O ALCALDE DA ESTRADA, ESCOLLIDO POLOS ALUMNOS DO GARCÍABARROS COMO ENTREVISTADO DO PROGRAMA “FALA QUE FALA”

 Gonzalo Louzao regresa ao que foi o seu instituto e sométese ás
preguntas do alumnado no espazo radiofónico co que Radio Líder, en
colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, promove o uso do galego.
 O rexedor recoñeceu que foi nestas aulas onde medrou a súa vocación
pola política.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, regresou esta
mañá ás aulas do que foi o seu instituto, o IES Manuel García Barros. O alumnado escolleu ao
rexedor como protagonista da entrevista principal do programa “Fala que Fala”, un espazo
co que a emisora Radio Líder, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, leva a radio
en directo aos centros de ensino para fomentar o uso do galego entre o alumnado de 1º
e 2º da ESO. No programa participou tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Moi relaxado e recoñecendo a súa satisfacción ao atoparse nun instituto no que foi moi
feliz, Louzao Dono compartiu cos alumnos que foi no García Barros onde medrou nel o
gusto pola política. Lembrou que foi aquí delegado da clase e, despois, presidente da
xunta de delegados. Aínda que coas dúbidas lóxicas ao remate do Bacharelato, sinalou
que non tardou en encamiñarse cara o estudo de Ciencias Políticas e da Administración
na Universidade de Santiago de Compostela (USC), estudos que completou con un
mestrado en Marketing e Comunicación Política.
O alcalde explicou que pasou polas aulas do IES Manuel García Barros entre os anos 2006
e 2012. Os alumnos quixeron saber cal foi a súa materia de estudo preferida e el non lles
ocultou que o seu gusto polas letras lle fixo preferir sempre Lingua Galega. “Pero aínda
lembro con agarimo exercicios de Lingua Castelá, como a análise da frase Bocadillo de
calamares caliente”, lembrou rindo o mandatario, dirixindo estas palabras á que foi a
súa profesora, Maile Leis, tamén presente na sala.
Os rapaces reflexionaron sobre a importancia da figura dun alcalde como xestor dos
recursos necesarios para tentar mellorar a vida dos seus veciños e preguntaron a Louzao
Dono se, cando está a piques de cumprirse o seu primeiro ano na Alcaldía da Estrada, se

sinte feliz como xefe do executivo local. O rexedor asegurou que, tras o período
necesario de adaptación tras pasar de seren edil de Urbanismo e Medio Rural a coller o
bastón de mando, está contento no cargo que ocupa, aínda que é moi consciente da
responsabilidade e do esforzo que require polo ben común.
Aproveitando o micro aberto, Gonzalo Louzao animou aos estudantes a desfrutar ao
máximo dos seus anos no instituto e a estreitar lazos de amizade que, dixo, de seguro se
prolongarán no futuro. Atendendo á promoción da lingua galega que fai o programa, o
mandatario recoñeceu que o galego é o idioma que emprega no seu día a día como
alcalde e na súa vida persoal, avogando pola importancia de que o alumnado o utilice e o
valore como lingua de seu.
Houbo tamén tempo para as recomendacións de libros e series en galego. Saíron nomes
como o do libro “Uxa” ou a serie “A luz que non podes ver”. Pola súa banda, o
mandatario deixou a súa propia, “tirando para a casa”: “A noite do Oso”, premio Manuel
García Barros. O alumno Marcos Sesar puxo o broche a este bloque do programa:
“Consume en galego!”, animou enérxico.
O programa “Fala que Fala” busca tamén poñer en valor o traballo realizado polos
departamentos de lingua galega nos centros educativos, ao tempo que achega aos
estudantes a figuras destacadas da súa contorna, reforzando así a conexión coa súa
realidade máis próxima.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O GOBERNO ESTRADENSE APLAUDE A MELLORA DO FIRME NA N-640:“AGRADECEMOS ESTE MÍNIMO PARCHEO, PERO O OBXECTIVO É AVARIANTE”

 O alcalde agradece ao subdelegado do Goberno que chegaran, como lle
adiantara, as máquinas ao municipio para corrixir o deteriorado firme
desta infraestrutura.
 Os traballos concéntranse hoxe en tramos da parroquia de Callobre.
 “Estas medidas urxentes estanse facendo pero non podemos quedar aí.
Están en elaboración os orzamentos xerais do Estado e é fundamental
non quedarnos nun bacheo: ten que chegar a variante á Estrada”, di
Gonzalo Louzao.
 “O que pedimos é celeridade, que crean neste proxecto. Somos o único
concello da provincia de Pontevedra que segue atravesado por unha estrada
nacional, que non ten alternativa e que ademais ocasiona riscos para a
poboación e un freo urbanístico”, sinala o rexedor.

