O CONCELLO DA ESTRADA LANZA OS SEUS CAMPAMENTOS DE VERÁNPARA FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

 Dirixido a escolares de entre 3 e 12 anos, o prazo de inscrición estará
aberto do 27 de maio ao 6 de xuño.
 As instalacións do CEIP Figueiroa acollerán este verán aos campistas
do Pérez Viondi, que continuará en obras.

O Concello da Estrada lanzou hoxe a convocatoria dos
campamentos de verán que organiza o departamento de Servizos Sociais co obxectivo
de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses de verán.
Dirixidos a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos,
celebraranse nos meses de xullo, agosto e ata o 5 de setembro, en horario de 09.00 a
14.00 horas, de luns a venres.
O campamento desenvolverase nas instalacións dos colexios Oca, O Foxo, Cabada
Vázquez, Villar Paramá e Figueiroa. Este último acollerá este ano aos campistas que, de
xeito habitual, acudían ao Pérez Viondi, centro educativo no que continuarán as obras
en execución aproveitando o paro estival da actividade lectiva.
O prazo de inscrición abrirase o martes 27 de maio e a matrícula pecharase o día 6 de
xuño. Convócanse 20 prazas por quincena e centro, a excepción das que se vencellan ao
CEIP Figueiroa, no que haberá 40 prazas por quincena.
A cota de inscrición será de 35 euros por participante e quincena (durante os meses de
xullo e agosto). Durante os días do mes de setembro a cota será 25 euros por
participante. O segundo membro da unidade familiar terá un desconto do 20% (28€ en
xullo e agosto, 20€ en setembro). A partir do terceiro membro da unidade familiar será
gratuíto.
As solicitudes deberán presentarse no Departamento de Servizos Sociais do Concello da
Estrada (en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres) ou a través da sede
electrónica (https://aestrada.sedelectronica.gal).

Documentación
No tocante á documentación que os interesados deberán presentar xunto coa
solicitude, será preciso achegar DNI do neno/a; DNI do pai, nai ou titor; libro de familia
(se solicita bonificación por segundo ou terceiro irmán participante); fotocopia do
xustificante de ocupación laboral: 2 últimas nóminas, certificado de vida laboral ou
último recibo de cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta
propia; fotocopia da declaración do IRPF de ambos proxenitores.
A ficha de inscrición e a información dos criterios de prioridade están dispoñibles xa na
páxina web do Concello da Estrada para a súa descarga.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA SACA Á RÚA A INFORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN PARAREDUCIR O ACTUAL 50% DE IMPROPIOS NOS CONTEDORES DE LIXO

 Campañas de sensibilización os días de feira, nos centros educativos e
destinadas ás asociacións buscan rebaixar esta porcentaxe, polo menos,
ao 20%.
 A medida acompásase da información para ir avanzando na introdución
do quinto colector, o destinado a residuos orgánicos.
 A Estrada mobiliza cada xornada ata a planta de Sogama un quilogramo
de lixo por habitante e día.
 O colector verde, o de maior volume de impropios.

 Aproveitando a concorrencia da xornada feiral, o
Concello da Estrada sacou hoxe á rúa a información e a concienciación en materia de
reciclaxe e recollida de lixo para tentar reducir o actual 50% de residuos impropios nos
colectores do municipio. A través dunha posta en escena moi visual e coidada, os veciños
recibiron información de primeira man sobre o funcionamento de cada un dos
colectores da recollida selectiva, sobre o punto limpo -que xa leva un par de semanas
aberto tras as melloras que se estiveron realizando na instalación- e tamén sobre a
implantación do chamado quinto contedor, o de cor marrón que se destinará
especificamente aos residuos orgánicos.
Grandes paneis e material informativo de man permitiu aos cidadáns afondar en que
tipo de residuos teñen que ir a cada contedor. A campaña quedou instalada na zona
peonil, concretamente na Rúa Calvo Sotelo, xusto no tramo comprendido entre o cruce
con Justo Martínez e a Praza da Feira. Ata alí se achegaron este mediodía o alcalde,
Gonzalo Louzao Dono, e o edil responsable de Servizos Municipais, Óscar Durán.
“É unha campaña de concienciación, centrada en parte no contedor marrón, pero tamén
nun reforzo do que hai que reciclar e como hai que facelo, o que podemos tirar e o que
non, porque nos vai ao peto”, sinalou Durán. Avanzou que se fará tamén unha campaña
centrada nos grandes produtores e hostalería no tocante á introdución do quinto
contedor, que despois o Concello fará extensiva aos particulares. Cómpre lembrar que a

