencias” que se foron
rexistrando. Foi o caso dun pequeno incendio nunha caseta; un golpe no teleclub;
contusións e mazaduras durante os curros; un golpe de calor experimentado por un
espectador ou unha picadura de vespa. “Ante todo se puido actuar con rapidez e,
afortunadamente, con bos resultados”, sinalou Durán.

Foi o propio Óscar Durán o que aludiu ao “bautismo” que a Asociación Rapa das Bestas
lle brindou, en clave festiva e de camaradería, ao alcalde, Gonzalo Louzao Dono, e a el
mesmo despois do curro do domingo. Como é habitual, os aloitadores gozaban do
descanso e da festa na costa do Teleclub de Sabucedo e non tardaron en aparecer as
tradicionais mangueiras para rebaixar as temperaturas e elevar a celebración.
Integrantes da asociación saíron na procura do rexedor e do concelleiro para facelos
pasar polo ritual, un xesto que os dous políticos non dubidaron en agradecer a pesares
da molladura.
Óscar Durán tamén quixo aproveitar hoxe a ocasión para agradecer a presenza dunha
decena de alcaldes, numerosos deputados e tres conselleiros (Cultura, Sanidade e
Educación) durante estes días da Rapa das Bestas, destacando asemade o respaldo que
o evento tivo na concorrida xornada do luns. “O terceiro curro do ano estivo lonxe desa
imaxe de curro máis familiar. Tivo unha gran afluencia”, sinalou Durán. O concelleiro
aplaudiu tamén o ambiente festivo que, ao longo de todo o día, se viviu en Sabucedo
durante esta fin de semana.
Análise das procedencias
No departamento municipal de Cultura avaliáronse hoxe os datos correspondentes á
venta de entradas a través de internet, a única habilitada nesta e nas últimas
convocatorias. Concretamente, revisouse a procedencia dos espectadores que gozaron
do curro, un dato que permite observar a proxección internacional que ten a Rapa das
Bestas. Xunto con público chegado de distintos puntos da xeografía española, no curro
do sábado houbo persoas procedentes de países como Francia, Irlanda, Estados Unidos,
Colombia, México ou Portugal.
Para presenciar o curro do domingo adquiríronse entradas de Estados Unidos, Reino
Unido, Portugal, Italia, Hong Kong, Alemaña, Francia, Bélxica, Alxeria ou Andorra. Para o
último do ano, o deste luns, os billetes foron mercados por espectadores chegados de
Bélxica, Brasil, Cuba, Francia, Alemaña, Italia, México, Portugal, Reino Unido ou Estados
Unidos.
Cómpre sinalar que as entradas para a primeira cita do ano no curro do Campo do Medio
esgotáronse en catro días (as primeiras vendéronse o 1 de xuño) e as do domingo, en
seis.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO ACTIVA O LUNS O NOVO PORTAL MUNICIPAL PARAPROMOVER O ALUGUEIRO DE VIVENDAS BALEIRAS NA ESTRADA

• A ferramenta, desenvolvida polos técnicos de aestradadixital, permitirá
tanto a incorporación de inmobles por parte dos propietarios como a
consulta pública de vivendas dispoñibles.
• A inscrición no portal será un requisito imprescindible para que os
propietarios accedan ás medidas incluídas no Plan Municipal de
Fomento do Alugueiro, como a bonificación de ata o 50% no IBI ou o
acceso ás subvencións para rehabilitación de inmobles.

O Concello da Estrada porá en funcionamento o luns, 8
de xullo, o novo portal municipal co que se pretende promover o alugueiro de vivendas
baleiras no termo estradense. A ferramenta dixital estará dispoñible dende a páxina web
www.aestrada.gal. A creación desta plataforma, que funcionará como portal público de
vivenda dispoñible, é un dos piares nos que se sustenta o proxecto impulsado polo goberno
local para favorecer o arrendamento das 3.313 vivendas que as estatísticas aseguran
baleiras na Estrada. A isto súmase un censo municipal de vivendas baleiras e outras medidas
como a bonificación do IBI para inmobles en alugueiro ou o apoio ás reformas,
A ferramenta, desenvolvida polos técnicos de aestradadixital, permitirá tanto a
incorporación de inmobles por parte dos propietarios como a consulta pública de
vivendas dispoñibles, facilitando o contacto directo entre ámbalas dúas partes.
Deste xeito, o concelleiro de Reto Demográfico e Vivenda, Manuel Magariños, explicou
que o portal se estrutura en dúas áreas diferenciadas. A primeira está destinada aos
propietarios, que poderán rexistrarse e dar de alta tantas vivendas como desexen,
incluíndo datos de contacto (particulares ou inmobiliarias), unha descrición das
estancias e do equipamento dispoñible, así como imaxes actualizadas da vivenda.
A segunda área está dirixida ás persoas interesadas en alugar unha vivenda. Estas
poderán consultar libremente os inmobles dispoñibles e empregar filtros de busca como
unha diferenciación por parroquia, número de habitacións, superficie, prezos ou
características específicas.

