CITAN NA ESTRADA AOS PROPIETARIOS DE 216 PARCELAS QUE SERÁNEXPROPIADAS PARA AMPLIAR A AUTOVÍA AG-59 ATA O ROLLO

 O Concello ten todo preparado para a instalación no Teatro Principal da
unidade técnica que atenderá os afectados, entre o luns e o xoves.
 De luns a mércores a atención será de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00. O
xoves o servizo só estará operativo pola mañá.
 Os propietarios teñen que acudir acompañados da documentación que
acredite a súa identidade persoal e a titularidade sobre os bens
afectados.

A Xunta de Galicia realizará dende o vindeiro luns o
levantamento de actas previas á ocupación das 216 parcelas que é preciso expropiar
para a construción do novo tramo da autovía AG-59 (unirá A Estrada con Santiago)
dende Pontevea ata O Rollo, na parroquia estradense de Santa Cristina de Vea. O
Concello ten todo preparado para acoller á unidade técnica que se instalará a próxima
semana no Teatro Principal para atender aos afectados.
Os convocados recibiron xa a correspondente comunicación. Terán que presentarse
dende o luns 24 de marzo ata o xoves 27, con diferentes horarios. Luns, martes e
mércores haberá atención de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00. O xoves 27 o
servizo funcionará só en horario de mañá, de 09.00 a 14.00.
Os propietarios destas 216 parcelas -hai menos particulares citados, tendo en conta que
algún dos afectados é titular de varias fincas- terán que acceder ao Teatro Principal pola
porta lateral. Tal e como se lles indica na carta que recibiron, deben presentarse coa
documentación que os identifique e tamén con aquela que identifique e acredite a súa
titularidade sobre as parcelas que van ser expropiadas. Deste xeito, ao acto deberán
acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa
debidamente autorizada para actuar no seu nome, que achegarán os documentos
acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade, así como
certificado de conta con códigos IBAN e BIC, a fin de realizar os sucesivos pagos que
sexan procedentes mediante transferencia bancaria.

En todo caso, a edil estradense de Urbanismo, Amalia Goldar, sinalou hoxe que aquelas
persoas que, aínda sen recibiren a carta correspondente nos seus domicilios, entenden
que son afectadas neste trámite de expropiacións poden achegarse ata o Teatro
Principal, acompañados da documentación acreditativa correspondente, para resolver
dúbidas ou formular aos técnicos as cuestións que consideren oportunasA relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario
correspondente están expostos no Concello de A Estrada e no Servizo Provincial da
Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra. Pode consultarse todo o referente a
este procedemento expropiatorio tamén en liña, na web da consellería
(https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0364.xml) ou no
seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250227/AnuncioG0181-180225-
0001_gl.html
A prolongación da AG-59 terá 4 quilómetros de lonxitude e permitirá reducir o tempo de
viaxe entre A Estrada e Santiago de Compostela a tan só 10 minutos, contribuíndo tamén
á mellora da seguridade viaria

Publicado en Portada | Deja un comentario

Xa abonda de políticas cara para a galería dí o Bng Estradense

Xoán Reices: «é unha indecencia gastar 140.000 euros en xardíns, cando hai máis de 30 familias en lista de agarda do servizo de axuda no fogar»

O goberno municipal da Estrada anunciou a semana pasada o gasto de fondos da Deputación por valor de 140.000 euros para diversas zonas axardinadas do noso concello. Unha parte deste gasto adicarase a un photo-call na alameda, cunhas letras grandes co nome do concello, alumeado con letras led.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, «é unha indecencia gastar 140.000 euros en xardíns, cando hai máis de 30 familias en lista de agarda do servizo de axuda no fogar; son máis de 30 persoas dependentes que precisan dun servizo que o concello non lle dá, por que ‘disque’, non hai cartos».

«Mais se isto é grave», explica Reices, «tamén o é que o concello ten a monte centos de quilómetros de viais municipais, desde o BNG denunciamos por exemplo o estado dos acceso a Requián ou no Souto de Vea, cuxos remendos duran dous telexornais».

«Pídolle ao alcalde», indica o concelleiro do BNG, «que adique os seus esforzos a cuestión máis importantes para o día a día dos veciños e veciñas da Estrada; xa abonda de políticas cara para a galería, mentres ten as necesidades vitais da veciñanza abandonada».