intención do Concello é comezar despois do verán, previsiblemente entre os meses de
setembro e outubro, cunha primeira fase para hostalería e establecementos que xeran
unha maior cantidade de residuos orgánicos. Na segunda etapa chegará a quenda dos
cidadáns, primeiro en período voluntario e despois xa de xeito obrigatorio.
Obxectivo: 20%
“A nós pídennos que teñamos, como moito, un 20% de residuos impropios nos
contedores e estamos case nun 50%”, expuxo Óscar Durán, que sinalou que o contedor
marrón terá a intención de reducir a cantidade de residuos impropios que se verten
actualmente no colector de cor verde. “O que pretendemos é clasificar todo o vertido e
que o que se bote ao marrón vaia para a compostaxe”, incidiu.
Nestes momentos o Concello da Estrada está mobilizando 20.000 quilogramos de lixo
por xornada ata a planta de Sogama, o que se traduce practicamente nunha media dun
quilo por estradense e día. Neste volume estímase todo o arroxado aos colectores, coa
excepción dos iglús destinados ao vidro.
“Estamos tirando o 50% do lixo mal. O obxectivo é chegar ao 20%”, incidiuse dende o
goberno local, conscientes de que o contedor que maior porcentaxe de residuo
impropio padece é o verde.
As campañas de sensibilización continuarán nas vindeiras semanas. Os paneis volverán
saír á rúa, polo menos, outros tres días de feira, chegando tamén algún sábado ao
entorno do Novo Mercado. Haberá tamén campañas específicas nos centros de ensino
do municipio e tamén outras no MOME dirixidas a asociacións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BALCÓN DO CONSISTORIO, O PRIMEIRO EN VESTIR A ´CAMISETA´DO ESTRADENSE PARA A FASE DE ASCENSO

 
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e directivos do CD Estradense presentaron esta mañá a campaña que a sociedade deportiva abre dende hoxe mesmo para engalanar os balcóns da Estrada en apoio ao equipo, que abre esta fin de semana a fase de ascenso a Segunda RFEF.
A campaña conta coa colaboración da ACOE e Hostaleiros da Estrada.
Haberá concurso de balcóns, escaparates comerciais e locais da hostalería.
Como participar? É preciso facer unha foto e subila ás redes, etiquetando ao CD Estradense, ACOE e Hostaleiros da Estrada.
PREMIOS:
Para os DOUS mellores BALCÓNS: unha tarxeta de 150 euros para cada para consumir na hostalería local.
Para os DOUS mellores ESCAPARTES: unha estancia en casa rural, en réxime de media pensión, para dúas persoas (un premio para cada hostaleiro).
Para os DOUS LOCAIS de hostalería mellor decorados: un lote de produtos Noriberica para un e unha tarxeta da ACOE de 150 euros para consumir na súa rede de establecementos, para outro.
 Os farois da vila estará tamén engalanados e venderanse bandeirolas para todos os interesados en Arco da Vella e Agasallos. Terán un custe de 15 euros.
A firma Coste Cero ten a disposición material decorativo do Estradense.
 As entradas para fase de acenso serán a 12€ para adultos e a 6€ para asistentes de entre 16 e 23 anos. Os asistentes ás escolas de fútbol acudirán gratis ao partido de volta se van vestidos coa equipación. Os socios pagarán 6€ nestes encontros.
 Haberá autobuses gratuítos. Pódense retirar os billetes (en cantidades limitadas) nas oficinas de Helvetia.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA ACOLLE ESTE DOMINGO NO COTO FERREIRO O XXITROFEO SONDODANCE DE BAILE DEPORTIVO CON PRETO DE 400BAILARÍNS

 Desenvolverase ao longo de toda a xornada nas modalidades de bailes
estándar, latinos, danza coreográfica e bailes caribeños.