“O portal presenta un deseño claro e intuitivo, pensado para facilitar tanto o rexistro de
vivendas como a súa procura”, sinalou Magariños, que lembrou que a inscrición no
portal será un requisito imprescindible para que os propietarios poidan acceder ás
medidas incluídas no Plan Municipal de Fomento do Alugueiro, como a bonificación de
ata o 50% no IBI ou o acceso ás subvencións para rehabilitación de inmobles.
“Este rexistro será a base para a elaboración do Censo Municipal de Vivendas Baleiras,
ferramenta clave para orientar as políticas públicas neste eido”, subliñou tamén o titular
estradense de Vivenda.
Apoio técnico
Por outra banda, o Concello ten habilitado un servizo de apoio técnico, tanto presencial
coma telefónico, para facilitar o proceso de alta aos usuarios. As persoas interesadas
poden contactar a través do correo soporte@aestradadixital.gal ou no teléfono 986 570
997.
Dende o Concello insistiuse tamén na importancia da implicación veciñal. “O éxito desta
iniciativa dependerá da participación activa dos propietarios. Canto máis inmobles
dispoñibles, máis oportunidades de futuro para A Estrada”, sinalou Magariños.
O edil aproveitou tamén para agradecer expresamente o traballo desenvolvido polo
equipo técnico de aestradadixital. “Contar cun equipo propio permitiunos deseñar unha
ferramenta adaptada ás nosas necesidades, áxil, visual e pensada para seguir
mellorando coas achegas dos usuarios”, dixo o responsable de Vivenda.
O Concello anima a todos os propietarios de vivendas baleiras a inscribirse no portal e a
colaborar para facer fronte ao reto do acceso á vivenda no municipio.“Con esta iniciativa
damos un paso máis no compromiso de mobilizar os recursos dispoñibles e facer de A
Estrada un lugar atractivo e accesible para vivir”, conclúe Magariños.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LOCALIZAN UNHA ROTURA NA REDE DA TRAÍDA DA ESTRADA QUESUPOÑÍA A PERDA DE 700 METROS CÚBICOS DE AUGA AO DÍA

• A alerta saltou tras detectar consumos anormalmente elevados de agua
na capital estradense.
• A incidencia localizouse tras horas de busca, sen que chegase a
apreciarse nos fogares.
• Atopouse a rotura nas inmediacións da central estradense de
Emerxencias, no polígono de Toedo.
• A reparación permitiu que, en menos de 12 horas, os depósitos
recuperasen 500 metros cúbicos de auga.

As brigadas municipais de Obras do Concello da Estrada
conseguiron localizar a última hora da tarde deste martes unha importante rotura na
rede de distribución de agua ao casco urbano, unha incidencia que estaba supoñendo a
perda de 700 metros cúbicos de auga por xornada.
A anomalía no servizo detectouse o domingo das festas patronais, se ben en ningún
momento chegou a supoñer unha afección aos fogares. Dende o Concello, que realiza
inspeccións diarias deste servizo, percibiuse un consumo excesivamente elevado. Aínda
que nun primeiro momento se pensou nas festas, a hipótese non tardou en desbotarse e
arrancou a complexa busca dunha fuga na intricada rede de distribución aos inmobles da
capital estradense.
Despois de moito rastrear na rede municipal, ás 20.00 horas do martes puido detectarse
unha perda moi importante de auga pola rotura dunha tubaxe a carón da sede do servizo
municipal Emerxencias A Estrada, situada ao pé do polígono industrial de Toedo. Tan
pronto como se aplicaron as correspondentes medidas para reparar a incidencia puido
comprobarse que, en menos de 12 horas, se recuperaron 500 metros cúbicos de auga.
Como queda indicado, a incidencia non se deixou sentir nos fogares, se ben a súa
reparación supuxo o corte do subministro á central de Emerxencias e tamén a unha
pequena parte do polígono industrial. Con todo, esta situación non xerou ningún
contratempo para que as empresas situadas neste sector puidesen desenvolver a súa
actividade con total normalidade.

