O PSOE propón varias medidas para inxectar liquidez no tecido
produtivo da Estrada e para dinamizar o consumo no comercio local unha
vez se levanten as restricións ás actividades comerciais. Segundo López
Bueno, “a industria precisa liquidez para continuar coa súa actividade
normal, e cando o comercio retome o traballo, será necesario reforzar os
incentivos ao consumo no comercio local”. O voceiro tamén considera que
“o Concello da Estrada vai moi por detrás doutros nos que xa se aplican
medidas para resolver estes problemas. Pódese discutir sobre as iniciativas,
pero para iso debería haber propostas do Goberno”.
Os socialistas propoñen artellar un sistema de vales de compra para as
familias cuxo obxectivo é “mobilizar o consumo no comercio de
proximidade”. O voceiro socialista explica que “estes vales de compra serían
promovidos polo Concello, e o seu obxectivo sería mobilizar cando menos
500.000 euros de consumo nos comercios da Estrada”. Avanza que “débese
valorar o sistema de financiamento, se o Concello financiaría o 100 % do
custo ou unha parte menor. No caso de compartir financiamento, a
mobilización económica sería maior”. En calquera caso, López Bueno afirma
que “é unha medida con grande acollida polo comercio, e o sistema para
aplicalo non é descoñecido”.
López Bueno valora que “inxectar eses fondos no circuíto do comercio local
garante que os comercios terán actividade e alivia unha posible caída do
consumo. Ademais, os cartos continuarán circulando na Estrada unha vez
remate a aplicación da medida”.
O voceiro socialista advirte que “aplicalo dende o Concello pode ser
complicado, por iso cómpre estudar detidamente cal é o encaixe normativo
que respalde a iniciativa. En calquera caso, a proposta precisará de
informes técnicos, parécenos unha boa base sobre a que construír. Depende
da vontade política atopar unha fórmula para levar a cabo o espírito da
iniciativa”.
López Bueno indica que “os vales terían un sistema de liquidacións
periódicas para que a carga económica non caia sobre os comerciantes” e
fai fincapé en que “esta proposta está dirixida tanto aos comercios da vila
como do rural”. Explica que “ademais disto, débense buscar outras medidas
que axuden a aqueles negocios dentro da hostalaría e o turismo, cuxa
actividade previsiblemente estará máis restrinxida”.
Ademais os socialistas valoran que “haberá que buscar mecanismos para
priorizar o acceso das rendas máis baixas a eses vales de consumo” e
admite que “é complicado porque a carga administrativa debe ser asumible
polo persoal do Concello”.
O voceiro tamén afirma que “segundo temos falado co tecido empresarial,
existen problemas na velocidade de tramitación dos créditos ICO que están
solicitados”. Os socialistas propoñen que “se poña a capacidade económica
do Concello ao servizo das empresas, para que afronten con máis
tranquilidade os pagos de nóminas aos traballadores e aos provedores”. Os
socialistas propoñen “unha liña de anticipo dos créditos que estean
solicitados nunha porcentaxe do total”. Para López Bueno esta medida está
encamiñada a “resolver os problemas que sofren as empresas pola
tramitación desas soicitudes”.
O líder dos socialistas indica que “a liña de anticipo non suporía custo para o
Concello, se non que recuperaría o esforzo económico coa devolución
posterior” e que “debería acompañarse de medidas de promoción
económica no futuro”. Tamén indicou que “será necesario consultar
formalmente aos solicitantes de créditos ICO para valorar cantas empresas
se acollerían ao réxime de adianto, dese xeito garántese que a medida teña
acollida e pódese medir mellor que recursos son necesarios”.
Para a situación posterior ao confinamento e a súa posible repercusión nas
familias, os socialistas valoran que “é pronto para facer propostas porque
aínda descoñecemos cal será o impacto real sobre o emprego, e polo tanto
non se poden realizar propostas con garantías”.
O PSOE PROPÓN MOBILIZAR 500.000 € PARA O CONSUMO NO COMERCIO LOCAL
Os primeiros 22 test realizados en A Estrada resultan sen ningún positivo
O balance ata o momento no noso concello e bo tras 22 probas feitas esta mañá no centro de Atención Primaria de A Estrada con ningún Positivo.
Os test rápidos fan un descarte de que a poboación participante neste mostreo non teña defenfas da enfermidade. Ainda que e un bo dato para os estradenses tamén ten unha parte negativa e que os estradenses non están inmunizados a enfermidade.
As beirarrúas da Estrada serán de sentido único
Aprobado por unanimidade o Plan de Mobilidade Urbana Sostible da Estrada
No día de hoxe o alcalde estradense José López Campos mantivo unha reunión para poder aprobar o Plan de Mobilidade Urbano.
O Plan será unha extratexia para a mellora en xeral do noso concello.