A Estrada acolle este domingo unha nova edición, a
número 21, do afamado Trofeo SondoDance de baile deportivo, unha competición na
que está prevista a participación de preto de 400 bailaríns dende primeira hora da mañá.
O certame, organizado pola escola SondoDance coa colaboración do Concello da
Estrada, desenvolverase no pavillón Manuel Coto Ferreiro, dende as 10.00 horas.
A proba é puntuable para campionato organizado pola Federación Galega de Baile
Deportivo e tamén para o estatal. Coincide na súa convocatoria dominical coa Festa do
Salmón, sumando un atractivo máis á Estrada nesta fin de semana, xa que o Trofeo
SondoDance remata todos os anos por se converter nunha espectacular cita deportiva
que fai gozar como espectadores mesmo a aquelas persoas alleas a esta disciplina.
Os bailaríns competirán nas modalidades de bailes estándar (vals, quickstep, tango,
foxtrot e vals vienés) e latinos ( cha-cha-chá, rumba, samba, jive e pasodoble), aos que se
sumarán a danza coreográfica e tamén os bailes caribeños (salsa, bachata e merengue).
Tanto a danza coreográfica como os ritmos caribeños veñen incorporándose nas últimas
convocatorias, incrementando o espectáculo e a vistosidade.
A participación estradense chegará da man das parellas que neste momento ten a escola
SondoDance en fase de competición, máis de media ducia. En coreográfica debutará un
dúo.
Arrancando ás 10.00 horas, está previsto que a competición, na que participarán
bailaríns de distintos puntos do país, se prolonguen ata última hora da tarde no Coto
Ferreiro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA LOGRA A HOMOLOGACIÓN DAS SÚAS PISTAS DEATLETISMO, QUE SE ESTREAN ESTE DOMINGO NA COMPETICIÓNOFICIAL

 A Federación Española de Atletismo deu hoxe luz verde de xeito oficial a
estas instalacións deportivas, que se abren xa á competición nacional.
 A súa primeira proba oficial será o Campionato Provincial de Atletismo
en Pista, na categoría de alevín.

O Concello da Estrada recibiu hoxe a homologación
oficial, por parte da Federación Española de Atletismo, das pistas inauguradas o pasado
mes de outubro nas proximidades do estadio municipal e das piscinas climatizadas, un
recinto anexo ao complexo que ocupa a Academia Galega de Seguridade Pública
(Agasp). Esta homologación nacional chega xusto a tempo para que as pistas acollan o
domingo, 18 de maio, a que será o súa primeira competición oficial, o Campionato
Provincial de Atletismo en Pista para a categoría alevín.
A comunicación oficial chegou esta mañá á administración municipal, despois de que
recentemete se trasladase ata estas instalacións estradenses o persoal encargado de
subsanar os dous pequenos erros observados durante o proceso de homologación das
pistas. De seguido, o pasado sábado un técnico da Federación Española de Atletismo fixo
a comprobación pertinente e o informe resultante desta visita chegou hoxe para dar luz
verde a que estas infraestruturas deportivas se abran á competición nacional.
Na que será a súa primeira proba oficial en pista, dentro dunha xornada de Xogade, os
atletas alevíns competirán en carreira sen obstáculos, salto horizontal, salto de altura e
lanzamento.
Adestramentos
Aínda que non sexa ata o domingo cando as pistas de atletismo da Estrada se estreen
como recinto homologado, dende a súa inauguración veñen sendo espazo aplaudido
para acoller os adestramentos dos clubs locais e tamén de deportistas individuais,
ademais de servir de permitir sesións de preparación física para o alumnado da
Academia Galega de Seguridade Pública.