Publicado en Portada | Deja un comentario

OS JOHN DEERES PRESENTAN ESTE SÁBADO NO TEATRO PRINCIPAL OSEU ÚLTIMO DISCO, “O CÍRCULO DAS FORMIGAS”

 A cabalo entre o hard rock e o sinfónico con achegamentos ao
progresivo, “O círculo das formigas” é un disco conceptual.
 O concerto, programado para as 20.30 horas, contará coa achega de
videocreacións en directo a cargo de Miriam Rodríguez.
 O estradense Berto Cardona asumiu a parte de deseño gráfico.
 Preséntase como un retrato emocional do illamento do individuo na
sociedade actual.

Estreouse nun formato íntimo do que puideron gozar
algúns convidados e agora chega a oportunidade para o público en xeral, tamén na súa
casa matriz, A Estrada. Os John Deeres ofrecen este sábado no Teatro Principal un
concerto para presentar o seu último traballo discográfico, “O círculo das formigas”, un
álbum que supón unha notable evolución en canto aos conceptos e aos sons que
manexaba a banda estradense nos seus anteriores traballos. As entradas están xa á
venda no departamento municipal de Cultura, cun custe de 5 euros. O concerto
arrancará ás 20.30 horas.
A cabalo entre o hard rock e o sinfónico con achegamentos ao progresivo, “O círculo das
formigas” é un disco conceptual. O grupo explica que o álbum está dividido en dúas
partes, “Pulso” e “Inercia”, con catro movementos cada unha, de xeito que mesmo se
poderían escoitar como dous traballos distintos.
Unha das novidades das que poderá desfrutar o público do Principal vén da man da
achega de videocreacións en directo a cargo de Miriam Rodríguez, tamén creadora dos
videoclips que acompañan este traballo. A parte gráfica é da autoría do estradense Berto
Cardona, que se encargou do deseño e propuxo as dúas partes do disco a xeito de ying e
yang na portada e contraportada.

O cuarto disco de Os John Deers foi gravado entre os estudos Planta Sónica (Vigo),
Garaxeland (Santiago de Compostela) e o da propia banda. Preséntase como un retrato
emocional do illamento do individuo na sociedade actual.
No tocante ao son, aínda que nin as guitarras nin as claves do hard rock perden
protagonismo, Os John Deeres engaden agora sintetizadores que aportan un son máis
sinfónico e un certo lirismo. A nivel de sonoridade, o cambio máis evidente é que este é
o primeiro disco no que o grupo conta compón, produce e publica coa vocalista Vanessa
García. “A pesar de seren unha voz totalmente distinta ás que tiñamos nos anteriores
discos, Vanessa ten unha maneira de compoñer e de cantar que se adaptou moi ben á
idea que tiñamos para este traballo”, sinalan.
O título
En canto ao título do disco, a banda explica que o nome vén dun movemento que
executan as formigas guerreiras, cegas, cando se van seguindo unhas ás outras nas súas
expedicións. Cando unha formiga se perde, acaban seguido o seu propio rastro e
formando unha espiral á que se suman cada vez máis exemplares, xirando en círculo ata
que morren. “Recordounos ao modo de vida actual, que nos leva nunha espiral de
traballo e consumo acrítico da que é moi difícil saír. Isto inspirounos o título co que
bautizamos un disco conceptual que trata do illamento da multitude, da perda de
identidade”, sinalan

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO AXUDA ÁS ASOCIACIÓNS A XESTIONAR MEDIO CENTO DESUBVENCIÓNS PARA MELLORAR LOCAIS SOCIAIS NO RURAL

 A meirande parte dos colectivos demandan a axuda que concede a
Deputación de Pontevedra, aspirando a unha achega de 10.000 euros.
 Canalizan unha ducia de solicitudes ante a Xunta de Galicia, que
aporta ata 12.000 euros por proxecto.
 O maior número de instancias correspóndense con obras de reforma dos
locais, ás que se suman peticións para equipamento.