Foi aorobado por unanimidade por todas as forzas políticas, Asociación Empresarios, Asociación de comerciantes é Asociación da Hostelería Estradense
Veciño solidario
O Concello de A Estrada dende a concellería de Deportes dirixida por Ismael Pena, como concello adherido a Plataforma Veciño Solidario, consiste en facer doazóns solidarias para veciños afectados polo Cov19.
Aquí deixamos as bases para quen poida é queira facer a súa doazón.
O BNG propón incentivos á hostalaría e casas de turismo rural con cargo ao orzamento da Festa do Salmón
A crise económica provocada polo Covid19 terá importantes repercusións en múltiples sectores do noso concello. A hostalaría e as casas de turismo rural serán sen dúbidas un dos grandes damnificados por esta crise, que mantén pechadas as súas portas en vésperas dos meses máis importantes para estes sectores no noso concello, maio, xuño e xullo, meses nos que se celebran a Festa do Salmón, as festas patronais e a Rapa das Bestas.
A día de hoxe a celebración a celebración da Festa do Salmón xa está cancelada polo concello, e falta por ver que pasa cos outros dous importantes eventos festivos e culturais do noso concello, que supoñían seguramente os ingresos máis importantes do ano para a hostalaría e as casas de turismo rural.
Por este motivo desde o BNG suxerimos ao goberno municipal do PP que, de acordo coa asociación de hostalaría, poña en marcha un plan de incentivos e de axudas directas a este sector, con cargo ao orzamento previsto para a Festa do Salmón e as festas patronais.
A crise sanitaria pasará, non tardaremos moitas semanas en superala, e desde o goberno municipal ten que ir trazando un plan para axudar aos distintos sectores económicos do noso concello. Desde o BNG xa trasladamos desde o principio de esta crise a nosa vontade de colaborar e axudar a superar esta crise, é por isto que a nosa concelleira, Susana Camba, trasladará esta proposta na vindeira reunión virtual co grupo de goberno municipal.
SABUCEDO NOVO ESPAZO DE ACOLLIDA DE DE GANDO EQUINO
Mediante resolución de data de 02/04/2020 emitida polo Servizo de Gandaria de Pontevedra pertencente á Consellería de Medio Rural procedeuse a estimar a solicitude de Inscricion no Rexistro Galego de Espazos de Acollida de Gando Equino presentada
pola ASOCIACION RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO. A partir desta data, o
citado espazo de acollida queda rexistrado no Rexistro Xeral de Explotacions Gandeiras de Galicia (REGA).
Esta iniciativa busca favorecer o benestar animal e evitar que os cabalos salvaxes que son capturados, ben por causar danos, ou ben por que se atopen nalgunha situación de desamparo, acaben sendo poxados e/ou sacrificados, proporcionándolles un hábitat onde poder vivir en liberdade, mais tamén con control sobre os mesmos. Este control será tamén de tipo veterinario de xeito que a Asociación procederá á elaboración e
implementación dun Programa hixiénico-sanitario básico.
Ainda atopándonos en pleno Estado de Alarma, e por consiguente estando todos os prazos administrativos paralizados, dende o Concello de Forcarei, o Servizo de Gandaría de Pontevedra, e A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, quixemos axilizar os trámites, para que precisamente ningún équido en Galicia poida estar en situación de desamparo nestes difíciles momentos.
Así todas as partes mantivemos conversas telefónicas durante estes dias co obxectivo de que por parte da Asociación se achegara, por vía electrónica e o mais axiña posible a documentación imprescindible, sobre todo a planimetría dos peches que mantén desbrozados a Asociación Rapa das Bestas. Tramitándose o presente expediente nun moi
curto prazo de tempo, xa que se iniciou o 6 de marzo e se concluiu como vimos o 4 de
abril.
Precisamente, unha das cuestións que mais positivamente valoraron os técnicos do
Servizo de Gandaría, foi que a Asociación posúa dúas zonas de 80 e 70 hectáreas
pechadas, desbrozadas, e abastecidas de auga, que son infraestructuras óptimas para
formar parte deste tipo de Espazos de Acollida, e onde poderán morar os animais que proveñan das zonas mais achegadas a Sabucedo de xeito que non volten aos territorios onde causaron danos ou quedaron desamparados. Hai que lembrar que estes zonas pechadas se realizaron con medios propios Asociación da Rapa das Bestas e co esforzo de moitos veciños de Sabucedo.
Tamén dende a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo agradecemos a predisposición da alcaldesa de Forcarei, dona Verónica Pichel, xa que foi impulsora deste Espazo de Acollida, mostrándose moi satisfeita polo resultado final da tramitación. Dende a Asociación tamén queremos mostrar a nosa gratitude co Servizo de Gandaría da
Provincia de Pontevedra e co Concello de Forcarei por teren confiado en nós para este tipo de iniciativas.











