“Non me caen os aneis en agradecer publicamente o que
outras administracións fan no noso municipio”. Con estas palabras, o alcalde da Estrada
quixo aplaudir hoxe os traballos de mellora do firme na N-640, que esta mañá se
concentraban no discorrer desta infraestrutura pola parroquia estradense de Callobre,
ocasionando regulación de tráfico alterno para posibilitar o avance da maquinaria. Porén,
Gonzalo Louzao non deixou de recoñecer que o obxectivo para o executivo que lidera é
retirar do casco urbano todo o tránsito pesado e de longo recorrido desta infraestrutura.
“Agradecemos este mínimo parcheo, pero o obxectivo é a variante”, dixo.
O munícipe recoñeceu que, tras asistir a anuncios de investimento do Goberno noutros
concellos polos que pasa a N-640, dende o Concello da Estrada se fixo notar o grave
deterioro desta vía nacional “que atravesa o concello, que nos conecta de norte a sur e nos
vertebra co resto do territorio da comunidade galega”, remarcou o rexedor. “Parecía que
estabamos menosprezados”, engadiu, sinalando que así llo fixo chegar nunha reunión ao
subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. “Nos dixo que o trasladaba e que ese

mantemento se ía facer en primavera. A primavera chegou e aquí están as máquinas no
territorio estradense, o cal eu llo agradezo persoalmente”, manifestou o alcalde.
“Non pode chegar ao estado ao que chegou”, sinalou tamén hoxe Gonzalo Louzao,
subliñando as moitas deficiencias que amosa a N-640 na Estrada. “Estas medidas urxentes
estanse facendo, pero non podemos quedar aí. Están en elaboración os orzamentos xerais
do Estado e é fundamental non quedarnos nun bacheo: ten que chegar a variante á
Estrada”, sinalou. “É unha das grandes melloras en comunicación para o Concello da
Estrada. A Xunta cumpriu coa chegada da autovía á capital de Galicia e o Goberno do Estado
leva moitos anos neste proceso sen ningún tipo de avance”, apuntou.
“O que pedimos é que se poñan calendarios e recursos necesarios para iniciar o proceso”,
sintetizou o xefe do executivo estradense. “O que pedimos é celeridade, que crean neste
proxecto. Somos o único concello da provincia de Pontevedra que segue atravesado por
unha estrada nacional, que non ten alternativa e que ademais ocasiona riscos para a
poboación e un freo urbanístico”, argumentou.
Afondando no feito de que a N-640 atravesa o casco urbano estradense de extremo a
extremo, Louzao Dono fixo fincapé en que esta situación “é unha anomalía, que non existe
noutro lugar da provincia”. “Cremos que é de xustiza, porque se foron facendo variantes en
todos os casos urbanos importantes e A Estrada é dos máis importantes da provincia de
Pontevedra. É de xustiza que se faga a variante para sacar o tráfico pesado. Levamos 30 anos
de demora, concluíu.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LOUZAO COÑECE E AXUDA A DIFUNDIR O SERVIZO DO POLO DEEMPRENDEMENTO DE SILLEDA, AO QUE SE VENCELLA A ESTRADA

 O que foi o segundo punto pontevedrés desta rede autonómica cubre as
comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e os concellos de CerdedoCotobade, Cuntis e Caldas de Reis.
 Acompaña a unha media de 100 emprendedores ao ano, con 315
atendidos dende a súa posta en funcionamento.
 No acto participaron dous exemplos de emprendemento estradense:
Chorima, de cosmética atlántica, e Abundanthia, de educación
financeira.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, desprazouse
esta mañá ata o veciño municipio de Silleda para coñecer de preto o funcionamento e o
día a día no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego ao que se vencella o Concello
estradense e no que os cidadáns deste municipio, que están pensando en emprender ou
teñen un negocio en marcha con novos retos por diante, poden atopar axuda e
asesoramento.
Louzao percorreu as instalacións e mantivo unha reunión cos profesionais que traballan
neste Polo da rede autonómica, cunha carta de presentación que define ben a súa
filosofía: “unha rede na que sempre estarás acompañado”. A este encontro sumáronse
dous emprendedores estradenses, que participaron ao rexedor local como foi e está
sendo a súa experiencia. Trátase de Lucía López, de firma Abundanthia, e Miguel de la
Calle, fundador da empresa Chorima, especializada en cosmética atlántica.
Os profesionais do servizo explicaron ao alcalde que o Polo de Silleda cubre a zona de
Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Cerdedo-Cotobade, Cuntis e Caldas, cunha atención
media dun cento de novos emprendedores cada ano e con 315 atendidos dende a súa
posta en funcionamento no municipio silledense. Sinalaron que se puxo o acento en
pasar da axuda ao acompañamento. A súa metodoloxía de traballo adáptase a cada
proxecto, guiando aos seus impulsores por catro etapas: emerxer, explorar, executar e
expandir.