O Concello da Estrada púxose novamente ao servizo
das distintas asociacións de veciños e mulleres rurais do municipio para prestarlles
asesoramento e acompañalas no proceso de solicitude das axudas que promoven a
Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para a execución de obras de reforma e
equipamento nos seus locais sociais, emprazados en distintos puntos do amplo rural
estradense. Deste xeito, nesta nova convocatoria xestionáronse e presentáronse preto
de medio cento de solicitudes de axuda para continuar mellorando as infraestruturas
coas que contan os veciños nas diferentes parroquias.
O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, explicou que a meirande parte das asociacións
achegáronse ao Concello para recibir orientación ou pedir que a administración lles
prestase axuda na presentación do proxecto para optar a estas subvencións. O rexedor
quixo agradecer publicamente a implicación amosada pola área técnica de Urbanismo e
tamén pola de Emprego para a configuración das correspondentes memorias de
actuación e para a tramitación das axudas, tanto ante a institución provincial como
perante a administración autonómica. Houbo tamén algún colectivo que recibiu
asesoramento , aínda que despois formalizou pola súa conta a solicitude.
O traballo foi moi intenso nas últimas semanas. Porén, ao remate do prazo aberto para
cursar as solicitudes de subvención -pechouse este luns- dende o Concello tíñanse
xestionadas preto de 40 ante a Deputación de Pontevedra. Apostaron por esta vía
asociacións de veciños e mulleres rurais de Cereixo, Sato André de Vea, Santa Mariña de
Barcala, San Xurxo de Vea, Lamas, Frades, San Miguel de Barcala, Matalobos, San Xiao de
Vea, Baloira, Santeles, Moreira, Liripio, Paradela, dúas asociacións de Callobre, Tabeirós,
Nigoi, Ribeira, A Somoza, San Miguel de Castro, Guimarei, San Pedro de Ancorados,
Santa Cristina de Vea, Remesar, Loimil, Orazo, Pardemarín, Arca, Parada, Ribela,
Vinseiro, Arnois, Toedo, Agar, Berres, Ouzande ou San Pedro de Ancorados.
No tocante ás solicitudes das axudas da Xunta, presentáronse proxectos de actuación
para Santo Tomé de Ancorados, Frades, San Xurxo de Vea, Tabeirós, Cereixo, Rubín,
Pardemarín, San Xiao de Vea, Paradela, Arca e Santa Mariña de Barcala.
Obra e equipamento
A meirande parte das asociacións piden nesta convocatoria axudas para obras nos seus
locais sociais, se ben tamén figura un importante número de solicitudes centradas no
equipamento das instalacións existentes, coa intención de incorporar mobiliario ou
electrodomésticos, entre outros. Cómpre lembrar que as entidades veciñais non poden
optar ás subvencións destas dúas administracións para un mesmo proxecto, pero si é
posible que cursen solicitudes de intervención que se complementen.
Na listaxe de subvencións xestionadas figuran parroquias da Estrada dende as que se
canalizan dúas peticións para o arranxo e acondicionamento de locais, como pode ser o
caso de Callobre ou San Pedro de Ancorados. Non obstante, no se trata dos mesmos
inmobles, senón que son casos nos que na mesma parroquia existen espazos diferentes
utilizados por asociacións veciñais e mulleres rurais.
Gonzalo Louzao puxo o acento na pretensión do goberno de que o Concello da Estrada
poida volver liderar a petición de axudas e, en consecuencia, o investimento da
Deputación de Pontevedra para mellorar infraestruturas de uso social nas parroquias,
tal e como aconteceu na pasada convocatoria. A institución provincial resolveu
favorablemente en 2024 a concesión de 30 subvencións, sendo A Estrada o concello que
máis axudas xestionou entre todos os de Pontevedra. A subvención maioritaria facilitada
situouse nos 10.000 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Rueda reivindica o compromiso e “espírito de servizo” dos milleiros de voluntarios de Protección Civil que traballan por toda Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), sita na Estrada, acompañado polo alcalde Estradense Gozalo Louzao para facer entrega de novos equipos e dotación material a 87 concellos con agrupacións de voluntarios de Protección Civil procedentes de concellos de toda Galicia. “Imos seguir cubrindo as necesidades e renovando o material destas agrupacións”, indicou.

Durante a súa intervención, na que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Rueda reivindicou o papel destes voluntarios como piar do modelo de emerxencias de Galicia. “Cómpre destacar o traballo e o espírito de servizo dos milleiros de voluntarios que dedican o seu tempo libre a botar unha man aos demais”, salientou Rueda.

Os equipos entregados ás asociacións inclúen conxuntos de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias; material loxístico de seguridade viaria; remolques para as situacións de risco; e tendas de campaña, todo por unha contía próxima aos 417.000 euros, co-financiado polos fondos Feder-Galicia 2021-2027.