Dende o departamento municipal de Deportes estímase que a media mensual está xa
nos 100 usuarios, cifra que mesmo se duplicou no primeiro mes de funcionamento e á
que hai que engadir os deportistas que proveñen das dous clubs estradenses de
atletismo.
O acceso á instalación estase artellando a través dunha tarxeta dixital. A concesionaria
da piscina climatizada é a que se encarga de regulalo, sendo necesario que os deportistas
pidan con carácter previo o uso das pistas. Despois de seren retirada a tarxeta, este
elemento debe empregarse para entrar e saír das instalacións.
As pistas de atletismo da Estrada contan con 400 metros de corda e oito rúas. Teñen
espazos habilitados para o lanzamento de martelo, peso, disco e xavelina, salto de altura
e salto de pértega, fosos de saltos de lonxitude e triplo salto, bancada e cabina de control
na recta de meta. Esta instalación complementarase proximamente cun módulo
multideporte anexo, que xa está en construción e que ten un orzamento de dous millóns
de euros. Estas instalacións permitirán a realización de adestramentos e competicións a
cuberto.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA, LÍDER EN PONTEVEDRA NO PLAN DE AXUDAS DADEPUTACIÓN PARA MELLORAR LOCAIS SOCIAIS NAS PARROQUIAS

 O alcalde e o deputado Javier Tourís realizan unha xira de visitas para
comprobar o resultado de obras feitas coa trintena de subvencións
concedidas en 2024
 Neste 2025 presentáronse unhas 60 solicitudes de achega, medio cento
polo programa de acción comunitaria e unha decena polo Plan +Aqua.
 Tourís felicita ao Concello por poñer os seus técnicos a disposición das
asociacións para que acaden estes fondos: “Así son os resultados, o ano
pasado A Estrada foi o Concello de Pontevedra que tivo máis
subvencións e este ano vai polo mesmo camiño

“Fomos o Concello con máis asociacións beneficiadas
no 2024 e ímolo superar no 2025”, resumiu esta mañá o alcalde da Estrada, Gonzalo
Louzao Dono. O xefe do executivo local iniciou a primeira hora e na parroquia de Santa
Mariña de Barcala unha xira de visitas por unha decena de locais veciñais e de
asociacións de mulleres rurais arranxados grazas á liña de axudas que impulsou o ano
pasado a Deputación de Pontevedra. O rexedor estivo en todas elas acompañado polo
deputado Javier Tourís, que confirmou tamén a elevada concorrencia da convocatoria
correspondente a este 2025.
“Estou encantado de pasar hoxe por aquí o día co alcalde e só me queda darlle os
parabéns por esta labor que está facendo polo asociacionismo, sobre todo porque é un
modelo a seguir”, dixo Tourís. De seguido, eloxiou publicamente que o mandatario
decidise poñer “todos os técnicos do Concello a disposición das asociacións”. “É algo moi
importante e así son os resultados: o ano pasado A Estrada foi o Concello da provincia de
Pontevedra que tivo máis subvencións e este ano vai polo mesmo camiño, porque temos
máis de 50 asociacións no programa de acción comunitaria e 10 no Plan +Aqua”, sinalou.
“Son máis de 60 solicitudes de subvención que falan do dinamismo do Concello da
Estrada e de todo o movemento asociativo”, engadiu o deputado provincial.