Louzao Dono incidiu en que tiña especial interese en coñecer como funciona este
servizo, na medida en que é un bo referente para os emprendedores estradenses que
-coida- ten que converterse nun recurso moito máis coñecido. “Con esta visita quería
coñecelo en primeira persoa e intentar difundir que temos para a nosa zona este Polo de
Emprendemento en Silleda, dentro dos tres que ten a Xunta en Pontevedra”, sinalou o
alcalde.
Exemplos locais
O alcalde da Estrada amosouse moi satisfeito ao comprobar o bo funcionamento deste
servizo -cada proxecto ten un titor que acompaña por todo o itinerario do
emprendemento- en dous exemplos da Estrada. Miguel de la Calle apostou en Chorima,
co centro de operacións nunha antiga adega da parroquia de San Xurxo de Vea, por
lanzar unha cosmética natural con acento galego e nomeadamente estradense. A base
da primeira liña de produtos que lanzou ao mercado -crema facial, crema de mans,
crema corporal e limpador facial- é o mel, cera e propóleo procedentes de apicultores da
Estrada; o elixir de catro algas atlánticas e extractos de albariño. Chorima fai distribución
a través de internet e ten xa á venta os seus produtos en catro establecementos do
municipio estradense, entrando no canal de farmacia.
Pola súa banda, Abundanthia ten como fundadora a unha emprendedora estradense
que, tras traballar dende os 18 anos no mundo das asesorías, se formou como
educadora financeira, un ámbito no que Lucía López vén traballando dende 2020,
achegando este asesoramento tan necesario ás economías particulares e chegando a
impartir formación neste eido en varios colexios.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO LANZARÁ A LICITACIÓN PARA HUMANIZAR A PRAZA DE GALICIA, TRAS APROBAR HOXE O CONVENIO COA DEPUTACIÓN

 As obras arrancarán despois das festas de San Paio, con un prazo de
execución de seis meses e un orzamento de licitación de 1.152.897 euros.
 O Concello vén de recibir o único informe sectorial que requiriu o
proxecto pola afección da PO-841 na Rúa San Paio e tivo un carácter
favorable.

A Xunta de Goberno Local de A Estrada vén de aprobar, na
sesión celebrada este mediodía, a formalización do convenio coa Deputación de
Pontevedra para executar a humanización da Praza de Galicia, despois de que este
proxecto transformador do epicentro urbano estradense acadara a puntuación más
elevada entre todas as iniciativas que se presentaron para obter financiamento ao
abeiro do Plan Provincia Extraordinaria, o coñecido como Plan Extra da institución
provincial. Deste xeito, o executivo que encabeza Gonzalo Louzao Dono ten xa todo
preparado para lanzar a licitación dunha obra que porá o broche a toda a transformación
e peonalización da arteria máis céntrica, comercial e de servizos da capital municipal.
Para poder lanzar a licitación era preciso que o Concello recibira o único informe
sectorial que se require nesta obra: o da Xunta de Galicia, en calidade de titular da
PO-841, que arranca dende a Praza de Galicia a través da infraestrutura que no rueiro
municipal corresponde coa Rúa San Paio. Dito informe xa obra en posesión da
administración municipal, con carácter favorable, de xeito que, una vez rubricado o
convenio acordado hoxe, xa sería posible emprender a licitación.
O plan para a reforma do entorno desta praza, que inclúe gañar para o peón un amplo e
céntrico espazo como guinda aos anteriores procesos nas rúas Ulla e Calvo Sotelo,
suporá que, dos 1.152.897 euros de orzamento da obra, a Deputación achegue
807.028,27 euros, correspondendo ao Concello da Estrada sumar outros 345.869. O
prazo de execución que levará parella a contratación ascende a seis meses.