En total, dende 2015 destináronse por parte da Xunta de Galicia algo máis de 15 millóns de euros en equipamento a asociacións de voluntarios para apoiar o seu labor de protección e prevención, especialmente nos concellos con menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos. 

Neste senso, o xefe do Executivo galego subliñou o compromiso da Xunta cos servizos de protección e emerxencias de Galicia, centrado sobre todo en tres eidos: a financiación de custos de funcionamento, a formación do voluntariado e a dotación material e de equipamento. Rueda amosou o seu orgullo polo labor das agrupacións galegas e asegurou que se atopan entre as que contan con mellores equipos e material de toda España.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO REHABILITARÁ DÚAS ANTIGAS VIVENDAS ESCOLARESNA PARROQUIA DE CORA PARA DESTINALAS A EMERXENCIA SOCIAL

 A reforma e equipamento ten asociado un investimento de 72.000 euros,
aportados cunha axuda da Dirección Xeral de Inclusión Social.
 As obras teñen un prazo de execución de seis meses e concentraranse
nas antigas vivendas de mestres existentes no piso superior da casa
escola desta parroquia estradense.
 O goberno compartiu o proxecto previamente coa veciñanza e o alcalde
visitou estes días as instalacións que se acondicionarán para como
residencia temporal para persoas que precisan un fogar
 Servizos Sociais traballa nun regulamento de emerxencia social, no que
incluirá as condicións de uso destas dúas vivendas

O Concello da Estrada rehabilitará e acondicionará
dúas antigas vivendas escolares na parroquia de Cora para facer delas un recurso
residencial para situacións de emerxencia social. O goberno local apostou por este
proxecto e decidiu presentalo á orde de axudas da Dirección Xeral de Inclusión Social,
dependente da Consellería de Política Social e Igualdade.
O alcalde, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, visitaron as
dúas vivendas situadas na antiga casa escola de Cora sobre as que se proxecta actuar.
Fixérono acompañados polo pedáneo desta parroquia, Iván Lorenzo, e a tamén edil
Anxos Pais. A visita realizouse despois de teren compartido a iniciativa cos veciños, con
moi boa acollida.
O Concello da Estrada é titular de varias edificacións situadas no rural que fai décadas
estiveron vencelladas ao ensino, todos eles inmobles que tiveron como gran cometido
facilitar o acceso á educación para moitos nenos e nenas do amplo rural estradense. A
meirande parte destas edificacións posúe dúas plantas e están distribuídas e dous locais
na planta baixa, cos seus respectivos aseos, e dúas vivendas no piso superior, no seu día

para seren utilizadas polos mestres. A día de hoxe, se ben os locais situados na planta
baixa se empregan como local social, as vivendas adoitan estar en desuso e, moitas
veces, nun estado de abandono.
O Concello advertiu a oportunidade de aproveitar as axudas que a Xunta, a través do
referido departamento autonómico, concede para a rehabilitación ou equipamento de
edificacións en vivendas dos concellos de Galicia destinadas a atención a persoas sen
fogar para o período 2024-2025, no marco do Plan de recuperación, transformación e
resiliencia, financiado pola Unión Europea.
Na visita realizada esta semana, os dirixentes locais comprobaron sobre o terreo a
capacidade de transformación que terán as obras programadas, tendo en conta que as
vivendas situadas na planta alta da antiga casa escola de Cora se atopan en mal estado,
sendo preciso o acondicionamento interior, a substitución das ventás e o equipamento
dos espazos existentes para a súa utilización como vivenda.
O orzamento que leva parello este proxecto de dúas vivendas para emerxencia social
sitúase en torno aos 72.000 euros, con una previsión de 38.840 euros para a obra e
20.661 para o equipamento, cifras ás que habería que engadir o IVE. O prazo de
execución é de 6 meses.
As obras
O proxecto de obras configurado dende o Concello da Estrada contempla a retirada das
deterioradas instalacións existentes, caso das carpintarías ou os equipamentos actuais.
Demoleranse alicatados e solados e instalaranse outros novos nos baños e cociñas,
xunto coa pavimentación, en plaqueta cerámica, para toda a superficie das vivendas.
Farase un saneado de paramentos e teitos interiores mediante lixado, imprimación e
pintado. Substituiranse as carpintarías exteriores e dotarase ao inmoble de nova
instalación eléctrica e de fontanería
Xa no tocante ao equipamento, instalaranse mobles de cociña nas dúas vivendas, cos
seus correspondentes electrodomésticos. Ou dous inmobles contarán cunha mesa e
catro cadeiras, así como armarios en dormitorios. Instalaranse en ambas estufa de
pellets de 12 Kw.
O alcalde e a responsable de Servizos Sociais explicaron que o Concello traballa agora, a
través do citado departamento, nun novo regulamento para a emerxencia social, un
paraugas baixo o que tamén operarán estas dúas vivendas de Cora. Trátase de regular os
usos para que este tipo de inmobles se convertan nun afectivo recurso habitacional
pensado para un período de tempo concreto. É dicir, son vivendas que serían ocupadas
para axudar a persoas a dispor dun teito nun momento no que atravesan una situación
de emerxencia social, sen que sexa esta una solución residencial con vocación de
carácter permanente.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO LOGRA, POR VEZ PRIMEIRA, A ROZA DO 100% DAS PISTASFORESTAIS DO MUNICIPIO, CON MÁIS DE 2.000 QUILÓMETROS LIMPOS