Louzao e Tourís quixeron comprobar nestas visitas o impacto do investimento realizado
no último ano, coñecendo de primeira man o resultado das obras de acondicionamento
e equipamento que posibilitaron estas axudas. En 2024 pediron estas achegas para
mellora dos seus locais a Asociación de Veciños e Cultural Isaac Quenqueirades de
Callobre, la Asociación de Veciños San Xorxe de Cereixo, Asociación de Veciños San
Breixo de Lamas, Asociación de Veciños Santa Mariña de Barcala, Asociación de Mulleres
Rurais Consumidoras e Culturais Andrés de Vea, Asociación de Veciños Fonte do Santo
de San Xurxo de Vea, Asociación de Mulleres Rurais de Baloira, Asociación de Veciños
San Pedro de Ancorados, Asociación de Mulleres Rurais e Fátima, Asociación de Mulleres
Rurais San Xoán de Santeles, Asociación de Veciños Amigos do Castro de Barbude,
Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei, Asociación de Veciñas e Veciños da
Parroquia de Orazo, Asociación de Veciños de Tabeirós, Asociación de Mulleres Rurais
de Lagartóns, Asociación de Veciños de Arca, Asociación de Mulleres Rurais As
Bugineiras de Nigoi, Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara de Ancorados, Asociación
de Veciños de Santa Cristina de Vea, Asociación de Veciños Santa Eulalia de Matalobos,
Asociación Veciñal Santa Mariña de Ribeira, Asociación de Veciños O Rueiro, Asociación
de Veciños da Parroquia de Paradela e Asociación de Veciños Pouso-Carril.
A maiores, figuran tamén colectivos que solicitaron fondos para mobiliario ou
equipamento: Asociación de Mulleres Rurais San Xulián de Arnois, Asociación de Veciños
Entreveas, Asociación de Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó, Asociación de
Veciños San Lois de Orazo e Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Curantes.
Media de 10.000 euros
No pasado exercicio a achega maioritaria foi de 10.000 euros por asociación, de xeito
que a Deputación destinou á Estrada arredor de 300.000 euros dentro destes programas
que potencian o asociacionismo.
“Estou encantado de como nos recibe a xente e de ver o importante que son esas obras
e eses subministros para as actividades do día a día das asociacións. Houbo un par delas
que me dixeron que onte domingo estiveron toda a tarde máis de 20 persoas nun local
confortable”, subliñou Javier Tourís, facendo fincapé na importancia de que se
empreguen a dinamicen os locais sociais. “Fai oito anos que non se daban estas
subvencións na Deputación de Pontevedra e foi o goberno encabezado por Luís López o
que as recuperou, lembrou.
Os veciños priorizan e escollen
O alcalde sinalou que as obras correspondentes a 2024 permitiron “melloras moi
importantes” en accesibilidade, eficiencia enerxética, calefacción, mobiliario, pintura,
ventás ou espazos como as cociñas. Lembrou que son obras que “priorizan e escollen” os

mesmos veciños. “Esta liña anual continuará e o Concello seguirá implicándose para ser
un aliado e que se cumpran as prioridades dos veciños”, apuntou. Gonzalo Louzao
agradeceu a visita de Javier Tourís e desexou que os resultados que tiveron ocasión de
comprobar hoxe sirvan de exemplo que inspire a outras asociacións a facer que estas
obras cheguen “aos locais das 51 parroquias e de todas os seus colectivos”

Publicado en Portada | Deja un comentario

SALMÓNS DE OURO 2025: XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN, CD ESTRADENSE,ROSAURA LEIS TRABAZO E O “CENTRO CULTURAL DEL PARTIDO DE LAESTRADA” EN BOS AIRES

 A edición 50+1 da festa gastronómica por excelencia da Estrada contará
coa imposición de catro destas insignias, no canto das tres habituais.
 A parte máis institucional da festa, que inclúe o pregón, arrancará o 18
de maio ás 12.00 horas, no Teatro Principal, máis achegada este ano ao
recinto da degustación popular.

Cando falta unha semana para que A Estrada viva o día
grande da súa Festa do Salmón, o Concello deu a coñecer o nome das persoas e
entidades que recibirán, nun ano que aspira a marcar unha nova etapa da festa
gastronómica por excelencia do municipio, o recoñecemento que acompaña á insignia
Salmón de Ouro. Na edición “50+1” súmase un novo Salmón de Ouro á nómina habitual,
de xeito que serán catro as imposicións, no canto das tres habituais.
O primeiro, como marca a tradición, será para o pregoeiro, o actor e humorista Xosé
Antonio Touriñán. Ou outros tres corresponderanlle ao CD Estradense, á catedrática de
Pediatría, doutora e investigadora estradense Rosaura Leis Trabazo e ao Centro Cultural
del Partido de La Estrada en Bos Aires (Arxentina).
• Xosé Antonio Touriñán é actor, humorista, produtor e director. Convertido nun
dos rostros máis coñecidos e queridos da industria audiovisual galega, ten a
comedia como sinal de identidade. Comezou como cómico no ano 2002, co dúo
Os dous de sempre. En 2005 iniciou a súa carreira na Televisión de Galicia, como
integrante de Cantareiras de Ardebullo, dentro do programa Luar. Dende entón,
a súa popularidade medrou de xeito acompasado aos seus traballos, con
programas na televisión pública autonómica como Land Rober, Padre Casares,
Era Visto ou Catro Gatos.
O pregoeiro do Salmón tamén é un home de cine. Cuñados, +Cuñados ou Amigos
hasta la muerte son algúns dos filmes nos que traballa, interpretando distintas
personaxes en series como Fariña, Pequeñas coincidencias, El desorden que