As previsións do goberno pasan por que as obras poidan comezar nos meses de verán, co
desexo expreso do executivo de que estas intervencións nun espazo tan céntrico non
supoñan ningún atranco ni afección para o normal desenvolvemento das festas
patronais de San Paio. Se as obras comezasen ao remate das celebracións, todo fai
prever que nos últimos días no ano ou no arranque de 2026 a Praza de Galicia poida
quedar completamente transformada.
A humanización da Praza de Galicia afronta a peonalización dun dos enclaves máis
emblemáticos da Estrada, alí onde se cruzan os camiños que no seu día foron xénese
para o desenvolvemento urbanístico da vila. O goberno que encabeza Louzao someteu a
consulta cidadá o emprazamento do farol ornamental que bautiza, de xeito oficioso,
esta praza. Recollendo o sentir dos estradenses, o proxecto executarase conservando o
elemento, aínda que aproximándoo ao punto onde arrancará todo un longo paseo
peonil que, xa coa Praza de Galicia pechada ao tráfico, continuará por Calvo Sotelo e Ulla
ata chegar á Porta do Sol.
A obra suporá gañar para o peón unha céntrica superficie urbana duns 4.000 metros
cadrados. Coma se vén perfilando meses atrás, a actuación non queda só na Praza de
Galicia, senón que se expande cara os entronques coa malla urbana na que se asenta,
chegando así á praza onde conflúen as rúas 56 e San Paio -onde agora se localiza a
escultura da Rapa das Bestas-, á Rúa Marqués de la Vega de Armijo, Pérez Viondi ou Don
Nicolás.

Publicado en Portada | Deja un comentario

ARRANCA POLA ALAMEDA MUNICIPAL A LIMPEZA EN PROFUNDIDADE DUNHA BATERÍA DE PRAZAS E RÚAS NO CASCO ESTRADENSE

 A intención é que todos os traballos queden rematados en maio, para a
Festa do Salmón.

A alameda municipal da Estrada recibiu a primeira hora
desta mañá aos traballadores da firma Geseco, a quen o Concello adxudicou a limpeza
en profundidade dunha batería de prazas e rúas do casco urbano estradense, buscando
procurarlles un mantemento óptimo e mellorando a estética dunha vila que se busca
cada vez máis aberta ao goce e esparexemento dos cidadáns. A intención é que os
traballos poidan quedar concluídos para a celebración, no mes de maio, da Festa do
Salmón.
A actuación levarase a cabo estes días na zona pavimentada en formigón da alameda
municipal, unha ampla superficie que require o uso de maquinaria especializada para
retirar as adherencias, que son máis acusadas nas zonas de sombra.
Seguidamente, tamén se fará extensiva esta mellora á ampla Praza da Constitución, coa
mesma pavimentación que as prazas e paseos interiores dos xardíns municipais. De igual
xeito, a limpeza terá que chegar ás rúas San Antón, Serafín Pazo, Calvo Sotelo, Travesía
de Vea, Travesía da Igrexa, Cruceiro (Zona dos Viños), Peregrina, Pérez Viondi (no tramo
comprendido entre a Praza de Galicia e Avenida Benito Vigo), Don Nicolás, Iryda e Praza
do Mercado.

Publicado en Portada | Deja un comentario

INICIAN A DISTRIBUCIÓN DAS CARTILLAS PARA AS “SANTAS TAPAS”,PREVENDO SERVIR MÁIS DE 16.000 PINCHOS ENTRE O 16 E O 20 DE ABRIL

 Os consumidores de 18 a 25 anos poderán retirar dende mañá, na sede
da ACOE, os cartóns de Tapa Xove para que o Concello subvencione a
metade da primeira tapa que consuman en cada un dos 22
establecementos.
 Haberá dous grandes premios de 1.000 euros, un de Hostaleiros da
Estrada e outro da Asociación de Comerciantes.
 Os locais divídense en 4 rutas, con 12 que se decantan pola Tapa
Tradicional e outros 10 que servirán Tapa Innovación.