 Os traballos realízanse en pistas forestais e da concentración parcelaria,
todas elas baixo a titularidade da administración local.
 As brigadas desenvolven estas actuacións entre os meses de outubro e
marzo, continuando de seguido polos núcleos e pistas asfaltadas (de
abril a setembro)
 Estes días rematarase o traballo nas sete parroquias que faltan para
completar o programa: San Xiao, Orazo, Santo André, Frades, Paradela
e Ribeira

O Concello da Estrada logrará este ano, por vez
primeira, chegar á roza do 100% das pistas forestais do municipio, un traballo que se vén
desenvolvendo dende o pasado mes de outubro e que supón a limpeza de máis de 2.000
quilómetros de rede viaria, boa parte dela comunicacións resultantes dos procesos de
concentración parcelaria. A actuación enmárcase na aposta decidida do goberno local
de asegurar o correcto mantemento de infraestruturas rurais, que dan servizo a un
elevadísimo número de veciños do municipio.
Cómpre aclarar que a limpeza de pistas forestais é un traballo que as brigadas municipais
afrontan entre os meses de outubro e marzo, continuando despois coas tarefas de roza
e limpeza en vías asfaltadas de titularidade municipal e centrando esforzos nos núcleos
rurais. Arestora, os equipos traballan a pleno rendemento para completar a primeira
destas dúas fases.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, fixo hoxe balance das parroquias nas que xa se
deron por rematadas as accións de acondicionamento das pistas forestais e das de
concentracións parcelarias. É o caso de Matalobos, Toedo, Santeles, Santo Tomé e San
Pedro de Ancorados, Agar, Berres, Liripio, Ribela, Arca, Codeseda, Souto, Parada,
Vinseiro, Santa Mariña e San Miguel de Barcala, Olives, Pardemarín, Curantes, Cereixo,
Lagartóns, Rubín, Couso, Lamas, A Somoza, Ouzande, Cora, Callobre, Remesar, Oca,

Arnois, Riobó, Santa Cristina de Vea, Moreira, San Miguel de Castro, Tabeirós, Nigoi e
Baloira. A recta final destas tarefas concéntrase agora en San Xiao de Vea, Orazo, Loimil,
Santo André de Vea, Frades, Pradela e Ribeira.
“Con isto completariamos o 100% das pistas forestais e de concentración”, subliñou o
xefe do executivo local, que considerou que esta limpeza resulta de gran interese para
profundar no propósito de que as infraestruturas rurais gocen de boas condicións,
sumando ao control da maleza os programas de asfaltados e melloras do pavimento das
que dará conta o goberno proximamente.
O alcalde puxo o acento en que, unha vez rematada a actuación nestas pistas municipais,
as brigadas emprenden a roza e limpeza nos núcleos rurais e estradas asfaltadas de rede
estradense. Neste senso, lembrou que o ano pasado o Concello programou esta
demandada actuación a dúas voltas, de xeito que todas as parroquias acolleron estes
traballos nunha dobre pasada. A aposta mantense neste 2025, calendarizando as
intervencións en función do calendario festivo de cada parroquia, tal e como acostuman
a demandar os veciños. Deste xeito, os traballos arrancarán en abril pola parroquia de
Barbude (celebra o San Lázaro) e rematarán en Arnois, preparando a parroquia para as
festas da Paderna.

Publicado en Portada | Deja un comentario