A labor de inspección realizada polo citado departamento municipal tamén permitiu
observar pequenas perdas, derivadas de fisuras na rede, na Zona Deportiva, unha
cuestión sobre a que tamén se actuará nas vindeiras horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Luis López sinala a Rapa das Bestas como a bandeira do modelo turístico descentralizado, sustentable e que pon en valor o interior da provincia que promove a Deputación

O presidente provincial participa na presentación da de interese turístico internacional que se celebrará na parroquia de Sabucedo, na Estrada, entre o 4 e 7 de xullo

 

“Non hai verán nas Rías Baixas sen a Rapa das Bestas”, afirma o presidente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, unha cita declarada de interese turístico internacional, como a bandeira do modelo de turismo que a Deputación está a implantar no conxunto da provincia. “Un destino ligado á natureza e ao territorio, un destino descentralizado e un destino con propostas sustentables que atrae visitantes de todas as partes do mundo”, afirmou o presidente, acompañado polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, no acto oficial de presentación da festa.

 

Promovida pola Asociación Rapa das Bestas, polo Concello da Estrada e coa colaboración da Deputación, a festa deste ano celebrarase nesta localidade da Estrada desde o 4 ao 7 de xullo. Catro días de celebración en contacto coa natureza e nos que non faltará nin a gastronomía nin a música, nun programa festivo que terá nos curros os seus momentos máis agardados. Neste sentido, o presidente López quixo poñer en valor o labor realizado polos organizadores. “Porque a Rapa das Bestas é moito máis ca unha festa popular: É unha celebración singular, propia e única. De Sabucedo, da Estrada e da nosa provincia de Pontevedra, é un acontecemento que nos conecta coas nosas raíces e se transmite de pais a fillos, é unha referencia no noso calendario festivo, un motor para a economía da comarca e un poderoso atractivo do noso destino turístico, pero sobre todo é un símbolo do profundo respecto que sentimos os pontevedreses pola nosa terra”, subliñou López.

 

“Non hai verán nas Rías Baixas sen a Rapa das Bestas”, asegurou o presidente para remarcar que o destino turístico Rías Baixas “son moito máis que mar e praia, están formadas por 61 concellos e van desde a costa ata lugares do interior como esta parroquia de Sabucedo”. Neste sentido, salientou López que na estratexia de descentralización do turismo e de posta en valor do interior da provincia, a Rapa das Bestas xoga un papel fundamental porque Sabucedo é unha parroquia á que peregrina cada ano milleiros de persoas para celebrar unha festa que é nosa, que é de interese turístico internacional, que capta miradas en todo o mundo e que é unha referencia do coidado dos nosos ecosistemas”.

 

Razóns que xustifican a alianza estratéxica entre a Deputación e esta festa, que se traduce en distintas vías de colaboración, como o proxecto para a renaturalización da Carballeira do Campo Medio, a presentación desta cita como un dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas en campañas premiadas como a de “Cando Volves?” ou o apoio anual coa Asociación para colaborar na organización, que este ano medrou ata os 10.000 euros.

 

“Convidamos a todo o mundo a achegarse aquí para desfrutar dun paraíso como é Sabucedo, a Rapa das Bestas e as Rías Baixas”, concluíu o presidente despois de poñer en valor o traballo e implicación de todos os participantes da festa e dos membros da asociación.

Publicado en Portada | Deja un comentario

XULLO ARRANCA CON 428 MENORES PARTICIPANTES NA PRIMEIRAQUENDA DO CAMPUS DEPORTIVO E CAMPAMENTOS URBANOS

 O mes de xullo arrancou hoxe na Estrada cun total de 428
menores matriculados para participar na primeira quenda do Campus Deportivo de
Verán e nos campamentos urbanos que promove o departamento de Servizos Sociais. As
dúas medidas facilitarán a conciliación laboral e familiar durante a tempada estival.
No Campus Deportivo de Verán comezaron hoxe a quenda 280 nenos e nenas, con
idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos. Na segunda quincena de xullo son 272 os
inscritos. Entre as actividades que se ofertan para este verán están fútbol, baloncesto,
atletismo, bádminton, actividades acuáticas, tenis, atletismo e xogos predeportivos de
iniciación para os máis pequenos. A maiores realizarase unha excursión en cada mes, ao
parque acuático de Cerceda, en data pendente de determinar.
Pola súa banda, os campamentos urbanos do Concello da Estrada teñen nesta primeira
quincena do mes de xullo un total de 148 rapaces inscritos, cun total de 285 en todo este
mes. Acudirán de luns a venres ás instalacións deportivas dos colexios de Oca, O Foxo,
Codeseda, Vea e Figueiroa.
Esta modalidade de campamento suma en total este ano máis de 500 participantes, se
ben no mes de agosto e na primeira semana de setembro non haberá sesións en Oca e
en Vea por non acadarse o número de matriculados para conformar grupo. En todo caso,
calquera neno ou nena censando na Estrada pode escoller asistencia entre os diferentes
puntos nos que se convoca este campamento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CMUS HOMENAXEA AO MESTRE FRANCISCO LORENZO ROMERO NA SÚAXUBILACIÓN, TRAS 26 ANOS DE DOCENCIA NESTE CENTRO