dejas, Sin Límites, Atasco ou Clanes. En 2022 dirixiu a súa primeira curtametraxe,
Nena e colleita numerosos éxitos como monologuista.
• O CD Estradense celebra este ano o seu centenario como formación deportiva de
referencia para A Estrada. Foi fundado no ano 1925 por Emilio Velasco García,
comandante do Batallón de Reserva da Estrada e primeiro presidente do Club, e
mais o empresario Jesús Durán Taboada. Cen anos despois, está presidido por
Toño Camba.
A formación xogou o seu primeiro partido en Caldas de Reis o 31 de maio de 1925
contra un equipo de Padrón, con vitoria para o Estradense. Xa dende entón os
xogadores vestían camisa vermella. Logo de varios anos en Primeira e Segunda
Rexional, acadou o ascenso a Rexional Preferente en 1988 e, tres anos máis
tarde, ascendeu a Terceira División, onde se mantivo sete tempadas. Nunha
delas logrouse a clasificación para xogar a Copa do Rei de Fútbol. O Club vén de
presentar nos últimos días ao documental que repasa a súa historia, “Un legado
de cen anos” e vive un momento deportivo moi doce.
• María Rosaura Leis Trabazo: Nacida na Estrada, é Catedrática de Pediatría na
Universidade de Santiago de Compostela, cunha dilatada e laureada traxectoria
profesional. É coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía e Nutrición
Pediátrica do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, presidenta da
Fundación Española de la Nutrición (FEN), coordinadora do Comité de Nutrición y
Lactancia Materna da Asociación Española de Pediatría (AEP) e presidenta da
Sociedad Española de Investigación en Nutrición y Alimentación Pediátrica
(SEINAP), entre outros cargos. É tamén investigadora e coordinadora de grupos
de investigación, como do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica ou os
centrados na prevención da obesidade infantil, entre outros moitos.
• Centro Cultural del Partido de La Estrada en Bos Aires. Naceu como resultado da
fusión entre a Unión Estradense e a Federación Agraria de La Estrada, as dúas do
ano 1915. No ano 1943 aprobouse o nome da nova sociedade: Centro Cultural
del Partido de La Estrada, sendo Francisco Porto o seu primeiro presidente.
Constrúe as súas instalacións tras adquisición dun campo de recreo en 1953,
aportando cada membro da comisión e socio o valor de compra dun metro de
terra. No ano 1974 vende a súas dependencias e reconstrúe unha vella casona na
que será a súa sede actual, na Calle México. Con corpo de baile propio e a edición
da revista cultura El Estradense durante anos, no ao 1983 co centro foi visitado
por primeira vez pola Banda de Música Municipal da Estrada. Ten preparada para
o 25 de maio a súa Festa do Salmón.
Xunto co pregón, a entrega das insignias Salmón de Ouro ocupará a parte máis
institucional da LI Festa do Salmón. O día grande da celebración o programa arrancará ás
11.00 horas coa inauguración da III Expo BAE na Sala Abanca da Estrada, con preto dunha
trintena de árbores. O pregón que pronunciará Touriñán chegará xa ás 12.00 horas, no
Teatro Principal. De seguido, dentro deste mesmo espazo, imporanse os Salmóns de
Ouro 2025.
En paralelo, ás 12.30 está programado teatro infantil coa obra “Castelao, un corazón á
intemperie”, da compañía Fantoches Baj. Será fronte á sala Abanca, trasladándose á
Casa das Letras en caso de choiva.
Ás 13.00 horas será o momento de inicio da degustación popular na carpa da Praza da
Constitución. Media hora despois, estará amenizada polo concerto da BigBand Carlos
Barruso. Xa pola tarde, continuará a exposición de bonsái na Sala Abanca (17.00 horas).
Ás 19.00 a Coral Polifónica Estradense ofrecerá un concerto xunto á Coral Polifónica de
Entenza (Salceda de Caselas) no Teatro Principal.
A xornada de festa rematará con música, desta volta coa actuación da orquestra París de
Noia na Praza de Galicia, dende as 20.00.

Publicado en Portada | Deja un comentario