Catro rutas, 22 locais participantes e grandes premios en
xogo. Concello e Hostaleiros da Estrada presentaron este mediodía a cartelaría e as
tarxetas de participación para a duodécima edición das xornadas de degustación “Santas
Tapas”, un evento gastronómico que se desenvolverá entre o mércores 16 e o domingo
20 de abril. Este ano chegan coa novidade da estrea da Tapa Xove, na que os
consumidores de entre 18 e 25 anos abonarán a metade do importe na primeira tapa que
degusten en cada establecemento, de xeito que para eles o custe sexa de 1,5 euros. O
concello subvenciona a parte restante ata chegar ao prezo xeral das tapas, que será de 3
euros. A estimación que se baralla, atendendo á experiencia das edicións anteriores, é que
se distribúan arredor de 16.500 pinchos. Nos últimos anos a media foi de 750 distribuídos
por establecemento participante, con algúns deles superando amplamente o milleiro.
As persoas interesadas poderán retirar dende mañá, na sede da Asociación de Comerciantes
da Estrada (ACOE), a cartilla para a Santa Tapa Xove, que esixe a acreditación do
cumprimento do requisito de idade a través da presentación do Documento Nacional de
Identidade (DNI). As demais cartillas estarán tamén xa dende mañá a disposición do público
nos diferentes locais participantes. Os 22 establecementos divídense nas rutas Río Ulla, Río
Liñares, Río Deza e Río Umia, combinando propostas das dúas categorías deste ano: Tapa
Tradicional e Tapa Innovación.
Tamén os premios chegan con novidades. Aqueles que teñan na súa “folla de ruta” os selos
de todos os establecementos participantes e, polo tanto, teñan probado as 22 tapas

dispoñibles, poderán optar a dous grandes premios de 1.000 euros cada un. Un destes
premios chega proporcionado pola Asociación Hostaleiros da Estrada e outro pola ACOE.
Nos dous casos, polo menos 500 euros serán para consumir nos establecementos adheridos
a estes dous colectivos. A maiores, a organización reserva “moitos agasallos máis” para o
público participante.
Tamén os clientes premiarán ao hostaleiros. Será a través das súas votacións para elixir á
mellor tapa do certame. De igual xeito, votarase á mellor presentación, á mellor tapa
tradicional e á mellor tapa innovación.
Cómpre lembrar que todas as papeletas terán que quedar depositadas nas caixas
especificamente habilitadas nos establecementos participantes. Estes terán un horario
mínimo para ofrecer as Santas Tapas aos seus clientes: de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00
horas. Porén, queda a xuízo de cada establecemento ampliar este horario canto desexe.
Por categorías
Este ano os establecementos participantes nas “Santas Tapas” escollerán entre
suxestións tradicionais ou as propias da chamada cociña de fusión. Na primeira
modalidade inscríbense 12 establecementos, con outros 10 na segunda. Así, Na Ruta Río
Ulla, Scala, O Café de Xulia e Oasis decántanse polos pratos tradicionais, con tapas de
innovación en Eureka e O Mesón. Na Ruta Río Liñares as propostas están empatadas: O
Candil de Silvia, Velis e As Tres Portiñas ofrecen tapas de innovación, mentres que
Enredo, A Riala e 20 Berzas preferiron a cociña máis tradicional.
Na Ruta Río Deza, Bodeguiña, Malo Será e Central teñen tapa de tradición, con cociña de
innovación en Salvaxe e A Lacena de Chucha. Finalmente, na Ruta Río Umia, O Lar,
Lagoeiro e Florida compuxeron pratos de cociña tradicional, con propostas de
innovación en Andalucía, Resistencia e Samaná.

Publicado en Portada | Deja un comentario

AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE BALONMÁN DEBUTAN MAÑÁVENRES NUN TORNEO TRIANGULAR EN SANTIAGO

 

As escolas deportivas municipais de Balonmán da Estrada,
creadas este ano, debutarán mañá venres en Santiago coa súa participación nun torneo
triangular. De 18.30h a 21.30 horas, no pavillón Quiroga Palacios, terá lugar o primeiro
Torneo Triangular Infantil organizado polo BM Ribadosar.
Esta xornada de deporte e convivencia reunirá no pavillón do barrio santiagués de Conxo
xogadores e xogadoras das categorías de base do BM Ribadosar con deportistas que
iniciaron en setembro pasado a práctica do balonmán nas Escolas Deportivas Municipais
da Estrada e de Negreira, ambas atendidas por adestradores do clube compostelano.
A xornada de balonmán comeza ás 18:30h con dous encontros de exhibición entre
equipas das categorías benxamín e alevín conformadas tanto por deportistas
procedentes do BM Ribadosar como das Escolas Deportivas da Estrada e Negreira.
Despois destes dous partidos terá lugar o Torneo Triangular Infantil e o evento concluirá
con outro encontro de exhibición que enfrontará as equipas cadete e a xuvenil do BM
Ribadosar.

Publicado en Portada | Deja un comentario