Profesores e persoal do Conservatorio de Música (CMUS)
Profesional da Estrada homenaxearon o luns ao compañeiro Francisco Lorenzo Romero
con motivo da súa xubilación.
A totalidade do profesorado e o persoal non docente, así como excompañeiros
despediron ao profesor de Fundamentos de Composición quen, despois de 26 anos
dedicado a docencia no conservatorio estradense e desempeñando o cargo de
secretario nos últimos 16, pon punto e final a súa etapa profesional.
O mestre, natural de Rianxo, mostrouse emocionado e moi agradecido por esta
homenaxe, na que non faltaron os bonitos recordos e anécdotas con alumnos e
compañeiros ao longo de todos estes anos.
Dende o centro queren agradecer publicamente o “compromiso, profesionalidade e
dedicación” deste compañeiro.
Premio Fin de Grao
Por outro lado, dende o CMUS informouse hoxe de que o alumno Mateo Pérez Romero,
que rematou o grao profesional este pasado curso, acaba de superar a proba de acceso e
continuará os estudos musicais no Conservatorio Superior de Vigo. Este alumno acadou
o Premio Fin de Grao que se lle concede aos alumnos que tiveron un destacado
expediente no grao profesional.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO REXISTRA 45 SOLICITUDES NA NOVA LIÑA DE AXUDASPARA EVENTOS E ACTIVIDADES CULTURAIS NAS PARROQUIAS

 Rematado o prazo de recepción, o departamento de Cultura valorará
agora as peticións para tentar chegar a unha resolución cara finais de
xullo.
 Só se podía facer unha solicitude por parroquia, aínda que implique
varios eventos. A cantidade máxima por solicitante é de 3.000 euros.
 Estas novas axudas teñen un carácter prepagable, cun 75% na primeira
fase. Unha vez xustificada, farase o pago restante.

O Concello da Estrada ten pechado xa o prazo de
recepción de solicitudes da nova liña de subvencións para eventos e actividades
culturais, unha iniciativa dotada nesta primeira convocatoria cun orzamento de 100.000
euros, cos que se busca contribuír á promoción e impulso de propostas desta natureza
chegadas dende as diferentes parroquias estradenses. A edil de Cultura, Lucía Seoane,
detallou hoxe que foron 45 os colectivos (procedentes doutras tantas parroquias) os que
cursaron en tempo a súa solicitude.
En concreto, a administración municipal recibiu peticións desta nova subvención
canalizadas dende Guimarei, San Miguel de Barcala, Frades, Oca, Lamas, Santa Cristina
de Vea, San Xurxo de Vea, Couso, Codeseda, Olives, A Somoza, Nigoi, Vinseiro,
Montillón, San Miguel de Castro, Santo Tomé de Ancorados, Pardemarín, Santo André
de Vea, Callobre, Agar, Ribela, Ribeira, Tabeirós, Berres, Moreira, Cereixo, Santa Mariña
de Barcala, Ouzande, San Pedro de Ancorados, Paradela, Curantes, Toedo, San Xiao de
Vea, Santeles, Matalobos, Cora, Barbude, Arnois, Loimil, Rubín, Sabucedo, Arca, Aguións
e dous barrios de San Paio da Estrada (Cañoteira e Fernando Conde).
A titular estradense de Cultura explicou que o Concello valorará agora todas as
solicitudes presentadas e definirase a contía que corresponde a cada un dos colectivos
que as presentaron, coa previsión de que cara finais de xullo poida ofrecerse unha
resolución, que lle será comunicada ás asociacións correspondentes.
As peticións destas axudas tiveron que ser presentadas por asociacións de veciños,
asociacións de mulleres rurais ou comisións de festas debidamente constituídas. Só se se
podía presentar unha solicitude por parroquia, aínda cando esta pode incluír varios
eventos. En todo caso, a cantidade máxima que pode percibir cada solicitante é de 3.000
euros.
Como gastos que se poden sufragar con cargo a estas novas subvencións municipais, as
bases aluden a gastos de cachés de grupos ou artistas; gastos de seguros para a
realización de actividades; gastos de publicidade; alugueiro de megafonía, iluminación e
infraestruturas; alugueiro de palcos, tarimas ou similares e gastos de organización. Non
se poderán costear con estas axudas gastos de comida ou bebida; gastos correntes de
actividade social, deportiva ou de tempo libre; actividades formativas non ligadas a
contidos artísticos, patrimoniais, culturais ou etnográficos ou bens de investimento.
No tocante ao pago, estas novas axudas teñen un carácter prepagable, cun 75% na
primeira fase. Unha vez xustificada, farase o pago restante. O prazo para xustificar as
axudas remata 15 días despois da última festa do ano na parroquia, e sempre antes do 1
de decembro.

Publicado en Portada | Deja un comentario